Para a ocasión, percorreuse con fundamento o escaparate lendario resultante da combinación das rutas R3 e R4 (itinerario Chan de Mamas>Outeiro do Castro), facendo parada nas estacións arqueomíticas da Fontefría (mitemas da vea de ouro e do tesouro agochado), o outeiro do Coto (cimeira da serra do Cando: 1.015 m de alt.), as lagoas de Xestido, o outeiro da Cama (recanto propiciador da fertilidade humana), a Laxa Mosqueira (albo favorecedor da fertilidade animal), as Pedras Quileiras (petoutos cabalados e de embade), a mámoa de Xestido e as Pedras Ghiadas (túmulo e aliñamento megalítico), até chegar ao pé da peneda do outeiro do Castro ou Castro Ghrande (mitema da moura casadeira –a Pedra do Talle–, o rato Rabisaco, a Besta Branca, a galiña dos pitos de ouro…). Completouse a andaina coa visita a Portalén e ao Marco do Vento. Como procede, a actividade rematou cun xantar de fraternidade na comarca.
Dende a data de creación dos Roteiros da Montaña Máxica, Capitán Gosende guiou xa a 5.465 visitantes, que, a través dos anos e por canles diversas, nos fixeron chegar o seu interese por coñecer os trazos da nosa cultura que se omiten nas webs oficiais.
Feed RSS
