A Estrada na obra de Castelao
Paulo Porta Martínez
Os vencellos de Castelao coa Estrada son sobradamente coñecidos no terreo persoal, xa que en 1912 casou na Vila con Virxinia Pereira e na Estrada naceu o seu único fillo Alfonso, morto en 1928, con só 14 anos. En números anteriores desta mesma revista apareceron xa referencias sobre isto debidas a Don Avelino Pousa, e aos recordos de Dona Xosefa Varela. Para ver a importancia que para Castelao tivo a nosa localidade abondarían estes datos, que aparecen nas biografías e nas cronoloxías sobre a súa persoa.
A achega que eu pretendo facer ao coñecemento desta relación é a recollida doutro tipo de testemuña, que son os debuxos, viñetas e pinturas do rianxeiro nos que se poden recoñecer motivos estradenses. Recuperando un traballo que foi exposto con diapositivas no contexto do 1º Simposio de Literatura Estradense, organizado pola Asociación Cultural “A Estrada” en 1987, podemos dar conta dunha serie de imaxes nas que aparecen lugares do noso Concello ou limítrofes, relativamente numerosa. Relativamente porque a moitos non lles parecerá especialmente importante un número que ronda os 40, dentro da inmensa obra gráfica deste autor, pero hai que ter en conta algunhas peculiaridades da maneira de producir de Castelao:
En primeiro lugar, na obra de Castelao hai unha tendencia evidente a tipificar, a criar personaxes e elementos arquetípicos, que fai que na maioría dos seus debuxos nen as personaxes nen os elementos do entorno ou da paisaxe se relacionen con persoas e lugares concretos. Realmente, moi poucos hai nos que se recoñezan lugares que non sexan de Rianxo, Pontevedra, A Estrada, e algunha vez Santiago.
Por outra banda, na sua obra gráfica e literaria hai unha serie de reiteracións características: frases, argumentos, anécdotas e imaxes que se manteñen a través do tempo ligadas a determinados temas. Do mesmo xeito, por exemplo, que o seu forte anticaciquismo aparece relacionado sempre con vivencias da sua infancia e mocidade en Rianxo, veremos aparecer os temas do agrarismo e da emigración asociados respectivamente a Guimarei e Ouzande.
Podemos facer distintas hipóteses das orixes destes vínculos, pero o interesante é que os máis importantes estudosos de Castelao sitúan a sua madurez ideolóxica, e por tanto un dos puntos clave da historia do galeguismo, en torno ao ano 1915. Isto permite pensar que deberon ter moito peso na súa evolución os anos inmediatamente anteriores, precisamente aqueles nos que máis se achegou á Estrada.
A primeira parroquia á que me vou referir é Guimarei. Arredor de 1911-12 Castelao fixo dúas acuarelas que representan o Pazo coa Torre, unha pola fachada principal, co arco que dá entrada ao recinto do edificio, e a outra pola parte traseira. Consérvanse as dúas no Museo de Pontevedra, o mesmo que outros debuxos a lapis que recollen o escudo da porta principal do Pazo e o cruceiro do lugar, que aparecerá anos despois no seu traballo “As cruces de pedra na Galiza”. Tamén existen no Museo dous apuntes moi curiosos das gradas de acceso á igrexa da parroquia.
Eran estes anos dunha intensa actividade agrarista na Comarca, con líderes locais como Torres Agrelo, Garcia Barros, e outros achegados nesta época como Chinto Crespo, Losada Diéguez e o mesmo Castelao. Foi moi soado o mitin de 1912 no campo da Feira que contou entre outros co crego Basilio Álvarez. A vehemencia do líder da Liga de Acción Gallega nos actos desta época foi retratada por Castelao en varias caricaturas de todos coñecidas. O agrarismo pretendía principalmente a redención dos foros que os propietarios das terras impuñan aos traballadores do agro. A implicación do Pazo de Guimarei nestas disputas non a coñecemos, pero por oportunidade simbólica ou por outras razóns, será a imaxe que acompañará a crítica gráfica de Castelao, como vemos no tema “Dous vellos amigos: os foros e as oblatas”.
