| A Asociación Cultural “Vagalumes” e Minicines Central ofrecerán o vindeiro Xoves 11 de xuño a proxección da curta “Retornar Bretaña” e o libro “Tras os pasos de Castelao na Bretaña” nas salas de Minicines Central da Estrada ás 20:00 h. . A curtametraxe “Retornar Bretaña” revisita na actualidade os lugares e monumentos que no 1929 percorreu Castelao durante catro meses para o seu estudo sobre as cruces de pedra. A curtametraxe ten unha duración de 33 minutos e realizouse pola A. C. Vagalumes dentro do seu proxecto de posta en valor do noso patrimonio e de recoñecemento de Castelao. Neste mesmo acto presentarase o libro “Tras os pasos de Castelao na Bretaña” de Robert Neal Baxter Ford editado pola asociación Breizh-Galiza. O profesor Baxter realizou unha completa guía que non só nos achega aos diferentes bens patrimoniais que analizou Castelao senón que é unha detallada mostra de lugares de interese desa Terra irmá e unha sintética introdución a historia desta nación celta. O libro en Galego, Bretón e Francés é unha ponte entre os nosos dous países que comparten unha anterga tradición cultural común e mesmo unhas características climáticas e xeográficas moi semellantes. |
|
0 Comentários
A Asociación Cultural “Vagalumes” presenta o libro “Andrómenas e credos. Suma mitolóxica de Cerdedo e Montes” do filólogo, etnógrafo e escritor Calros Solla o vindeiro venres 5 de xuño ás 20:30 no Mome (Avenida Benito nº 92, A Estrada).
Calros Solla, No eido poético, foi merecente en 2010 do premio Johán Carballeira de poesía. É artífice dos itinerarios culturais Roteiro Sarmento (Cerdedo) e Roteiro da Montaña Máxica (monte do Seixo), inseridos no seu Proxecto Montaña Máxica, co que porfía, a carón da colección de ensaios Cerdedo in the Voyager, na dignificación da terra cerdedense. O volume Andrómenas e credos reúne o froito de tres décadas de recolleita e estudo da mitoloxía popular de Cerdedo e a comarca de Terra de Montes. Comarca próxima que mesmo abrangue algunhas parroquias do concello estradense. Criaturas fantásticas, lugares marabillosos, paisaxes arroubadoras, espazos sagrados e umbilicais –a revelación da Montaña Máxica do Seixo–, heroes e viláns, costumes, ritos, contos, lendas, conxuros, milagres, obxectos de poder, relatos fundacionais…, portentos saídos do pobo e retornados ao pobo con aglaio e requinte. Para a elaboración desta “Suma mitolóxica” volveuse zugar con fruición dos testemuños orais e escritos, sempre na procura do xenuíno, da orixinalidade, da palabra certa…, engadindo e corrixindo, primando a conservación, a valorización e a divulgación do material recadado. Arredor de 2000 alegacións presentadas rexeitando a Liña de Alta Tensión de 17 km que pretende atravesar o sur do Concello de Forcarei |
| A Asociación Cultural “Vagalumes” vai dar continuidade ao recoñecemento da escritora a quen este ano se lle dedicou o día das letras galegas cun acto no que teremos oportunidade de coñecer en profundidade a súa vida e obra coa presentación do libro “Volveredes brindar por min. Unha biografía de Begoña Caamaño” da autoría de María Xesús Nogueira e Ana Romaní. A partir de arquivos persoais, conversas e lembranzas compartidas, álbums íntimos, rastros documentais dispersos, apuntamentos e pegadas en soportes singulares, Ana Romaní e María Xesús Nogueira ofrécennos “unha” biografía de Begoña Caamaño, para chegar a unha obra, a unha peripecia vital, que fala da xornalista que foi, das preocupacións que sedimentaron o seu traballo e a súa visión dos medios de comunicación. Este é, pois, un exercicio de reconstrución colectivo desde a confianza e a complicidade, co apoio imprescindible da rede de relacións que a escritora e xornalista xerou na súa vida, escrito a catro mans polas que foron amigas súas, a través de desemellantes memorias que configuran unha visión de conxunto. O acto terá lugar o vindeiro martes 26 de maio, ás 20:00 h. no salón de actos do MOME (Avenida Benito nº 92, A Estrada). |
