<Emancipación labrega> do libro "Manuel García Barros, loitando sempre", relato da loita agraria que desembocou na revolta de 1915
Xoán Carlos Garrido Couceiro
Se ben xa no 1898 se pode datar a constitución dunha Sociedade Agraria na Estrada, será o pulo que lle imprimirá o grupo de El Estradense, e máis concretamente a familia Losada, o que provocará a partir de 1903 a implantación masiva do agrarismo neste Partido Xudicial. A orientación deste asociacionismo conecta coa doutrina social da igrexa defendida polos seus promotores, e nun principio, A Estrada, xunto coa comarca do Carballiño serán os grandes bastións do Agrarismo Católico galego.
Pero a organización do campesiñado xeraba unha dinámica que ía máis alá da intencionalidade con que era promovida. Os labregos participaron masivamente nas organizacións agrarias, e aínda que foran dirixidas por notarios, médicos, avogados, etc... pronto estes dirixentes se viron na necesidade de contentar á súa clientela facéndose eco das súas inquietudes e encamiñando o movemento agrario en tres direccións complementarias:
A estrutura organizativa respondía ás realidades comunais que viñan de ser ocultadas pola instalación das institucións do nacente Estado Liberal: a parroquia e a comarca. Tendo como obxectivo, daquela non realizado, a construción dunha organización a nivel galego establecida en todo o país (que logo concretaríase en Solidaridad Gallega ou Acción Gallega con todas as matizacións necesarias polo seu grao desigual de implantación).
Manuel García Barros, que constantemente proclama, como unha das súas teimas permanentes, a loita pola cultura do labrego e pola mellora do seu nivel de vida; atopábase, neste contexto de explosión eufórica do movemento agrario, moi animado polas perspectivas que agoiraba a esta formulación da organización da acción social.
O feito de adscribir este movemento doutrinalmente ao sindicalismo católico non é tan relevante como a composición del, e as estratexias que levan a cabo. O catolicismo é utilizado segrarmente como doutrina de entrega solidaria a unha causa social:
"Se nos amamos os uns aos outros, observando aquel sublime precepto de Cristo, desterrando esas rifas mesquiñas que nos dividen, se marchamos unidos cara o mesmo fin que sexa o ben de todos, nunha palabra; tomando o traballo, a fraternidade e a unión como medios, poderemos conseguir como fins a liberdade, a xustiza e a equidade".1
Así se expresaba o lugartenente dos Losada, e principal líder agrarista do momento, Torres Agrelo, presidente da transcendental Sociedade de Pardemarín, no mitin de Oca de 1907: O cristianismo ten unha compoñente de sacrificio individual que desde estes dirixentes é explotado, non para promover a submisión, senón polo contrario, para reclamar a renuncia aos intereses particulares que xestiona o clientelismo a través da venta de favores, na busca dunha solución colectiva. Isto non quere dicir que o fagan consciente e cinicamente senón que en moitos casos, como no de Losada Diéguez, a crenzas relixiosas son moi profundas e están no fondo da súa constante entrega no activismo social e no proselitismo. Pero será outra das compoñentes de identificación colectiva que posúe Losada a que despertará máis interese en Manuel García Barros. Así relata unha intervención de Losada no mesmo acto de Oca: "Galego de corazón e de alma enteira tratou de estimular e encarecer aos seus oíntes o amor á esta Galicia incomparable, non comprendendo que haxa necios que se avergoncen de ser fillos de nai tan bela e amorosa" 2.
Neste sentido galeguista, García Barros verá con simpatía a orientación rexionalista do movemento asociativo, fundamentalmente o de Solidaridad Gallega; pero, como dixen, o principal neste momento non será a filiación do agrarismo senón a realidade humana que está articulando e que internamente, polo simple feito de organizarse, imprime unha dinámica á sociedade que pretende mudar o marco que frea o desenrolo económico e cultural do campesiñado. Tamén é importante dito marco, por canto determina as opcións que terán que barallar os estrategos do movemento agrario para alcanzar os seus obxectivos.
García Barros ao ano de casar en Callobre e asentar alí a súa vida, xa é proclamado presidente da Xunta Organizadora da Sociedade Agrícola de Callobre, desenvolvendo unha frenética actividade neste sentido que combina co seu labor literario, editorial e empresarial (ao cargo da imprenta); ademais da constante colaboración nas tarefas agrarias da casa.
Integrase de inmediato no nacente movemento agrario que, despois dunha primeira fase de traballo organizativo coa fundación de Sociedades Parroquiais e dinamización dos servizos que estas ofrecían aos seus socios, proponse facerlle fronte ao inimigo principal dos labregos nese momento: os foros.
