Calros Solla
Autorización.- Por la Delegación de Industria se autorizó a don David Otero Gómez, de Codesás-Forcarey, para instalar una línea eléctrica que arranca de las proximidades de Cerdedo y termina en Meilide, instalando un transformador en este último lugar.
O transformador de Portocelos reducía a tensión do fluído eléctrico, acomodándoo ao consumo doméstico. A enerxía xerábase nun salto de auga que os irmáns Otero, industriais forcareieses, construíran no curso alto do Lérez. Os Otero explotaron o encoro hidroeléctrico (Central Eléctrica de Sotelo de Montes) como concesionarios de Fenosa.
Hoxe, malia que foncho e “desacralizado”, o transformador de bloque pardento aínda permanece incólume, camuflado na fraga avesía. Esconxurando a negrura dos “anos da fame”, a luz eléctrica acadou os fogares da parroquia cerdedesa recén inaugurada a década dos 50.
Amais da subministración da aldea de Meilide, a luz distribuíase, pau a pau, polas aldeas de Carballás, Barro, Arén, Cavenca e A Revolta. Ao tempo, outro transformador, o das Brañas (no monte de Lourido), permitiu que a electricidade chegase ás aldeas de Lourido, Biduído, Chamadoira e San Bernabé. Alancando o río do Seixo, o tendido atinxiu tamén o casarío do remoto Abelaíndo.
Cando se fixo a luz na aldea de Meilide, miña nai –nonaxenaria– aínda non cumprira os vinte anos. Miña avoa, cativada pola novidade, ordenou dotar a casa das Raposeiras cunha ducia de lámpadas (bombillas). Ben distribuídas, aquelas incandescencias embotelladas iluminarían tanto o interior coma o exterior da vivenda.
O progreso non foi en balde nin de balde. Levar a luz á casa de cadaquén supuña un importante desembolso. Consultados os usuarios doutrora, no libro Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral (2002, páx. 95), escribín: “Aquel que quixese desfrutar dos beneficios da nova enerxía víase na obriga de comprar e chantar os paus de “baixa”, erguer o pescante e introducir a pipa (cóbado porcelánico) na parede, colocar o contador, solventar a instalación interior e dispor, a maiores, de sete mil pesetas –que xa eran cartos– para achegar o tendido...”.
No interior da casa das Raposeiras conectáronse sete lámpadas: unha en cada cuarto (no cuarto grande, no cuarto do balcón, no cuarto do cabo e no cuarto de respecto) e, metidos en gastos: no corredor, na cociña e na corte –que pensarían as vacas vendo raiar aquel solciño por tras a montaña de estrume?
No exterior da casa, conectáronse cinco lámpadas: unha, no corredor da eira (axiña luciron dúas); outra baixo o tanque da auga, outra na porta do curral e outra no balcón de cara á valiña.
Dentro e fóra, alumaban lámpadas de 20 watt; despois, puxéronse de 40 W. A potencia das lámpadas era pouca, pois, consonte miña nai, “a idea era telas acendidas cando fixesen falta; non as ter de adorno”.
Hai anos, remexendo nas gabetas dun desusado aparador, atopei o envoltorio dunha lámpada marca “Iria”. Inaugurada en 1929, Iria S.A. foi unha industria padronesa dedicada á fabricación de lámpadas eléctricas. Fundada por Estanislao Pérez Artime (Tanis de la Riva), o complexo fabril instalouse na localidade de Iria Flavia, perto da estación do ferrocarril de Padrón. A pesar da competencia feroz mantida con outras empresas de material eléctrico do Estado, “Lámparas Iria” foi quen de facerse un oco no mercado galego, mellorando notabelmente os seus resultados co estalido da Guerra Civil. Cara a 1950 a empresa enfrontou a súa decadencia (Tanis de la Riva falecera en 1945). Iria S.A. segue existindo na actualidade, secasí, en estado de inactividade.
Xaora, no verán do ano 51 obrouse o milagre na casa das Raposeiras. Enroscadas as lámpadas en cadanseu portalámpadas, miña avoa agardou que escurecese e activou todas as chaves. Aquela prodixiosa alborada fixo máis curtas as noites máis curtas, e máis longos os días máis longos. Coas luces acesas, nai e filla botaron porta fóra e baixaron polo camiño do Souto até as Cañoteiras (a uns 200 m de distancia), para contemplar con aglaio e satisfacción como a súa casiña esmuxicaba na longa noite de pedra.
Meu avó de Abelaíndo –xa viúvo– non quedou atrás. O 31 de xullo de 1951 aboou o primeiro recibo expedido pola Eléctrica de Sotelo de Montes. “Total pesetas: 10’92”. O celo que o meu devanceiro puxo na orde e conservación do papelorio permíteme hoxe falar con coñecemento de causa. Na “Póliza de abono para suministro de energía eléctrica” asinada por meu avó, figura que a tarifa contratada para a casa sita no Quinteiro de Acolá era de 6 kW ao mes. De maio a outubro o prezo do kW era de 1’40 ptas.; de novembro a abril, de 1’15 ptas. No recibo indicábase que o importe bruto (prezo por consumo: 8’40 ptas.) se vía incrementado cos impostos “del Tesoro” y “Municipal”, amais do “Paro obrero 10%”. Asinaba ou cuñaba o escrito o empresario Davide Otero.
Na casa do Gheiteiro, a instalación activaría sete lámpadas, cun consumo total de 140 watt (dedúcese, sete lámpadas de 20 W cada unha). Dous anos despois, o avó Xosé xa pagaba de luz 16’35 pesetas.
A casa do avó Xosé, hogano deshabitada, aínda conserva aquel circuíto eléctrico primitivo: o pescante, a pipa, interruptores con mecanismo rotativo e, atinxindo as distintas estancias, cables paralelos espidos, sostidos e afastados por illadores de porcelana. Como me explicou un vello informante nunha ocasión: “A luz ten que chegar ao seu destino polos carrís, coma o tren; se non, descarrila”.
Naquel tempo, acreditar que a electricidade –incolora, inodora e insabora– discorría polos fíos até prender nuns candís carentes de aceite ou carburo esixía unha dose de fe comparábel a admitir que o san Bertolameu era avogoso do raio. Neste asunto, recoméndase crer sen meter os dedos na chaga. “No tocar, peligro de muerte”.