Contextualización do concepto e percorrido polo aparato lendario dunha vintena de espazos sagrados identificados na comarca
Calros Solla
-Separación do profano: Os espazos sagrados distínguense dos ámbitos cotiáns que os arrodean. Existe unha fronteira (física ou simbólica) que sinala que o lugar desemella da súa contorna, e que nos demanda acceder a el con respecto, ánimo de coñecemento e sá curiosidade. Como digo, non é só unha división física (cumes, medelos, frondes, xacementos, afloramentos rochosos, carnoedos, ruínas, valados, portairos…), senón tamén simbólica. Ao atravesar ese límite –ás veces, impreciso–, o individuo “entra” nunha realidade distinta. Algúns destes espazos mesmo se aquilatan con rituais de paso (fórmulas, invocacións, requisitos morais…) que inducen ao cambio. Esta separación opera alterando a actitude de quen se interna nese “outro mundo”.
-Presenza do divino e do transcendente: Considéranse lugares onde se manifesta o sagrado, xa sexa a presenza dunha deidade, forzas espirituais ou dunha enerxía peculiar. O espazo sagrado enténdese como un punto de contacto entre o humano e o divino. Non sempre se trata dunha presenza visíbel, senón dunha percepción compartida polos concorrentes. O espazo sagrado adoito se asocia cunha entidade (moura, virxe, santos, mouros, serpe, tesouro, trasno, demo bulreiro, galiña dos pitos de ouro…), cun prodixio (transmutacións, bilocacións, viaxes no tempo, zoolalias...; o cristianismo denomínaos “milagres”), cunha revelación ou simplemente cunha tradición vixente ou difusa. Por esta razón, moitos destes lugares foron asumidos pola relixión da cruz e algún acadou a categoría de centro de peregrinación.
-Función ritual: Malia teren caído no esquecemento, nestes escenarios desenvolvéronse rituais ou cerimonias, máis ou menos complexos, que os dotaban de sentido completo. Integrados, algúns, no aparato do credo oficial, seguen acollendo prácticas litúrxicas: oracións, cantos, xestos pautados, ofrendas..., romaxes ou otras celebracións. Os rituais primixenios organizan o ciclo anual, salientando momentos importantes da vida comunitaria, así coma os rituais cristiáns se veñen celebrando de maneira estruturada (periodicidade semanal, anual…).
-Simbolismo: Cada un destes elementos (túmulos, gravados, vestixios habitacionais, templos –mormente, illados–, goios, cavorcos, penedos figurativos…) posúe un significado. Este simbolismo axuda a transmitir información transcendente dun xeito visual e emocional, facilitando a conexión espiritual mesmo sen palabras.
-Normas e comportamentos específicos: Os visitantes, iniciados ou non, deben mostrar a debida consideración e comportamento cívico ao se achegaren a estes sitios. A mesura e a inviolabilidade, tacitamente prescritas, reforzan as regras de convivencia, salvagardan o patrimonio e fomentan unha disposición reflexiva e aprecio polo propio: polo que é dun e de todos.
-Sentido de comunidade: Son puntos de encontro, referenciais para o pobo, onde se reforza a identidade e a pertenza a un grupo cultural, nacional... Os espazos sagrados funcionan como centros sociais e espirituais. Neles, as persoas comparten o seu acervo: historia, crenzas, prácticas... Isto crea e apontoa vínculos entre os membros da comunidade. Ademais, os espazos sagrados cristianizados acollen celebracións importantes (efemérides), favorecendo a cohesión social.
