O colectivo daralle a benvida ao outono guiando tres roteiros solicitados por outras tantas asociacións culturais da provincia
Calros Solla
En definitiva, tentando compensar o empacho de culturiña oficial mainstream e subvencionada, Capitán Gosende mostra e divulga de balde a esencia dun Cerdedo alternativo: Roteiro Sarmiento (dende 2002), Roteiros Arenco e Cavianco (dende 2005), Roteiro da Montaña Máxica (dende 2005), Roteiro da Pantalla (dende 2011), Roteiro polo Pedre Milenario (dende 2013), Roteiro do Crime de Pardesoa (dende 2024)... Niso seguimos, oufanos e satisfeitos, vinte e catro anos despois.
Ininterrompida no tempo, a organización desinteresada desta oferta de lecer instrutivo atraeu milleiros de visitantes (directos ou inducidos polo boca orella) á comarca de Montes. Deixaremos a súa calada repercusión económica para outra ocasión, mais, poden facer vostedes números.
Neste senso, a tempada de outono 2026 preséntase para os de Capitán Gosende ateigada de eventos que, aproveitando a cortesía destas páxinas e sempre ao arbitrio da meteoroloxía, dispóñome arestora a adiantarlles:
O día 5 de setembro, sábado, os integrantes da Tertulia Literaria Nieves Ibarra de Nigrán (unha cincuentena) tomarán parte nunha andaina guiada polo monte do Seixo, a Montaña Máxica. A solicitude formalizouse tras a exitosa presentación, na biblioteca pública da localidade, do libro Andrómenas e credos. Suma mitolóxica de Cerdedo e Montes (Ed. Morgante, 2026). Se non hai novidade, acompañarei polo alto da montaña os amigos do club de lectura nigranés a través das estacións arqueomíticas do famoso R1 (itinerario Chan de Mamas>Portalén). Debullarei na súa grata presenza os relatos lendarios obtidos da tradición popular referentes á Mámoa Ghrande (necrópole megalítica de Chan de Mamas-tumba do Tecelán de Carballás), as lagoas de Xestido (vila asolagada de Trentinán-acervo mítico da santa Mariña), o Almadraque de Pirocha (mitema da moura doncela), Trampa do Lobo (vestixios dun cortello lobeiro), a Cruz do Seixo (ara solis), Portalén (soleira do Máis Alá) e o Marco do Vento (colosal pedrafita, fito de deslinde ancestral). Tras a camiñada, reporemos forzas nun estabelecemento hostaleiro de Forcarei.
O día 19 de setembro, sábado, o portal web Historia de Galicia, que adoito escolle o chan de Cerdedo e Montes como escenario para as súas “Rutas de Historia”, comunicounos o interese por apadriñar un novo roteiro guiado polo monte do Seixo. Para a ocasión, acompañarei as persoas inscritas (outra cincuentena) polo escaparate lendario resultante da combinación das rutas R3 e R4 (itinerario Chan de Mamas>Outeiro do Castro), facendo parada nas estacións arqueomíticas da Fontefría (mitemas da vea de ouro e do tesouro agochado), o outeiro do Coto (cimeira da serra do Cando: 1.015 m de alt.), as lagoas de Xestido, o outeiro da Cama (recanto propiciador da fertilidade humana), a Laxa Mosqueira (albo favorecedor da fertilidade animal), as Pedras Quileiras (petoutos cabalados e de embade), a mámoa de Xestido e as Pedras Ghiadas (túmulo e aliñamento megalítico), até chegar ao pé da peneda do outeiro do Castro ou Castro Ghrande (mitema da moura casadeira –a Pedra do Talle–, o rato Rabisaco, a Besta Branca, a galiña dos pitos de ouro...). Como procede, a actividade rematará cun xantar de fraternidade na comarca.