A vella garda de El Estradense reaccionou ao principio contra esta reivindicación, Miguel Losada descalificou á Asemblea da Sociedade Agrícola de Teis por pretender a utópica e inxusta redención dos foros, por medio da cal se prexudicaba aos propietarios absentistas en beneficio dos labregos que traballaban a terra. Ve como o movemento que el mesmo promoveu acabou índoselle das mans, deixando de ser funcional para a loita de bandos que se estaba a disputar na Estrada e na que eles participaban, para incorporarse a un proxecto de defensa dos intereses dos labregos, premido pola mesma composición que as sociedades agrarias tiñan, e entre os que se consolidan dirixentes de extracción labrega desprazando a fidalguía local á que eles pertencían.
Entre eses dirixentes consolidase definitivamente Manuel Torres Agrelo que ostenta a representación das sociedades de Agricultores de A Estrada e de El Estradense (ao menos do sector de García Barros) na citada Asemblea de Teis celebrada en xaneiro de 1908 no teatro Rosalía de Castro de Vigo.
Nesta Asemblea, Torres Agrelo intervén de xeito moderado e contemporizador, consciente de que as propias forzas aínda non estaban en disposición de dar a batalla final. Fala de que os foros non son unha lei natural, senón que pode someterse a revisión. Que el mesmo, falando con moitos propietarios de foros "amantes da súa terra", amosáronse dispostos á redención a cambio dunha indemnización. Esta indemnización non podía ser asumida polos labregos, polo cal se facía necesaria a axuda das administracións (o municipio e o Estado). Despois o labrego xa lle devolvería os cartos as administracións a través da súa habitual cotización en concepto dos distintos impostos que ten que pagar.
Benigno Quesada, delegado tamén de sociedades agrarias da Estrada é máis contundente pedindo a redención forzosa dos foros.
Finalmente as sociedades agrarias estradenses asumirán a xefatura do Directorio Antiforista de Teis, adheríndose a loita pola propiedade da terra.
O 28 de Maio de 1908 constitúese a Sociedade Agrícola de Callobre presidida por García Barros. No acto de constitución falaron ademais do seu presidente, García Barros, a plana maior do agrarismo local: M. Torres Agrelo (Presidente da Sociedade Agrícola de Pardemarín), M. Picans (presidente da de Vinseiro), Laurentino Espinosa Valladares, Manuel Nodar Magán e Antonio Losada Diéguez. A Sociedade Agrícola de Callobre adhírese ao movemento antiforista capitaneado polo Directorio de Teis.
Desde este Directorio sae a consigna de influír sobre os deputados dos distintos distritos para defender a redención dos foros nas Cortes. A morte do Marqués de la Vega de Armijo "precisamente en el día de su santo" como se reflectía en El Estradense non foi moi chorada na Estrada, distrito que representaba nas cortes, porque practicamente non era nin coñecido sequera. No seu posto o Marqués de Riestra coloca ao seu fillo Raimundo.
Co fin de executar as directrices de Teis, faise unha proclama no Estradense para que as sociedades agrarias nomeen un representante para acudir a amosarlle os seus "respectos e simpatías" a Raimundo Riestra, e de paso reclamarlle que interceda polos labregos no asunto da redención foral, se ben, a Sociedade de Agricultores de Pardemarín xa tiña feito a título particular unha solicitude neste sentido, por escrito, a Raimundo, que este contestou favorablemente, aceptando colocarse ao lado de todas as Sociedades de Agricultores do distrito e que apoiaría a redención dos foros e todo o que "redunde no ben dos labregos".
García Barros participa nesta visita, asinando a carta que lle é entregada ao pai do futuro deputado, amosándolle a súa intención de votar e solicitar o voto para o seu fillo, Raimundo, "un entusiasta pola agricultura". Pero na carta non se fala nada da redención foral, senón que se dá conta ao Marqués das rifas locais, e da necesidade que interveña en beneficio do bando de El Estradense fronte aos que forman unha rede que usufrutúan hoxe todos os postos do país sen contar coa nosa confianza.
Neste momento participan na citada visita ás sociedades de Pardemarín, Vinseiro, Callobre, Ancorados, San Vicente (Ribeira e Moreira), Guimarei, Oca, Cora, S. Andrés de Vea e Berres, que serán moi activas na campaña que coloque a Raimundo Riestra nas Cortes.
Isto é criticado con dureza por Solidaridad Gallega, ese movemento cara o cal García Barros e os seus sentían simpatías. Consideraban os Solidarios que a actitude do grupo de El Estradense e o seu xefe agrario, Torres Agrelo era inxenua e equivocada, ou máis exactamente humillante e aduladora. El Estradense responde que existen catro poderosas razóns polas que apoian a Raimundo: A de ser galego e natural desta provincia. A de simpatizar coas sociedades agrícolas na cuestión da redención dos foros; a de estar, como Xefe de Fomento, en contacto directo coas propias sociedades agrarias do distrito e a de ser fillo do Sr. Marqués de Riestra, que fronte ao calificativo de gran cacique que lle dedican os Solidarios, eles sosteñen que é un gran protector.