-Localización significativa: Os espazos sagrados ocupan localizacións consideradas singulares ou extraorinarias: outeiros, cimeiras, vairas, cadoiros, lagoas, restos arqueolóxicos, onde a tradición local ou supralocal pode enmarcar un feito importante. A xeografía convértese así en parte do significado espiritual, e a natureza intégrase na experiencia transcendente.
-Carácter histórico e cultural: Amais do valor ambiental, estes espazos posúen valor cultural, histórico e patrimonial (xeradores de literatura de tradición oral), sendo, á súa vez, motivo inspirador a posteriori de expresións artísticas diversas. Isto outórgalles unha relevancia que vai máis alá do reservorio mitolóxico.
Feita a necesaria contextualización, paso a describirlles brevemente 20 espazos sagrados da comarca de Terra de Montes, así considerados consonte as miñas investigacións e por mor das súas calidades referenciais e acumulativas (a listaxe é susceptíbel de incrementarse):
O Bosque (Tomonde-Tomonde, Cerdedo): Antiga lubre desaparecida. Foi agra, despois herbeira; o arboredo volve facerse paseniño co espazo. Atalaia des onde dexergar o veciño lugar da Vilalén –co río de Quireza polo medio– e escenificar –rito de rivalidade entre aldeas– a queima dos Vellos: a Vella e o Vello, o Bousán e a Bousana, Martabela e Farrapado. Os Vellos procesionaban tres veces no ano: polo Entroido, polo San Xoán e por Reis; tres aguinaldos. Os Vellos acorporábanse con palla e vestíanse con béldragos. Portábaos a mocidade. Polo Entroido, os aldeáns casaban os Vellos –rito de fertilidade– diante do altar da Pedra, bolouro granítico e soporte petroglífico que lle dá nome á Veigha da Pedra (O Cachafal). O camiño dos defuntos de A Vilalén a Tomonde discorre pola fronde e por entre as mámoas da necrópole megalítica da Veigha das Arcas.
Castra Seghón (Chamadoira, Cerdedo): Promontorio rochoso que estabelece a fronteira entre as parroquias de Cerdedo e Caroi. As veigas circunstantes foron searas e bos pasteiros. Denso repertorio de mouros. Os mouros galbáns abandonaban os seus escondedoiros e ían muxir nas vacas dos paisanos “até deixalas secas”. De Caroi acudían ao Castra Seghón na procura de tesouros, valéndose das fórmulas desenfeitizadoras contidas no Ciprianillo. En decembro de 2024, o colectivo Capitán Gosende localizou a Pedra do Biolo, boquela pétrea na que antano se practicaban rituais para esconxurar o “anghinido” pueril.
O Castriño (Mamoalba-Quireza, Cerdedo): Á beira do camiño que comunica as aldeas de Mamoalba e Fondós (Quireza). Necrópole tumularia: cinco mámoas catalogadas e dúas inéditas. No ano 2008, os do colectivo Capitán Gosende achamos no lugar un idoliño funerario antropomorfo con coviña central (embigo). En 2012, atopamos nunha leira contigua ao xacemento os restos dun muíño barquiforme. Segundo o pobo, o castro tense sobre unha viga de ouro e outra de lume de alcatrán, devastadora. No fondal aflora unha rocha regañada (diaclasada) que emprega unha moura para cardar os seus cabelos. Sobre a pedreira, en noites escolleitas, arremuíñanse bandos de luciñas (luces populares). En outubro de 2019, descubrimos naquel laxedo un gravado rupestre (petróglifo do Castriño): combinación de coviñas e cruciformes-antropomorfos.
