“Un home é un home polo seu esprito. Un pobo é pobo tamén polo seu esprito e o esprito dun pobo é o seu idioma.
Dun xeito semellante ao home, un pobo tamén ten unha vida e esta somente a pode desenvolver pola fe no seu propio ser, no seu propio esprito.
Hoxe, ‘Día das Letras Galegas’, cómpre afirmar fortemente a fe no noso idioma como a maneira máis eficaz de afirmar a fe nos nosos destinos.
E esta afirmación de fe no noso idioma é, ademais dunha obrigación de orde natural, unha maneira de atopar a Cristo dun xeito máis íntimo e sinxelo.
Se unha meirande parte de nós pensamos en galego, se todos nos sentimos en galego, por que non se nos dá nas nosas eirexas en galego a palabra de Deus?
Non sería deste xeito a nosa fe en Xesús máis íntima, non sería a nosa fe en Xesús máis sentida, non creriamos nel máis vividamente ao atopalo ‘máis galego’, máis acarón de nós?
Ao afirmar hoxe a nosa fe en Cristo, os cristiáns galegos afirmamos tamén a fe no noso idioma coma un camiño aptísimo pra chegar a El.”.
Só quero engadir finalmente que cando Seixas escribía estas liñas non estaba aínda aprobado o uso do galego na liturxia. Acontecemento tan singular só ocorrería o 7 de xaneiro de 1969. Moitos foron os que con Seixas loitaron de diversas maneiras polo chegada dun día así. Graciñas a todos eles!.
*[Publicado no “Faro de Vigo” o venres 15 de maio de 2015, páx. 57]