Arredor de 2000 alegacións presentadas rexeitando a Liña de Alta Tensión de 17 km que pretende atravesar o sur do Concello de Forcarei
Un medio alemán descobre que a Comisión Europea ignorou avaliacións negativas do proxecto “Mina Doade” , o de Covas do Barroso e o Romano en Portugal, entre outros.
A oposición está clara, o concello de Forcarei ten un censo actualizado no 2025 segundo datos do INE de 3.067 veciñas e veciños, o número de alegacións entregadas foi de arredor de 2.000.
Así que, a empresa francesa Engie, actual promotora do PE As Penizas (Castrelo, Forcarei) que pretende construir esta Liña Aérea de Alta Tensión, para evacuar a enerxía producida no citado polígono eólico debe recapacitar, coller as maletas, e marchar para non volver. Lembramos que o PE As Penizas foi vendido por Greenalia, aos poucos días de conseguir a autorización administrativa da Xunta, á compañía francesa, que agora se atopa cun proxecto xudicializado e paralizado cautelarmente polo TSXG. Fixeron unha mala compra.
O proxecto afecta aos 3 concellos da Terra de Montes, aínda que a maioría do trazado da Liña de Alta Tensión discorre polo sur de Forcarei, dende Castrelo a Pardesoa, encaixada entre as aldeas da zona, con distancias francamente preocupantes (por exemplo: A Murada (Castrelo): 120 m; Acevedo (Millerada): 75 m; ou San Marcos (Pardesoa): 100 m.
Por outro lado, vénse de coñecer a nova gritante (despois da fitración destapada polo medio alemán Table Media), de que a Comisión Europea ignorou avaliacións negativas de expertos independentes de varios proxectos candidatos a ser estratéxicos, entre eles o “Mina Doade”, supostamente por presións dos gobernos onde se pretendían localizar. Agora que a Declaración de Impacto Ambiental do proxecto debe estar a caír, esperemos que a quen lle corresponda da Xunta asinala non teña tamén as mans manchadas.
Tanto a Asociación Alarma na Terra de Montes, como SOS Suido-Seixo, ambas, organizacións veciñais firmes na defensa e conservación da identidade comarcal e do territorio aseveran que “seguiremos na loita, man a man, porque temos a razón, e o tempo será testemuña diso” e advirten “goberne quen goberne, faremos que os concellos defendan con uñas e dentes o que é de todas, porque somos o presente, e conservaremos o futuro”.
Alarma de Terra de Montes
Feed RSS