O castro de Arén (Arén-Cerdedo, Cerdedo): Sobre o sitio arqueolóxico construíuse a capela do San Miguel (séc. XVII). Lenda do dragón septicéfalo cativado no alxube da capela e do espallamento das sete chaves do cadeado que o prende. Na croa sobresae a Laxa do Castro, atranco que pecha o acceso ás galerías soterradas, escavadas polos mouros para a explotación aurífera da penela. Estes corredores comunicarían o xacemento co pozo da Torre, no río do Castro, vaira da serpe Bichoca. O Rabelo, veciño da parroquia, ávido lector do Ciprianillo, soubo da existencia dos tesouros e investiu a vida na súa procura. A Laxa do Castro foi obxecto de vulneración (entallas de corte). O petón é soporte dun gravado rupestre de época histórica que evoca o episodio bíblico da escaleira de Xacob (pedra do destino, pedra da paciencia) e, asemade, encripta do castro o seu desencantamento. Tres trabes: “ouro, prata e alcatrén”. Desterro da mourindade. Saudades da Moura desafiuzada.
O castro de Gharellas (Gharellas-Millarada, Forcarei): Tamén, castro das Rodeiras. Mouros minadores, ríspetos e agachadizos. Áuricas galerías. Unha moura peitea os seus cabelos con peite de ouro e, ao tempo, coida da galiña dos pitos de ouro. A trabe de ouro e a trabe de alcatrán. O mouro bailador que baixa ao terreiro canda a festa do Santo Antonio. Unha millenta de vasillas ateigadas de ouro, cuxa zapa se anoa cunha corda de esparto. De ousar facérmonos co tesouro, cómpre saber que as cordas se volven serpes. Os réptiles apazugan ou mudan bicándoos nos beizos. O lugar foi obxecto de catas arqueolóxicas.
O castro de Gharfián (Gharfián-Beariz, Beariz): Tense por verdade o súbito enriquecemento dun veciño de Gharfián que atopou no castro un xugo de ouro. No Coto do Castro sitúase a chamada Casa dos Mouros. Na aba do castrelo, espallanse mámoas “feitas polos mouros; tumbas para as xefaturas”. A galiña dos pitos de ouro. O lugar foi obxecto de catas arqueolóxicas.
O castro de Loureiro (Loureiro-Dúas Ighrexas, Forcarei): A moura Loureiriña, discreta, emprega un pasadizo baixo terra para acadar a ponte do Cregho, no río Lérez, e tomar baños. A Moura garda unha chave de brea coa que fecha e desfecha a cova do tesouro. Contos de mouros raspuñeiros e do pormenor da súa héxira. A trabe de ouro e a de alcatrán. Acocora a galiña dos pitos de ouro.
O castro de Maghros (Maghros-Beariz, Beariz): Os castros de Maghros e de Gharfián comunícanse a través de paso escusado. Os mouros dun e doutro lado andan en tratos. Os mouros do castro de Gharfián son gandeiros; os mouros do de Maghros negocian co ouro. Os homes que van asexar nas mouras do castro fican petrificados (ou mutados en árbores). Sábese de quen desoíu a advertencia. Achádego dun pote, caldeiro ou ferrado de ouro. Conto da chaqueta prodixiosa, alí atopada, que houbo prender lume nunha palleira da Alén (Xirargha). Desterro dos mouros. Despedida da Moura pechacancelas tras ser esconxurada.
O castro de San Cibrán (A Vilalén-Tomonde, Cerdedo): Sobre o depósito arqueolóxico edificouse a capela do San Cibrán, padroeiro da aldea. Cibrán e Cornelio (san Cornello), santos irmandados. Na croa do castro erguíase a estatua dun rei mouro; o seu brazo estricado mostraba o paradoiro dun tesouro. Do castro parten galerías subterráneas en todas direccións. Subsolo saturado de ouro. A Moura torna da galiña dos pitos de ouro. A trabe de ouro e a trabe de alcatrán. Na entrada da aldea, unha imaxe de pedra do san Cornello (ou Cornellán) pousaba descabezada ao abeiro dun fornelo. Invocábase contra a seca (coma o san Serrapio).
