Por iso non parece moi evanxélico ou cristián esa especie de sentimento de saudade ou morriña ante a Ascensión de Xesús ós ceos, tal como se expresaba, por exemplo, Frei Luis de León no seu famoso poema, que, traducido ó galego, comeza así: “E deixas, Pastor Santo, / a túa xente no val fondo, escuro, / en soidade e mais pranto, / e vas rompendo o puro / ar, que conduce ó teu porto seguro?”. Pois a vinda, o “descenso” do Espírito Santo onda nós libéranos máis ben de toda morriña, enche plenamente calquera posíbel ou imaxinábel baleiro do Deus que se nos manifestou en Xesús. Porque o Espírito Santo vén sendo algo así como a presenza de Deus entre nós máis alá do tempo histórico en que Xesús estivo entre nós.
Precisamente por iso, é dicir, grazas á vinda do Espírito Santo, enviado onda nós por Xesús e polo Pai, podía dicir Xesús, a pesar da súa marcha, a pesar da súa “Ascensión”, que el, Xesús, “estará sempre connosco ata a fin do mundo”. Se Xesús é a imaxe, o retrato vivo de Deus Pai, o Espírito Santo é pola súa parte a presenza viva e actuante de Xesús, ascendido ós ceos, en tódalas persoas de boa vontade do mundo enteiro deica a fin dos tempos.
Nos Feitos dos Apóstolos, o Espírito de Deus énos presentado, na súa vinda onda nós, como “un ruído dun forte golpe de vento” que o enche todo e como “linguas de lume” que se pousan sobre cada un dos presentes. Ocorre aquí unha transformación fonda dos apóstolos, que os fai sentirse a si mesmos como “cheos do Espírito Santo”. De tal maneira que son capaces de dárense a entender por cantos os escoitan. Dísenos alí que todos os comprendían perfectamente, coma se falasen na súa propia lingua, sendo así que de feito os que os escoitaban eran de moi diferentes linguas e nacións.
E a propósito de linguas e nacións, cando nesta nosa igrexa dos Apóstolos se celebrou hai agora algo máis de 46 anos a primeira misa oficial en galego, no domingo 12 de xaneiro de 1969, podemos dicir hoxe que o Espírito Santo traballou tamén entón á maneira dun “forte golpe de vento” que destruíu prevencións, atrancos e inxustizas históricas que impedían que a liturxia e o anuncio do evanxeo puidesen ser expresados por fin na nosa vella e fermosa lingua propia.
Pois ben, tanto nos comezos do espallamento da boa nova de Xesús coma nos tempos de hoxe e de mañá o que nos fai moita falla a todos é ese “enchérmonos do Espírito Santo”, tal como ocorreu no primeiro Pentecoste. Ese sentirmos en nós a presenza viva do Espírito Santo, que nos dá vigor e azos para anunciarmos a mensaxe de Xesús con liberdade, alegría e agradecemento. Coas palabras, mais aínda mellor cos feitos, porque, á fin de contas, as palabras sen os feitos nin teñen sentido nin capacidade de convicción.
¿De qué falaban os apóstolos, transformados en si mesmos pola presenza neles do Espírito Santo? Dinnos os Feitos dos Apóstolos que “das grandezas de Deus”. Eles sentían en si mesmos o “grande” que era ese Deus que se nos dera a si mesmo no seu Fillo Xesús e que agora se facía presente coa forza e o poder transformador do Espírito.
Por iso é hoxe, sobre todo, un día no que deberiamos repetir, no interior de cada un de nós e ó longo de toda esta eucaristía, aquela petición que a “Secuencia” formula deste xeito: “Ven, Espírito divino..., Ven, hóspede desexado... Entra ata o fondo da alma, divina luz, e enriquécenos... Ven, Espírito Santo, enche o corazón dos teus fieis...”
Teriamos que concienciarnos de que este Deus que se nos comunica no Espírito Santo e que está na mesma orixe da igrexa é un Deus impetuoso, forte, como é forte un vento impetuoso capaz de derrubar rexos carballos ou castiñeiros. Un Deus libre e que ama a liberdade. Un Deus que se comunica e que se fai comprender en calquera lingua e cultura. Un Deus que non se ata a límites, prescricións ou ritos concretos. Porque a súa grandeza (esa grandeza da que falaban os apóstolos ós alí presentes) é unha grandeza divina.
Sobre esta festa de Pentecoste lin nalgún sitio o seguinte co que concordo: “Na Igrexa somos moi pouco devotos do Espírito Santo. Sen embargo, só no Espírito somos os cristiáns capaces das cousas que no noso falar e no noso obrar nos distinguen como cristiáns. Sen o Espírito nin seriamos adoradores do Pai, nin seguidores de Xesús, nin servidores dos pobres. Non seriamos nada”.
Pois ben, para convertérmonos, tal como deberiamos, en fervorosos devotos deste Espírito de Deus, mergullándonos nel e concienciándonos así da súa presenza agarimosa en nós, pidámoslle a el mesmo que nos mande a súa luz, utilizando as palabras do comezo da “Secuencia” deste día: “Ven, Espírito divino, manda a túa luz do ceo”.
*Domingo, 24 de maio 2015