É verdade que aí diante, á nosa vista, nas cousas feitas polo noso Deus, na natureza, no mundo, no universo, no interior de nós mesmos percibimos ou, polo menos, albiscamos este gran poder de Deus. Mais trátase sempre dun poder que non forza, que non asoballa, que é paciente, humilde, sinxelo, inocente, diáfano e aberto coma o poder dun neno. É a marca de fábrica do seu autor, que se comporta nas cousas que El fai como o que el é, un verdadeiro “Pai-Nai”. Por iso, cando este Deus apareza ou se amose no mundo, entre nós, para dicirnos cómo é El, veremos para a nosa sorpresa diante de nós, un neno, o neno de Belén. E entre xente sinxela, pobre e humilde pasará logo este que fora neno inocente toda a súa vida. É dicir, ó lado dos que non teñen poder ningún, coma un máis deles.
Non. Non digo que ese Deus que se nos mostra en Xesús non ten poder ningún. Seguimos a ter aí diante o retrato vivo (“Quen me ve a min, ve ó Pai”) dese Deus Pai “omnipotente” no que dicimos crer. Mais ese poder infinito do Deus Pai “omnipotente” é o poder de alguén que creou tamén esa marabilla da nosa liberdade que nos constitúe intimamente a todos e cada un de nós. E as liberdades non se poden tratar a golpe de poder puro e duro, a golpe de violencia.
Hai agora case trescentos anos que un gran galego, o frade bieito Martiño Sarmiento (nado, ó que parece, nesta provincia de Pontevedra a menos dunha hora de viaxe en coche desde aquí) lle escribía nunha carta a un irmán seu de hábito (nado en Burgos) esta bonita frase: “a liberdade da persoa é unha cousa tan delicada que incluso Deus (séxame lícito dicir isto) a trata e manexa con pinzas”.
E digo eu agora: Por que tales delicadezas de Deus con nós? Pois simplemente porque a marabilla da nosa liberdade procede de alguén que é absoluta liberdade e amor, alguén que creou todo e nos creou a todos nós libremente por amor. Ese amor, do que dicía moi belamente o poeta italiano Dante ó final da súa “Divina Comedia” que é aquilo que “move o sol e as demais estrelas”.
Como fillo único dese Deus Pai, que é totalmente Liberdade e Amor, Xesús ten nisto naturalmente as ideas moi claras. Son conceptos e comportamentos que semella que desgraciadamente están tardando demasiado en se instalar nas nosas sociedades. Porque hai xente á que lle gusta moito o poder. Un poder que non está ó servizo dos demais, senón daqueles mesmos que teñen e exercen ese poder deturpado.
Pois ben, o evanxeo de hoxe está suficientemente ben aquelado con algo do que vos acabo de comentar. Vexámolo brevemente. Dous dos mellor situados, para dicilo dalgunha maneira, no grupo dos apóstolos, Santiago e mais Xoán, van intentar blindar definitivamente o seu status pedíndolle a Xesús sentar, cando el –como se nos di- estea xa “na súa gloria”, un á súa dereita e o outro á súa esquerda. Son estes claramente, como podedes doadamente ver, signos de autoridade e de poder. Santiago e mais Xoán maxinaban daquela aínda que Xesús iría por aí, como iría- segundo eles pensaban- calquera que fose consciente da súa valía e importancia.
De tódalas maneiras, convén engadir aquí que a mentalidade de Santiago e Xoán non parece que fose exclusiva só deles. Porque o feito de que os outros apóstolos se anoxasen con eles, ó oírlles tal petición a Xesús, semella dar a entender que os outros tiñan tamén medo de non figurar algo así como ministros ou conselleiros nese presunto futuro reino ou “gloria” de Xesús.
A lección que lles dá a todos Xesús é tan importante e programática que debería figurar con letras de ouro na nosa intelixencia e no noso corazón e, sobre todo, na nosa práctica vital continua. Especialmente axeitada ademais para uns tempos coma os actuais nos que estamos en maior ou menor medida inmersos nalgún tipo de reflexión para a elección dos nosos diversos representantes políticos. Lémbrovos as palabras de Xesús: “Xa sabedes que os xefes dos pobos os tiranizan e que os poderosos os asoballan. Pero entre vós non pode ser así. Nin moito menos. Quen queira ser importante, que sirva a outros, e quen queira ser o primeiro, que sexa o máis servizal. Que o Fillo do Home non veu a que o sirvan, senón a servir e a entregar a súa vida en rescate por todos”.
Como cristiáns deberiamos influír, na parte que nos toca, en que os que nos rexen ou mandan non sexan como eses dos que fala Xesús, que “tiranizaban” ou “asoballaban” co seu “poder”. En calquera caso, coma formento que fai levedar toda a masa para se converter así en pan quente e mol, o comportamento de servizo e entrega ós demais debería ser distintivo e sinal característico da nosa correcta relación con ese Xesús que hai tantos anos xa que formulou e practicou ditos e feitos tan fermosos e conmovedores.
Como hoxe é ademais o “Domingo Mundial das Misións”, deberiámoslle pedir tamén ó Señor que suscite entre nós persoas que teñan como lema das súas vidas ó servizo ós demais, persoas que saiban ofrecer con humildade a tódalas xentes e culturas a mensaxe liberadora, sandadora de Xesús.
Porque Xesús veu onda nós e vive entre nós polo seu Espírito, non para se quedar pechado nos lindeiros dos que oficialmente nos consideramos “cristiáns”, senón para se constituír en vida e felicidade para cantos o buscan, aínda sen sabelo, en calquera parte do mundo, “sexan –tal como dicía o Pai Seixas- de calquera raza ou relixión que sexan”.
Pois se Xesús criticaba no texto comentado os xefes políticos dos pobos en canto “tiranos” ou “asoballadores”, igualmente o tería que facer con aqueles xefes relixiosos, grandes ou pequenos, que intentasen forzar da maneira que fose as persoas a se facer membros dunha relixión determinada.
Redutos opresores e asoballantes coma eses terían que abrir de par en par as súas ventás para que por elas entrase o Espírito, é dicir, ese aire fresquiño, libre e servizal de Xesús que tanta falta lle fai ó mundo.
*domingo, 18 outubro 2015