SE O SEI... NON VOLVO Á CASA
Peza en tres xornadas, a segunda i a derradeira partidas en dous e tres cadros, respeitivamente.
Ista obra estreouse o día 28 de Decembro do ano de 1938 no teatro MARAVILLAS, de Buenos Aires, pola compañía galega ((AIRES DA TERRA)), chegando a trinta e dúas representaciós consecutivas, aparte de muitas outras en distintos teatros da Arxentina e Uruguay, co siguinte
REPARTO
Xoana....................................... Eva Carerras
Carmiña.................................... Blanca Pereira
Carmela.................................... María Pazos
Sofía......................................... Maruja Villanueva
Ricardo..................................... Luís Lugo
Caramés................................... Fernando Iglesias “Tacholas”
Ramiro..................................... Alfonso Costela
Patricio..................................... Jaime G. Dopico
Axente Executivo..................... Arturo Fontalba
Un amigo................................. Manoel Romero
Apuntadores............................ Luis Iniesta e E. Schultz
A aición transcurre nunha aldea galega, aló polo ano de 1920. Izquerda e dereita, a dos traballadores da escea.
PIRMEIRA XORNADA
(Xoana, que corre pra os sasenta, atende os potes que ten ó lume; Caramés, que tamén corre pra os sasenta, pica un pito; Ricardo, mozo de vinte, áchase moi caviloso; Ramiro, mozote de dazasete anos, aparez debruzado sobor da artesa. Todos están a carón do lume.)
ESCEA I
XOANA.- (A Ricardo) -Non caviles máis, home, non: quero que as vaias buscar e traias ás dúas, a nai e máis a filla, xa que cecais sexa a derradeira noite que comemos xuntos. Pero non tardes, que as papas de arrós non agardan: afúmanse de contado.
RAMIRO.- (Inocentón, ergue a cabeza pra decir) -E se ves que non vés axiña... iremos comendo.
RICARDO.- ¿Que lle parez a vostede, pai?
CARAMÉS.- Non teño reparo que poñer.
RICARDO.- Pois si, traguerei ás dúas. (Érguese). Deica logo. (Vaise).
CARAMÉS.- (A Xoana) -Quero que metas no ventre do pote grande... o millorciño do porco. A ver se a comida che saie como a do día da festa.
XOANA.- Coido que non haberá queixa do que faga.
RAMIRO.- Pero que non se lle afume o arrociño, coma a día da festa.
CARAMÉS.- Todos o comeron e ninguén lle atopou defeitos máis que el.
RAMIRO.- De tal xeito a trapos queimados cheiraba que nin os cans o comían.
CARAMÉS.- ¡Quen cho dera tódolos días!...
XOANA.- Iso digo eu.
RAMIRO.- Pra morrer adoecido...
CARAMÉS.- Falas de cheo, condanado.
RAMIRO.- Nunca máis cheo se mire vostede.
CARAMÉS.- (Asañado) -Pon, pon chave ó fuciño se non queres que che arrime unha lapada. (Pausa prolongada).
XOANA.- (Coma falando consigo mesma) -Que disgracia ter que deixar ir o fillo polo mundo por culpa disa maldizoada guerra de Melilla. ¡Por culpa da guerra!...
CARAMÉS.- As guerras... decote traien disgracias para os probes, muller; os fillos dos ricos... non morren en África.
XOANA.- ¿E pra que raio fan as guerras?
CARAMÉS.- Pra aumentar as contribuciós, consumos i outras cangas.
XOANA.- ¡Condanados!...
CARAMÉS. – E non paran aí as disgracias que as guerras traien consigo.
XOANA.- ¿Aínda máis?
CARAMÉS.- Levan a frol da xuventude pra esnaquizala. I aquil que ten a sorte de non morrer na guerra, volta ó seu fogar apestado de doenzas, que terá que sofrer toda a súa vida.
RAMIRO.- (Dimpois dun escalofrío) -Non sería malo que foran preparando o meu viaxe pra terras de fóra. Pra Melilla... ¡non vos quero ir!
CARAMÉS.- Ti es moi xoven aínda.
RAMIRO.- (Con certa presunción) -Non tan xoven, meu pai, non tan xoven. ¿Pensa que aínda teño medo pra andar de noite, ou que?
CARAMÉS.- Cando vas na compaña dun fato de rapaces coma ti, xa se sabe que non tes medo.
RAMIRO.- Miña nai, ¿é certo que teño medo?
XOANA.- Non, home, non; non lle fagas caso a teu pai.
CARAMÉS.- ¿E logo non é certo que hai que lavar quince días pra el cando a noite o colle fóra?
RAMIRO.- Boh, vostede non deixa escapar nada; todo pra faguerme pillar vergoña.
CARAMÉS.- Se che dera vergoña... xa te tiñas enmendado.
XOANA.- Parezme que xa están tardando...
CARAMÉS.- Pois tan lonxe non é: aínda eu fago chegar unha pedra á eira delas dende a nosa porta.
XOANA.- O que fas chegar ti é o fume do pito; aínda non sei se me afumarás o arrós.
RAMIRO.- Cecais lle chegaron á porta e non lle quixeron entrar.
CARAMÉS.- ¿E por que non habían querer entrar?
RAMIRO.- Tratándose dunha larpeirada..., ben pode darlle vergoña a elas.
XOANA.- ¿E por que unha larpeirada, Ramiro?
RAMIRO.- Porque hai papas de arrós. (Ri de contento).
CARAMÉS.- (Iróñico) -¿E cando viches unha muller con vergoña na nosa aldea, cativo?
XOANA.- Non escomences, Caramés, non escomences coas hestorias de costume. Preciso é que as trates con cariño cando cheguen.
CARAMÉS.- Non me costa ningún traballo: tamén trato a facenda.
RAMIRO.- (Escoitando) -¡Chist! Aí están; escoitade.
XOANA.- (Remexéndose e compoñéndose pra recebelas) -Limpa ben ise fuciño e ollos, Caramés, pra que non che vexan tan deixado, home...
CARAMÉS.- (Algo amoscado) -Limpa ti a língoa e máis a concencia, que as tes máis negras, anda.
ESCEA II
RICARDO.- (Que vén acompañado de Carmela e Carmiña. Tanto a nai coma a filla son bastante lixeirotas e desvergoñadas; moi egoístas ambas as dúas. Caramés e Ramiro remosquexan sin saber que faguer) -Entren, entren, sin medo...
XOANA.- (Adiantándose) -¡O...la! Xa coidamos que non viñan. (Carmiña recorre coa súa mirada os recantos da cociña).
CARMELA.- ¿E por que non vir, chachiña? As mulleres pra istas cousas... non che temos vergoña...
CARAMÉS.- (A parte a Ramiro) -¿Non cho dixen eu?
XOANA.- Eisí debe ser, muller; non fallaría máis...
CARAMÉS.- Pois tomen, tomen asento. O espiñazo dos sentados decote se sinte máis cómodo pra falar. (Ponlle tallos, etc.).
RICARDO.- (Cando xa todos están sentados) -Pois satisfáceme moito decirlles que ista será a miña muller co tempo; e miña sogra..., a nai dela.
RAMIRO.- (Dimpois dunha desmedida gargallada) -Iso xa estamos cansos de o saber... (Sigue rindo descortesmente).
RICARDO.- (Serio) -¿Quen cho dixo?
RAMIRO.- ¿E quen mo iba decir? Se te casas co esta, i esta outra é a súa nai... ¿quen dubida que será a túa sogra, burricán? (Volve rir).
CARAMÉS.- (Serio) -Xa che teño dito que non fales hastra que...
RAMIRO.- Si, xa sei: hastra que mexen as galiñas. (Caramés fai ademán de lle pegar e Ramiro engrúñase).
CARAMÉS.- (Contestándolle a Ricardo) -Que sexan por moitos anos, home.
XOANA.- E que Deus lles bote a bendizón. (Abrázase a Carmiña). ¡Que bon gosto tivo o meu fillo! Xa nascestes un pra o outro, muller: na bonitura parecedes irmáns. (Transición). ¿E como che chaman, muller?
CARMIÑA.- (Faguéndose un chisco vergoñenta) -Chá...
CARMELA.- Chámase Carmiña, i eu Carmela.
RAMIRO.- (Con asombro) -¡Ai...que parescidas son, naiciña!...
CARMELA.- Pois sonche moito máis vella, rapaz.
CARAMÉS.- (Suavizando) -Os nomes, muller; o rapaz refírese ós nomes...
CARMIÑA.- Si, craro; miña nai entendeu mal... (Ceiba unha risotada).
CARAMÉS.- (Contemprando a Carmiña i a Ricardo) -Pois Deus os deixe vivir moitos anos, xa que tan boa parella fan.
CARMIÑA.- E vostede que os conte.
RAMIRO.- (Que non quitou ollos de Carmiña) -¡Que boa sorte tiveches para dar cunha moza tan fermosa, meu irmán! Deus e San Antón che axuden a gardala... (Todos rin menos Caramés, que mira a Ramiro de esguello).
RICARDO.- Ti non abres a boca máis que pra dar saída a un feixe de burradas, meu irmán. Non fales tanto, home non.
XOANA.- O rapaz ten razón, home: se ti es bon mozo... ela aínda che quer gañar.
RAMIRO.- Iso é xustamente o que eu lle quería decir, pero non me saíu como lle saíu a vostede, que caracho.
XOANA.- (Quitando un mantel da artesa) -Voulles poñer a comida sobor da mesma artesa. Teñen que desemular... (Escomenza a poñer pratos e todos se van acomodando no orden siguinte: Caramés ten a Carmela á direita i a Ramiro á izquerda; Ricardo estará enfronte de Carmiña pra que Xoana se sente no medio).
CARAMÉS.- Hoxe comeremos sobor da artesa; pra outra oportunidade... procuraremos millores comodidás. (Unha vez que Xoana puxo algo do que houber, todos comen animadamente).
XOANA.- Coman e beban sin vergoña nin outros remilgos.
CARAMÉS.- Que non sexa preciso pedirlles de favor que coman ¿eh? Decote me ensinaron que pra comer non se debe ter vergoña, porque iriamos escontra dos intereses do estámago. (Dimpois de pausa, bótase a falar pra Carmela). O meu fillo... levar leva unha gran mozantona, si... Ah, pero a túa filla non leva un xouvelo calisquera: leva un anxo baixado do ceo. E de riquezas... non falemos: xa lle fixen a millora. (Ramiro sigue ista conversa con moita atención).
CARMELA.- Pois do que eu teño, a máis grande parte pra ela será. O fillo que teño en Buenos Aires... pra nada percisa do que na casa hai.
CARAMÉS.- Desa maneira... xa poden ser felices...
CARMELA.- E xa poderán criar folgadamente os fillos que Deus lle dea.
RAMIRO.- (Erguéndose indiñado) -¡Todo pra iles! I a min, que traballo como unha potra, déixanme sin ter onde caír morto.
XOANA.- Acouga, home, acouga. A ti nada che ha de fallar.
RICARDO.- De ningunha maneira consintiría eu que antre nós houbera difrencias, meus pais.
