Nacemento do río Umia
Os dous trazos de identidade que máis definen un río son o lugar de nacemento e o de desembocadura, entre os que discorre o curso principal, alimentado polo caudal que lle achegan os seus afluentes ao longo do percorrido. Identificar a desembocadura dun río resulta doado; porén, descubrir o lugar de nacemento adoita ser complicado e ás veces motivo de polémica porque as fontes que forman a cabeceira acostuman a ser varias e difíciles de identificar pola escasa corrente e polas dificultades de acceder a elas. No caso da nacente do Umia parece que non hai dúbidas de que se produce no lugar da Reigosa, na parroquia de Aciveiro (Forcarei). Nun prado enchoupado, entre xuncas, agurgulla a auga que forma o arroio da Reigosa, ao que se unen pouco despois o de Filloi e Alende, dando así orixe a un importante río que percorrerá 68 quilómetros ata a súa desembocadura na ría de Arousa. ´