As críticas de Solidaridad Gallega doeron moito a García Barros (eran Solidarios os seus admirados Carré Aldao e Lugrís Freire, do que conservaba os seus textos recortados nun caderno a xeito de antoloxía). Pero agarrábase a baza de Raimundo Riestra, como única posibilidade de canalizar nas Cortes Españolas as reivindicacións antiforais, aparte de cumprir coa disciplina do Grupo de El Estradense que nese momento tiña como eixo da súa estratexia conseguir o favor de Riestra para desprazar aos seus adversarios de La Voz del Pueblo. Podían estar equivocados, pero, tampouco estaban en condicións de propoñer un enfrontamento co Marqués de Riestra. O poder deste era absoluto como expresamos no anterior capítulo dicíase graficamente que España tiña 49 provincias, Pontevedra pertencía ao Marqués de Riestra.
Unha vez que Raimundo consegue a acta de Deputado, as mesmas sociedades que visitaran ao seu pai, Xosé, enviaban de novo comisionados, entre os que se encontraba García Barros, con obxecto de felicitalo. A García Barros prodúcelle unha grande impresión as promesas de Raimundo Riestra, e despértanlle un inusitado entusiasmo:"Xa o vedes labregos: no Congreso dos deputados e nas altas esferas do Goberno da Nación, hai quen se ocupa de vos, hai quen estuda a maneira de mellorar a vosa condición e a das vosas terras facéndovos máis doadas e levadeiros os traballos, aliviándovos das cargas que pesan sobre vós e sobre a vosa propiedade, facilitándovos, por medios dos sindicatos agrícolas, adubos, plantas, sementes, apeiros e máquinas agrícolas, mellorando as vosas razas de gando, abríndovos carreteiras, construíndo ferrocarrís para facilitar a saída aos vosos produtos e a introdución doutros necesarios e de todos elemento de cultivo..." 3
Realmente ese era o Deputado soñado, máis que o Deputado real co que falara García Barros, como despois recoñecerá. Pero como lle dixo o deputado "real" cada un debe facer o que poida dentro da súa esfera de acción. E Ken Keirades seguiu a traballar na organización do campesiñado coa aprobación o 13 de setembro de 1908 en Callobre do Regulamento da Federación Sindical del Ayuntamiento de La Estrada. E empeza a tratarse nas Cortes o problema foral, fundamentalmente por dous deputados, Eduardo Vicenti e Portela Valladares. O Directorio de Teis envía un representante a Madrid, e piden as sociedades agrarias que se dirixan aos "deputados a cortes para que cumpran co sagrado deber de defender ao proletario galego no Parlamento". Unha vez electo, Raimundo Riestra non abre a boca sobre este tema. Vicenti presenta en Comisión unha proposición de Lei sobre a redención foral. Portela Valladares pronuncia un discurso no Congreso excitando "o celo da comisión encargada".
Torres Agrelo xunto cos agraristas da Estrada esta vez coa significativa ausencia de García Barros volve a visitar a Raimundo Riestra, quen lles volve a prometer a súa adhesión á campaña antiforal, o ferrocarril que pasaría pola Estrada ("va ser un hecho"), e que el non desexaba outra cousa que facer o ben aos seus votantes.
García Barros, non obstante, manifestaba as súas dubidas: "Si o noso deputado non axusta a súa conduta as súas nobres promesas, levaremos un chasco".
A Federación de sindicatos agrarios estradenses acaba constituíndose en Callobre en decembro de 1908, presidindo o acto García Barros, que finalmente ocuparía o cargo de vicepresidente. Presidente sería Manuel Torres Agrelo.
Como presidente da Sociedade Agraria de Callobre, García Barros somete a aprobación dos seus socios cuestións reivindicativas xunto con propostas de modificación de costumes, e preocupacións culturais que el sempre tivo. Por exemplo na reunión do día 24 de xaneiro de 1909 propón a votación:
"... reprimir os abusos que xeralmente se cometen nas nosas aldeas, nos casos de defunción, convertendo en verdadeira orxía a casa mortuoria no día do enterro, e ocasionando gastos á familia do defunto.
...obrigar, en certo modo, aos labregos que aínda non están asociados, a ingresar en sociedades, pois estando ata a saciedade demostrado que as Sociedades agrícolas non só son boas senón necesarias para a rexeneración agrícola, e que veñen a defender e a protexer os intereses xerais, os intereses de todos, tamén é necesario que todos cooperemos a dito movemento social, á nobre e grandiosa obra da redención do oprimido labrego, é dicir, á redención dos labregos polos labregos mesmos " 4.
