
No acto faremos unha lembranza da importancia e das características históricas da produción de mel na nosa comarca, e por iso quixemos contar coa intervención da produtora Mar Brea, que foi recibiu en Londres o premio á mellor calidade no certame internacional “London International Honey Awards”. “O mel de Brea” segue a colleitar recoñecementos e dá conta de que a produción do mel e a vida no rural non son só cousas do pasado senón que son tamén unha alternativa de futuro para dinamizar as nosas aldeas e asentar a poboación.
O tema da publicación é o estudo das alvarizas da zona norte da provincia de Pontevedra, abranguendo desde os Concellos de Forcarei até Vila de Cruces e Dozón, pasando por Lalín e Silleda e centrándose fundamentalmente na serra do Candán e no val do río Deza.
A metodoloxía que se usou para a identificación das alvarizas da serra do Candán e Terra de Deza esixiu compatibilizar, ao longo de varios anos e de ímprobos esforzos a pé de campo, a recollida de notas e apuntamentos con traballos informáticos de tratamento de bases de datos, textos e imaxes. Con todo, cónstanos que as alvarizas recollidas neste catálogo non poden ser a totalidade das existentes nos espazos naturais examinados: por forza deben —ou deberon— existir máis na bisbarra. Aínda así era preciso un primeiro paso decisivo que sentase os alicerces de futuros estudos, oxalá que máis completos, sobre estas manifestacións arquitectónicas.
A informática manifestouse como ferramenta imprescindible e de grande utilidade, non só para plasmar os resultados dos traballos realizados, senón tamén á oferta de diversos recursos en liña aos que acudiron os autores: bases de datos arquivísticas, bibliográficas ou históricas, tales como a aplicación Galiciana ou os portais CODOLGA e PARES, que posibilitan o acceso remoto a diversos arquivos galegos e estatais ou o programa QGIS para as labores de cartografía; puntos de consulta de imaxes por satélite que ofreceron unha perspectiva aérea desde a que a miúdo e por riba dos percorridos a pé facilitaron a identificación dos perímetros e valos de moitas das alvarizas en ausencia de vexetación.
Non foi menos laboriosa a consulta e lectura de documentos e libros en diversos arquivos e bibliotecas á procura de datos, sempre con disparidade de resultados. Sobresaen os fondos eclesiásticos, así os dos mosteiros de Aciveiro, Oseira ou Dozón, como os de diversas parroquias da contorna depositados nos Arquivos Históricos Diocesanos de Santiago e Lugo, no Arquivo do Reino de Galicia ou no Arquivo de Simancas. É tan probable como desexable que, co paso dos anos, o interese dos investigadores achegue novos documentos para axudar a debuxar un maior —e mellor— catálogo que inclúa cantas alvarizas se conserven en Galicia e afonde na súa datación e na súa historia.
Todas estas pescudas previas debían ser logo contrastadas mediante entrevistas e comunicacións con veciños das diversas parroquias en sucesivas visitas, xa que a tradición oral é ás veces decisiva á hora de diferenciar os muros dunha alvariza dos que pechan unha tenza ou unha horta abandonada. Estas viaxes proporcionaron ocasións dabondo para percorrer o grande espazo natural do Candán e os seus contrafortes montañosos polos roteiros que se foron tecendo entre as diversas zonas que aos autores lles parecían propicias para a construción de alvarizas tras consideraren a súa situación, orografía, tradición toponímica, etc.
Fase importante foi a de recolleita de datos para a elaboración das fichas de cada unha das alvarizas contempladas neste catálogo: localización da construción vía satélite coas súas coordenadas e altitude, medición e delimitación dos valos e paramentos, toma de fotografías, anotación das especies florais asociadas e da contorna, determinación do estado de conservación e/ou explotación e uso do ben... non sempre doados de executar debido á situación ou ao estado das vías de acceso dalgunhas delas.
O obxectivo era elaborar as precisas bases de datos relacionais que nos proporcionasen, cando menos, unha imaxe de conxunto desta parte do patrimonio histórico e cultural de Galicia con todos os seus datos e referencias.
Foi o carácter documental e fotográfico deste proxecto, encarado desde o seu inicio á consecución de imaxes de calidade, o que obrigou a visitar varias veces e en estacións diferentes do ano cada unha das alvarizas á procura dos mellores encadres e luces. A intención é achegar ao público tan sequera un pequeno anaco da beleza que ampara a serra do Candán e as súas paisaxes, contida nestes elementos patrimoniais da nosa cultura. Os autores non descoidaron o obxectivo de ofreceren un rigoroso estudo destas manifestacións tan peculiares e un tanto esquecidas.
O formato da publicación ten dúas partes. Unha primeira introdutoria ao tema, cunha análise do que historicamente representou a produción de mel e a elaboración destas construcións nas comarcas estudadas; e logo, unha segunda parte, que consistiría nas fichas de cada unha das alvarizas investigadas.
O público obxectivo potencial ao que vai dirixido non é só o de especialistas na materia, senón toda a veciñanza interesada no noso patrimonio e na nosa historia, as posibles promocións turísticas que se fagan desta arquitectura popular, os centros de ensino e os departamentos culturais dos concellos afectados e, creemos de interese xeral para facer comparanzas con outras zonas do noso país e do resto do mundo.
A nosa intención para a promoción e difusión da publicación é levar a cabo actividades de presentación e roteiros para visitar esta creación da arte vernácula que debemos coñecer non só pola súa beleza, senón tamén por constituír un vestixio do pasado que cómpre coñecer e comprender.