Aparece primeiro esta imaxe como debuxo a pluma na revista Suevia, en 1916, e posteriormente con carbón e augadas na lámina 13 do álbum Nós. O Pazo coa torre e unha igrexa acompañan ás figuras dos protagonistas: o crego e o fidalgo. O Pazo de Guimarei aparecera xa nunha das versións de “El último hidalgo de gotera”, de Luis A. Del Olmet, concretamente a publicada en La Ilustración española y americana (1915). Tamén nestes anos aparece en varios óleos, como o célebre “Conto de cegos”, co que Castelao gañou unha medalla na Exposición Nacional de Bellas Artes de 1915, unhas veces é máis recoñecible e outras menos, como no nº 39 de A Nosa Terra (nadal de 1917), no debuxo “O maor contribuente”, no que pazo e torre están xa moi esquematizados, o mesmo que a silueta do Pico Sacro, do que tamén hai apuntes no Museo de Pontevedra e que aparecerá en outros cadros, como o da “Moza con cabuxa” que hoxe está no Recreo Cultural. No debuxo de A Nosa Terra reaparece a cuestión agraria, o mesmo que anos despois na viñeta “Escoita este refrán...”, en Galicia de Vigo (xaneiro de 1924).
No número anterior fixen algúns comentarios sobre a presencia da torre e do pazo de Guimarei en varios debuxos de Castelao, recuperando unhas notas esbozadas hai anos, e que seguirei desenvolvendo a continuación. Neste intermedio tiven noticia de que outro traballo debido a Xosé Manuel Castaño, tamén sobre A estrada na obra do debuxante rianxeiro, será incluído no primeiro número do boletín “A Estrada: miscelánea histórico-cultural”, que en breve publicará o Padroado do Museo do Pobo Estradense. Ademais dunha boa nova, será referencia obrigada para aquelas persoas nas que as miñas notas aviven o interese por este tema.
As crónicas dos amoríos de Castelao con Virxinia Pereira arredor de 1910 falan de abundantes paseos pola zona de Ouzande. A igrexa da parroquia, e máis concretamente a súa ábsida románico, que se recoñece facilmente por non ter columnas adosadas, coroado pola figura do agnus dei cunha voluminosa cruz de Malta, aparece repetidamente nas súas viñetas. Probabelmente a orixe destes debuxos son un esbozo a lapis e un coñecido óleo sobre cartón conservados no Museo de Pontevedra. O cadro describe con detalle a cabeceira da igrexa, que logo aparece formando parte dun debuxo a lapis e acuarela denominado “Rectoral” no que aparece no primeiro plano o edificio que lle dá o nome, que provén posibelmente doutro apunte nun lugar que descoñecemos, pois non corresponde a Ouzande. Igrexa e reitoral aparecen de novo en disposición parecida no cadro “O cura de aldea”.
Paralelamente, a igrexa será incluída en viñetas como a que apareceu en 1914 na “Voz de Galicia” de Bos Aires na que dous mozos bailan no campo da festa –recoñécense perfectamente as figuras da ábsida e o agnus dei- ou a lámina, tamén do museo pontevedrés, titulada “O consello do pai”. Esta última establece outro deses interesantes vínculos entre un motivo gráfico e un tema concreto, que neste caso é a emigración. A escena do pai tentando convencer con probes argumentos ao fillo para que non abandone a Terra aparece polo menos noutras catro ocasións entre 1915 e 1918, na citada “Voz de Galicia” bonaerense, en “El Sol” de madrid e no álbum “Nós”, sufrindo leves variacións tanto no gráfico como no texto que as acompaña. Esta evolución, comentada por Xosé Mª Monterroso no seu traballo “A emigración en Castelao” de 1987, e analizada tamén no anunciado estudo de Xosé M. Castaño, obsérvase tanto nas figuras como no fondo, no que a igrexa de Ouzande é substituída primeiro por unha árbore rexa e ampla de follaxe, e logo por dúas árbores cativas e derramadas. Na versión do álbum “Nós” o pai, encorveirado e vello, cede o centro da imaxe ao fillo, que mudou o aceno de optimismo e desatención pola gravidade dunha decisión difícil. A tensión compositiva é moito máis acusada e a silueta escura das árbores está xa moi depurada. Ademais de seren o contrapunto das figuras, as árbores podadas son a metáfora da vella Galiza castrada pola emigración.