A concreción destes acordos queda redactada polo propio García Barros nestes termos:
"lº Ao ocorrer a defunción dalgún socio ou doutro individuo da familia do mesmo, os socios máis inmediatos ata completar o número necesario concorrerán á casa do defunto e prestarán gratuitamente todos os servicios propios do caso, sen comer nin beber absolutamente nada na casa mortuoria, excepción feita da persoa ou persoas, que preparen a comida para a familia do defunto.
2º Se na casa de calquera veciño que non sexa socio, ocorrese algunha defunción, ou calquera outra desgracia, a excepción dun incendio ou caso de perigo inminente de morte de algunha persoa, os socios non poderán prestarlle ningún auxilio, sen poñelo antes en coñecemento da Xunta Directiva, a que acordará o que deba facerse segundo os casos.
3º A Xunta Directiva, queda autorizada para impoñer as multas ou castigos que crea convenientes aos socios que faltaren ao acordado" 5.
Como consecuencia de acordos deste tipo, coméntase sobre todo entre os inimigos do sindicalismo agrario casos nos que veciños non afiliados tiveron accidentes como quedar baixo un carro, e non topar ningún afiliado que lle botase unha man para saír do apuro. En todo caso, esta medida é máis unha forma de forzar para que a xente se asocie, é dicir, para encher de labregos un esqueleto teórico que coa carne campesiña dera corpo ao seu ideal de redención dos labregos polos labregos mesmos. Unha teima que compartirá co seu correlixionario Torres Agrelo: que os labregos se representen a si mesmos.
Pero ese non era máis que o horizonte da súa actividade, nestes momentos pragmaticamente propoñíanse utilizar os representantes non labregos que xa tiñan. En 1910, unha vez confirmado o chasco con Raimundo Riestra, que cumpriu as premonicións realizadas por Solidariedad Gallega, esquecendo totalmente as promesas feitas; as esperanzas dos anti-foristas estaban postas en dous Deputados do Parlamento Español: Eduardo Vicenti e Portela Valladares; que na provincia de Pontevedra topaban co apoio loxístico do avogado Prudencio Landín na campaña de axitación campesiña.
Vicenti e Valladares eran do Partido Liberal tamén, pero da súa facción Monterista enfrontada a Riestra. Máis concretamente, Vicenti era xenro de Montero Ríos (de novo a rede familiar). Montero Ríos foi un dos primeiros políticos galegos en defender a redención foral no Congreso Agrícola de Santiago.
Landín, Portela e Vicenti lanzáronse a unha campaña de mitins por todo o país, e concretamente na Comarca da Estrada, que contou co apoio das Sociedades Agrarias adheridas ao Directorio de Teis, entre as que por suposto estaba a Federación da Estrada da que García Barros era vicepresidente, participando activamente na explosión de mobilizacións antiforistas que tiveron lugar neses anos.
Pretendese descabezar o movemento de base, deixando só a libre actuación das inofensivas elites políticas, entre as que, ademais dos tres citados membros do Partido Liberal, estaban tamén Juan Amoedo (melquiadista), Alfredo Vicenti, Amado Garra, José Darsé (republicanos), ou Adolfo G. Espino (maurista).
No directorio de Teis destaca, sen dubida, a personalidade do seu secretario, Jacinto Crespo, pola contundencia anticaciquil e redencionista da súa oratoria, sendo o líder labrego máis relevante do momento. Esa mesma oratoria contundente que tivo como presa a membros das grandes familias caciquís do momento, e máis concretamente á do deputado provincial Eduardo Iglesias Aniño, provocou como consecuencia o procesamento dos líderes do Directorio de Teis, e o desterro de Chinto Crespo ás terras da Estrada no ano 1911.
Chinto Crespo desprega nas terras estradenses un intenso labor propagandística xunto con Torres Agrelo, García Barros, e os demais dirixentes da Federación, que neste momento xa abarca a 17 Sociedades Agrarias. Ademais do Concello estendese a súa actuación a Silleda, Cerdedo e Forcarei.
Pronto se dan conta que o obxectivo final é substituír o movemento social polo reclamo parlamentario de solucións dentro do sistema, sen necesidade de quebrar as regras de xogo establecidas polo turnismo. E que realmente os deputados agraristas non tiñan verdadeira vontade en tirar polo proxecto de redención para diante, e sobre todo, asustáronse das dimensións que estaba a tomar o movemento labrego, con mobilizacións e mitins de decenas de miles de asistentes, e cunha espiral anti-caciquil, que en moitos casos chegaba á violencia política.
