No acto, contamos coa presenza de persoas que nos prestaron o seu apoio a nivel particular e tamén coa asistencia de representación institucional do BNG e do PSOE.
Desde Queremos Galego da Estrada facemos un chamamento a toda a cidadanía para que participe na manifestación nacional en defensa da nosa lingua que, baixo o lema “Lingua vital, xa!”, percorrerá as rúas de Santiago de Compostela o domingo 23 de febreiro, día de Rosalía. Partirá ás 12:00 da Alameda e rematará na praza do Obradoiro, onde está previsto celebrar unha actuación musical. A lingua é vital para a existencia de Galiza e os poderes públicos teñen o deber de garantila, en todos os espazos e para todos os usos. Esa é a razón do lema da manifestación: “Lingua vital, xa!”. Do mesmo xeito que coa obra de Rosalía rexurdiu a literatura galega no século XIX, o día do aniversario do seu nacemento comezará a rexurdir o noso idioma co compromiso e a implicación do pobo galego.
Diante da situación de emerxencia que vive o galego (posta de manifesto de forma patente nos datos que achega a enquisa do IGE publicada en outubro de 2024, que poñen en evidencia uns baixísimos niveis de coñecemento e de uso, inéditos en toda a historia da nosa lingua), é obvio que cómpre un cambio de rumbo total na política lingüística da Xunta de Galiza. A actitude da Xunta, nos últimos quince anos caracterízase pola hostilidade contra o galego e pola exclusión da nosa lingua en todos os ámbitos: cada vez máis impedimentos para o uso do galego na administración, na xustiza, no audiovisual, no ensino... En concreto, este último é un dos espazos onde a política contra o galego se fixo de forma máis perversa e resultou máis daniña; urxe a derrogación do Decreto de Plurilingüismo para o Ensino, que entrou en vigor no ano 2010 e que supuxo na práctica a eliminación do galego nas aulas de Educación Infantil e a prohibición do seu uso en Primaria e Secundaria nas materias de maior carga horaria, coas consecuencias que hoxe sabemos: unha porcentaxe dun 30% de nenos e nenas de 5 a 14 anos non saben falar galego. A Xunta de Galiza, malia a súa obriga de garantir o galego en todos os espazos e para todos os usos, ten como obxectivo real a morte da nosa lingua.
Por isto, a plataforma Queremos Galego anima a toda a sociedade a mobilizarse por un novo rumbo para a lingua, que debe comezar pola reactivación dos obxectivos do Plan Xeral de Normalización Lingüística, aprobado por unanimidade no Parlamento en 2004; a elaboración dun calendario de acción 2025-27 para a aplicación e actualización de todas as medidas dese Plan e cos recursos necesarios para levalo a cabo. Se o PXNLG era necesario hai 20 anos, hoxe é urxente, é cuestión de vida ou morte para a nosa lingua.
O Conselleiro de Cultura e Lingua accedeu por fin a recibir á Mesa pola Normalización Lingüística. Nese encontro, a entidade de defensa da lingua amosou a súa disposición a colaborar na reactivación do PXNLG, como grande acordo nacional pola lingua, sempre que fose no marco dun proceso con ampla participación social e transparente.
A Xunta de Galiza nomeou de forma unilateral unha comisión, da que quedaron excluídas ducias de entidades e sectores sociais. Trátase dunha comisión carente de transparencia, pluralidade e participación; creada á medida dos intereses da Consellería. Descoñecemos cal vai ser o seu funcionamento, os seus obxectivos ou quen e como se van asumir os acordos. A realidade amósanos que esta comisión non é máis que unha farsa organizada para aparentar que se van tomar medidas, cando en realidade non hai intención de facer absolutamente nada en favor do galego. Pola contra, nestes últimos meses, o goberno galego continuou coa súa política lingüicida: exclusión do galego na Lei da Intelixencia Artificial, posibilidade, por primeira vez, de contratación de funcionariado interino que non coñece o galego, nova lei que abre a porta a que se introduza o castelán na TVG, exames en castelán para acceder a un posto de traballo na CRTVG, votación do PP en contra da oficialidade do galego na UE…
E para lexitimar a política agresiva contra o galego que levaron e levan a cabo, a Xunta encargou, como alternativa aos datos do IGE, unha enquisa a unha empresa privada O que se fai público non é máis que un panfleto da Xunta, que presenta inconcrecións e amosa erros (non se dá a coñecer a ficha técnica do estudo estatístico, ofrécese unha interpretación dos resultados sen amosar as preguntas concretas, a mostra está mal escollida…). Ademais, trátase dunha enquisa que analiza as percepcións sobre a lingua e non os usos. Á Xunta non lle interesa que se saiba a realidade, abóndalle coa percepción que a poboación ten. Pero a realidade é sempre teimuda e, neste caso, alarmante.
O día 23 de febreiro vaise demostrar que hai un clamor unámine na sociedade galega, que non vai consentir que as cousas continúen así e que vai esixir á Xunta de Galiza unhas verdadeiras políticas normalizadoras, que se teñen que levar a cabo contando coa participación da sociedade e das organizacións representativas de cada un dos sectores sociais.