Calros Solla
A colección artística do Museo de Pontevedra contén sete obxectos vinculados con Cerdedo de incuestionábel valor histórico
Deseguido, enumero e comento os elementos aludidos, sendo seis deles debuxos, mentres que dous se corresponden con obxectos tridimensionais. A saber:
A ponte de Pedre
Ponte de Pedre, arquitectura baixomedieval (século XIII) sobre o río Lérez; tres ollos desemellantes (dous e mais aliviadoiro) baixo bóvedas lixeiramente apuntadas. Ponte dotada de cruz (obxecto de roubo), tallamares, contrafortes e peitorís.
Espazo histórico, lendario e ritual: ponte feita polos romanos (“ponte romana”); ponte medieval: ponte deseñada polo mestre canteiro Petrus Petri (Pedro de Pedre), proxenitor do Mestre Mateo; innúmeras marcas de canteiro; escenario do bautismo prenatal (enxembramento); escenario do demo burleiro; fito do itinerario da Pantalla; fito do itinerario Xacobeo; inscricións fundacionais advertidas polo padre Sarmiento en 1745 nalgún dos perpiaños da ponte; lugar onde se suicidou Rosiña de Pedre (episodio da francesada, marzo de 1809); gravado de Manuel Carballal, veciño do Serrapio, no vértice do piso da ponte (ano 1937); traslado do muíño de Sieiro (edificio anexo) a Codeseda (A Estrada) por mor do proxecto de construción do macroencoro de Dorna (anos 1986-7); espolio da cruz da ponte e da cruz da encrucillada, formantes dun posíbel viacrucis que unía as aldeas de Pedre e O Serrapio...
Signos lapidarios da ponte de Pedre
Ponte de Santo Antonio
Ponte de Cerdedo (ou de Santo Antonio), arquitectura medieval (século XII, reconstruída no XVII) sobre o río do Castro, afluente do Lérez; dous ollos asimétricos (un e mais aliviadoiro): o ollo central, baixo bóveda lixeiramente apuntada. Inscrición fundacional gravada na cara interior dos peitorís anteriores. Ponte dotada de cruz, tallamares e peitorís.
Espazo histórico, lendario e ritual: ponte feita polos romanos (“ponte romana”); ponte medieval, infraestrutura da ancestral Verea Vella; construída polo mestre canteiro Diego Saidoso (século XII); reconstruída polos canteiros Pedro Fortes e Pedro de Covelo (século XVII); conxunto arquitectónico: ponte, capela de Santo Antonio e cruceiro de ánimas; escenario do bautismo prenatal (enxembramento); fito do itinerario da Pantalla; escenario da esconxura do mal do aire; escenario do Home-troita (A Insua); gurgullo de augas caldas e salutíferas (antigos píos e bañeiros)...
Brasón do pazo de Chamadoira
En la zona inferior izquierda de este escudo he dibujado un león; pero en el original, toda la cabeza está borrosa y no sé si es de león o de cualquier otro animal. A juz- [reverso] gar por los demás miembros que en el original se observan, la cabeza debe ser también de león. La melena que a este león le he puesto tampoco la tiene el original.
El adorno que falta poner a éste escudo es análogo al ya dibujado”.
Brasón da casa-pazo de Chamadoira (parroquia de Cerdedo): Vállome para este punto do xa publicado en Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo (Solla, C.: 2002): O pazo de Chamadoira, sito no Lughar da Capela. O conxunto pacego abrangue as vivendas denominadas casa de Forlentina e casa de Cabanelas. Edificio do século XVIII. A casa de Forlentina, á esquerda do portal, presenta grande escudo coas armas dos Caamaño, Mariño e Castro (dimensións: 135 x 85 cm aprox.). A parede sur sostense sobre grosos piares e zapatas. A casa de Cabanelas, á dereita do portal, presenta encol dunha peaña unha estatua en pedra, orante, de Bartolomeu Cadavide García de Caamaño, crego fundador da capela (dimensións: 120 cm de alto aprox.).