Chinto Crespo reflectirá satiricamente esta nova situación nun dos seus discursos pronunciados por entón nunha aldea de Vilagarcía:
"A un tiroulle o sogro pola lambeta e calou como un peto. Outro, enmudeceu, da noite para a mañá, sen saber que demo de moquillo lle estorbou a fala, e o terceiro, que era o máis enrabechado no asunto e o que mais esporriñaba, e que lle chaman Portela Valladares, tapáronlle a boca e mandárono a pelexar cos cataláns" 6.
Refírese Chinto en primeiro lugar a Eduardo Vicenti (xenro de Montero Ríos), Prudencio Landin (avogado, director de Diario de Pontevedra e enlace de Montero, e finalmente a Portela Valladares que ven de ser nomeado Gobernador Civil de Barcelona por Canalejas.
Como vemos, a retórica de Chinto é de grande raizame popular e labrega, falando sempre en galego, por suposto, non sendo el o primeiro en intervir nesta lingua nun mitin agrario senón que foi Manuel Lugrís Freire nun mitin o 6 de outubro en Betanzos; Chinto foi o primeiro líder agrario que utilizou o rexistro popular na súa oratoria. Algo que García Barros viña facendo a menor escala, e mesmo por escrito poñendo en boca dos intervintes nos seus diálogos en galego, verdadeiros mitins agraristas.
Neses anos García Barros rexenta por primeira vez unha escola (mixta), a requirimento do cura da súa parroquia e co apoio dalgúns veciños de Callobre. Tería trinta rapaces e rapazas que nos meses de moito traballo quedaban en quince. Pagábanlle unha peseta por cada un deles ao mes, e a situación económica era moi apurada: "... os ingresos non me daban para ter periódico. Pero lía o do cura acotío, pois el, que o collera mais ben por compromiso, apenas o miraba".
Ese xornal era o Diario de Galicia, de Santiago. Ao que unha vez esgotada a experiencia de El Estradense, volve a enviar colaboracións xornalísticas.
Nel fíxose unha campaña para recadar fondos co fin de pórlle unha lápida ao polígrafo Antonio López Ferreiro. O texto da inscrición pareceulle a García Barros bastante desafortunado, e envioulle un artigo neste sentido ao periódico co fin de publicar a súa crítica. Pronto recibiu contestación do seu director agradecéndolle o interese, pero desculpándose non poder imprimir a crítica, porque a inscrición era obra dunha personalidade de alta relevancia e por moitos conceptos digna de moita consideración e respectabilidade. Pero finalmente esa inscrición digna de toda consideración e respectabilidade non foi realizada, senón que o xornal modificou a súa actitude. Pero a García Barros molestoulle que non se valorase no seu momento a súa opinión, e que fora abalada outra polo feito de vir de que viña. A razón non reside no autor das argumentacións, senón na lóxica das argumentacións mesmas. García Barros será desde ese momento un grande opinador sobre os máis diversos temas, pero sempre coa pretensión de artellar un discurso creativo fora dos lugares comúns do momento pero racional.
Chinto e as Sociedades Agrarias cambian de estratexia, deixan de facer peticións, agora era tempo de esixencias. Mais a crise provocada pola renuncia de Landín, Rodal, e polo silencio de Eduardo Vicenti e Portela, non permitía estar nunha posición de forza que facilitase unha radicalización da loita labrega. Precisase unha reorganización que supere as adscricións ideolóxicas (Católico, Socialista, Rexionalista, etc...) en base a unidade en función dos obxectivos inmediatos se ben conservando referentes galeguistas, cristiáns (emancipadores) e progresistas. Propoñen, xa que logo, dous combates prioritarios: Redención de foros e anti-caciquismo.
O motor da reorganización do agrarismo no ano 12 será Basilio Alvarez que, mantén contacto co grupo de galegos en Madrid (Portela Valladares, Alfredo Vicenti, Prudencio Canitrot, etc...); incorpora a loita agraria intelectuais como Uxío López Aydillo (que participa nun mitin na Estrada), Ramón Fernández Mato, Manuel Lustres Rivas (quen tamén acompañou a Basilio Alvarez na Estrada), Ramón Cabanillas, Noriega Varela e Castelao; integra a xente ligada ao Directorio de Teis (Chinto Crespo, Juan Amoedo, Joaquín Núñez de Couto, e aos estradenses).
Recuase no proxecto de Chinto compatido por García Barros e Torres Agrelo, de elevar aos labregos á cabeza do movemento agrario, procedéndose a unha alianza con intelectuais e profesionais liberais. Tratase de xornalistas, poetas, artistas e cregos que coa súa actitude idealista e desinteresada non hipotecan a dirección do movemento reivindicativo por favores políticos persoais que os poidan comprar. Senón, polo contrario, sofren persecución e son atacados na prensa; pero, desde logo, non se atreven a exercer sobre eles a represión que estaban a padecer os dirixentes de condición labrega.
