Pois ben, con este Xesús visíbel, audíbel e tanxíbel estiveron en contacto directo os seus apóstolos. Por iso son eles para nós as verdadeiras testemuñas de Xesús. Mais os que viñemos ó mundo despois deles temos tamén a posibilidade de relacionármonos dunha maneira especial con Xesús, e a través del e nel co Pai e co Espírito Santo. Esta é a fonda mensaxe da festa de hoxe, a do Corpo e Sangue de Cristo. Porque na nosa Eucaristía entramos en contacto especialísimo con Deus. E isto ocorre de dúas maneiras fundamentais:
A primeira é ó escoitarmos comunitariamente a palabra de Deus. Ben sabemos o ben que nos fai a todos cando alguén nos dirixe a palabra. E tamén como nos doe cando alguén coñecido pasa ó noso lado sen dicirnos ren. Medramos e fortalecémonos internamente coa palabra e cos agarimos dos demais. Lembro que unha vez aquí en Vigo camiñaban algo diante de min pola beirarrúa un matrimonio que levaba consigo unha nena pequeniña. Pasaron ó lado dun mendigo que tiña moita barba e que estaba sentado na beirarrúa, sen lle faceren moito caso, mais a nena reviraba a cabeciña cara atrás, cara ó mendigo, e non paraba de saudalo coa manciña e co seu sorriso. O mendigo reloucaba de alegría ó ver que ela o ollaba e saudaba con agarimo.
Pois ben, coa súa palabra amorosa, o Deus que tamén se fixo neno en Xesús para aprendernos a como nos comportar, diríxenos a súa palabra de xeitos moi diversos. A través da nosa propia conciencia, dos bos exemplos dos demais, mais tamén e de maneira especial e directa a través da súa palabra que se nos fai presente nos evanxeos. Neste senso, a palabra de Deus é para nós verdadeira comida. Porque nos dá azos, porque nos ofrece un sentido para a vida, porque nos capacita así para podermos vivir realmente.
A segunda maneira de entrarmos en contacto con Deus é por medio da comuñón eucarística, despois de escoitarmos pouco antes as lecturas da Sagrada Escritura. Cando facemos iso, sabemos que non realizamos un rito baleiro. Pola palabra de Deus, na que cremos, sabemos que na comuñón do “corpo de Cristo” recibimos un forte impulso vital, dador de vida. Xesús definiuse a si mesmo moitas veces como “Vida”: “En son o camiño, a verdade e A VIDA”. “Eu son o pan VIVO”. “Se alguén come deste pan, VIVIRÁ para sempre”. “O pan que eu darei é ... para a VIDA do mundo”. “Quen come a miña carne e bebe o meu sangue, TEN VIDA ETERNA E EU RESUCITAREINO no derradeiro día”. “Quen come este pan VIVIRÁ para sempre”.
Esta festividade de hoxe ten que ser, pois, para nós unha nova ocasión de agradecermos a Deus pola súa xenerosidade infinita, fornecedora de vida. Un Deus que se deixa comer por nós para que así poidamos participar da súa forza e da súa vida.
En calquera caso, Deus quere que vivan todos, quere que participen da vida cantos se senten ameazados por necesidades materiais ou espirituais. Por iso esta festa eucarística ha ser sempre unha festa non só íntima ou devota, senón tamén e sobre todo comunitaria e social. Para que así como Deus nos ofrece e nos dá a súa vida a cada un de nós, así tamén deamos nós polo menos algo da nosa vida, do que somos ou temos, ós demais. Con esa acción non perdemos nada, senón que polo contrario gañamos e medramos moito na propia vida.
O evanxeo da festividade de hoxe refire os acontecementos da derradeira Cea do Señor, cando Xesús lles di ós Apóstolos: “Isto é o meu corpo”, “Isto é o meu sangue”. Aquí tedes diante vosa tódolos días en imaxes de pedra o fermoso conxunto escultórico da “derradeira Cea”. Hai preto de corenta anos que se colocou aquí, no ano 1976, oito anos despois de ter sido inaugurada a igrexa. Chamamos a esta igrexa a “igrexa dos Apóstolos” por esta imaxe dos Apóstolos. Está ben, mais o escultor que realizou a obra, Xoán Piñeiro, falaba sempre desta creación artística súa como “A Cea” ou “A Derradeira Cea”. As imaxes esculpiunas el en pedra de granito que se trouxo dun monte da Pedrosa (Mañufe): houbo que baixar as pedras de alí e levalas ó estudo que tiña el en Goián. Despois trasladáronse ata aquí e colocáronse no paramento de pedra deste presbiterio. Ó final a xente de entón quedou entusiasmada e eufórica coa obra ben feita. Supoño que a vós tamén vos gusta. Hai entendidos que pensan incluso que esta é a grande obra de Xoán Piñeiro.
E como estamos no ano centenario do nacemento do Padre Seixas e el estaba aquí cando se colocou esta imaxe de pedra, que a el lle gustaba moito polo seu recendo a evanxeo, porque presentaba a Xesús como amigo e compañeiro de pescadores e de pecadores, léovos o que un xornalista escribía hai xa algúns anos sobre esta eucaristía de pedra, sobre Piñeiro e sobre o P. Seixas:
“Lembro, coma se fose hoxe, cunha emoción que aínda é capaz de humedecer os ollos, unha das homilías daquel entrañábel ser, o Pai Seixas, cando a obra de Piñeiro acababa de ser colocada na igrexa [esta] e a defensa que fixo dela, porque ós ollos dalgúns eclesiásticos e segrares xerara reparos [...] En pedras e en madeiras ía deixando Piñeiro a pegada da súa capacidade creadora, e ó seu nome de pía engadíronlle o alcume de ‘fai santos’. E apóstolos e santos fixo sobre a pedra, tomando como modelos xentes das mariñeiras terras do Morrazo, algo que confesou e escandalizou a máis dun, esquecéndose estes de que pescadores de almas, para un Reino que non é deste mundo, quería que fosen os participantes na Cea”.
A festividade do “Corpo e do Sangue de Cristo” é, pois, a grande e viva lembranza sobre ata onde pode chegar o amor de Deus na súa entrega agarimosa a todos nós co fin de nos comunicar a súa vida.
* Domingo, 7 de xuño 2015