É significativo que as mesmas árbores aparezan anos despois na lámina “A derradeira lección do mestre” no primeiro dos álbums da guerra: “Galicia mártir”, e tamén é de salientar o feito do que Castelao, debuxante con moita facilidade de figuración, insista tantas veces en comunicar unha idea cuns elementos determinados. Dende logo, isto fai pensar que había unha razón para este vínculo, e aínda que non teña maior interese comprobar se a escena e as personaxes foron tomadas dun caso real, parece verosímil que algún feito particular marcase na sensibilidade do artista a necesidade de denunciar o inxusto desta situación. Esta posibilidade vén suxerida pola localización concreta que dá a igrexa de Ouzande e polo destino –Bos Aires- apuntado en dúas das versións, tendo en conta que estas concrecións eran pouco frecuentes no conxunto da sua extensa obra gráfica.
A emigración foi unha grande preocupación para Castelao, el mesmo fillo de emigrantes. Arredor deste tema tomaron forma símbolos e personaxes característicos. A maiores de retratar a vaidade dos “indianos” enriquecidos no alén mar, Castelao dedica numerosos debuxos ao drama da maioría dos emigrados que retornan arruinados ou sen forzas máis que para morrer. O retornado aparece en distintas situacións: sentado en soidade en “Era forte com’un croyo”, acamado en “Eu non quería morrer alá, ¿sabe, miña nai?”, ou agoniante en “El médico: -Cheguei tarde”. Protagoniza varias destas viñetas unha figura que aparece no debuxo “Por ganar un pouquiño máis de diñeiro, Farruco chega tarde pra revivir”, con dúas novidades interesantes: o nome da personaxe, e novamente a igrexa de Ouzande sinalando unha orixe xeográfica concreta na escena. Isto, que non debe ser casual, respalda as miñas impresións de que na obra gráfica de Castelao pode sentirse a importancia das vivencias que A Estrada aportou a unha das persoas máis destacadas da historia galega.
Se a cantidade de lugares estradenses que aparecen en diferentes ocasións nas pinturas e debuxos de Castelao falan do especial achegamento dun dos máis ilustres galegos coa nosa vila, Ouzande ocupa ademais un lugar destacado dentro desta presencia. Resulta 1óxico, considerando a proximidade da parroquia e a vecindade coa casa da que foi a súa dona, Virxinia Pereira, que Castelao tivese ocasións sobradas de percorrer esta zona durante aqueles anos. Vimos no número anterior que a igrexa foi motivo para algúns apuntes e mesmo un óleo, e que despois, ao longo do tempo, acompañou moitas das reflexións gráfico-textuais que o rianxeiro fixo sobre un tema tan dramaticamente sentido como a emigración. Tampouco é casual que fose a parte traseira da igrexa a que provocase o interese do pintor. Noutras parroquias do concello podemos ver como na parte da ábsida é onde a maioría dos templos románicos conservan máis da súa construción orixinal.
Sabemos da importancia que Castelao daba ás manifestacións da arte popular e da tradición, que o levou por un lado a facer enormes esforzos por establecer as bases estéticas dunha arte intrinsecamente galega, e por outra parte ao estudo das formas da arte popular, participando mesmo en excursións e traballos arqueolóxicos. Nos anos vinte, este tipo de actividades de carácter marcadamente galeguista tomaron forma en importantísimas iniciativas como a creaci6n dun Centro de investigacións históricas focalizado en Pontevedra. Máis tarde virían o Seminario de Estudos Galegos e o Museo de Pontevedra. No nacemento de todos estes órganos de produción cultural estivo implicado Castelao, tendo tamén un papel destacado Lousada Diéguez.