Na Estrada, isto ten como consecuencia que Torres Agrelo e García Barros pasen a un segundo plano, e ocupe agora a cabeza do movemento asociativo persoeiros como Benigno Pío Losada, Severino Trigo, Salouzáns, Señarís, Claudio Baloira e , finalmente, Pedro Varela. Escritores e xornalistas que entorno a un novo periódico, El Eco de La Estrada, ocuparán a primeira liña do movemento agrario ata 1916.
O 20 de outubro de 1912 na feira da Estrada, fala Basilio Álvarez diante de 20.000 labregos segundo datos da organización que quizais quedaran en dez ou doce mil. O mitin foi organizado por vintedúas sociedades estradenses e outras de Silleda e Forcarei, asistindo Chinto Crespo á quen Basilio Alvarez renderá homenaxe; neste momento a ruptura con Riestra non só é un feito, senón que pásase á confrontación directa contra o Marqués, e, conseguintemente, contra o grupo de Nine e Ulloa que aínda lle son fieis. Vexase senón as palabras pronunciadas por Basilio Álvarez na Estrada: "Eu sería un covarde se agora non continuase a miña laboura vulgarizadora. Inimigo, no nome do bo gosto, de apelidar nin de lonxe nin de preto ás persoas, hoxe, sen embargo, quero dar carne ao moneco dos meus eufemismos, porque me topo no feudo onde o caciquismo galego amosa as súas fauces dun home representativo: o marqués de Riestra.
Aquí hai que berrar máis rexamente que en ningunha outra parte, porque na Estrada, labregos, tiña plantados os seus reais o home que ten agarrotada a media Galicia" 7.
Para unificar a actuación do crecente número de Sociedades e Sindicatos agrarios, constitúese a Federación Agrícola de Estrada, Silleda, Forcarey y Cerdedo, aprobando os estatutos o Goberno Civil o 9 de agosto de 1913.
Por fin, os agraristas, que recollían as aspiracións de todos os marxinados na xestión do poder local, séntense con forzas para tomar o poder municipal enfrontándose a Riestra e a todos os seus seguidores.
Primeiro, volveron a tentar xogar dentro do sistema, presentándose ás eleccións municipais, crendo que a forza que nese momento posuían impediría calquera fraude.
Pero non foi así, ou polo menos non o viron así os agrarios tal como se recolle nesta crónica do seu xornal: "...actas non levantadas nos locais sinalados, facer caso omiso da fe pública, a Xunta do Censo encargada pola lei vixiar pola pureza do sufraxio, fuxida; e os que querían cumprir co seu deber sen poder facelo, por térselle pechado a porta do local; a que dicir máis? Como corolario de tanta iniquidade, chegou o cinismo a falsificar sinaturas e rúbricas dos Adxuntos que non venderon a súa conciencia nin o seu honor" 8.
En todo caso, as eleccións de 1914 gáñaas o riestrista Xesús Durán Taboada. En decembro dese mesmo ano reúnese o Estado Maior do agrarismo estradense para redefinir a estratexia de cara a toma do poder. Trátase xa de mudar as regras de xogo, máis que acomodarse a elas, conscientes de que é inviable unha vitoria no terreo electoral se previamente non se garanten uns mínimos de neutralidade e obxectividade na organización destas eleccións. Para isto establécese un plano de mobilizacións en base a demandas populares que non están a ser satisfeitas polo goberno local. Acordase nesta reunión, como reacción diante do goberno municipal caciquil, non se pagar o imposto do déficit que se pedía para rematar de pagar as obras que o Concello tiña que acometer, e non contaba con presuposto suficiente; máis concretamente, o propio edificio no que se situaría a sede da Institución Municipal. Decídese redactar unha memoria de queixas e peticións para entregarlla ao Concello.
Na táboa reivindicativa dos agrarios empeza por lamentarse que o Concello nunca convidase á Federación de Sociedades Agrarias a manifestar as súas aspiracións, a ser escoitada polo goberno municipal. A oír as súas moitas queixas polos problemas que padece un Concello rural da dimensión do Estradense.
Estas queixas os agrarios resúmenas en trazos xerais no abandono do ensino primario, os camiños veciñais, as fontes e a salubridade pública (cítanse casos de tifos por neglixencia do concello).
Logo entran en casos concretos como o matadoiro ("antro de corrupción") que tivo que ser pechado polo Gobernador; pero aínda que estaba clausurado, o Concello seguía a librar diñeiro para cubrir os seus gastos de mantemento, o que, a xuízo dos agrarios, constituía unha malversación de caudais públicos.