CARAMÉS.- A el xa teño pensado darlle unha carreira a elixir. Antre zocos e zapatos está o seu porvir: tanto me dá que escolla en ser zoqueiro coma que escolla en ser zapateiro. E se ningún dises choios lle gosta, que colla a de afiador, que é un chisco máis devertida.
RAMIRO.- (Xa conformado, vaise sentando) -Sendo eisí... xa ten algunha cara a custión...
XOANA.- (Choricando, arredando o prato) -Xa non como máis.
RICARDO.- Coma e beba, miña nai, que aínda non mollou o fuciño.
XOANA.- O que mollo son os ollos, porque vexo que está chegando a hora de ti marchares... (Todos limpan bágoas e, uns detrás dos outros, van rubindo as escaleiras de cara pra o cuarto. Carmiña e Ricardo son os únicos que se quedan na cociña; Carmiña finxe chorar).
RICARDO.- (Dimpois de pausa) -Non chores máis, Carmiña.
CARMIÑA.- Home, cala. Non puiden deter as bágoas en toda a semán...
RICARDO.- (Faguéndolle carizas) -Non chores máis, miña prenda, non chores máis...
CARMIÑA.- ¡Pensar que por culpa desa maldizoada guerra cecais non volte a verche máis nunca!...
RICARDO.- Penso voltar axiña, muller; xa verás que pronto estarei de volta pra casarnos e vivir decote xuntiños.
CARMIÑA.- Como te vas por culpa das quintas... non poderás voltar tan axiña, meu Ricardiño.
RICARDO.- Custión de sorte. Teño moitos carreiros abertos: o de pagarme ou o de acollerme a un indulto, xa son dous.
CARMIÑA.- (Dimpois dun fondo sospiro) -¡Ai, que desconfianza eu teño, meu Ricardiño!... (Pendúraselle do pescozo). Tal é isa desconfianza que eu teño que mesmamente semella que se me mirran as cordas do corazón.
RICARDO.- Entón... ¿que desconfianza é isa, Carmiña?
CARMIÑA.- Verás: ti vaste pra unha terra na que atoparás moitas aparencias: as mulleres, por exempro, pintan os ollos, as uñas e máis o fuciño pra elas semellar boas mozas. E se pra disgracia miña algunha distas mulleres chegas a querer, prégoche mo digas canto denantes, meu Ricardiño.
RICARDO.- ¿I eso?
CARMIÑA.- Home... pois... pra aproveitar con outro o que perda contigo.
RICARDO.- (Chiscando un ollo pra o púbrico) -Ben se ve que sabe gobernar vida. (A ela). Non caviles dise xeito, Carmiña. Voume pra terras de fóra fuxíndolle á guerra, mais non o fago pra me arredar de ti.
CARMIÑA.- Eu no te cambearía por ninguén, pero ti a min...
RICARDO.- Deus queira que outro non che pinche isa idea dempois de que eu me vaia...
CARMIÑA.- É moitísimo o que che quero pra que iso ocurra, meu ben.
RICARDO.- Polas dúbidas... se chegas a andar de parrafeos con outro... percura que ninguén te vexa.
CARMIÑA.- ¡Que cousas estás decindo, santo Deus!...
RICARDO.- Estando eu tan lonxe de ti... non quero que me acugulen a cabeza de contos.
CARMIÑA.- Boeno, home, boeno. Non te esquenzas ti de min, que é o medo que eu teño.
RICARDO.- Troquemos de conversa: ¿queres que che escriba moitas cartiñas?
CARMIÑA.- Home... se non queres gastar moitos cartiños, cun tiro podes matar dous paxaros: pos lembranzas pra min nas cartas de teus pais, e imos tirando.
RICARDO.- (Dimpois dun sorriso) -Non, muller, non; mandarei dúas cartas a un mesmo tempo: unha pra meus pais i outra pra ti.
CARMIÑA.- ¡Se podes, Ricardiño! Se queres xuntar cartiños... has de ter que aporveitar as horas ceibes pra descansar.
ESCEA III
XOANA.- (Baixa do sobrado na compaña de Carmela, Caramés e Ramiro; todos limpando bágoas. Caramés baixa cunha maleta na man) -Boeno, meu fillo, chegou a hora de te ir. ¡Que Deus che axude!
RICARDO.- Amén, miña nai.
CARAMÉS.- (Vaise achegando a Ricardo, namentres que os outros simulan falar antre iles) -¡Lémbrate, fillo, lémbrate que teus pais quedamos chorando por ti! Cartos non che pido; pero, se é que podes, non esquenzas que o meu vicio de fumar... é moi negro.
RICARDO.- En atenzón ó moito que vostede me quer, terei en conta o seu pedido.
CARAMÉS.- De ti... soio podo decir que es un fillo de bendizón e que nunca unha xenreira me figueches pillar, home. (Arrímase a Ricardo e chora).
ESCEA IV
PATRICIO.- (Entra na compaña da súa filla Sofía) -¿A que vén tanto chorar? (Taberneiro, duns sasenta anos, viste moi aldeanmente).
CARAMÉS.- Xa ves, Patricio, xa ves: váiseme o fillo, que quero coma as miniñas dos ollos. (Sofía percura distraer as mulleres, namentres que Ramiro paséase pola escea sin saber qué decir nin que faguer).
PATRICIO.- Non é pra tanto, home, non é pra tanto. Pior sería se il fose pra África pra pelexar cos mouros. Eu sinto que te vaias, Ricardo; xa o comentei coa miña filla Sofía: somos veciños de porta con porta e nunca houbo antre nós un ((achega prá lo isas pallas)).
XOANA.- Se fose á guerra e teña a sorte de non morrer, aos tres anos o teriamos de volta na casa; pero os que se van pra Buenos Aires... nunca máis voltan. (Chora).
RICARDO.- Non pense niso, miña nai: fago conta de voltar moi axiña.
SOFÍA.- (Rapaza de moi nobres sentimentos, anque un tanto inxenua no pirmeiro lance) -Non leves ti pesar nin vostedes queden con il. ¡Que demontre! Se eu fora pra Buenos Aires, iría coma pra unha romaxe: contenta coma un cuco. Aló... ademais de vistiren moi boa roupa, hai estradas para tódalas direiciós; i eiquí, o día que chove, xa non podemos saír da casa se non queremos enterrarnos na lama hastra a cima dos mesmos zancos.
PATRICIO.- ¡Parola, filla, parola!... Acó aínda tes algo para comer dentro da casa se non se pode saír dela; aló en Buenos Aires..., chovendo ou raiando o sol... tes que ir cun zoco diante doutro.
RICARDO.- Pais e amigos: a hora chegou e non podo determe por máis tempo.
CARMELA.- Non esquenzas de falar aló co meu fillo, Ricardo. Ten moi boas amistás e pódeche ser bon.
RICARDO.- Boeno, boeno; cando chegue, irei a velo. (Transición). Ti, meu irmán…
RAMIRO.- ¿Que queres?
RICARDO.- Se non lle fas pillar xenreiras a nosos pais, mandareiche algús cartiños pra que poidas mercar... un marraociño, ¿entendes?
RAMIRO.- Si, pra que mo leve o raposo, como fixo con aquela xunta de galiñas que ti e eu mercamos a medias: xusto cando nos podían dar algo de ganancia, que xa tiñan a crista moi roiba e pronto ian poñer, ¡plas!, pinchóunolas o raposo.
PATRICIO.- (Que colleu a maleta e disponse a saír con Ricardo) -Vamos, Ricardo, vamos; eu te acompañarei hastra a carreteira, home, anda...
CARAMÉS.- Non esquenzas que a nosa casa sin ti non serve pra nada.
XOANA.- (Botándolle os brazos) -Vaste, fillo meu, vaste por culpa de todos aqueles que dimpois de cheos buscan a desfeita dos fogares faguendo guerras escontra doutros pobos que non coñecemos e que sofren coma o noso. (Sofía despega a Xoana de Ricardo).
PATRICIO.- (Tirando por Ricardo) -Deixen, deixen vir ó rapaz dunha vez, porque a hora non agarda. (Van saíndo).
XOANA.- (Berrando) -¡Adeus, fillo da miña ialma!... (Abrázase a Carmela).
RICARDO.- (Xa na porta) -Adeus, meus pais, adeus; non teñan pesar por min. ¡Adeus! (Fóronse Ricardo, Caramés, Ramiro e Patricio. As mulleres churimisgas; Sofía acariza en Xoana, etc).
CARMIÑA.- (Pra finxir unha door que máis adiante demostrará non sentir, remosquexa un pouco pola escea pra inspeicionar ben o sitio onde se deixará caír, di, berrando forte). - ¡Ade..us, meu Ricardiño! (Cando se deixou caír ó chan, todas van a ela correndo pra darlle ar cos panos, etc. Ista escea, lexos de conmover, debe provocar a risa).
PANO LENTO
SEGUNDA XORNADA
(A mesma escea da pirmeira xornada. Xoana alcóntrase asando castañas nunha lata que ten ó lume; Caramés ponlle o aguillón a unha vara, e Ramiro fai zocos nun recanto da cociña).
ESCEA I
XOANA.- Xa vai pra cinco anos que se foi o noso fillo e non tivemos del máis que catro cartiñas, indo xa pra un ano que ren sabemos del.
RAMIRO.- Cinco anos... catro cartas... Boeno, se aínda trouxeran cartiños...
CARAMÉS.- Hai que dar tempo ó tempo. Eu decote fixen confianza en Deus, e penso saber axiña del.
RAMIRO.- Han de saber vostedes que eu non boto a porta fóra sin entrar na taberna e perguntarlle ó sinor Patricio se hai carta pra nós.
CARAMÉS.- Iso tamén o fago eu, chacho: veña tarde veña cedo, decote fago por entrar na taberna...
XOANA.- Xa sabemos que non podes pasar sin saudar a botella da augardente.
CARAMÉS.- (Mirando a Xoana con cara de poucos amigos) -Sería un miragre moi grande que ti non quitaras a augardente a relocir.
XOANA.- (Soavizando) -Xesús, que home iste; deica pouco xa se non pode dar unha chanza nin cousa ningunha.
CARAMÉS.- As túas chanzas... asubían como penedos; xa cho sei de vello.
XOANA.- Cando o noso fillo escribeu decindo que traballaba de mocamo, non che me gorentou nada. Será moi bon o traballo ise, pero ten moito cara de inverno.
CARAMÉS.- Compriría saber o que quere decir iso de ((moco)), porque ((amo)) xa se adiviña o que é.
RAMIRO.- Boeno, caraina, boeno; cecais se trata dunha carreira e nós estamos crebando a cabeza pra adiviñar...
CARAMÉS.- Todos non teñen a sorte que tiveches ti cas carreiras, chachiño; non coides que...
ESCEA II
CARMIÑA.- (Dende a porta) -¿Pódese entrar?
XOANA.- Adiante, adiante quen sexa.
CARMIÑA.- (Entrando) -Boas tardes pra todos.
XOANA.- ¡Mi...ra quen é!... ¿E como che vai, muller?
CARMIÑA.- A nós vainos ben...
XOANA.- Máis vale eisí. Gracias a Deus...
CARAMÉS.- Pois nosoutros... tamén imos serruchando.
CARMIÑA.- ¡Canto me alegro!...
CARAMÉS.- I a túa nai... ¿que é dela?