En 1928 Castelao segue de preto as obras de rehabilitación do edificio que había de albergar o Museo de Pontevedra, coincidindo cun dos momentos máis desgraciados da súa vida: a morte do seu fillo Alfonso, nacido na Estrada 14 anos antes. O Museo, que hoxe acolle a súa biblioteca particular e a maior colección de cadros e sobre todo debuxos da súa autoría, é visita obrigada para calquera estudoso ou admirador da súa obra artística. Nos seus fondos está a maioría dos debuxos e cadros a que me refiro nesta serie de artigos. Pero a maiores da súa propia produción, existen alí pezas de grande valor que el mesmo acadou, procedentes de Rianxo ou A Estrada. Refírome neste caso á escultura antropomorfa con inscricións, probábel estela funeraria, localizada en Ouzande e levada a Pontevedra por mediación de Castelao, quen describe en dous debuxos a situación orixinal da peza, servindo de soporte a unha cancela de madeira ao pé dun hórreo. Noutro debuxo a lapis representa con máis detalle esta escultura, que vai empregar como motivo noutras dúas ocasións, ofrecendo no seu contraste outra mostra da complexa personalidade e da variedade de recursos gráficos na que se movía o autor de Rianxo. Por unha parte aparece nunha característica viñeta de “Cousas da vida” na que dous homes fan o seu particular comentario sobre o monumento. Moitas outras veces, co seu coñecido instinto humorístico, Castelao contesta coa sinxeleza da sabedoría popular a grandilocuencia de políticos, historiadores e homes de letras, como el definía a esa clase intelectual da que tamén formaba parte.
Por outra banda, e despois dunha viaxe pola Bretaña francesa da que saíu un magnífico estudo sobre os cruceiros bretóns, Castelao prepara a que con diferencia será a súa obra etnográfica máis importante: “As Cruces de pedra na Galiza”. O primeiro destes traballos fora editado en 1930 polo Seminario de Estudos Galegos, e esta mesma institución preparaba a publicación de “As Cruces...” cando foi disolta en 1936. O autor acabou recuperando o traballo orixinal en Bos Aires, e publicouse finalmente en 1950. A estela de Ouzande aparece no libro ilustrando os comentarios sobre a posibilidade de que as estatuas-menhir, como el as denomina, sexan o antecedente formal das estelas discoideas, e por tanto dos elementos circulares asociados ás cruces funerarias. O debuxo aparece transformado para a ocasión nun esquema a pluma punteado, característico dos deseños arqueolóxicos, moi diferente ás láminas marcadas pola intencionalidade expresiva que el facía habitualmente, pero parello en destreza e dunha sensibilidade fondamente expresiva dentro da obxectividade que o traballo científico require.
Noutras páxinas de “As Cruces de pedra...” e no mesmo estilo, atopamos da igrexa de Ouzande a figura do cordeiro místico coa cruz, e a de Cristo nos brazos da virxe que corresponde ao cruceiro próximo á entrada do templo. Na páxina onde nos ofrece a variedade de labras con que rematan os brazos das cruces, aparecen as correspondentes ao cruceiro de Guimarei e a este outro, que podemos ver logo dende dous ángulos diferentes nunha das láminas feitas con augadas de tinta da parte final do volume, co número LIX. Por último, rematando o referente a Ouzande nesta magna obra, a lámina XL representa o Cristo dun cruceiro posterior e máis sinxelo, situado por detrás da igrexa, no actual campo da festa. Esta figura desprendeuse hai anos e só quedan na cruz as mans e parte da roupaxe.
Como temos descrito nas anteriores entregas, a maioría das numerosas referencias á Estrada en pinturas e debuxos de Castelao aparecen relacionadas coas parroquias de Guimarei e Ouzande, seguramente os lugares máis visitados por un home inquedo, dinámico e afeccionado aos paseos. Nesta última parte trataremos da presencia na súa obra gráfica de outras partes do concello e algunhas dos arredores, comezando polo Pazo de Oca, xa daquela lugar de visita inescusable polo seu interese monumental.
Coñecemos dous debuxos feitos por Castelao que describen os bancos da entrada ao grande corredor dos tileiros, na zona central dos xardíns, e a fonte labrada en pedra na parede do edificio pola que se accede ao recinto axardinado. Están feitos de xeito minucioso e con moito detalle, aínda que as anotacións de arquitectura pacega, que aparecen de forma sintética nalgunhas viñetas, non foron logo empregadas en ningún dos seus traballos etnográficos, como outras imaxes de tipo relixioso. Con todo, a fonte do segundo debuxo é a que aparece logo na derradeira das narracións que compoñen o seu celebrado libro de relatos “Cousas”: Chamábanlle a marquesiña. O mesmo que as personaxes que vimos nas viñetas relativas á emigración, ambientadas con referencias a Ouzande, a “marquesiña” simboliza no seu particular e irónico destino a condición dos desfavorecidos, mais á parte do evidente fondo social do paradoxal relato, é descrita con tal compaixón e humanidade, que sentimos detrás a presencia dunha persoa e dunha historia real, non necesariamente do Pazo de Oca.
