A mitoloxía do monte do Seixo e o proxecto de preservación e divulgación do seu patrimonio material e inmaterial agromaron en Cerdedo hai 25 anos
Calros Solla
En decembro de 2005, tras non poucas visitas guiadas e co gallo da publicación do libro Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo, a prensa local nos dedicaba os seguintes titulares: “Os míticos vixías do monte Seixo” (FdV), “A montaña máxica de Cerdedo” (LVdG), “Patria de lenda: Máis alá do monte Seixo” (DdP)... A feliz iniciativa acadaba, en apenas tres anos, a súa consolidación. Lemos, por exemplo, no prestixioso blog “Arqueotoponimia” (outubro, 2021): O Alén mítico déunolo a coñecer a descuberta de Calros Solla, que fai anos recobrou a memoria colectiva da famosa Portalén, nome poético que lle deu á Porta do Outro Mundo (A Porteliña-Barcia do Seixo, A Lama) na súa obra ‘Almanaque de encantos’ (2005).
Advertidos polo que dixen e publiquei, ao longo de máis de dúas décadas, milleiros e milleiros de visitantes ascenderon a montaña sagrada do Seixo, fotografaron Portalén ou fotografáronse ao seu carón, propagando xa de palabra, xa naquela incipiente Internet a boa nova da súa descuberta e dos seus atributos rituais. Dixo Cunqueiro que moito lle satisfacía botar lendas a roular, que antes ou despois volvían a el por boca doutra xente. Asegúrolles que moito me chista ter xerado un cativador relato lendario que, a cada pouco, chega a min, como proveniente dun remoto pasado.
Afirmei xacando que, se me cadrase vivir hai un século, coñecida a noticia de Portalén e evidenciando o seu éxito, a Igrexa axiña se ocuparía de cristianizar o lugar –inescusábel, o peto das esmolas–. Aínda están a tempo, pois non cabe dúbida que, a canda os itinerarios xacobeos –que inzan coma ferrán–, a pagá peregrinación a Portalén tamén gaña adeptos (ou devotos) día tras día. O Concello de Cerdedo ben puido tirar proveito do chope, pero os seus estrategas, sobrados de fachenda e faltosos de enxeño, nin deron nin dan para máis.
Así e todo, considero necesario lembrar de cando en cando que o que hoxe se ten por herdanza inmaterial da comunidade, foi en orixe un ruxerruxe, o froito dunha providencial pescuda etnográfica que, principiada a finais dos anos noventa, me levou a recoller na contorna non só a toponimia do Seixo e do Cando, senón a identificación naquela cimeira dunha trintena de estacións mitolóxicas –pedras con lenda– da man dos meus selleiros informantes (deles teño soidades), oriúndos dos concellos de Cerdedo, Forcarei, A Lama e Cotobade. Entre elas, xaora, Portalén.
Tampouco está de máis recordar que o resultado das miñas investigacións deu para dúas monografías –editadas e felizmente reeditadas–: Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica (2007, 2021) e Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas (2008, 2021, 2024 –en castelán– e 2025). Amais: innúmeros artigos en xornais, webs e revistas especializadas, charlas e presentacións por toda a xeografía do país (v.g.: o III Congreso Internacional sobre a Cultura Celta, Narón, 2011) e, en paralelo, incontábeis roteiros guiados (Roteiro da Montaña Máxica: máis de 5.000 participantes), soadas celebracións (XXXIX Romaxe de Irimia, 2016: 2.000 persoas congregadas no alto Seixo)..., cos que, boca-orella, no pasar do tempo e dende aquel venturoso Nadal de 2002, se deu xerado o fenómeno cultural coñecido por “monte do Seixo”, “Montaña Máxica”, “Portalén” etc.
Portalén e a súa regazada lendaria, transcrita por vez primeira no Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo (1ª ed., 2005), ten sido causa inspiradora para a creación, por exemplo, de pezas musicais de estilo variado (v.g.: a composición “Alén” de Eduardo Soutullo, coa que o músico conseguiu o Premio Aeos en 2019), de fotografías, pinturas, ensaios, reportaxes de prensa e TV, documentais e incluso novelas de distinta pelaxe. Houbo quen se apurou en localizar por aí adiante outras “Portalén”, a ver se batía coa trabe de ouro; decatándose de que non abonda con atopar unha pedra feituca, senón que cómpre adobiala belamente e porfiar na súa promoción. O nome de Portalén nomeou, á súa vez, eventos, asociacións culturais, proxectos empresariais... Algúns destes fascinados usuarios honráronme coa cortesía da cita; outros, “esqueceron” o que é de obriga. Deuse o caso dun novelisto de aquí ao lado que, dezaoito anos despois de dármola a coñecer, cacarexou oufano na prensa que recén el descubrira Portalén enfuscada no neboeiro. Con tal de gañar un peso na feira, hainos dispostos a facer o ridículo. Aínda por riba, a súa artimaña atraeu a Portalén a magufada.