CARMIÑA.- Aló queda na casa.
XOANA.- (Poñéndolle un tallo) -Séntate eiquí, muller, senta.
CARMIÑA.- ¡Deus me liberte, tía Xoana!... Veño tan apurada, que nin a miña nai sabe que estou eiquí.
CARAMÉS.- Non estás en casa allea, muller.
CARMIÑA.- I o Ricardo... ¿non escribeu máis?
CARAMÉS.- (Con mágoa) -Non, non escribeu máis... Agardo non tarde en faguelo.
XOANA.- A Carmiña tamén está triste, malpocada: tamén sofre polo seu mozo.
CARMIÑA.- (Decote descarada) -Na carta que me chegou canda a de vostedes, decíame que me sigue querendo igoal que sempre. Ah, pero eu..., dígolles a verdade, esperanzas xa lle non teño. (Xoana non se dá por enterada).
CARAMÉS.- (Dimpois de pequena pausa) -Parezme que nada terás que decir del, muller.
XOANA.- É a desesperación, craro; Carmiña está desacougada.
CARMIÑA.- Vostedes deben recoñecer que eu, se el non volta pronto, non podo perder tempo. (Ramiro asubía baixiño pra faguer que non se entera). Os anos vanse e... unha xa non é tan nova.
CARAMÉS.- (Percatándose cada vegada máis da informalidade da rapaza, dimpois de apertar o fuciño, dille moi pousadamente) -Posto que do meu fillo se trata, non che podo aconsellar. Pero... millor home... non darás con el eisí como eisí.
CARMIÑA.- Boeno, as cousas xa se irán vendo millor ao longo dos días...
CARAMÉS.- (Collendo unha sacha, moi apurado) -Agora que ti falaches dos días, lémbrome que hoxe é a auga miña i está correndo pra o prado de Mingos, porra. Deica máis ver, rapaza. (Saie correndo coa sacha na man).
XOANA.- (Berrándolle pola porta denriba) -¡Ai, faldrán, faldrán!... (A Carmiña). É unha disgracia con esta cataprasma: esquéncese de todo.
RAMIRO.- Ten moi pouco siso, si; non parez meu pai.
XOANA.- Tes razón, home, tes: se o non vira... tampouco o creía.
CARMIÑA.- (Solermiña, achegándose a Ramiro) -¿E ti que pensas faguer, Ramiriño?
RAMIRO.- (Que é algo vergoñoso, anque non deixa de aporveitar os descoidos de Carmiña pra fixarse ben nela) -Zocos, Carmiña, zocos.
CARMIÑA.- ¿E xa os fas sin axuda de ninguén?
RAMIRO.- ¿Entón non me ves?
XOANA.- E fainos tan fenturruquiños que mesmo dan xenio.
CARMIÑA.- Prá semán traguereiche un par pra que mos fagas. ¿A como os cobras?
RAMIRO.- Teño dous prezos: pra os amigos, unha peseta e máis un reial; pra os demais, cinco reiás xustos.
CARMIÑA.- ¿I a min cobrarasme?...
RAMIRO.- Prezo de amistade, Carmiña.
CARMIÑA.- ¡Ai, que sorte tes con ise oficio espetado na cachola, Ramiriño!...
RAMIRO.- (Decote con cara de inocente) -¿Por que me dis iso?
CARMIÑA.- (Dimpois dunha risada falsa) -Xa podes... xa podes manter unha muller. (Xoana fai que non se entera dista conversa).
RAMIRO.- Se non é moi larpeira...
CARMIÑA.- (Solermiña i achegándose máis) -Estás tan encariñado cos zocos, que nin pra ter moza che dá.
RAMIRO.- Si, é certo. Os zocos turran moito do peito e deixan ao home sin azos pra lle chiscar o ollo ás rapazas...
ESCEA III
CARMELA.- (Entrando resoltamente) -¡Eh!...
XOANA.- (Que estaba atendendo ás castañas) -¿Por que non entras sin chamar, muller? (Ramiro dálle o tallo a Carmela, quedándose el de pé a carón de Carmiña pra parolar antre iles animadamente). Xa coidei que te esquenceras da nosa casa.
CARMELA.- Non seas bestiona, Xoana; ¿por que había de esquencer?...
XOANA.- Séntate, séntate no tallo que che puxo Ramiro, muller.
CARMELA.- Non, non me sento porque temos a casa soia; hai que irse de contado.
CARMIÑA.- Séntese unha miaxa se quer, que vou eu indo diante.
CARMELA.- (Sentándose) -Pois vai, vai indo ti.
CARMIÑA.- Deica outra hora, tía Xoana. (Transición). Ramiro, ¿queres vir comigo hastra eí á cima da aldeia?
RAMIRO.- (Titubeando) -E... logo...
XOANA.- Vai, home, vai; espílete un pouco, que aínda che vai quedar o espiñazo domeado de tantos zocos faguer.
CARMELA.- Ide, ide... (Saien sorrindo un pra o outro).
XOANA.- Van contentos coma cucos.
CARMELA - ¿Fixácheste que boa parella fan?
XOANA.- Fixei, fixei... Boeno, o Ramiro e máis o Ricardo son igoales até nos feitos: ¡se viras que boa mamoria ten!... ¿Non sabes as voltas que leva un zoco?
CARMELA.- Sei, muller sei; leva voltas e non poucos recobecos.
XOANA.- Ai logo sábelo, ¿eh?... Pois el non se inquivoca nunha soila rouceada. Con decirche que en dazaoito meses xa tiña a carreira adeprendida... xa podes imaxinar que cras de tempre ten na súa cachola.
CARMELA.- Un homiño eisí... non se sabe o que vale nunha casa. Aló na nosa, como todo é á conta dos cartos, non hai cousa que chegue.
XOANA.- Dagora en diante, cos zocos non gastaredes moito: xa lle dixen a Ramiro que non vos cobre máis que os cravos.
CARMELA.- Non, Xoana, non... A il tamén lle costou traballo adeprender a carreira, e xusto é que vexa algún porveito do seu sacrifizo.
XOANA.- Non sexas eisí, Carmela, non sexas eisí... Está dito: cobrará os cravos, nada máis que os cravos.
CARMELA.- (Dimpois de tatariñar un chisco) -Pois eu teño unha notiza pra ti, Xoana.
XOANA.- Alédame, e Deus queira que sexa boa.
CARMELA.- Cuestión de pensala un chisco pra darlle a importanza que ten.
XOANA.- (Impacente) -Pois dálle, muller, dálle.
CARMELA.- ¿Ti fas conta de que o teu fillo Ricardo volte á casa?
XOANA.- ¡Ai, Xesús!... Desacougados estamos por saber dil.
CARMELA.- Pois eu non creo que il volte, pero se o fai... vir vén sin unha cadela: probe coma as arañas. Arremato de recibir carta do meu fillo na que me di que o voso está na máis compreta miseria.
XOANA.- (Con asombro) -¿Si?
CARMELA.- Si, muller, si... Il non volta máis eiquí... i a miña filla está perdendo o tempo agardando por quen non vén. I eu cumpro con un deber de boa amiga decíndoche que o fillo do muiñeiro non a deixa a sol nin a sombra e cecais casa con ela.
XOANA.- (Con pena) -Lástema de rapaza...
CARMELA.- (Con voz hombruna) -Ah, pero eu emberrecheime en que ela ha de ser prá túa casa e..., se ti me axudas..., consiguiremos que o sexa.
XOANA.- (Moi contenta) -¿E como, Carmiña, como?
CARMELA.- Casándoa con Ramiro. Craro que, denantes de os casar, cómpre convencer a Caramés pra que lle faga a millora a Ramiro (Xoana solpréndese; quer decir algo, pero atórase e quédase coma muda). ¿Que che parez, muller, que che parez a proposta?
XOANA.- Pois xa que ti es tan amiga miña, poñereiche ó tanto de cousas que non dixen a ninguén. (Con certo misterio). ¡Por Deus, Carmeliña, non me vaias descobrir!...
CARMELA.- Conta, Xoana, conta sin medo. Digas o que queiras, enterrado niste mesmo sitio quedará.
XOANA.- ¡Por Deus, Carmeliña!... É muito segreto o que che vou contar...
CARMELA.- Boeno, muller, boeno. Eu son muller, ben o ves; pero..., en custión de segretos..., son tan home coma calisquera outro. Quita o testo e desafuma sin roparo.
XOANA.- Verás: Caramés é casado dúas vegadas, ¿sabes?; da pirmeira muller saíu o Ricardo...
CARMELA.- (Con solpresa) -¿Entón o Ricardo, non é fillo teu?
XOANA.- Non, muller, non é fillo meu. Pero Caramés, se eu non recoñecía a Ricardo por fillo, non casaba comigo. O Ricardo non tiña máis que un aniño de edade cando casamos.
CARMELA.- ¿Os rapaces nada saben disto?
XOANA.- Non; iles coidan que son irmáns propios. E pra que nunca o souperan, vendimos os bens que tiñamos aló na provincia da Cruña e mercamos istes que temos na provincia de Pontevedra. Todo pra que os rapaces se levaran coma irmáns; pra que os veciños, encarregados de descobrir os segretos das familias, nada desto poideran saber.
CARMELA.- ¿Pra que lle deixaches faguer a millora ó Ricardo, non sendo teu fillo propio?
XOANA.- A mitade dalgunhas fincas que tiña perteñecían á nai do rapás. Entón, Caramés, por non levar un remorso pra outro mundo, fíxolle a millora a Ricardo. Xa foi eisí no trato antes de casar, ¿sabes, Carmeliña?
CARMELA.- ¡Ai, bestiona, bestiona!... pois eu quero que a miña filla case co teu fillo propio.
XOANA.- Boeno, a perda non che será por min. Pero Caramés... non se vai deixar domear.
CARMELA.- Iso... é cousa de o mirar. (Transición). A Caramés decote lle gostou a copiña, ¿non si?
XOANA.- Dende que se foi o fillo, esquéncese de tudo, menos de beber augardente: está decote mamando na botella.
CARMELA.- Boeno, pois... déixao pola miña conta. I agora, denantes que il veña e me atope eiquí, voume prá casa correndo. (Érguese con moito donaire pra iñizar o mutis e voltar a Xoana pra decir). Dentro de pouco voltarei pra ver de o ir abrandando.
XOANA.- Boeno, Carmeliña, boeno... Ti non me descubras, por Deus.
CARMELA.- Non teñas medo, muller. E se tes xeito, vai escomenzando ti a chuzar en Caramés pra que vaia amolecendo. ¿Entendes, Xoana?
XOANA.- Si, muller si; farei o que poida con moito desemulo. Pero... ¡non esquenzas que o Caramés é malo de torcer!
CARMELA.- Pois hai que o virar do rivés coma quen revira unha tripa cando se fan chourizos. Xa estou matinando cómo levar a bon termo ista custión. Non me poñen medo os homes, por máis retorcidos que sexan. (Con moito donaire). Hastra outra hora, Xoana (Vaise).
XOANA.- (Falando consigo mesma) -Boeno, saíndo todo ben... non deixa de ser cousa gorentosa. (Bótase a remexer nas castañas dando mostra de moi contenta, etc).
