Este luns, 22 de xullo, comezou unha nova intervención arqueolóxica no Castro Valente (Padrón)
“Xa van case 10 anos dende que comezamos a documentación deste xacemento,” explica Mario Pereiro, “agora temos que afinar as hipóteses que temos, que esperamos que nos clarifique a escavación arqueolóxica.” O Castro Valente é un recinto fortificado situado nas parroquias de Herbón e Carcacía, no concello de Padrón, cunha superficie superior as 11 ha de extensión. “O seu recinto defensivo está moi ben conservado,” comenta Jose Carlos, “mais nos falta información de como se artellaba no seu interior.”
A intervención durará dúas semanas e estenderase até o venres 2 de agosto. Centrarase na zona norte do xacemento, nunha zona proxima a xa intervida na campaña anterior. “Coñecer cando foi ocupada, permitirá desenvolver hipóteses de para que foi construída esta fortaleza,” comenta Mario Pereiro.
Esta intervención é cofinanciada entre o concello de Padrón e a Universidade de Santiago de Compostela. Ao igual que outras intervencións organizadas por ‘Castelos no aire’, esta campaña estará ‘aberta por escavación’, facendo posíbel a calquera achegarse ao xacemento durante os traballos e recibir unha explicación por parte do equipo.