Pois ben, na parte baixa do miliario e con letras ben grandes pra que se poidan ler doadamente sen darmos grandes saltos pódese ler, se non lembro mal, o seguinte: VIVERE IN PULCHRAM CIVITATEM. Se por arte de maxia aparecese por alí nestes días algún falante en latín dos tempos antigos ficaría ben desconcertado. Aínda que cada unha das palabras son, si, latinas, laiaríase con razón de que a súa pulcra lingua fose tratada nesa frase de maneira tan pouco digna. Nela, efectivamente, vénse dicir, máis ou menos, algo tan inintelixíbel coma isto: vivir a unha fermosa cidade. Como calquera coñecedor do latín, por pouco iniciado que estea nesa lingua, ben sabe, se o que se pretende dicir é que “vivimos nunha fermosa cidade”, entón no esvelto miliario tería que lerse: “vivimus in pulchra civitate”. Se, en troques, só se quere eternizar unha simple sentencia xeral e abstracta, a de “vivir nunha fermosa cidade”, sen máis engadidos que a concreten, entón abondaría con retirarlles os emes finais ás palabras “pulchram” e “civitatem”. Mais tampouco me cabe dúbida algunha de que cargarlle nos ombreiros a todo un miliario unha frase tan baleira e xenérica coma esa non tería xustificación.
En fin, esperamos que os doutos responsábeis da mensaxe insculpida con vocación de eternidade no novo miliario sexan quen de deixarnos ben arranxada a súa faciana, unha vez pasadas xa as présas inaugurais da rematada campaña electoral.
[Publicado en “Galicia Dixital”, Opinión, mércores 3 de xuño de 2015]
Estraño latín dun miliario vigués
[Publicado en “La Voz de Galicia”, venres, 5 de xuño do 2015, p. 19]