ESCEA IV
RAMIRO.- (Reloucando de contento) -¡Xa estou de volta! (Ponse a traballar no zoco con lixeireza).
XOANA.- ¿E non viches a teu pai por aí?
RAMIRO.- ¿Aínda non veu? (Tira co zoco e séntase a pé de súa nai).
XOANA.- Xa estou cansa de agardar por il.
RAMIRO.- (Mimoso) -Ai, miña naiciña da ialma, déame algo pra comer; aínda vou esbourar de fame...
XOANA.- Agarda, agarda que el veña.
RAMIRO.- Se non atopara a taberna no camiño, aínda se podía agardar.
XOANA.- Si, dende que o teu irmán se foi... meteuse moito na bebida.
RAMIRO.- Meteuse de todo: mesmo semella un pipote con pernas. (Transición). Déame algo pra comer, ande.
XOANA.- ¿Que queres que che dea?
RAMIRO.- Anque sexa un torresmiño pra asar nistes tizós.
XOANA.- Voucho dar pra que non fungues máis. (Erguese e vai ó cuarto polo torresmo).
RAMIRO.- (Rindo de contento) -¡Ja, ja, ja!... (Dimpois de coller pan na artesa séntase a pé do lume e, con lixeireza, escomenza a faguer un chuzo pra asar o torresmo). Unha nai tan dilixente, tan boa, val canto pesa. (Mirando pra o pan). Agora mando iste mendrollo prá barriga, untadiño co torresmo que ela me vai traguer...
ESCEA V
PATRICIO.- (O taberneiro. Home de sasenta anos, que viste homildosamente. Peta á porta e berra, xusto cando Xoana baixa do cuarto. Xoana quédase na escaleira, poñendo o torresmo detrás de si; Ramiro tira co chuzo i esconde o pan) -¡Caramés!
XOANA.- ¡Entra!
PATRICIO.- Boas tardes.
XOANA.- Boas traias ti, Patricio.
PATRICIO.- Veño a ver se me podedes pagar os centocorenta riás que me debedes...
XOANA.- ¿De augardente, xa se sabe?
PATRICIO.- Augardente, viño, latas de sardiñas, pan trigo...
XOANA.- (Que xa baixou as escaleiras) -Boeno, pois..., cando veña Caramés, xa se lle dirá o conto.
PATRICIO.- (Un chisco asañado) -¡O conto xa vai indo pra longo, chacha!
RAMIRO.- Déixeo ir; anque non volte, non se perde cousa.
PATRICIO.- ¿Falas de Caramés?
RAMIRO.- Non; falo do conto.
PATRICIO.- O conto son centocorenta riás.
RAMIRO.- Non é unha fertuna.
PATRICIO.- Neso me baso pra pedírvolos.
XOANA.- Xa che dixen que llo direi a Caramés.
RAMIRO.- ¿Ou non ouvíu?
PATRICIO.- (Dimpois dun curto titubeo) –Deica… deica máis ver (Vaise mal humorado).
XOANA.- (Entregándolle o torresmo a Ramiro) -Agora que chegue il e que che vexa comendo.
RAMIRO.- Non teña medo; ben o meto nun bocado. (Ponse a asar torresmo).
XOANA.- (Pescudando) -¿E que che contou Carmiña polo camiño?
RAMIRO.- (Mollando o pan co torresmo de cando en cando) -Moitas cousas, miña nai; fíxome rir moito. Non vin muller tan chistosa nin que tanto me enchera o ollo.
XOANA.- Non esquenzas que é a moza do teu irmán...
RAMIRO.- Non falamos nada dil polo camiño.
XOANA.- E logo... ¿de que falastes, home, de que?
RAMIRO.- ¡Volta á gaita!... ¿sabes que me dixo?
XOANA.- Conta, home, conta.
RAMIRO.- Que xa me quer a min moito máis do que lle quería a meu irmán. E créollo, ¿eh? ¡créollo! Cousas que me dixo polo camiño, pra demostrarme de que xeito me quer, estou ben seguro de que llas non dixo a meu irmán. ¡Que iba a decir!... Que cousas me fixo e dixo, naiciña, ¡que cousas! (Ceiba unha boa gargallada). Cando meu irmán se esquencía de comer pra ir pra onda ela... ¡por algo era!
XOANA.- ¿Que che fixo?
RAMIRO.- Vostede está levada do demo ¿ou que? Non se pode decir todo, centella.
XOANA.- ¿Por que non?
RAMIRO.- Porque son cousas da mocidade; cousas nosas ¿sabe? (Escóitase chegar a Caramés. Ramiro despréndese do chuzo e ponse a traballar no zoco; Xoana remosquexa pola cociña, acomodando potes, etc.).
ESCEA VI
CARAMÉS.- (Vaise achegando á lareira sin falar e séntase a pé do lume).
XOANA.- (Pergúntalle con ironía) -¿E xa vés?
CARAMÉS.- Estou a ponto de chegar.
XOANA.- ¡Mira que ocurrencia tivo o mozo!...
CARAMÉS.- Perguntarme se viñera, estando xa a pé da lareira...
XOANA.- ¿E cantas copiñas botaches?
CARAMÉS.- Ningunha.
XOANA. - Non cho creo.
RAMIRO.- Quen o coñeza... non llo pode creer.
CARAMÉS.- (A Ramiro) -Ti, pon siso no que estás facendo; (A Xoana) e ti... non esquenzas que teño fame e que é moi horas de comer un bocado.
RAMIRO.- (Despreguizándose) -Ai, que fame eu teño, naiciña...
XOANA.- Unha migalla máis e xa están as castañas. (Transición). ¿Sabes o que veu decir o taberneiro?
CARAMÉS.- Por eí... unha burrada das que il acostuma.
XOANA.- Unha burrada, iso mesmo: veu pedir os centocorenta riás que lle debes da augardente que bebiches.
CARAMÉS.- Boeno, pois... dille que garde os chistes pró antroido, muller, di.
XOANA.- O que estou vendo é que imos a quedar pedindo esmola polas portas do mundo pola túa culpa: ¡os trabucos ó Estado xa fai tempo que non se pagan, Caramesi...ño!
CARAMÉS.- Non te acedes, muller, acouga. Até o deiquí traballamos nós pra os fillos; agora... xa iles o farán pra nós.
XOANA.- Como non sexa o Ramiro..., o Ricardo feas mostras dá: terá boas intencións, pero non mandou unha cadela.
CARAMÉS.- (Sentíndose ferido, di por Ramiro) -Pois o que é diste... ben pouco se pode agardar. (Ramiro non se dá por enterado).
XOANA.- ¿Por que dis iso?
CARAMÉS.- ¿E non ves que pra facer un par de zocos bota unha somana inteira? (Ramiro asubía).
XOANA.- Fíxoche mal a copiña.
CARAMÉS.- ¿Entón non é certo que o lus da somana pasado comenzou uns zocos pra o taberneiro i arrematounos o sábado á noite? E pra arremachar o cravo, fíxolle os dous pra un mesmo pé.
XOANA.- Boeno, boeno...
CARAMÉS.- Se lle saíran como Deus o manda, a conta que se lle debe ó taberneiro enfraquecería; pero diste xeito aínda engrosou: xusto é pagarlle os coiros que o fillo esbandallou.
XOANA.- (Asañada) -Bastantes pelexos de viño i augardente ti lle tes pagado.
CARAMÉS.- (Ameazante) -Non sei se che baixe un sopramocos... Xa che teño dito que non fales senón cando veña ó caso. ¿Por que tes que alancar dos coiros dos zocos ós pelexos do viño?
XOANA.- (Solermiña) -Como ti falaches de coiros, i os pelexos de coiro son...
CARAMÉS.- Romenda, romenda...
XOANA.- ¿E non sabes outra cousa?
CARAMÉS.- ¿Outra máis? Pois di, Xoana, di.
XOANA.- Pois direiche que Ramiro está namorado de Carmiña...
CARAMÉS.- (Asañado) -Que non vos tente o diaño a faguerlle semellante tramoiada ó meu Ricardo. Se eso lle faguedes... non vos deixarei un óso no corpo que non se faga cinza. (Ramiro fai que non ouve).
XOANA.- Home... denantes que a leve outro..., millor que a leve o noso Ramiro.
CARAMÉS.- Ela... ¡é unha coirachana, unha candonga! Se certo é que quere a Ricardo, ¿por que se propón encambullar a iste outro?
XOANA.- Bah, bah, bah... Tes unha maneira de razoar que mesmo me veñen tentaciós de coller un zoco e pegarche coíl antre os cornos.
CARAMÉS.- Ropara un chisco no que dis. Eu non teño cornos, e, se os tivera... non teño necesidade de o saber. (Pausa, dirixíndose a Ramiro). Ti, ven eiquí (Ramiro vaise achegando). Quero que me digas cómo se che meteu semellante cousa no caletre.
RAMIRO.- ¿Que cousa?
CARAMÉS.- Iso de risparlle tan porcalladamente a moza a teu irmán. E xa che digo: se iso lle fas, non me chames máis pai.
RAMIRO.- Se ela me quer...
XOANA.- Razón ten: tanto de Deus é un coma o outro.
CARAMÉS.- Teña razón ou deixe de a ter, non penso que saiades coa vosa. E se o faguedes... non penso que sexa diante das miñas barbas. (Quédase ensimismado).
RAMIRO.- Dispois de todo, cando lle pareza, fago abandoo da casa.
XOANA.- Non ha de ser o que vós queirades, senón o que Deus dispoña.
CARAMÉS.- (Con certo sentimento) -O meu fillo Ricardo... non me faría pillar ista rabieira. Pero boeno, se iso pensas faguer, tamén podes faguer o que arrematas de decir: irte da casa.
RAMIRO.- Agora mesmo. (Intenta marchar, pero Xoana cólleo por un brazo e faino sentar a pé dela. Caramés contempra a escea con certo abraiamento).
XOANA.- (Acarizando nel) -Séntate eiquí, Ramiriño, senta. Non abandoes a túa casiña, fillo da ialma, non.
CARAMÉS.- (Sentimental) -O probe do teu irmán, que se atopa tan lonxe da casa e cecais pasando fame, non che perdería o agarimo con tanta facilidade con que ti llo perdiches a il. Mesmo me parez que os dous, ti e máis túa nai, tendes a mesma intención: pecharlle a porta, se é que il chega a retornar. A min, malpocado, dáme mágoa, pero ben ha de recoñecer que os meus moitos anos non valen pra soster unha guerra sanguiñenta con ninguén. (Dimpois de pausa). ¡Comigo... non contedes pra cousa ningunha!
RAMIRO.- (Dimpois dun bulresco sorriso) -Xa naide conta...
CARAMÉS (Bulresco) -¿Percisar ti de min? Bah, bah, bah... E menos percisarás cando deixes de faguer os dous zocos pra un mesmo pé.
RAMIRO.- Xa que dise xeito fala, non farei máis zocos pra vostede.
CARAMÉS.- Millor: curarei os callos que me figueche e calzarei a gosto.
ESCEA VII
SOFÍA.- (Trai unha carta na man) -¿Pódese?
CARAMÉS.- ¡Adiante, Sofía, adiante!
SOFÍA.- (Entregándolle a carta) -Traio ista cartiña pra vostede, tío Caramés...