Enorgullézome do éxito alleo e de que moitos viñesen botar as redes ao meu caladoiro, pois corrobora a valía e oportunidade deste labor de recolla e transmisión. Pola contra, non oculto que me provoca fastío testemuñar como, escudándose na impostura, degorados polos minutos de gloria, se atropelan individuos afanados en porfillar a criatura e, asemade, matar o pai, aplicando aquilo do “quítate ti, que me poño eu”. Portalén, amais de soleira do Outro Mundo, tense convertido en espello da conciencia de cadaquén. Retratados quedan para a posteridade.
Magóame presenciar como os que van de sabidos repiten coma loros o que a súa cabeza lles dá a entender, sen tan sequera consultar, en prol da fidelidade, as fontes xenuínas ao seu dispor –quen alumeou o manancial aínda está vivo–, nin respectar a memoria de quen mo transmitiu. Reitérolle á audiencia que as denominacións “Montaña Máxica”, “Portalén” ou “Porta do Alén” son creación literaria, plasmada nos meus libros co obxectivo de enxalzar a sabenza popular que a min se me confiou. Aqueles que empregan tales denominacións sen citar a orixe cometeron e cometen un uso indebido e vergoñoso da propiedade intelectual. Como dixen, fican retratados.
Naquel Roteiro Sarmiento celebrado en Cerdedo en decembro de 2002, os concorrentes oíron por vez primeira o chamadeiro Portalén a carón dos nomes das outras vinte e nove estacións míticas do Seixo. Co apoio dos milleiros de persoas convocadas en Cerdedo polas asociacións Verbo Xido, primeiro, e Capitán Gosende, despois (2002-2025); coa axuda dos medios de difusión ao alcance, das publicacións e das charlas –todo de balde e sen aceptar subsidio de administración ningunha–, a eufonía e singular feitura de Portalén callaron no maxín do pobo, forxando un símbolo, erixindo o sanctasanctórum do Seixo, un santuario montesío e pagán de nova creación. O Proxecto Montaña Máxica (léase: Faro de Vigo, 20-4-2007: “Una montaña mágica en Cerdedo”) converteuse da nada en polo inescusábel de atracción cultural, superando calquera outra iniciativa desenvolvida por particulares ou institucións no territorio cerdedés –salvante o Campo das Laudas.
Incomódame oír xente da comarca falando de Portalén, do Marco do Vento, da Cruz do Seixo, do milladoiro de Onde Morreu o Home..., exhibindo a súa ignorancia e silenciando sistematicamente o traballo desinteresado de quen llelo puxo en bandexa. Incomódame que lles neguen o pan e o sal aos veciños de Cerdedo, Forcarei e A Lama que gardaban na memoria as lendas que enfeitan o Seixo e Portalén: Manuela de Barro, Arxentina de Carballás, Clarita de Meilide, Xosé da Fonte, Manuel de Ratel, Vinicio da Cavadosa etc. etc.
Os inventores da pólvora fan festa con xofre alleo, pois nada habería hoxe de que gabarse se non fose por estes xenerosos informantes –ningún outro na comarca– e, permítaseme a inmodestia, por quen mostrou interese en escoitalos e en difundir o celme dos seus coñecementos.
A mitoloxía do monte do Seixo é un artefacto etnográfico-literario resultado da creación e da recreación popular, xa que humildemente me inclúo na cadea de transmisión do noso acervo. Este labor entregouse á comunidade de xeito absolutamente desinteresado.
Dito exercicio de recollida, escolma e sementeira tiña e ten un obxectivo: librar o monte do Seixo e Cando da chatarra eólica, promovida pola mesma ideoloxía que hogano pretende asoballar Galiza. O Proxecto Montaña Máxica, que botou a andar en 2002, propuña unha alternativa ecolóxica, identitaria, íntima e persoal: a palabra como arma incruenta, enarborada para enfrontar e paliar a desfeita física e moral perpetrada na montaña do Seixo. Como vaticinei daquela, deseguido o mal se estendeu a outras montañas da nosa xeografía. Cando, hai máis de dúas décadas, lle dei comezo á miña campaña de concienciación, sentinme coma predicador no deserto.
A divulgación dos seres míticos de Cerdedo, os amuletos e talismáns (LVdG, 5-5-2006), o panteón do Seixo (Portalén, o Marco do Vento, a Santa Mariña, a Moura trinitaria, o Castro Grande...) naceron en Cerdedo naquel Nadal de 2002. Moito galbán se ten aproveitado da lodada.
Porén, seguimos estando por quí, e no tocante á Montaña Máxica, mandaremos calar a quen faga falla. Hoxe como hai vinte e cinco anos, salvemos o Seixo e o país enteiro da invasión eólica, da megaminaría, das celulosas... e dos que, servíndose dos logros do voluntariado, degoxan meter o seu con día. Citar honra; citar é de lei. De ben nacidos e ser agradecidos.