Castrodiz (Deán/Castro-Figueiroa/Castro, Cerdedo): Na croa do castro –a Eira dos Mouros– álzase a Cabeza do Mouro, porta secreta dun labirinto de galerías, labor de mouros minadores. Tamén, mouros arreadores de recuas. A galiña dos pitos de ouro. A cabra espurriñadora que pon ao descuberto asentos de ouro en pebidas. Unha vea de ouro acada o lousado da ponte do Cando (río de Quireza). Innúmeros achados. Nas abas de Castrodiz talláronse os petróglifos do Outeiro do Mestre, Lomba de Castrodiz e Lombo da Serpe. Obxecto de catas arqueolóxicas.
O Castro Ghrande (monte do Seixo-Cerdedo/Presqueiras (Sta. Mariña), Cerdedo/Forcarei): Mole roqueira, irradiadora do encantamento. Cova da moura casadeira de loiros cabelos, peiteados con peite de ouro, e do seu rico enxoval. A Pedra do Talle (proba do aspirante). Rotadoiro do rato Rabisaco, roedor que rebole e chouta cara ao ceo cadrando coa lúa chea. Foncha penedía. Baixo as bóvedas do Castro gárdase unha capeliña cunha tella de ouro (ou unha chave de ouro no seu postoiro). Existencia dun pasadoiro soterrado (as Pedras Ghiadas) que no plenilunio percorre a Besta Branca, o cabalo unicornio, dende Xestido deica o pozo Sangoento (río do Seixo), guieira das greas da montaña. A galiña dos pitos de ouro.
O Embigho do Becho (monte Sangal-Cerdedo, Cerdedo): Nunha valigota do monte Sangal, cara ao poñente, érguese a peneda na que san Xoán cabaleiro cativou o dragón que amedrentaba a parroquia. Xacando, librouse na terra e nos ceos desigual combate. O Bautista derrotou a besta e, brandindo un fachuco aceso, fíxoa recuar até a cela perpetua do Embigo do Becho. O santo reveloulles aos cerdedeses o remedio do lume para manter confinada a espantosa criatura: de aí a tradición das fogueiras de San Xoán.
Feira Vella (monte do Seixo-A Varcia do Seixo, A Lama): Na encrucillada do camiño de Coto e o antigo camiño da feira de Doade. No lugar campan Portalén (a porta do Outro Mundo) e o Marco do Vento (onde todos os ventos dan a volta). Durante o lusco outonizo, o van de Portalén actívase e serve de oráculo. Formuladas as preguntas cruciais e tras depositar as ofrendas convindas, as respostas dos devanceiros acoden a lombos do vento. Feira Vella –que sinala un primitivo lugar asembleario (oenach)– precede no tempo á celebración da feira da Santa Mariña (medieval), vixente advocación da montaña. Os poboados castrexos da revolta do Seixo vincularíanse con este santuario rupestre. Milladoiros in itinere.
A Laghoa Sacra de Olives (Xestoso, Silleda/Meavía, Forcarei/Olives, A Estrada): Integra o espazo natural das Brañas de Xestoso. Vestixios amurallados. Tumbas megalíticas. Seica, no que hoxe é chan anegado, tivo lugar unha sanguenta batalla –entre mouros, ou no tempo dos mouros–. Os cadáveres, que se contaron por centos e milleiros, foron chimpados ás augas e, dende aquelas, alí repousan os seus despoxos. Na chousa de Olives, camposanto, non medra a vexetación por mor do moito sangue escoado e da gran mortaldade.
A Mámoa (A Mámoa-Castrelo, Forcarei): O chamadeiro da aldea é asaz elucidativo. Sete mámoas catalogadas na necrópole do Campo das Mámoas (ou das Antas), en paralelo ao camiño dos Arrieiros. Noticia doutros tres xacigos desaparecidos. Achádegos neolíticos de natureza votiva. Dende a chamada Mesa dos Mouros, no planalto, esténdese unha vea de ouro até a fonte dos Arrieiros. O conxunto tumulario da Mámoa compleméntase cara ao sur coas tres Eiras dos Mouros e a monumental Mámoa da Chá dos Augadeiros. Foron as Eiras dos Mouros escenario de cruentos combates librados pola mouramia. A semellanza da Laghoa Sacra de Olives, o moito sangue derramado impide a medranza da vexetación. Nos tres calveiros, o gando renega da pacedura e os paxaros abstéñense de voar por riba. Constancia de tesouros abandonados.