CARAMÉS.- Deus cho pague, rapaza.
SOFÍA.- (Decote amabre) -Deica, deica logo. (Mutis).
CARAMÉS.- Adeús, Sofiíña, adeus (Foise).
RAMIRO.- A ver logo qué di ista carta... (Sacoulle a carta a Caramés).
XOANA.- (Arrebatándolla a Ramiro) -A carta léoa eu...
CARAMÉS.- (Quitándolla a Xoana) -Non mo parece. Eu son o único dono da carta; por algo di por fóra... ((Señor Caramés Barrido)). (Falando coa carta e dando uns pasiños lentos) ¿Que che ocurreo, que che pasou pra tardares tanto en escribirlle a teu pai?... ¡Defendereite sempre! (Abrindo a carta). Boeno, se che quitan a moza..., léveme o demo se cousa perdes. Bolercas coma isa... hainas a moreas. (Bótase a ler coma pra si). ((Buenos Aires, 15 de Noviembre de 1925. Queridos papaíños: Mucho tiempo hay que no les escribo, y lo hago en el día de la fecha para pedirles perdón por la falta cometida. Mi tardanza fue debida a lo muy preocupado que me encuentro en busca de ocupación: para dos años va que no la tengo. Hállome en la más completa indigencia, pues no me queda ni para el tranvía. Gracias a la terminación de la guerra de Marruecos, he sido indultado. También se me concede pasaje gratuíto para poder volver a mi patria, cosa que haré pronto. Sin más, muchos abrazos y hasta pronto. Ricardo Barrido Queixo.)) (Quédase ensimesmado unha miga).
RAMIRO.- Non, cartos non veñen.
CARAMÉS.- Pois non entendín nin xota, malo raio.
XOANA.- Duriño da cachola sempre fuches.
CARAMÉS.- Tan duro da cachola coma vós do piteiro. (Deixa a carta sobor da artesa e vai hastra a porta pra chamar). ¡Sofía!...
ESCEA VIII
SOFÍA.- (Dende a súa casa) -¡Queh!...
CARAMÉS.- ¿E podes vir unha miaxa, muller?
SOFÍA.- (Entrando) -¿Percísame, tío Caramés?
CARAMÉS.- (Arrebatándolle a carta a Xoana, que a están lendo, ela e Ramiro) -¿Que porra lle mirades? Non dades traza ó galego pra canto máis rachar o castelán. (Transición, a Sofía). Non entendo ben ista carta e chameite pra que ma leas. (Entrégalla).
SOFÍA.- Eu lle direi decontado o que ela dixer.
CARAMÉS.- Pois a ver, muller, a ver... (Ponse a picar un pito).
SOFÍA.- (Dimpois de darlle un vistazo á carta, dirá aparte) -¡Probe Ricardo! (Agora di pra iles). ¿Saben que di?
CARAMÉS.- Iso quixera saber.
SOFÍA.- Que moi pronto estará eiquí antre vostedes, antre todos nós. (Xoana e Ramiro solpréndense).
CARAMÉS.- (Intuíndo a traxedia que a Ricardo lle agarda, caviloso, vai decindo) -Máis... vale eisí... (Transición). I eso de que se alcontra ((en la indigencia)) ¿que quer decir, Sofía?
SOFÍA.- (Aparte) -¡Que lle direi, Deus meu!... (A il) Que está nun pobiño máis pra acó de Buenos Aires.
CARAMÉS.- ¡Que ben les ti, nai quirida!...
XOANA.- (A Sofía) -¿E traguerá cartiños?
SOFÍA.- (Titubeante) -Asegún se esprica... algúns debe traguer.
CARAMÉS.- (Severo) -Isa pregunta... non loce nos fuciños dunha nai, ¡ruín muller!
SOFÍA.- (Entregándolle a carta) -¿Xa non me percisa, tío Caramés?
CARAMÉS.- Non, rapaza, non. Que Deus cho pague. Se algunha cousa eu teño e che cómpre...
SOFÍA.- Deus llo pague. (Transición). Hastra outra hora; adeus todos (Vaise).
TODOS.- Adeus.
CARAMÉS.- (Falando coa carta) -¡Deus che vexa vir, fillo de bendizón!...
RAMIRO.- (Celoso) -Pois se é tan de bendizón, que lle faga el os zocos.
XOANA.- Tes razón: que camiñe descalzo.
CARAMÉS.- Anda, galupín, anda. Ti non es un zoqueiro: ¡es un esbandallacoiros! (Pequena pausa). Se certo é que tes o tiduo de zoqueiro, non é menos certo que túdolos teus crientes sofren dos callos.
RAMIRO.- (Erguéndose moi enoxado) -Soio por o non ouvir falar, vou pasar o tempo cos amigos ó fondo da aldeia. (Vaise mal humorado. Caramés fuma caviloso).
XOANA.- (Increpando, dimpois de moverse pra unha i outra banda pola cociña adiante) -Estaslle dando a entender ó meu fillo que queres millor ó Ricardo.
CARAMÉS.- Eisí mesmo é.
XOANA.- ¿Por que isas difrencias?
CARAMÉS.- Ti tes a culpa. Non esquenzas que casei contigo pra darlle unha nai a un neniño que sin ela quedara cando apenas tiña dous anos de edade: o meu Ricardo.
XOANA.- Fillos teus... son os dous.
CARAMÉS.- Prá disgracia miña... non podes decir ti o mesmo.
XOANA.- (Máis asañada) -Pois o meu fillo é tan diño de respeto como pode ser o teu.
CARAMÉS.- (Que xa está perdendo a pacencia) -¡Vaite con il! ¿queres? vaite coíl e déixame en pas.
XOANA.- (Máis calmada) -A ver se agora escomenzamos a levarnos mal, por culpa dos fillos.
CARAMÉS.- Moi posibre, moi posibre...
ESCEA IX
CARMELA.- (Trai unha botella na man, coa que ha de emborrachar a Caramés co gallo de que é o día do seu santo) -¿Podo entrar?
XOANA.- ¡Adiante! (Entra).
CARAMÉS.- (Poñéndolle o tallo) -Séntate eiquí, muller senta, que che hei de dar unha notiza...
CARMELA.- (Domiñante) -Xoana, trai unha copa, anda: quérovos convidar.
XOANA.- Pero, muller...
CARAMÉS.- ¿I eso?
CARMELA.- É día do meu santo, burricáns. (Bótanse a falar i a beber. Carmela, con desemulo, faille beber a Caramés máis da conta). Bebede, bebede...
CARAMÉS.- Pois que de hoxe en vinte anos repitas o feito, muller. (Bebe).
CARMELA.- E vós que os contedes. (Transición). Bebe, Xoana, bebe...
XOANA.- Que Deus che dea saúde, muller. (Bebe).
CARMELA.- E logo... ¿que me querías contar?
CARAMÉS.- Acabo de receber carta do meu fillo Ricardo, na que me di que pronto chegará á casa que xa fai tempo deixou.
CARMELA.- (Un chisco deceucionada) -¿De verdade escribeo?
XOANA.- Si, muller, si...
CARMELA.- Logo, viñeron xuntas as dúas cartas, pois eu tamén recibín carta do meu fillo E... asegún me di..., só Ricardo vén... con cartos non contedes.
CARAMÉS.- ¿Que di o teu fillo do meu?
CARMELA.- (Con desparpaxo) -¡Que está feito un ((atorrante))! (Xoana fai xesto de asombro).
CARAMÉS.- (Dimpois de curta cavilación) -I eso de ((atorrante))... ¿que quer decir?
CARMELA.- Home... non o sei de certo, pero boa cousa non é. Tamén di que lle gostan muito as ((carreiras)).
CARAMÉS.- Iso si, ¿ves? ¡Era moi lixeiro!
CARMELA.- Non, non; son carreiras de cabalos.
CARAMÉS.- Entendo, entendo... Xa montaba ben acó.
XOANA.- Vou ver se atopo a roca, que non sei ónde a pousei. Non te vaias, Carmela, que baixo nun istante. (Vaise pró cuarto).
CARMELA.- (Dándolle copa tras copa) -Toma, home, toma; bebe pra diante.
CARAMÉS.- (Coa copa na man) -Non tanto, chacha, non tanto... Parez que as miniñas dos ollos xa piden escuridade. (Bebe. Xa escomenza a sentir os efeitos do alcohol. Dimpois que bebeu, di). Por onde pasa iste mel... non queda un sapoco con vida.
CARMELA.- (Dimpois que os dous sonriron) -Boeno, Caramés; vou aporveitar ista ocasión pra faguerche unha proposta...
CARAMÉS.- (Fregándose un chisco a Carmela) -Ti dirás, Carmeliña, ti dirás...
CARMELA.- (Espontaña) -Hai que casar a miña Carmiña co teu fillo Ramiro.
CARAMÉS.- (Con soborsalto) -¿Tamén ti me vés azoroñar? (Pequena pausa). Pois por min... casádeos, aínda que sexa por detrás da igrexa.
CARMELA.- Iso... decontado cho fan iles, se lle damos liberdade.
CARAMÉS.- (Iróñico) -Non creo... A túa filla é un anxo e non creo que fora capás de semellante cousa, malpocada. (Aparte). ¡É unha lercha condanada!
CARMELA.- Pois soio nos cómpre que ti digas que si. Bebe, Caramesiño, bebe.
CARAMÉS.- O meu ((si)) xa o tendes aló; xa cho dixen.
CARMELA.- Quítalle a millora ó Ricardo e queda o trato feito.
CARAMÉS.- (Sentencioso, a pesar do que xa bebeu) -¡Ollo á petada! (Pequena pausa). Se coidas levarme por ise carreiro... dende xa arrematan as amistades antre nós.
CARMELA.- (Arrandeando nil pra faguerlle a conquista) -Ven alí, Caramés, ven alí; non fuxas da razón, home. (Dándolle outra copa). Bebe, bebe outra copiña...
CARAMÉS.- (Máis zalameiro) -Ser es o demo que me está tentando... (Bebe). Pero se coidas que coas copas me fas perder o siso...
CARMELA.- Pois se perdes de beber por iso, proba que a iso tes medo.
CARAMÉS.- (Bebendo outra copa, dimpois de servila il mesmo) -Pra que vexas.
CARMELA.- (Meténdose nil) -Non desprecies a oportunidade pra demostrares que es un home rexo, Caramés.
CARAMÉS.- Eisí son, Carmela.
CARMELA.- Dende que morreu o meu home... nunca tiven antoxo tan grande. Teño moito intrés en meter a miña filla na túa casa. E se a iso chegamos, farás de min... o que che gorente, o que queiras.
CARAMÉS.- (Máis meloso) -Mira Carmela, sinto moito...
CARMELA.- Non me digas que non, Caramesiño.
CARAMÉS.- Se teño que faguerlle iso ó meu fillo, ademais de partírseme o corazón pola mitade, teño medo de virarme louco...
CARMELA.- Non esquenzas que anda o fillo do muiñeiro enlouquecido por casar con ela.
CARAMÉS.- Se a quere il...
CARMELA.- Nada, nada, emberrencheime en que ha de casar co teu fillo Ramiro, i a non ser que a perda seña por ti, ¡non hai quen cha quite da casa!
