A décimo segunda lauda do memorial das Raposeiras dedicaráselles ao mestre de Limeres Manuel Sueiro Iglesias e ao músico de Cerdedo Manuel García Beiro
Calros Solla
A escultura laudatoria, como as precedentes, encomendóuselle ao destro, xeneroso e inspirado canteiro Marcos Escudero, vuxa de arghinas.
A décimo segunda lauda –dun proxecto de vinte e dúas– fíxose realidade grazas ao acordo de cooperación entre os colectivos Capitán Gosende (Terra de Montes) e Vaipolorío (Pontevedra). Entre nós, abonda coa palabra. O colectivo Capitán Gosende colaborou meses atrás nas tarefas de catalogación do patrimonio inmobiliario de natureza etnográfica do río dos Gafos. O resultado do traballo recolleuse no libro Auga mol en pedra dura (Ed. Morgante, 2023), máis de 600 páxinas nas que non só se fai inventario do tesouro fluvial, senón tamén, gabanza do colectivo irmán Vaipolorío, artífices dun ininterrompido labor de 23 anos en prol da salvagarda e divulgación dos valores deste río pontevedrés.
Lauda XII: Manuel Sueiro Iglesias
Manuel Sueiro Iglesias naceu na aldea de Limeres (parroquia de Cerdedo) no ano 1890. Con apenas 15 anos e escasa instrución, traslada a súa residencia a Ourense para traballar de aprendiz de carpinteiro no obradoiro de Pedro Vidal, oriúndo de Carballedo (Cotobade). Lembremos que aínda será en 1918 cando o seu veciño Antonio Sueiro Cadavide (eran dun tempo) funde en Limeres a pioneira Sociedade Recreo e Instrución. Nesta aldea, a primeira escola pública data de 1925. Antonio Sueiro Cadavide presidirá a alcaldía de Cerdedo durante o Bienio Reformista da II República.
Manuel Sueiro axiña demostrou a súa valía tanto no eido profesional coma no sindical. As ansias de saber propiciaron que dese compaxinado 60 horas de traballo semanal coa asistencia a clases de de noite.
Con 20 anos feitos, Manuel Sueiro casa con Carme Martínez Padrón. O matrimonio traerá ao mundo catro fillos, entre eles, os tamén mestres republicanos Xosé (1918-2010) e Pacita Sueiro Martínez (†2004) (Léase: “Maestros con historia”, LVG, 27-3-2007; e Arneiros, J.: “José Sueiro Martínez, maestro republicano”, Faro de Vigo, 7-7-2019). O seu fillo Francisco morre na batalla do Ebro en 1938.
En palabras do propio Xosé Sueiro: “Traballando e estudando día e noite, meu pai terminou Maxisterio en 1916 e seguiu preparándose ata converterse nun extraordinario profesor de Matemáticas e Física”. Por alusións, nas eleccións de 1979, Xosé Sueiro Martínez foi o primeiro candidato á alcaldía de Ourense polo PSOE. Nomeado tenente de alcalde, Pepe Sueiro entregaría a acta de concelleiro cinco meses despois, “por considerar ‘indigno’ que persoas con outro oficio cobrasen por exercer o seu traballo de edís” (Faro de Vigo, 6-6-2010).
O pedagogo Xosé Manuel Cid Fernández, ao respecto do ideario do mestre Manuel Sueiro Iglesias, escribe: Na mesma zona sur da cidade [Ourense], na rúa da Liberdade, abriu don Manuel Sueiro a súa escola laica a principios dos anos vinte [...]. O propio nome non pode ser máis aséptico: “Academia General”. Certamente tivo unha concorrencia numerosa e plural, gañando, ao pouco tempo, o respecto e admiración de boa parte da sociedade ourensá.
Don Manuel estaba nas listas negras, pola súa militancia radical-socialista [...] e o seu pasado sindicalista no gremio dos carpinteiros, mais diante da sociedade presentaba calidade e resultados educativos, ademais dunha alta categoría moral e persoal.
