Avaliando o documento desde a filosofía dos dereitos humanos e os principios de Verdade, Xustiza, Reparación e Garantías de Non Repetición, pódense extraer as seguintes consideracións polas cales se pide que se teña en conta o devandito recurso a hora de mellorar e dotar de contido a declaración de lugar da memoria democrática:
1. O dereito á Verdade e a ocultación da axencia cidadá
O dereito á verdade non só implica o esclarecemento dos crimes do pasado, senón tamén o recoñecemento de quen loitou por desenterrar esa memoria. No expediente, o Acordo de incoación afirma taxativamente que "se incoa de oficio el procedimiento de declaración".
Esta redacción supón un borrado institucional inaceptable desde a perspectiva do recurso de Vagalumes. Omitir que o procedemento foi impulsado a instancia de parte (mediante a solicitude rexistrada o 16 de xullo de 2024 e reiterada en xullo de 2025) expropia á sociedade civil e á Iniciativa Galega pola Memoria do seu traballo sostido durante décadas. O Estado aprópiase do mérito da declaración, invisibilizando a loita cívica que obrigou ás institucións a actuar, o cal constitúe unha negación da verdade histórica recente.
2. O dereito á Reparación e a falacia dos "usos compatibles"
A reparación moral das vítimas exixe que os lugares onde padeceron un sufrimento extremo sexan tratados co máximo respecto e dignidade. Con todo, a Proposta de Resolución consolida unha grave fenda neste principio ao establecer no apartado de usos compatibles que "la declaración como Lugar de Memoria Democrática no altera el uso actual".
Esta decisión vén avalada pola aceptación das alegacións da Xunta de Galicia, que no expediente defende que as actividades culturais, formativas e deportivas actuais xa están garantidas e que "no procede limitar o censurar dichas actividades". Desde a filosofía da reparación, o mantemento do "uso actual" é unha labazada ás vítimas. Equiparar a xestión mercantilista e de lecer lúdico (concertos, festas, actividades turísticas descontextualizadas) coa dignidade dun espazo que foi un campo de concentración supón unha grave banalización do mal. A reparación esixe a prohibición expresa de calquera uso que frivolice o recinto, algo que o expediente elude para non confrontar coa administración autonómica concesionaria.
3. Garantías de Non Repetición: a debilidade do enfoque pedagóxico
Para que un lugar de memoria sirva como garantía de non repetición, debe ter un forte compoñente pedagóxico e de reflexión ética, algo que o expediente recoñece na teoría pero non asegura na práctica.
É certo que o expediente incorpora informes moi valiosos. O informe da Universidade de Santiago de Compostela advirte claramente que "la actual gestión del enclave está centrada fundamentalmente en usos turísticos y recreativos, sin que se haya realizado una labor de resignificación consistente" e subliña a necesidade dun marco interpretativo para a transmisión do coñecemento histórico. Igualmente, o Consello da Cultura Galega salienta a necesidade de lembrar a represión, a solidariedade e a lenta recuperación da memoria.
Con todo, o Estado ignora a advertencia principal dos seus propios informes académicos. Ao non impor un Plan de Usos estrito, fundamentado na divulgación didáctica e nos valores cívicos e éticos, a resolución limítase a unha protección de mínimos (paneis ou recursos dixitais), deixando a porta aberta a que a memoria das vítimas sexa un simple decorado ou unha nota a pé de páxina dentro dun parque temático ou "Illa do Pensamento".
Conclusión Desde a perspectiva dos dereitos humanos, o expediente administrativo lexitima un modelo de "memoria de baixa intensidade". Cumpre co trámite burocrático de incluír a San Simón no Inventario Estatal, pero claudica ante as presións institucionais para non alterar o status quo do seu uso comercial e lúdico. O recurso da Asociación Cultural Vagalumes é, por tanto, unha ferramenta xurídica e ética imprescindible para esixir que as políticas públicas de memoria non se limiten a declaracións baleiras, senón que transformen estruturalmente o espazo para poñelo ao servizo exclusivo da verdade, a dignidade das vítimas e a educación democrática das xeracións futuras.
Feed RSS