CARAMÉS.- (Peneque, vencido polos rogos e carizas de Carmela) -Boeno, pois... (Abrázase a Carmela). Que sexa o que ti queiras, muller... (Chiscándolle un ollo). ¿Chegaremos a un compreto entendemento?...
CARMELA.- Xa falaremos diso polo camiño. Ven agora comigo. De camiño vas á vila pra falar co Notario e faguerlle a millora a Ramiriño, anda. (Transición). Non sei como conseguiche que contigo me encariñara deste xeito.
CARAMÉS.- Vou poñer outra chaqueta. (Rube as escaleiras pra o cuarto).
CARMELA.- (Berrando) -¡Xoana!
XOANA (Baixando do cuarto). - ¿E xa te vas, Carmela?
CARMELA.- Non é tan xa, filliña. (Transición). ¡Alédate, burracana, alédate! Caramés vai agora mesmo á vila pra faguerlle a millora a Ramiro.
XOANA.- Eisí o queira Deus.
CARMELA.- ¡Casaranse canto denantes!
CARAMÉS.- (Baixando as escaleiras, tambaleante) -Vamos, vamos xa...
XOANA.- ¿E non comes algo pirmeiro?
CARAMÉS.- Non; comerei á volta. A vila está perto e decontado virei. As cousas... hai que faguelas en quente.
CARMELA.- En quente, si; eu decote o dixen. (Neste intre dálle un desmaio a Caramés e déixase caír ó chan. As mulleres corren pra darlle axuda).
XOANA.- ¡Ai, Virxenciña!...
CARMELA.- ¡Deus diante, meigas fóra!... (O sentan no chan, danlle ar, etc).
CARAMÉS.- (Balbucente) -¡De..., de..., derrubouse un arbre! Está no chan, ofercendo os seus froitos a quen os queira coller.
XOANA.- ¿Que dis, Caramesiño, que dis?
CARAMÉS.- ¡A porra! Quérome erguer. Teño que ir á vila. (Fai forza pra se erguer e consígueo, axudado polas mulleres. Escurécese a escea pra apareceren nela Xoana e Ramiro).
O S C U R E C E M E N T O
SEGUNDA XORNADA
(Segundo cadro)
ESCEA I
XOANA.- (Contenta) -Todo, todo está saíndo como eu quero. Boeno, por algo lle ofrecín unha dúcea de ovos ó sinor abade e máis dous riás pra responsos.
RAMIRO.- ¿A que se refire, miña nai?
XOANA.- Eu me entendo, home; son cousiñas miñas.
RAMIRO.- ¿E onde está meu pai?
XOANA.- O teu pai deu a volta co de riba pra baixo; quedamos en que te casarás con Carmiña canto denantes. Supoño que che estará faguendo a millora, pois dixo que iba á vila.
RAMIRO.- ¿Si?
XOANA.- Si, home, si.
RAMIRO.- Anque il non quixera... o mesmo me casaba.
XOANA.- Non casarías, non. ¿Non ves que se non che se fai a millora, a rapaza non te quer? Niso góstame moito: pon os ollos no máis aló. Os que eisí pensan... non pillan fame.
RAMIRO.- Boeno, mamai, boeno. Ista rapaza xa naceu pra min. Cando certo día con Carmiña na retorta me atopei, xa antes de se ir meu irmán, propúxenlle relacións e díxome con moito pesar: ((¡Que lástema! A disgracia é que eu xa son a moza de teu irmán, que senón ti góstasme ben. Quen sabe se algún día chegamos a un acordo)) (Transición). Efeutivamente: chegou o día que ela me decía.
XOANA.- ¿Entón xa non é a pirmeira vez que?...
RAMIRO.- ¡Vaille boa, miña nai, vaille boa!...
XOANA.- (Dimpois dunha risada de satisfaición, abrázase a Ramiro) -¡Canto desexo vervos casados, Ramiriño!...
ESCEA II
(Ditos, Carmiña e Carmela, que entran correndo coma dúas loucas pra abrazarse a Xoana, bicala, etcétera. Ramiro, aparvado, ponse a traballar no zoco).
XOANA.- (Dimpois de rir de boas ganas) -¿É pola millora, non si?
CARMELA.- (Pondo o dedo no fuciño) -¡Chis!... Que non se entere Ramiro, pra que receba unha solpresa cando Caramés veña.
CARMIÑA.- (Que se achegou a Ramiro) -¿Queres que che axude?
RAMIRO.- Boeno, caracho, boeno... ¿Coidas que che vou deixar lixar as mans nas biqueiras dos zocos?
CARMIÑA.- ¡Quen nos dera xa casados, Ramiriño! (Xoana e Carmela falan antre elas).
RAMIRO.- Por min non é a perda: decote che dixen que nos conviña casar canto denantes.
ESCEA III
PATRICIO.- (Que entra na compaña da súa filla Sofía, con Caramés borracho antre iles) -Eiquí tes ó teu home, Xoana.
SOFÍA.- Vén como ha de ir, tía Xoana.
XOANA.- (Mirando a Caramés, que non se ten de pé) -¿Ir pra onde, muller?
SOFÍA. - Pra... pra...
PATRICIO.- Prá cama, muller, prá cama; ¿non ves que vén durmindo?
CARAMÉS.- (Falando por antredentes) -Fouciños sin mango, gadañas..., cornos furados... (Carmela e Carmiña fan a sinal da cruz e falan antre elas).
XOANA.- (Poñéndolle un tallo con malos modos) -Sentade eí o borracho...
SOFÍA. - Millor que o leve direitiño prá cama, tía Xoana.
XOANA.- Boh, direito nunca andivo. Sentá, sentádeo no tallo. (Patricio e Sofía sentan a Caramés no tallo, arrimado á escaleira do cuarto).
ESCEA IV
(Entra Ricardo e quédase nun recanto sin que naide o vexa. Trai unha maleta na man. Viste traxe craro e sombreiro paxilla. Quédase á espreita, sin ser visto, i entérase da súa traxedia).
RAMIRO.- (Pasándolle a man por diante dos ollos a Caramés) -¡Vén bon! ¿E sabe onde está?
CARAMÉS.- (Balbucente) -Estar estou... estou...
RAMIRO.- Está, home, está un bon pelexo de viño. Se lle deran a beber auga choca con sal, non lle faría tanto mal. (Rinse tudos, menos Sofía e Patricio).
CARAMÉS.- (Sentíndose ferido, escomenza a erguerse con dificultade pra, tambaleante, decir) -¡Desleigado fillo! (Tudos escoitan coma aparvados). É certo que non me rexe a cabeza, si... é certo. (Pequena pausa). Pero... gracias ó que bebín... púidenche faguer a ti a millora. (Pequena pausa). Tiña unha cousa acadullada no peito, que me decía: ((¡non entres ó Escribano, Caramés!)). (Transición). En percura de forzas que eu non tiña, dei volta e metinme nunha taberna. Dalí saín trocado noutro home que eu non era, saín trocado no que son agora. Voltei ao Escribano pra quitarlle a millora a teu irmán e fíguencha a ti. (Entregándolle un papel que sacou do peto). Colle; eí a tes. Pra que me pagues con auga choca, sal... e zocos pra un mesmo pé.
CARMELA.- (Asañada) -A miña filla... algo vale, Caramés.
XOANA.- ¿Ti estás louco ou que raio tes? ¿Pra que nos avergoñas diste xeito diante da xente?
CARAMÉS.- Non hai porque avergoñarse do que se fai á luz do día. Denantes que se seipa por outros, prefiro que o seipan por min. (Transición). Veciños; cando vexades chegar ó meu Ricardo, decídelle o que sabendes: decídelle que non conte co cariño de seus pais. As cousas, dimpois de feitas, non teñen volta: é preciso afrontalas con entereiza. ¡Decídello, decídello!...
RICARDO.- (Presentándose no medio da escea) -Non perciso que naide mo diga. (Tudos, menos Patricio e Sofía, con grande solpresa e coma si tiveran un pantasma diante, agrúpanse a pé da escaleira).
SOFÍA.- (Abrazándose a Ricardo) -¡Ricardi...ño!...
PATRICIO.- (Tamén se abraza) -Pero, home... (Os demais semellan querer acercarse a Ricardo, pero con certa indecisión).
RICARDO.- (Decote moi sereno e serio) -Non, non se acheguen. Non consintirei que iste intre de emoción faga de testo a un pote cheo de veneno, que máis tarde ou máis cedo ha de estourar.
CARAMÉS.- (Confusión de verbas, por querer falar tudos a un tempo) -Non...
XOANA.- Pero nós...
CARMELA.- De resultas...
RAMIRO.- Cousas...
RICARDO.- (Interrumpindo) -¡Xa dixen! (Pequena pausa). Quero que me poñan ó tanto das trapalladas que pra min teñen escoideitas.
CARMIÑA.- (Dimpois de forte titubeo, resolveu enfrontarse con Ricardo) -A verdade é que, como te fuches pra Buenos Aires decíndome que de camiño que lle escapabas ás quintas, xuntarías algúns cartiños e non xuntaches nada... (Xoana e Ramiro recorren paseniño os rincós da cociña, coma se andaran buscando algo; Caramés sentado na escaleira, coa cabeza antre as mans).
PATRICIO.- Vamos, Sofía, vamos prá casa. (Intentan o mutis).
RICARDO.- Non, non se vaian: quero que os meus veciños sexan testigos dista miña magoante chegada de terras alleas.
CARMELA.- Díxome o meu fillo nunha carta que nunca nada podías ter.
RICARDO.- (A Carmiña) -Se non foras desmedidamente ambizosa e pensaras que es unha muller sin corazón nin cultura, cecais foras máis diña de andar antre a xente. Compadezo ao home que non che vexa os moitos defeitos que tes, que che acompañarán até a morte. (A Carmela). E vostede non me fale do seu fillo, pois todos os que o coñecen... saben ben que el vive do roubo. De dúas desvergonzadas ten que tratarse, pra faguerme iste recebemento na miña casa.
RAMIRO.- (Amostrándolle o documento) -Boeno, a casa... é miña...
RICARDO.- (Con mágoa) -Boeno, home, boeno; que bon porveito che faga.
CARMIÑA.- I eu voume casar con teu irmán.
RICARDO.- (Grave) -Non lle desexo tanto mal a meu irmán. (Paseniñamente, colle a maleta e alanca até o pai, pra perguntarlle). E vostede, pai, ¿que di a tudo isto? (Tudos están aparvados).
CARAMÉS.- (Falando con dificultade) -Niste enguedello... nin meto nin quito. Son vello e... non quero morrer en pecado mortal.
RICARDO.- (Alanca pesadamente até a porta, coa maleta na man; dáse volta e, dende a porta, dirá): - SE O SEI ... NON VOLVO Á CASA. (Mutis. Patricio e Sofía tamén se van da escea. Caramés saca unha bota de debaixo da chaqueta e ponse a beber).
PANO LENTO
TERCEIRA XORNADA(Pirmeiro cadro)
(Iste pirmeiro cadro desenrólase nun camiño con arbres. Pero se por calisquera cousa non convén cambiar o escenario, pódese faguer diante do mesmo telón de boca).