O Marcofán (Beariz, Beariz): Abondosos relatos de mouros e tesouros. Entre outros, o episodio do caldeiro acugulado de ouro en barras que atopou unha vella. Por descoñecer a súa natureza e por non saber que facer con el, a muller confesoullo ao cura, que ben o soubo administrar. Potosí.
O monte do Ceo (Xirargha, Beariz): A Vela e a Suavela. Garita de mouros sentinelas; alí apostados des que dúas faccións desamigadas se enfrontaron nunha guerra. Grandes perdas. Asinaron a paz os contendentes e dividiron o territorio empregando a coñecida Pedra dos Mouros como fito demarcativo. Tras o episodio bélico, os mouros agocharon baixo os penedos os seus tesouros e fuxiron agardando volver. O marco da Pedra dos Mouros non rexe na humana dimensión, mais conserva a súa vixencia no catastro da mourindade.
O Pegho (Parada, Cerdedo): Vestixios castrexos. Enriba do castro edificouse a que foi Casa do Pobo da antiga xurisdición de Montes, sacralizada tempo despois baixo a advocación da Nosa Señora do Pegho (da Purificación ou da Soidade). No Pegho, goio do río Lérez –tamén nomeado Pozo Neghro– habita o Cancodrilo, “metade can, metade caimán”, protagonista de encontros estarrecedores. No interior da ermida do Pegho conservouse durante séculos, en arca ferrada, unha queixada do leviatán. Unha imaxe do san Brais, desaparecida, cubríase coa pelica mudada do monstro. O templo, arredado do tránsito humano, acolle misas oficiadas pola Pantalla. O Pegho vincúlase coa fabulosa biografía da raíña moura dona Ghurina, señora da fortaleza da Torre dos Mouros.
A Pena da Cruz (Acivedo-Millarada, Forcarei): Do mollón procesional só se conserva o pedestal, servindo de banzo a un canastro da aldea de Acivedo. A romaxe, que congregaba os fieis de sete parroquias dos arredores, prescribía procesionar coa imaxe do San Salvador –un dos chamadeiros de Xesús Cristo– dende e até a capela do Santo, por entre mámoas: necrópole da Pena da Cruz e necrópole da Capela do Santo. A ermida situouse á beira dun manancial salutífero, a fonte da Porreta (fonte do Santo ou fonte do Anghinido), cuxas augas en ablución son avogosas do tangaraño.
O San Lourenzo (O Serrapio-Pedre, Cerdedo): Ao pé das Torres do Serrapio –baluarte desaparecido–, ergueuse a capela dedicada ao san Lourenzo, mártir cristián, atormentado na grella até a morte. Ao cotarelo do San Lourenzo chegan os restos dun antigo viacrucis que partiría do Santo Estevo de Pedre –santos ben levados–. Gárdase no interior da capela unha pequena imaxe de pedra, xugulada, coñecida polo san Serrapio, nume invocado contra a seca. O san Lourenzo –cristianización do culto solar– vincúlase co Coto das Insuas, onde, en 2012, os de Capitán Gosende descubrimos o nomeado Xacente do Coto das Insuas, laxeira de vulto antropomorfo que se adobía coa lenda da “pedra chinada”, versión aldeá do “assum est, inquit versa et manduca”, latinallo atribuído a san Lourenzo no intre da cruenta asadura.
Polo de hoxe, abondan unha vintena de evidencias. É de obriga estar alerta para que ningunha destas xoias culturais de noso corra o risco de ser estragada por eólicos estafermos, quincalla de evacuación, fochicada mineira ou megalomanías de cacique. Queda escrito.
