O colectivo Capitán Gosende descobre unha tumba megalítica nos montes de Castrelo (Forcarei)
Calros Solla
A superficie montesa explorada abrangueu dende o sitio arqueolóxico do Campo dos Cans-Outeiro dos Corvos (Cerdedo: Tomonde/Figueiroa (Loureiro)), ao sur, até o sitio arqueolóxico do Campo das Antas (Forcarei: Castrelo (A Mámoa)), ao norte, contendo entremedias o sitio arqueolóxico estremeiro das Eiras dos Mouros: un continuum megalítico de case tres quilómetros lineais (antigüidade: uns 3.000 a. e. c.), ameazado dende hai anos por diversos proxectos eólicos que a veciñanza conscienciada e organizada foi quen, polo momento, de paralizar.
A relevancia, no mítico e no arqueolóxico (xacigos, lendas, achados...), da necrópole megalítica da Mámoa (canda a súa anexa: a necrópole megalítica do Campo dos Cans-Outeiro dos Corvos) fixeron merecentes aqueles predios da consideración de “espazo sagrado” a nivel comarcal (léase: Andrómenas e credos. Suma mitolóxica de Cerdedo e Montes, 2026, 2ª edición).
O cemiterio neolítico do Campo dos Cans-Outeiro dos Corvos estabelece, en Cerdedo, a estrema interparroquial Tomonde/Figueiroa (Loureiro): oito mámoas catalogadas (2 en Tomonde, 6 en Figueiroa; ortostatos graníticos) ás que lles engadiu unha novena –aínda sen catalogar–, da parte de Figueiroa, descuberta polo colectivo Capitán Gosende o 7 de marzo de 2020 (léase o artigo na web Historia de Galicia, 9-3-2020).
O cemiterio neolítico do Campo das Antas estabelece a estrema interparroquial Castrelo (A Mámoa)/Tomonde: sete mámoas catalogadas (noticia doutras tres, ilocalizadas ou destruídas; ortostatos metamórficos); amais do propio e elucidativo macrotopónimo “A Mámoa” (en singular), como ben o salienta o “Mapa de aproveitamentos forestais”, visor aloxado na web mapas.xunta.gal. Este aliñamento tumulario dispúxose en paralelo a unha verea ancestral, que pasou a nomearse camiño dos arrieiros unha vez consolidada a ruta comercial do viño do Ribeiro cara a Compostela. Engádase a maiores un gravado rupestre, atopado nas inmediacións da aldea da Mámoa, e aínda non consignado no devandito visor.
Entre o Campo dos Cans e o Campo das Antas esténdese o terceiro sitio arqueolóxico: As Eiras dos Mouros, aludindo a tres empozamentos estacionarios. (léase: “O misterio das Eiras dos Mouros”, Faro de Vigo, 16-3-2014). Neste predio longal sitúanse outras dúas mámoas illadas e catalogadas: a rexistrada como “Mámoa de Castrelo” e a monumental “Mámoa da Lagoa do Medio”, que ten por outro chamadeiro “Mámoa da Chá dos Augadeiros” (Tomonde). O microtopónimo “Augadeiros” pode facer referencia ás tales lagas estacionarias.
Volvendo á xornada de busca, caía a tarde cando, no medio do piñeiral e na latitude dos lugares de Murada e Coto Aciveiro, batemos cunha prominencia no terreo que, por mor da súa natureza pedrallenta, non se vira afectada pola roza mecánica aplicada recentemente sobre a exuberancia de fentos, toxos e silveiras, que naquelas lombas superan os dous metros de altura. O montículo, que destaca sobre a chaira circunstante –levemente costaneira–, sitúase na estrema interparroquial de Tomonde e Castrelo (a 710 m de altitude). A súa presenza é doadamente identificábel no visor sombreado ao dispor na web mapas.xunta.gal.
As dimensións do suposto túmulo prehistórico, contedor, ben seguro, dunha arca de ortostatos metamórficos, son semellantes ás dos xacementos catalogados na zona antedita (uns 20 m de diámetro), destacando neste moimento un profundo cráter de espoliación, no que arraigou un salgueiro de bo porte, e a gran densidade de cachotes de seixo branco que, á vista, recobren a súa coiraza.
A mámoa descuberta o pasado martes dista uns 300 m, cara ao nordés, da Mámoa 2 do Campo dos Cans-Outeiro dos Corvos (Tomonde), polo que, aínda que caia da banda de Castrelo, decidimos bautizala co nome de “Mámoa 10 do Outeiro dos Corvos”, á necrópole á que probabelmente se vinculaba na sagrada ritualidade.
De non ser mámoa, poderiamos estar diante da “canteira” que forneceu de seixo branco os construtores dos túmulos da redonda e cuxa extracción lograron grazas ao emprego de cuñas de madeira, percutores de pedra e o recurso combinado do lume e da auga para obrar as fracturas. Tras décadas de busca e atopa, constatamos que as mámoas daquel planalto teñen como denominador común a presenza deste cascallo rechamante espallado polas respectivas coirazas, malia que o descoñecemento e a actividade agrícola e forestal acelerase a súa dispersión e descontextualización (léase, a maior abundamento: Garrido Cordero, J. A.: 2015).
En Terra de Montes, 15 mámoas inéditas na conta de Capitan Gosende.
O pasado 28 de xullo cumpríase o terceiro cabodano de Xermán Fortes (oriúndo de Caroi), colega na angueira investigadora e benfeitor do Campo das Laudas, polo que, os de Capitán Gosende desexamos dedicar a descuberta deste xacemento a honrar a súa memoria. Sempre connosco, sempre na lembranza.
Feed RSS