No reparto dos Consumos (imposto da época), observan as Sociedades Agrarias múltiples abusos caciquís; ademais de non ter en conta a renda variable dos labregos en función das boas ou malas colleitas (en 1912 por exemplo tivo lugar unha calamitosa colleita).
Tamén protestan os agrarios por non ter feito o Concello o necesario para conseguir a construción do Ferrocarril de Pontevedra a Lugo pasando pola Estrada.
Seguido da frase "A Federación non pode estar conforme cunha Corporación que..." enuméranse ata 12 queixas concretas que van desde a negación duns canos para unha fonte ata o traslado dun camiño público en San Miguel de Castro en beneficio dun particular, amigo dos gobernantes municipais. Pero o punto que máis os subleva é o referido a Construción do Concello. Obra que serviu de xustificación para recadar como impostos (déficit) 176.959 pts. entre 1910 e 1914, que sumado as 30.000 pts. concedidas pola Deputación, e á asignación anual, desde 1903 de 9.000 pts. daban un total de 201.959 pts., cando a obra foi poxada en 150.000 pts. "O pobo quere e ten dereito a saber, peseta a peseta, onde está" escreben os agrarios pedindo que se dea lectura do seu escrito na primeira sesión ordinaria, acordando que os actos do Concello que se refiran ao rural, e moi especialmente cando se trate a distribución de impostos, se dea intervención directa á Federación de Sociedades e sindicatos Agrarios. Tamén se solicitan, do depositario, as contas claras e, concretamente, as da Casa Consistorial.
Esta instancia é asinada por Xosé Señarís, Claudio Baloira, Ramón Gambino, Pedro Cora, Xosé Louzao, Xosé Rivadulla, Xosé Rodríguez e demais dirixentes agrarios do momento. Entregase no Concello a finais de xaneiro de 1915, sen obter resposta; co cal os agrarios tópanse xustificados para dar comezo ás súas mobilizacións.
A campaña de axitación campesiña no rural estaba a ter un forte éxito, fronte a indiferenza ou mesmo hostilidade da maioría dos habitantes da vila, e máis concretamente dos comerciantes.
"En Maio de 1915 a Federación acorda prohibir aos seus asociados comerciar coa vila por non secundar esta, na desexada medida, as aspiracións dos agrarios" 9 e a tensión sobe de temperatura. Establécense piquetes en todas ás entradas para comprobar o cumprimento do acordado, e durante un mes a paralización foi absoluta: "nin feira puido celebrarse; faltaron as legumes, faltou o leite, faltou todo, menos o tesón das sociedades, que nin sequera lograron amornalo os alardes de forza armada..." 10.
O 16 de maio de 1915, durante a celebración do San Eleuteiro en Lagartóns, o Xuíz de 1ª Instancia, acompañado das Forzas da Orde, deteñen ao presidente da Federación, Xosé Señarís Junquera; e a outros destacados dirixentes da mesma, como o escritor Claudio Baloira Gañete.
A reacción popular foi inmediata e suspéndese a festa, marchando en manifestación cara a vila. A presión e mobilización campesiña deses días non só consegue a liberación dos presos, senón que forza un acordo co riestrismo para darlle unha saída ao conflito, pactando os agrarios cun sector dos comerciantes e profesionais liberais da vila para mantendo o referente de Riestra a nivel supra-municipal desprazar aos riestristas locais actuais e ocupar os agraristas o Goberno do Concello. As palabras do director do periódico da Federación, Pedro Varela, son o suficientemente elocuentes:
"A finais do mes referido, mediante xestións do comercio que estaba en perigo, chegouse a unha transacción, baseada na supresión do déficit, e na promesa da máis estrita xustiza nas eleccións municipais que se achegaban: cesou o boicot, e nas rúas da Estrada que se viran case desertas durante 30 días, renaceu a animación".11
En novembro do mesmo ano foron proclamados concelleiros coa clasificación de agrarios Ramiro Ulloa, Xosé Varela, Xoán Peiteado, Jenaro Pena, Manuel Blanco, Xosé Rodríguez, Benigno Quesada, Claudio Baloira, Xoán Manuel Rodríguez, Felipe García, Marcelino Vilas, Xosé Señarís, Manuel Couceiro e Pedro Varela que xunto con Xosé Porto e Manuel Salouzans constituíron a maioría encargada do goberno municipal en xaneiro de 1916. O agrarismo tiña tomado as rendas do goberno da Estrada, a unidade e a forza da Federación nunca foron tan elevadas. Pero os problemas continúan pois o pacto co Riestrismo provocará pronto disidencias entre aqueles que non observan diferencias substancias na substitución duns mandatarios locais por outros, na xestión caciquil que se viña realizando anteriormente en beneficio duns, e que agora se facía en beneficio doutros.