ESCEA I
RICARDO.- (Entra a escea coa maleta, séntase nela e bótase a falar) -¡Que disgracia! (Pausa). ¡Nin pais... nin patria! (Pequena pausa). En Buenos Aires tudos me chamaban galego, cousa que aledaba o meu esprito; eiquí, na terra onde nascín e que un día deixei apuxado polas circunstancias, chámanme ((o americano)). (Pequena pausa). Millor me fora coller o camiño da guerra, anque nela morrera. A morte non é tan amargurante coma sentirse un estranxeiro na súa propia terra. (Pequena pausa). Os que prás américas nos fomos co corazón desfeito, nunca máis acougo nil teremos, nin aló... nin acó. (Enfático). Se aló era galego i eiquí son americano, ¿pra onde queredes que vaia? (Pequena pausa). Hastra as pedras que piso semellan quixarse de min, decíndome: ((¿Pra que voltaches, pra darnos xenreira? Pois vaite, vaite pra onde non te alcontren... nin o cheiro dos cans)). (Alguén chega. Colle a maleta e trata de seguir camiño).
ESCEA II
SOFÍA.- Ricardo.
RICARDO.- (Dándose volta) -¿Que queres, rapaza?
SOFÍA.- Cando voltei do muíño, díxome meu pai que te foras. ¿Por que fixeches iso? Volta, volta comigo prá nosa casa.
RICARDO.- Non, Sofía, non volto; vou ver de atopar traballo por eí...
SOFÍA.- Non, virás agora comigo pra estar na nosa casa os días que sexa preciso, pra millor ourentar a túa vida.
RICARDO.- En Buenos Aires hai muitos irmáns galegos que desexan voltar a Galiza, pero non o fan por atopárense probes, por non habelos axudado a sorte. Tudos din que é vergoñante voltar á terra sin cartos. Eu, coidando que non tiñan razón cando eisí falaban, voltei á miña terra tan probe coma cando dela saín. Confeso que me pesou. (Pequena pausa). O único duro que traguía, xogueino á lotería cando pisei terra galega.
SOFÍA.- ¿E non che tocou ren, craro?
RICARDO.- Non, é decir, non o sei. Un compañeiro de viaxe, que voltou á terra nas mesmas condiciós miñas, propúxome mercar un décimo a medias; mercámolo, rachámolo ó medio e cada un gardou a súa mitade.
SOFÍA.- (Candorosa) -Pois eu quero que voltes comigo, Ricardo. Criámonos xuntos e doime moito verche despreciado diste xeito. Ben me lembro de cando lle pedías a meu pai que me deixase ir contigo ás foliadas, nas que decote me demostraches que podía contar con un irmán na túa persoa. (Pequena pausa). Ven, Ricardo, ven prá miña casa...
RICARDO.- Estasme faguendo anacos o corazón. Sofía. A un home dos meus anos fáiselle mágoa cando se lle oferce esmola. Eu síntome forte e podo traballar. ¿Pra onde me queres levar?
SOFÍA.- Non che oferzo esmola, Ricardo; oférzoche a nosa casa pra que nela esteñas namentres non ourentes a túa vida. ¿Pra onde vas?
RICARDO.- Vou á vila, eiquí perto, pra ver de arranxar a miña situación dunha maneira ou doutra.
SOFÍA. - Pero como cartos non tes... Ven, Ricardo, ven comigo.
RICARDO.- Es muller de dondo corazón, capaz pra facer feliz á persoa máis desditada. Pero boeno, a situación na que me alcontro... non me deixa falar niste intre das túas muitas fermosuras. Cecais outro día che direi o que hoxe non podo nin debo.
SOFÍA.- Faime caso, Ricardo: vaite á vila, i á noite vés dormir á nosa casa. Xa arranxarás a túa vida, home, xa... Non teñas pesar por cousa ningunha. Xa virán tempos millores. Eu teño eiquí unhas poucas pesetiñas aforradas, que che empresto até que mas poidas devolver. Non me digas que as non colles, non me deas ise desgosto. (Entrégalle as pesetas).
RICARDO.- (Dimpois dun intre de perplexidade) -Non chas desprezo. ¿Pra que negar que as perciso? ¡Que Deus cho pague, Sofía!... (Pequena pausa). Si, ista noite dormirei na vosa casa.
SOFÍA.- Ista e todas as que sexa perciso.
RICARDO.- Eisí será, Sofía.
SOFÍA.- Pois vaite á vila e deixa a maleta, que xa a levo comigo. (Colle a maleta).
RICARDO.- Pesa muito, Sofía...
SOFÍA.- Podo ben con ela. (Transición). Hastra despois, Ricardo (Saie por onde entrou).
RICARDO.- Deica logo, Sofía. (Dempois de mirar un chisco i acenarlle coa man, dirá): Por ti... coidarei a miña saúde. (Se o actor canta, bótase a cantar; se o actor non canta, sentarase nunha pedra ou nun cepo que por alí hober, triste e coa cabeza antre as mans, ouvirase cantar).
É unha grande disgracia
e que nunca pensei nela:
por chegar probiño á casa,
botáronme fóra dela.
Galiza, miña Galiza,
moito eu chorei por ti;
envolto nista disgracia
déixame morrer eiquí.
APÁGANSE AS LUCES
TERCEIRA XORNADA(Segundo cadro)
(A mesma escea da segunda xornada, ou sexa, a cociña de Caramés).
ESCEA I
(Veñen de se casar Carmiña e Ramiro, que entran á cea acompañados por Xoana, Carmela e Caramés; repilingados uns nos outros, con grande estrépito e moito barullo).
XOANA.- (Abrazándose a Carmiña) -¡Ai, noriña querida!...
CARMELA.- (Abrazándose a Caramés) -¡Que tranquilidade, Caramesiño!...
CARAMÉS.- Apértame, Carmeliña, apértame ben, que estou louco de ledicia...
CARMIÑA.- (Colgándose en Ramiro) -¡Ramiriño, Ramiriño, anaco das miñas intranas! ¿Has faguer o que lle dixeches ó crego?
RAMIRO.- ¿O que, Carmiña?
CARMIÑA.- Que me has de querer hastra morrer, ¿non te acordas?
RAMIRO.- Nin mo preguntes siquera, meu riñonciño...
XOANA.- Deus vos faga ben casadiños, filliños meus. (Transición). Pois ala, ídevos pondo á mesa pra vos servir a comida que xa dexei feita nos potes. Hoxe é a meirande festa da nosa vida...
ESCEA II
PATRICIO.- (Dende a porta) -¿E pódese entrar, Caramés?
CARAMÉS.- (Todos se foron sentando denredor da artesa, menos Caramés) -¡Adiante!
PATRICIO.- Felices as teñades tudos.
TUDOS.- (Un por un) -¡Gracias!
PATRICIO.- (Vendo que tudos están moi contentos) -A notiza que lles traio, cecais lles veña cuspir pola festa; pero, como son o pedaño, teño que dar cumprimento á xusticia da vila.
CARAMÉS.- Nada, nada de recovecos, Patricio: di o que teñas que decir.
XOANA.- Iso, iso mesmo...
RAMIRO.- Sin pararse en pelos.
PATRICIO.- Pois... fai un chisco que alcontrei petando á vosa porta un sinor oficial de xustiza, a quen lle dixen que vós non estabades na casa. Como quedou de voltar axiña, pois me dixo ((hastra logo)), véñovos aconsellar que vaiades correndo a pagar os consumos, contribuciós e solares. ¡Córrenche peligro as tenzas, Caramés! (Carmela e Carmiña míranse antre ilas con asombro).
CARAMÉS.- (Indifrente) -Bah, bah, bah... Dille á xustiza que agarde.
PATRICIO.- (Asañado) -Vaillo decir ti, chacho.
XOANA.- (Mal humorada) -Dillo ti, que pra iso es o pedaño.
PATRICIO.- (Braceando) -Iso non quer decir que sexa criado teu, poñesga.
RAMIRO.- (Serio) -¡Abonda! (Pequena pausa). Métase nas súas cousas.
PATRICIO.- Tes razón, home, tes... Por min... ¡nunca aló vaiades! (Vaise braceando e falando soio).
XOANA.- ¡Que raios de home ise! Decote vén coas mesmas hestorias. (Carmela e Carmiña dan mostras de nerviosismo).
CARMIÑA.- (Que xa se sinte ama) -¿I é moito o que lle deben á xustiza?
CARAMÉS.- (Restándolle importanza) -Non, muller, non; débeselle as contribuciós e consumos de catro anos, máis ou menos.
CARMELA.- (Erguendo as mans ó ceo berrando) -¡Ai, probe da miña filla, con quen a fixen casar!...
CARAMÉS.- Acouga, muller, acouga... Con levar as dúas vacas á feira e pagar tudo dun golpe, xa está o conto arranxado.
CARMIÑA.- Si, craro, vende as vacas e dimpois turra vostede polo arado.
CARMELA.- A augardente, Caramés, ¡a augardente!... Pois coa xustiza non se xoga...
CARAMÉS.- Ise conto corre da miña conta (Transición). Xoana, trai un gurrucho de viño e pan pra ir faguendo boca, muller, trai...
CARMIÑA.- Xa vexo que como lle non falte viño, xa tudo está arranxado. Pois como lle quiten os bens..., non sei que será de vostedes. Ramiro e máis eu, coa carreira dos zocos, iremos vivindo...
CARMELA.- Coa nosa casa non contes, Carmiña: ben sabes que tudo é do teu irmán.
XOANA.- Boeno, hoxe por ser día sinalado, teñamos a festa en paz (Disponse a poñer a mesa).
RAMIRO.- Iso digo.
CARAMÉS.- Iso decimos todos.
ESCEA III
UN AMIGO.- (Un mozo discretamente vistido) -¿Pódese?
CARAMÉS.- (Con solpresa) -¡Adiante!
UN AMIGO.- ¿Vive nesta casa Ricardo Barrido Queixo?
CARAMÉS.- Parezme que vostede se trabuca: ¿será Caramés Barrido?
UN AMIGO.- Non, sinor, non; é Ricardo, Ricardo. ¿Non é fillo de vostede?
CARAMÉS.- É, si, é. Non sabemos del, ¿sabe?; anda por eí...
UN AMIGO.- ¡Que lástima!
CARAMÉS.- ¿Cómprelle falar coíl, craro?
UN AMIGO.- Eu son amigo do seu fillo. Os dous tivemos a mesma sorte en terras de fóra e viñemos xuntos no mesmo barco e nas mesmas condiciós. Nin ben pisamos terra galega no porto de Vigo, achegouse a nós unha velliña. Dimpois de fitarnos en silenzo por espazo dunha miga, nós a ela e ela a nós, falounos diste xeito ((Benvidos sexades ó seo das vosas familias, meus filliños. Eu son unha nai moi percisada de pan pra seus fillos. Se vindes ricos, axudaime mercándome un número da lotería; se vindes probes... mercaimo tamén. Cecais vos toque a lotería e veñades coller á vosa terra o que non atopastes fóra dela)). Entón eu propúxenlle ó seu fillo Ricardo mercar un número antre os dous, porque vindo probes como viñemos... tanto tiña chegar á casa cun duro coma sin il. Collemos o número, rachámolo ó medio e cada un gardou a súa mitade. Tivemos a sorte de que nos tocaron unhas pesetas, e veño buscar a Ricardo pra xuntar o número e ir a cobralas. (Transición). Supoño que se sentirá vostede orguloso de ser pai de Ricardo ¿eh? (Apurado). Vou, vou ver se o atopo...