Espazo histórico, lendario e ritual: pazo do século XVIII, obra atribuída á mestría de Pedro de Monteagudo (c. 1633-c. 1700); escudo dos Caamaño, Mariño e Castro; estatua orante de Bartolomeu Cadavide; vínculo con Manuel Barreiro Cabanelas (1867-1950), conde de Cabanelas ou conde de Covelo; capela de principios do século XVIII baixo a advocación de san Bertolameu; nun fornelo da portada exhíbese a imaxe do santo co demo pola cadea; o crego Bartolomeu Cadavide García de Caamaño (1645-1720), reitor de Salcedo (Pontevedra), foi o promotor do pazo e mais da capela; lenda da praga de lagostas sufocada polo santo: “O día de san Bertolameu ten o demo unha hora en por seu”; santo esconxurador da chispa (responso de san Bertolameu); santo acrecentador da colleita (mazarocas tributadas ao santo); o centeo bendicido de san Bertolameu aplaca o lume...
Os debuxos das pontes foron doados ao Museo por Ramona Sobrino Rivas, nai de Henrique Campo Sobrino. Os debuxos da gliptografía da Pontapedre e do escudo de Chamadoira pertencen á colección Casto Sampedro. Casto Sampedro Folgar foi o fundador da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra (1894) e director do Museo de Pontevedra dende a súa fundación (1927) até o seu falecemento, acaecido en 1937.
Con 16 anos, Henrique Campo Sobrino foi nomeado debuxante, colaborador e socio de mérito da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra e, pouco despois, correspondente da Real Academia de la Historia (Madrid). Campo Sobrino realizou os debuxos das pontes con 17 anos, o escudo de Chamadoira con 18 anos, e os apuntamentos gliptográficos con 19. Henrique Campo morreu prematuramente en Pontevedra en 1911, aos 21 anos de idade.
Igrexa de San Xoán de Cerdedo
Residindo en Pontevedra, é posíbel que Castelao se desprazar a Cerdedo co gallo dun mitin agrarista e, hospedado, na fonda de Durán (despois, A do Roxo), debuxase dende o balcón do antigo estabelecemento hostaleiro unha perspectiva do conxunto arquitectónico do templo e casa reitoral. Á esquerda da reitoral non hai indicio do edificio do asilo, xa que se comezou a construír en 1927. Albíscanse, si, nun segundo plano as lombas de Lourido e, de fondo, os cumes do monte do Seixo.
Ao fío, cómpre salientar que o debuxo que acompaña o relato de Castelao “A ponte vella” (1º libro de Cousas, 1926) é, ben seguro, a ponte de Santo Antonio de Cerdedo. A súa feitura debeu cadrar no tempo co debuxo do templo parroquial.
Igrexa parroquial de San Xoán Bautista: primitivo templo románico; ampliación de finais do século XVIII (1779 e ss.) promovida polo reitor Román Moas e Barreiro; os irmáns Xosé e Gregorio Neto foron os mestres canteiros artífices da reforma.
Espazo histórico, lendario e ritual: consonte o pobo, o templo orixinal edificouse sobre un lupanar; “Cerdediño, Cerdediño / Cerdediño prós amores / a fonte ao pé da estrada / e san Xoán no medio das torres” (copla popular); combate de san Xoán co Becho (dragón), lenda fundacional da parroquia: o Embigo do Becho; culto hexemónico do Ecce Homo (dende a súa adquisición, en 1777), talla de Gambino e/ou Ferreiro; os gavachos botaron ao chan a efixie do san Xoán torreiro (1809); tras o golpe de Estado de 1936, os franquistas de Cerdedo farán do Xesús flaxelado arma reboladiza; o Ecce Homo é avogoso do lume, das tormentas e da boa morte...
Muíño castrexo da Cerrada das Mámoas
O cerdedés Severino Bugallo Valiñas, Severino do Forno (c. 1892-1981), de oficio panadeiro, foi un político republicano vítima da represión franquista.
Brasón do pazo das Raposeiras
Luís Messía (Labras heráldicas del Museo de Pontevedra, 1991) anotou as dimensións da peza: alto: 45 cm, ancho: 35 cm. O escudo integrou durante anos a exposición lapidar disposta nas Ruínas de San Domingos (Pontevedra). Despois, foi retirado a dependencias interiores do museo.
Do 28 ao 31 de marzo de 2024, publiquei no xornal Faro de Vigo a colaboración intitulada “‘Cerdedo no tempo’, unha exposición imaxinada” (catro entregas). Dous dos sete obxectos enumerados aquí (o pé de muíño castrexo da Cerrada das Mámoas e o escudo do capitán Gosende) xa foran seleccionados co gallo da fantástica exposición. Á luz das novas achegas, os catro debuxos de Campo Sobrino e o debuxo de Castelao ocuparían xaora un lugar de honra na mesma. En copias enmarcadas, os cerdedeses deberiamoslles outorgar parede de realce nos nosos fogares.