Se non xorde atranco, concluídas ambas camiñadas, o número de visitantes guiados polo monte do Seixo superará a cifra dos 5.500. Moito se teñen lucrado algúns galopíns deste labor entusiasta que, supondo un antes e un despois, fixo xurdir da nada as marcas “Portalén” e “Montaña Máxica”, forxando asemade un ámbito perdurábel e privilexiado de interpretación da nosa mitoloxía popular. Esta iniciativa, sostida pacientemente no tempo, incorporou a Cerdedo e Montes aos selectos destinos que teñen “algo diferente que ofrecer”. De calquera xeito, consonte o pensamento de Plutarco, beneficiar un ingrato é o mesmo que perfumar un morto; aínda que, segundo a sabedoría popular: cando os desagradecidos esquezan quen os axudou, a miseria refrescaralles a memoria.
Non hai dúas sen tres. O día 4 de outubro, domingo, o Instituto de Estudos Miñoráns (IEM), co gallo das súas “Xeiras alén Miñor”, conducirá até Cerdedo un grupo de cincuenta persoas, alistadas noutra actividade coorganizada co Colectivo Capitán Gosende. Nesta ocasión, farei de guía nunha nova edición do Roteiro Cavianco. Realizarase o percorrido non só por facer perna, senón tamén para divulgar (e ao tempo, valorizar) o patrimonio material e inmaterial agochado nas ribeiras do río do Seixo, “o río da Montaña Máxica”, como algúns xa o alcuman na Internet. Comezaremos a andaina no lugar do Campo e aldea de Meilide, a carón da capela do Loreto (séc. XVIII). Descenderemos pola costa do Ladrillo, deténdonos no Campo das Laudas (memorial das vítimas cerdedesas do franquismo) e fronte ao pazo das Raposeiras (sécs. XVI-XVIII) (casa natal do capitán Gosende e do padre Sarmiento). Proseguiremos o descenso pola congostra dos Portamuíños, atravesaremos a ponte homónima (construída durante a II República) e, deseguido, ascenderemos a corredoira do Rapenlo para chegar á aldea de Cavenca (capela do San Salvador e pazo de Cavenca (sécs. XVI-XVIII) ou casa de Rosalía de Castro). De Cavenca, avanzaremos polo camiño dos defuntos até acadar a aldea da Cavadosa (ponte medieval). Durante o traxecto non nos afastaremos en ningún momento do río do Seixo, que nos irá agasallando, cantareiro, co seu rico patrimonio natural, etnográfico e mitolóxico: as Veighas das Almas, o pozo Fumeghas, o pozo Sangoento, unha restra de pontes e muíños (entre eles, o muíño das Xilas, o de Pedraboa (en Meilide), o de Herdeiros de Riba, o de Herdeiros de Baixo e a ponte da Laxa (en Abelaíndo)...). Tras o paseo interpretado, celebraremos a vida e a amizade xantando xuntos en Forcarei.
En resumo, o Colectivo Capitán Gosende é artífice en Cerdedo e no máis da comarca dunha variada proposta de roteiros cheos de contido e coñecemento do medio –en constraste coa atonía e vacuidade dos reclamos institucionais–. Esta angueira, gratis et amore, vímola desenvolvendo, como dixen, dende hai máis de dúas décadas.
A axenda cultural deste outono suporá abofé un sobresforzo, porén, malia o motor ir evidenciando o avance do contaquilómetros, o estímulo orixinal permanece incólume.
Aborrecemos a impostura política e facemos gala de non ser profetas en terra propia. Esta anomalía é síntoma dunha doenza endémica, crónica e enquistada. En compensación, a nosa humilde intervención cultural goza da xeral aceptación e recoñecemento dos de fóra, que veñen atraídos pola nosa perspectiva. Non cabe dúbida que esta folla de ruta e de servizos posibilitaron o meu ingreso no padroado do Museo do Pobo Galego. A dignidade é carísima e tamén de balde. Xa nos advertira Confucio: “Non fagas o ben se non tes a forza para soportar a ingratitude”.
Feed RSS
