O 13 de agosto, o Colectivo Capitán Gosende depositará unha ofrenda floral na lauda do alcalde republicano de Cerdedo
Calros Solla
O colectivo Capitán Gosende apoia calquera mostra de consideración, respecto e gratitude (verdade, xustiza e reparación) dispensada aos valedores da II República e ás vítimas do xenocidio franquista e nada ten que obxectar aos fastos na honra do rexedor republicano cotobadés Antonio Pousada Pérez, ben ao contrario. Porén, semella necesario lembrar que, antes da componenda fusionadora, Cerdedo e Cotobade constituían dous territorios administrativamente independentes e así o eran o 18 de xullo de 1936, cando a dereita golpista atentou contra a legalidade republicana outorgada polas urnas uns meses antes. En conclusión, tanto en Cerdedo coma en Cotobade, a rebelión fascista converteu os seus respectivos alcaldes en vítimas da represión. Xa que a memoria é feble, lembremos tamén que o alcalde republicano de Cerdedo era o egrexio Antonio Sueiro Cadavide, Antonio do Lagharto, quen, polos seus faceres e pareceres, é considerado polo pobo o mellor alcalde do municipio.
Lemos na prensa “que o día 13 de agosto haberá unha homenaxe á figura de Antonio Pousada Pérez, descubríndose unha placa conmemorativa na casa onde viviu”. Ben haxa, pero entón, non é de xustiza que o alcalde republicano de Cerdedo sexa merecente dun recoñecemento semellante?
O colectivo Capitán Gosende informa que, co obxectivo de contrarrestar o terríbel desaire institucional e compensar na medida do posíbel o agravio comparativo, na mañá do xoves 13, ás 12 horas, celebrarase no memorial do Campo das Laudas (Meilide-Cerdedo) unha homenaxe a Antonio Sueiro Cadavide, no que se depositará unha ofrenda floral ao pé da lauda do alcalde republicano de Cerdedo, monólito nominativo fincado naquela herbeira hai case unha década: o 13 de agosto de 2017; o xornal Faro de Vigo do día seguinte titulaba: “Cerdedo loita contra o esquecemento”. Para quen teña interese en saber da vida e obra deste ilustre (e esquecido) cerdedés procure a información nas edicións comarcais de Faro de Vigo do 8, 10, 11 e 15 de xaneiro de 2017: “Antonio Sueiro Cadavide, o mellor alcalde de Cerdedo”.
E posto que falamos de “placas conmemorativas”, esixímoslle á autoridade cerdedesa que, no cumprimento da Lei de Memoria Democrática, faga desaparecer os rótulos que nunha rúa da localidade lembran o alcalde franquista e xefe local de Falange Manuel Gutiérrez Torres; suxeríndolle, así mesmo, que non desaproveite a ocasión de substituír o nome dun nefando alcalde franquista polo nome de Antonio Sueiro Cadavide, labrego, canteiro, gaiteiro, emigrante, líder agrarista e alcalde republicano de Cerdedo.
Feed RSS
