Calros Solla
Xidas túrdighas a todeitos vovis.
Prezados membros da Organización de Compostela Histórica; prezado Rodrigo Costoya, compañeiras e compañeiros; amizades presentes neste salón de actos do IES Rosalía de Castro de Compostela.
Ser merecentes do Premio Lexión Irmandiña é unha honra inmensa e, por tal, comparecemos perante vós rebordantes de orgullo, ledicia e gratitude. Aceptar a responsabilidade de recibilo é tamén un fermoso xeito de renovar os votos contraídos, pois obríganos moralmente a seguir turrando polo carro do país e pola carreta da comarca de Montes, garantindo anos vindeiros a nosa modesta contribución.
Esta gozosa e gravosa responsabilidade adquirímola hai máis de tres décadas cando, baixo o lema martiano “Facer é o mellor xeito de dicir”, nos botamos, literalmente, ao monte. Xente ao monte!, berran os aloitadores de Sabucedo cando se reúnen para acurrar as bestas. Xente ao monte!, berramos nós, cando invocamos e convocamos a veciñanza para esconxurar dos eidos a peste do caciquismo, devastadora e imposibilitante: Fóra rato, fóra sapo, fóra becho comellón...! Nós desfacémonos en berros, malia que –polo momento– con pouco éxito.
Hai máis de trinta anos, puxemos un pé diante do outro, sendo perfectamente conscientes de que se un pobo non se quere, se un pobo non se sabe, se un pobo non se coñece, nin se respecta, nin é quen de sopesar a contía da súa herdanza, ese pobo malfadado está condenado a esluírse coma sal na sopa dos tempos.
Dende aquelas, malia o buraco negro que todo o engole, o noso norte non se desviou un nadiña. Clamamos porque cadaquén asuma as súas obrigas e sacuda o pandote de verse “herdeiro pola forza” (Manuel Gago dixit). Pola nosa banda, teimaremos, mentres haxa saúde, en seguir pateando o predio comunal, investigando, descubrindo, valorizando e divulgando de balde a nosa historia, a nosa cultura, dende o eirado aldeán até a ágora do universo e máis alá (Cerdedo in the Voyager).
Que a distinción que hoxe se nos outorga leve o nome de “Lexión irmandiña” acáenos como lle acae na cabeza a mulida ao cesto, pois, aqueles irmandiños do século XV –Todos a unha!– non só se arrepuxeron ao abuso de poder e á insoportábel decadencia, senón que demostraron a capacidade transformativa dun pobo unido en forza e dignidade na salvagarda da súa habenza e sinais de identidade. Hogano, as nosas armas son incruentas: o estudo, a escrita, a transmisión oral, a difusión vigorizante do noso patrimonio material e inmaterial, o orgullo pola nosa lingua e, grazas á xenerosidade e mestría do noso escultor de cabeceira, vuxa xamarúa Marcos Escudero, o flamexar, vico et orbi, do Campo das Laudas, memorial da represión franquista en Cerdedo.
A nosa revolta en irmandade conxurouse contra a resignación, a abulia, a ignoracia, a impostura política, o esquecemento e o deixarse morrer de inacción e inanición. Perseveremos, torres máis altas caeron.
Faremos do agasallo que nos entregades “santa de andar polas portas”, para que todos poidamos desfrutar deste cadro marabilloso do admirado poeta Xosé Iglesias. O galardón recibímolo nós, mais facémolo en nome de todos cantos ao longo destes anos achegaron o seu gran de area á cruzada do Capitán Gosende –desexo amentar especialmente ao irmán Héitor Picallo, da saga indómita dos Picallo da Vila do Baño–. Algúns dos que nos beiceron co seu esforzo entusiasta e desprendido xa non están entre os vivos –lembramos con emoción ao compañeiro Juan Soto, que moito lle pracería facer parte desta delegación; Soto, vai por ti, camarada!–. Así mesmo, tamén llelo dedicamos a todos os veciños da bisbarra montesa: aos que nos consideran criaturas beatíficas, empolicadas nos seus fornelos de estimación, e aos que nos apoñen a condición de demos neghros e bruxas recastadas. Ben seguro, todos teñen un pouco de razón.
Sexa como for, hoxe celebraremos como se merece ser santos da devoción de Compostela Histórica; celebraremos que fomos pagos coa aperta oceánica de Xosé Iglesias; celebraremos que se nos acolleu neste abeiradoiro de mornura e coñecemento que son as Xornadas de Divulgación Compostela Histórica, crendo, coma vós, que a Galiza ten un pasado grandioso que merece ser contado e que o pobo galego merece que llelo conten en presente para ir tecendo a urda e trama do futuro. O brillante elenco de relatoras e relatores asegura, sen dúbida, este propósito.
Grazas por nos ter en conta, por decatarvos dun humilde traballo de base. Faremos, de corazón, por empregar estes honores en beneficio da causa. Sorte e saúde. Xiria e xideira! Chova que vente, Capitán Gosende!!
Feed RSS