Formaba parte desa xeración intelectual que formulaba unha nova concepción da ética e da moral. Fronte ao autoritarismo, o medo e o servilismo presentaban unha nova concepción da autoridade, do respecto e das relacións interpersoais, baseada na confianza na persoa, especialmente nas novas xeracións. Cid Fernández resume: a forza da autoridade fronte á autoridade da forza. (en, Memoria da escola. Cultura material e testemuños da nosa historia educativa contemporánea, Xerais, 2006, páxs. 131 e ss).
O 17 de agosto de 1922 o xornal ourensán La Región insire o primeiro anuncio publicitario da “Academia General”, centro educativo dirixido polo mestre Manuel Sueiro Iglesias. A praxe educativa da Academia Sueiro inspirábase na Istitución Libre de Enseñanza.
No tocante ao compromiso político e social do mestre Sueiro, o xornal La Zarpa do 9 de novembro de 1933 publica o seguinte anuncio electoral: “Partido Republicano Radical Socialista. Candidatura para dipùtados a Cortes: Alfonso Pazos Cid, Manuel Sueiro Iglesias, Eligio Núñez Muñoz”.
O 5 de xaneiro de 1935, La Región faise eco dun comunicado do Goberno Civil: Manuel Sueiro Iglesias, director del Colegio Sueiro, había enviado 50 pesetas con destino a los comedores de caridad.
O 18 de abril de 1936, El Pueblo Gallego informa que, en Ourense, por orde ministerial han sido nombrados vocales de la Comisión provincial de Beneficencia, don Manuel Sueiro Iglesias, por Instrucción Pública; don Bernabé Vedino, por Trabajo; y don Florentino López Cuevillas, por Hacienda.
Viran as tornas. Acontecido o golpe de Estado fascista, no xornal La Región (4-8-1936), baixo o titular “Relación de maestros destituídos y suspensos de empleo y sueldo”, figura, entre outros moitos, o nome de Manuel Sueiro Iglesias.
Mais non abondaba, cumpría desposuílo das súas propiedades, obtidas a por de esforzo e dedicación. O xornal La Región (24-1-1937), en portada e baixo o titular “Notas militares”, informa que por el Juzgado Militar Especial de Incautaciones de esta plaza se incoaron expedientes de responsabilidad e incautación contra los señores: entre outros, Manuel Sueiro Iglesias. A nota conclúe: Todas aquellas personas que conozcan datos de las actividades políticas y bienes de fortuna de los expedientados, deben presentarse en dicho Juzgado, pudiendo hacerlo por escrito, siempre que éste sea garantizado con la firma del comunicante.
Botando man dos testemuños orais, no ano 2014 obtiven de boca dunha veciña de Limeres o seguinte relato:
Dicíame miña madriña, que morreu con 84 anos, que en paz descanse: “Na casa do Pío ou das Gharridas, no quinteiro dos Merellos, alí naquela barra aghocháronse os perseghidos pola gherra. Moita xente lles ía levar de comer e, creo, se non me enghano, que, entre os fuxidos, había tamén un señor de Caroi.
E nas veighas que chamamos As Latas, había un muro cun carballo que facía como unha cova. Alí estaba a casa de don Manuel Sueiro, don Manuel de Ourense, que tiña en Ourense unha academia, a Academia Sueiro. Ese señor tamén estivo alí escondido naquelas xesteiras, por ser contrario a Franco. Á noite, non sempre, ía durmir á súa casa. Acabaron prendendo a don Manuel e foi castighado duramente por ser unha persoa de ideas moi adiantadas. As academias Sueiro en Ourense foron moi coñecidas, aprendeu moita xente nelas. Don Manuel ocultouse no escondedoiro das Latas e, de día, mamá ou madriña lle ían levar de comer. De noite, cando sabían que isto estaba calmo, viña durmir a casa. Porque en Cerdedo houbo unha muller que matou, ou mandou matar, moita xente, e tanto é así que o día da súa morte, aquí botaron fueghos (Solla, C.: Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo, páxs. 181-3).