Son interesantes tamén como personaxes os rapaces que protagonizan algunhas famosas viñetas da serie Cousas da vida. Como contrapunto aos razoamentos dos seus maiores, a inocencia dos nenos cuestiona radicalmente a realidade imposta. Algúns, con quince anos xa non cren en Deus; outros queren saber se os que viven na outra banda do Miño son máis “extranxeiros que os de Madrí”, e outros moitos desobedecen, escapan á escola e rebaten as ensinanzas dos mestres. Nunha viñeta dous destes rapaces dubidan de que o sol estea quedo, como predica o mestre, no alto dunha pequena ponte que pode ser a do rio Liñares. X. M. Castaño, no seu traballo sobre este mesmo tema, afirma que se trata da ponte vella de Liñares, e eu sempre defendín esta posibilidade, aínda que non é tan demostrable como outros casos comentados. No Museo de Pontevedra hai outras dúas versións da mesma ponte, unha delas cos rapaces e outra sen eles. Só esta última presenta o detalle preciso para ver que coincide coa ponte de Liñares, mesmo no petril parcialmente perdido pero, curiosamente, do lado contrario que na realidade.
A pouca distancia do lugar de Ponte Liñares, na parroquia de Lagartóns, hai un cruceiro que se conserva con dificultade. Un aro e grapas de ferro manteñen de forma precaria das figuras. Os brazos da cruz non están, e probablemente faltasen xa cando Castelao debuxou a Virxe sostendo a Cristo, para incluíla na documentación gráfica do libro As cruces de pedra na Galiza. Esta obra recopila como vemos un bon número de testemuñas gráficas sobre A Estrada, e tamén algunha nota verbal, como a referencia ao cruceiro do lugar da Gándara, en Santa Cristina de Vea, con lenda incluída, tomada dun traballo de Fermín Bouza Brey e por tanto sen debuxo. Tampouco sabemos se chegou a debuxar a fonte da actual Praza da Farola, á que se refería como “fonte cantareira” nas primeiras páxinas do “Sempre en Galiza”.
Para rematar, veremos como algúns lugares limítrofes co noso concello foron tamén obxecto do lapis de Castelao. Outra cruz recollida en As cruces de pedra procede da parroquia de Sarandón, e o Pico Sacro, que asoma ao norte dende o outro extremo do val do Ulla, aparece caracterizando o horizonte en varias pinturas daqueles anos en que o rianxeiro frecuentou A Estrada. Noutra dirección é digna de mención unha serie de debuxos sobre o mosteiro de Carboeiro: dúas vistas da entrada coa igrexa, unha vista de todo o conxunto, e detalles dun pórtico e da ábsida do templo. Estas obras de grande interese, conservadas no Museo de Pontevedra, son pouco coñecidas porque non tiveron aplicación nas ilustracións e viñetas que fixeron famoso ao seu autor. Sí que é moi coñecida a caricatura que fixo dun destacado veciño daquelas terras: o gaiteiro de Soutelo, Avelino Cachafeiro.
De Soutelo de Montes temos outra mostra no agnus dei da reitoral da igrexa da Madalena. Cunha cruz de aspas bilobuladas, ben diferente do que vimos de Ouzande, aparece tamén en As cruces de pedra, en dúas versións. Nunha delas aparece a figura illada e na outra sobre o dintel dun portalón de dúas follas. A mesma vista ampliada desta entrada serve de fondo noutra viñeta na que de novo dous nenos desobedecen as normas do cura. A igrexa da Madalena e a reitoral desapareceron hai tempo. Coa mesma pedra foi construído un novo templo máis arriba, no mesmo Soutelo, e neste novo emprazamento a figura debuxada por Castelao segue a coroar o portal de entrada á reitoral.