Que ben, que concienciado está este sistema que ten un día para cada causa reivindicable e para algunha que outra estupidez (por exemplo, o chamado singles-day).
Polo tanto, o vindeiro venres 25 de novembro moita xente encherase á boca con bos desexos e palabras, moitas palabras. Son consciente, e teño constancia porque estou preto de xente así, que moita desta xente faino de boa fe. Namentres, millóns de mulleres en todo o mundo seguirán sendo explotadas, humilladas, maltratadas e insultadas, polo sinxelo feito de ser femias. O colmo, é que moitos deses e desas que van encher a súa boca de demagoxia bensonante, terían o poder se tivesen a vontade, de cambiar un pouco as cousas, de emprender a senda cara un futuro no que non fagan falta estes "días de expiación".
Pero non caerá esa breva, este sistema precisa tanto destes "problemas" como de vender que están á procura da solución.
Un sistema capitalista, baseado en que o máis rico sempre esmaga ao máis pobre, en que o máis forte expolia e elimina ao máis feble, pensades que de verdade ten a vontade de eliminar estas espantosas realidades?
Tan só substituindo este arcaico sistema de educación baseado no modelo prusiano, por un que fomentara dende a infancia a igualdade e uns valores de respecto cara a todos os seres vivos, suporia un paso moi grande para solucionar este e outros problemas, polo menos en occidente. Mais o sistema quere man de obra para o seu engrenaxe, o demais non importa, son danos colaterais.
Non me gustan este tipo de días porque son unha persoa pragmática que ano tras ano ve pasar estas xornadas, pero non ve nin melloras nin datos que alenten ao optimismo. Ogallá isto cambie algún día.