Pero antes de aflorar as divisións, aínda teñen tempo de celebrar a vitoria da loita labrega cunha festa e coa inauguración dun monumento o 16 de maio de 1916 en Lagartóns. O Monumento ao labrego que García Barros tanto criticará anos despois, pero que tan activamente colaborou na celebración da súa inauguración coa súa achega de animador literario e cultural durante eses primeiros días do goberno agrario que logo o había de decepcionar.
García Barros segue todo este proceso, como dixemos, nun segundo plano. El pasa do activismo sindical ao terreo do activismo cultural e educativo, da man das Sociedades de Instrución creadas polos emigrados en Cuba.
No activismo cultural, aparte das súas colaboracións poéticas e literarias no órgano da federación agraria Eco de la Estrada. destaca o seu labor divulgadora da música e das cantigas galegas no coro formado a partir dos seus alumnos de Rubín. E a participación en concursos literarios (no ano 1916 gaña un accésit nun Concurso Literario en Pontevedra), e publicación na prensa de América dos seus relatos, por exemplo no periódico Galicia de Cuba. Precisamente será a súa ponte con Cuba, a través do seu parente e amigo Francisco Paz, presidente da Unión de Rubín, a que máis gratas satisfaccións e recoñecemento lle proporcionará neses anos. Concretamente o galardón outorgado por esa Sociedade de Instrución polo trunfo do coro da escola de Rubín, cos que gañará o Certame Escolar celebrado en Lagartóns con motivo da Festa do Labrego do ano 16. García Barros porá a súa esperanza nas sociedades de emigrantes como única posibilidade de rachar o círculo vicioso da miseria económica, política e cultural que sufría a nosa terra, e que desde dentro, unha e outra vez, tentaba sen resultado intervir socialmente na transformación desa situación; pero unha e outra vez saía derrotado.
Pronto se deu conta que o prezo a pagar polas Sociedades Agrarias por pactar con Riestra era demasiado elevado. O alcalde, Ramiro Ulloa, aos ollos de García Barros, non era máis que o fillo do Faustino Ulloa contra o que tantos anos combatera. Vicente Riestra Calderón, fillo de Xosé Riestra, era irmán de aquel Raimundo Riestra Calderón que incumprira as promesas nas que tanto acreditara, ata enfrontarse por el cos seus admirados Solidarios. Vicente Riestra substitúe a Raimundo Riestra como representante da Estrada nas Cortes Xerais. No ano 1917 son elixidos Deputados provinciais. Miguel Nine, desde 1884 ata 1923, case ininterrompidamente é elixido Deputado, o goberno agrario non é ningún impedimento. Volve ser elixido Felipe Ruza, a voz de Riestra na deputación desde 1909. Ramiro Ulloa é tamén electo Deputado Provincial. E por último, Francisco Riestra; do que non se precisa facer comentarios a luz do seu apelido.
Todas as proclamas anticaciquís, e a flamíxera pluma do director do Eco da Estrada e dirixente da Federación, Pedro Varela; quedan en papel mollado diante da evidencia que o poder real segue a ser ocupado polas mesmas familias de sempre, e que o trunfo dos agrarios é aparente máis que real. A Festa do Labrego, o Monumento ao Labrego, e demais aparato simbólico oculta aos ollos de García Barros o fracaso do movemento agrario para rematar co caciquismo.
Rematase a lúa de mel agraria. García Barros que relegara o seu protagonismo en beneficio da unidade sindical, ten que ao fin arremeter contra os dirixentes que encarreiraron o agrarismo estradense pola senda do Riestrismo, enfrontándose cos seus antigos aliados:
"Defendín como souben e como puiden coa mellor intención do mundo, os ideais da emancipación labrega, sufrindo incluso que me puxesen a sombra nun tempo en que conviña mellor estar ao sol por non ser alá moi quente que digamos, e por pouco teño que fuxir da miña casa perseguido polos mesmo agrarios que me fixeron canto mal puideron para ao cabo virse ao mesmo camiño que eu non quixera deixar, non porque fose bo, senón por non haber outro mellor daquela" 12.

- A reivindicativa, mobilizando o campesiñado e unindo as organizacións labregas entorno a demandas diante da administración (foros, impostos abusivos, etc.).
- A de formación, proporcionando aos labregos unha educación técnica e cultural (Sociedades de Instrución).
- A mellora das condicións materiais de vida (innovación tecnolóxica, mecanización, mutualismo, servizos, etc...).

NOTAS
|
Your browser does not support viewing this document. Click here to download the document.
|