Un proxecto de:
Colaboracións
Tudo
Alba Rivas
Alicia Garrido
Ana Cabaleiro
Anjo Torres Cortiço
Anxo Coya
Calros Solla
Carlos Loureiro
Carlos Meixome
Carme Hermida Gulías
Carmela Sánchez Arines
Clara Iglesias Cortizo
David Otero
Dionisio Pereira
Héitor Picallo
Lola Varela
Luis Alberto Silva Casas
Manuel Barros
Manuel Cabada Castro
Manuel Fortes
Marcos Borrageros
Maria Xesus Nogueira
Montse Fajardo
Pedro Peón Estévez
Susana Sánchez Arins
Tino Regueira
Xoán Carlos Garrido
Xosé Álvarez Castro
Xosé Malheiro
Xosé María Lema
Xurxo Esquío
Estamos en:
Histórico
Junho 2026
Maio 2026
Abril 2026
Março 2026
Fevereiro 2026
Janeiro 2026
Novembro 2025
Outubro 2025
Julho 2025
Junho 2025
Maio 2025
Abril 2025
Março 2025
Fevereiro 2025
Janeiro 2025
Dezembro 2024
Novembro 2024
Outubro 2024
Setembro 2024
Agosto 2024
Julho 2024
Junho 2024
Maio 2024
Abril 2024
Março 2024
Janeiro 2024
Dezembro 2023
Novembro 2023
Outubro 2023
Setembro 2023
Agosto 2023
Julho 2023
Maio 2023
Abril 2023
Fevereiro 2023
Janeiro 2023
Dezembro 2022
Novembro 2022
Outubro 2022
Setembro 2022
Agosto 2022
Julho 2022
Junho 2022
Maio 2022
Abril 2022
Março 2022
Fevereiro 2022
Janeiro 2022
Dezembro 2021
Novembro 2021
Setembro 2021
Agosto 2021
Julho 2021
Junho 2021
Maio 2021
Abril 2021
Março 2021
Fevereiro 2021
Janeiro 2021
Dezembro 2020
Novembro 2020
Outubro 2020
Setembro 2020
Agosto 2020
Julho 2020
Junho 2020
Maio 2020
Abril 2020
Março 2020
Fevereiro 2020
Janeiro 2020
Dezembro 2019
Novembro 2019
Outubro 2019
Setembro 2019
Agosto 2019
Julho 2019
Junho 2019
Maio 2019
Abril 2019
Março 2019
Fevereiro 2019
Janeiro 2019
Dezembro 2018
Novembro 2018
Outubro 2018
Setembro 2018
Agosto 2018
Julho 2018
Junho 2018
Maio 2018
Abril 2018
Março 2018
Fevereiro 2018
Janeiro 2018
Dezembro 2017
Novembro 2017
Outubro 2017
Setembro 2017
Agosto 2017
Julho 2017
Junho 2017
Maio 2017
Abril 2017
Março 2017
Fevereiro 2017
Janeiro 2017
Dezembro 2016
Novembro 2016
Outubro 2016
Setembro 2016
Agosto 2016
Julho 2016
Junho 2016
Maio 2016
Abril 2016
Março 2016
Fevereiro 2016
Janeiro 2016
Dezembro 2015
Novembro 2015
Outubro 2015
Setembro 2015
Agosto 2015
Julho 2015
Junho 2015
Maio 2015
Abril 2015
Março 2015
Fevereiro 2015
Janeiro 2015
Dezembro 2014
Novembro 2014
Outubro 2014
Julho 2014
Junho 2014
Abril 2014
Março 2014
Fevereiro 2014
Janeiro 2014
Dezembro 2013
Novembro 2013
Agosto 2013

Tabeiros Montes (Portal cultural de Tabeirós-Terra de Montes) de Asociación Cultural "Vagalumes" e Asociación Cultural e Ecoloxista "Verbo Xido" ten unha licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial 4.0 Internacional.
Con base nunha obra dispoñíbel en http://www.tabeirosmontes.com/.
Os permisos alén do foco desta licenza pódense atopar en http://www.tabeirosmontes.com/colabora.html.
Feed RSS