A Casa da Condesa (ou do Piñeiro) en Santa Mariña de Ribeira
José Manuel Bértolo Ballesteros e Luís Ferro Pego
O concello de A Estrada foi berce do marquesado de Guimarei, do condado de Ximonde e do vizcondado de Oca (previo ao condado de San Miguel das Penas), pero ademais tivo na súa veciñanza ao marqués de Santa Cruz, aos condes de Mos, aos condes de Ramirás... e ao III conde de Pallares. Efectivamente na parroquia de Santa Mariña de Ribeira atopamos a chamada “casa da condesa” ou do Piñeiro, onde no século XIX viviu o III conde de Pallares e a súa esposa “a condesa”. Os Pallares, orixinarios de Baamorto no concello de Monforte de Lemos, atinxiron o título de conde o 10 de febreiro de 1816 en tempos do rei Fernando VII.
O III conde de Pallares, Manuel Taboada Pallares, foi o primeiro desta familia que viviu en Ribeira na casa do Piñeiro. Estaba casado con Loisa Fontán e Lomba (Pobra do Caramiñal, 1786-Ribeira, 1869). Sendo veciños de Ribeira e como a igrexa parroquial fora inaugurada en 1778, o conde entregou 320 reais para pintar o seu retablo e logo a súa señora deu 400 reais máis co mesmo fin. Sería neste momento cando puxeron o escudo pétreo do conde na fachada da igrexa e outro pintado dentro, nos que pode ver nun cuartel do escudo un brazo armado cunhas espigas de trigo. Segundo unha lenda, en tempos da reconquista un ascendente do conde salvou a cidade de Lugo que estaba asediada polo rei mouro. Aproveitando a escuridade da noite, saíu da cidade e recolleu unha manchea de trigo, e ao día seguinte pola mañá tirou as espigas recollidas aos pés do rei mouro. Este crendo que a cidade recibira reforzos, desistiu e marchou.
Non tiveron fillos polo que o conde deixou como universal herdeira á súa muller, exceptuando algúns morgados que debían pertencer a algún membro da familia Taboada Pallares.
O conde morreu en Ribeira en 1855 e foi enterrado diante da igrexa parroquial cuxa sepultura se pode ver aínda agora. Loisa deixou á súa irmá Xoana como usufrutuaria e a seus sobriños como herdeiros. A herdanza comprendía casas, terras e rendas en Tabeirós, Caldas, Noia, Castropol, Lugo, Chantada, Sarria, Monforte, Arzúa e Lalín, todo isto valorado en 43.887 escudos no ano 1869. Para darnos idea do seu valor, a
casa do Piñeiro cos seus anexos e unha horta arredor de 125 áreas valoráronse en 1000 escudos, é dicir, que a herdanza equivalería a máis de 43 propiedades como esta.
A casa e terras de Ribeira herdounas a súa sobriña Manuela Santos Fontán, que por non ter descendencia lla deixou a seu irmán Xosé, que estaba casado con Xosefa Hermo. Sucedeulle a súa filla Emerenciana Santos, que casou con Leoncio Puente, natural de Ferrol. O novo dono foi seu fillo Ricardo Puente Santos, que casou en Ribeira o ano 1927 con Leonor Fernández Soler, nacida na illa de Arousa. Trala morte de Leonor en 1980, pasou a herdanza á súa filla Ma Teresa Puente Fernández, que é a actual propietaria. María Teresa casou en Montreal (Canadá) en 1955 con Anatole Lanevschi, natural de Cocorozene (Rumanía) e falecido en Teo no ano 2006. Tiveron unha filla chamada Ana Lanevschi Puente, que será a súa sucesora.
Actualmente o VII conde de Pallares é don Lois Vázquez de Puga e Gutiérrez de Arroyo, enxeñeiro de profesión e casado con Carme de Juan, nacida en A Coruña.
* Capicúa. 26-11-2012