A sublevación fascista do 18 de xullo de 1936 colleu a Manuel Sueiro pasando o verán en Limeres. Unha folga de coches de liña evitou que o mestre acudise á capital das Burgas para pórse á fronte da academia, edificio sito na confluencia da rúa da Liberdade coa rúa da Imprenta. Abofé, o paro no transporte salvoulle a vida. Deseguido, as detencións e os asasinatos de dous mestres compañeiros de traballo (Eduardo Villot Canal é asasinado no Forriolo) impelérono a procurar acocho en Limeres. O 12 de agosto, uns falanxistas ourensáns chegaron a Cerdedo coa intención de detelo. Avelino Sánchez, cabo da Garda Civil, impediu que consumasen os seus fatídicos plans, pois, de véspera, os falanxistas locais xa asasinaran (ao parecer, sen o seu consentemento) a Xosé Torres Paz, Xosé Cortizo González, Xosé Mª Taberneiro Fraiz e a Xesús González González. Grazas á solidariedade dos veciños, Manuel Sueiro logrou permanecer agochado en Limeres durante dous longos anos.
En xaneiro de 1937, abríuselle expediente de responsabilidades políticas. Ao ano seguinte, recibiuse no cuartel de Cerdedo a orde de detención. Manuel Sueiro Iglesias, farto da súa situación, decidiu viaxar a Ourense e entregarse. Foi encarcerado o 28 de abril de 1938. Liberaríano meses despois. Malia sobrevivir ao transo, a inhabilitación para exercer a docencia e a doenza do párkinson pexaron o seu proxecto vital.
O cronista ourensán Lito Seoane ofrécenos unha descrición das instalacións escolares, como alumno que foi do Colexio Sueiro a finais dos anos 40:
El colegio, de anchos muros de piedra y paja-barro, tenía una preciosa puerta de madera de color negro que se abría con una de aquellas antiguas llaves metida en un aro como los que llevaban los serenos. Una vez dentro, un gran portal, por el que a través de tres escalones se accedía de frente a la séptima y a la izquierda al primer piso; una balaustrada comunicaba tres aulas, la primera: Dª Elvira, la segunda: Dª Paca, la tercera: Dª Purita, y al final del pasillo, el despacho del director; abajo, como dije antes, estaba la séptima: D. Manuel, y más tarde Dª Pacita (ourensenotempo.blogspot.com).
Concluímos o esbozo biográfico do egrexio mestre Sueiro, engadindo os apuntamentos de D. Pereira: Era carpinteiro e logo exerceu de mestre, vivindo fóra de Cerdedo. Estivo radicado dende 1919 en Verín e, máis tarde, en Ourense, onde dirixiu un centro privado de ensino, a coñecida “Academia General”. Militante do Partido Radical Socialista e colaborador da progresista Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense (ATEO). Tivo que se agachar co seu fillo José na súa casa matriz de Limeres tras o alzamento militar, para evitar a morte. Sufriu a incautación da súa academia e da súa conta bancaria en Ourense. Logo de dous anos protexido polos veciños, entregouse e pasou algúns meses na cadea de Ourense, sendo sometido posteriormente a expediente de depuración que o inhabilitou para a docencia.
O 1 de febreiro de 1962, El Pueblo Gallego publica a necrolóxica de Manuel Sueiro Iglesias, falecido en Ourense o 31 de xaneiro aos 72 anos de idade. A súa filla Paz Sueiro sucederao na dirección do Colexio Sueiro. Nesta cidade, unha praza e un colexio de Educación Infantil e Primaria (As Lagoas) levan o seu nome: “Profesor Manuel Sueiro”; unha rúa, o nome da súa filla: “rúa mestra Paz Sueiro”. En Cerdedo, tentando contrarrestar o silenciamento oficial, o colectivo Capitán Gosende gravará o nome de Manuel Sueiro nunha lauda do Campo das Laudas, posto que, como dixo o historiador José Cabañas, os demócratas contraemos a obriga moral de “facerlles unha mínima xustiza ás vítimas da barbarie e da ignominia, a quen se comprometeu co seu país para sacalo da ignorancia e o analfabetismo, a aqueles cuxa causa foi o acceso de todos á educación e á cultura”.
Nós non esquecemos.