CARAMÉS (Todos están aparvados). - Escoite, escoite...
UN AMIGO.- (Voltando a il) -Diga, diga...
CARAMÉS.- ¿E canto lles veo a tocar de lotería pra cada un?
UN AMIGO.- Moi arrentes das setecentas mil pesetiñas. (Transición). ¡Adeus, adeus todos! (Saie correndo. Caramés, dimpois de tapar a cara coas mans por espazo dunha miga, deixase caír ao chan. Todos van a il pra darlle axuda. Incorpórano e todos se quedan porfundamente pensativos).
CARMIÑA.- (Que ve derrubadas as súas ilusiós, dimpois dun profundo salaio, dirá) -¡Que mal paso eu dei!... (A Ramiro). ¡Se ti atoparas coa velliña de Vigo!...
RAMIRO.- Se mal as contas non boto, ben craro me dis que che pesou casar comigo. (Pequena pausa). As mulleres avarentas... compría quentar o forno con elas. ¡Larpeiras!
XOANA.- Non descutades nin vos alpuricedes por cousa ningunha. Sendo o pirmeiro día do casamento, cómpre que vos respetedes...
CARMELA.- (Mal humorada) -Deixa que desafoguen, Xoana, deixa; que non garden pra mañán o que poidan faguer hoxe.
CARMIÑA.- Eu dixen iso porque... porque...
RAMIRO.- ¡Porque es unha avarenta! (Pequena pausa). ¡Cantas lle fixen a meu irmán pola túa culpa!
CARMIÑA.- É que teño medo que teu irmán se vingue de nós e...
CARAMÉS.- (Que se atopaba ensimismado, pesadamente, dirá) -Recoñezo que estamos perdidos. (Pausa). Iría correndo pra darlle un abrazo ó meu Ricardo e pedirlle perdón. Non vou, porque ha de coidar que o fago pra axudarlle a disfroitar da súa fertuna.
CARMELA.- (Irónica) -A augardente... decote arremata con istas cousas...
CARAMÉS.- (Tamén con iroñía) -Non foron as carpantas as que me fixeron perder a cabeza, obrigándome a faguer o que nunca debín faguer, non. (Pequena pausa). O feito... feito está. (Pequena pausa). Agora... tócame a min navegar no bergantín das penuras que o meu fillo arremata de deixar. (Pequena pausa). No murchamento da nosa vida, era isto o que nos compría. (Pausa). É ben certo: ((Mal... co mal se paga)).
ESCEA IV
PATRICIO.- (Chamando na porta) -¡Caramés!
CARAMÉS.- ¡Adiante!
PATRICIO.- (Entra a escea acompañando ó Oficial de xustiza, que é un home duns corenta anos, con un pequecho maletín na man) -Acó tes a xustiza. (Menos Caramés, que afronta estoicamente a situación, tudos dan mostras de intranquilidade e indiñación).
CARMELA.- (Coas mans apegadas á cabeza, saie correndo da escea coma se lle botaran auga fervendo) -¡Que vergoña, nai quirida! (Saie pola porta pra fóra).
CARAMÉS.- (Forte) -¡Vaite!... (Suave). ¡Vaite!... (Forte). ¡Ídevos todos!...
XOANA.- (A Patricio) -¿E quen te chamou a ti?
PATRICIO.- Son o Alcalde-pedáneo, i a Xustiza da aldea decote ten de acompañar á Xustiza da vila.
OFICIAL.- Veño a tomar nota de todo o que vostedes teñen, pois xa todo está nas mans da Xustiza. (Ramiro e Carmiña semellan rifar antre iles).
XOANA.- ¿E dimpois?
OFICIAL.- Poñereille unha nova pechadura á porta até que a Xustiza resolva outra cousa. (Séntase a rentes da mesa e ponse a escribir. Carmiña rube ó cuarto pra baixar ó pouco cun fardo de roupa).
OFICIAL.- A ver, sinor Caramés Barrido, vaiame decindo o que vostede ten nista casa.
CARAMÉS.- (Arrimado á artesa, porfundamente caviloso) -Dúas vaquiñas na corte, o que vostede ve nista cociña i as tenzas que todos saben. (O oficial escribe).
ESCEA V
SOFÍA.- ¿Podo entrar?
CARAMÉS.- Entra, muller, entra.
SOFÍA.- ¡Ledicia pra uns e tristura pra outros!... (Baixan do cuarto Ramiro e Carmiña, cada un con seu fardo de roupa).
OFICIAL.- ¿Pra onde van con ises fardos? Como todo está nas mans da Xustiza, ren poden levar namentres que ela non resolva. (Dan volta e tiran cos fardos á cima das escaleiras; quitan os panos e limpan bágoas. Dispóñense a saír da escea xusto cando chega Ricardo).
ESCEA VI
RICARDO.- (Entra a escea e atópase con Carmiña e Ramiro, que, cabizbaixos, van avandoando a escea, arrimados un ó outro. Ricardo perséntase correitamente vistido) -¿Como? (Pequena pausa). Isa tristura... non me parece propia de recén casados.
RAMIRO.- ¡Como pra non estar amargurados! Por culpa das borracheiras do noso pai, temos que nos ir da casa.
CARMIÑA.- E por riba... a vergoña que pillamos.
RICARDO.- ¿Vergoña, dixeches ti? (Irónico). Pois iso non ten farangulla de importanza: denantes que vós, fíxeno eu. Pois ide, ide; (mostrándolle a porta) por aí vaise ben...
OS DOUS.- ¿Pra onde?
RICARDO.- Ah, iso non volo sei decir. Sosmentes sei que eu tamén marchei por ise camiño sin saber pra onde coller nin que faguer de min. (Mutis Carmiña e Ramiro. Ricardo alanca até Sofía, que está arrimada ó lateral e chora). ¿Por que choras, Sofía?
SOFÍA.- Home, porque dimpois de ter grande alegría pola túa boa sorte, sinto mágoa polos teus pais: vexo que quedan sin ren agora na cima dos seus anos. (Xoana limpa bágoas).
RICARDO.- Se por iso é, como eu non teño pais, non tes motivos pra estar triste. (Dirixíndose a Patricio). ¿Canto lle debo, sinor Patricio?
PATRICIO.- (Refregando as mans de contento) -Home, a decir verdade, non pensaba cobrarche unha cadela; pero xa que tiveches a fertuna de chegares a ser rico, terás que pagarme... trinta pesetiñas.
XOANA.- (Ao Oficial) -¿E non poderei levar as roupiñas siquera?
OFICIAL.- ¡Nin un farrapo, sinora! Eu cumpro cas ordes que me deron. Se fora cousa miña...
RICARDO.- (Ao Oficial) -¿Que lle parece a vostede se eu levanto a deuda e me quedo con todo?
OFICIAL.- ¿Quen é vostede?
RICARDO.- Ricardo Barrido Queixo, fillo de Caramés e de Xoana.
OFICIAL.- Ah, tratándose de un familiar, cecais se pode evitar a subasta: non ten máis que ir ó xusgado e levantar a deuda pra que todo sexa seu.
RICARDO.- Está todo dito, non escriba máis. Agora mesmo vou ó xusgado pra pagar o que cumpra pagar. Mais, iso si: quero ver a casa limpa.
OFICIAL.- Pois sosmentes cómpre que se poña dacordo con seu pai pra ir ó Notario e faguer a transferencia como corresponde. Dimpois de que vostede abone a deuda, que son corenta mil trescentas pesetas, será o dono ausoluto dista casa e de todo o que a Caramés Barrido perteñece.
RICARDO.- Moi ben, moi ben. Terei moito gosto en ser dono dista casa pra pagar na mesma moneda aos que dela me botaron. (O Oficial escribe. Sofía, Patricio e Ricardo parolan antre iles, pra dar lugar ó aparte de Xoana e Caramés).
XOANA.- (Que levou a Caramés até ó proscéneo) -Dille que eu non son súa nai propia e que tiven a culpa de todo, di; que che perdoe a ti.
CARAMÉS.- Non é iste o intre de ller falar disas cousas. Se coma nai virdadeira axudaches a botalo, coma nai virdadeira debes conseguir o seu perdón; se o consigues, diránselle as cousas como son; se non o consigues, nai virdadeira dil seguirás sendo até que morras. Canto máis remorso sintamos nas nosas concencias, máis fácil conseguiremos o perdón de Deus.
XOANA.- (Indo a Ricardo) -Perdóalle a teus pais, Ricardiño, perdoa...
RICARDO.- (Con sentimento) -Nunca, mala nai... (Suave). ¡Nunca!
CARAMÉS.- (Con certa enteireza) –Fillo, hastra que me xuntei a isas desvergoñadas e ruís mulleres que me fixeron perder o xuízo, nunca mal che había querido; á túa nai pasoulle o mesmo. (Pequena pausa). Non che pedimos nada da fertuna que Deus puxo nas túas mans, home, non: sosmentes che pedimos que nos perdoes a falla contigo cometida pra poder entrar no ceo... cando pechemos os ollos. Co teu perdón, iremos a pedir esmola polas portas do mundo, contentos e satisfeitos.
RICARDO.- Non, non abrando. Ben sei que o que a min me fixeron é froito da iñorancia, si. Pero é perciso que sintan na propia carne aquil mesmo door que eu sentín cando me ollei sin familia, sin cartos, sin cariño de ninguén. Os pais que por un fillo disprecian outro, non teñen perdón de Deus. (Pequena pausa). Soio certa persoa tivo mágoa de min, pois deume azos i axudas cando eu máis disto percisaba. Ista persoa, de fermosas virtús, de dondo corazón, ben diña é de todo o meu cariño, de toda a miña ademiración, de que eu faga por ela e pra ela o que cumpra faguer. (Dimpois de pequena pausa, mira pra Sofía pra lle perguntar). ¿Quéresme ou non, Sofía?
SOFÍA.- (Agradabelmente solprendida, responde con pudor e vergoña) -Eu quero, Ricardo.
RICARDO.- (Cos brazos abertos de cara pra ela) -Pide licencia a teu pai i abrázate a min. (Sofía indecisa, bótalle unha ollada a Patricio).
PATRICIO.- (Contento) -¡Dálle, muller, dálle; abrázate a il! (Revírase despaldas pra faguer que non ve. Sofía abrázase a Ricardo; o Oficial fai que escribe; Xoana e Caramés póusanse de xionllos detrás dos abrazados. Dimpois dun tempo prudencial, os abrazados vanse soparando paseniñamente).
SOFÍA.- (Sinalando pra os pais de Ricardo, con moito sentemento) -Teus pais, Ricardo.
RICARDO.- (Tamén con sentemento) -Tes razón, Sofía: meus pais. (Colle a seu pai por un brazo e vaino erguendo paseniñamente. Sofía o mesmo con Xoana).
CARAMÉS.- (Choroso, ollándose fite a fite, con voz trémula, pergúntalle) -¿Perdóaslle a teus pais, fillo?
RICARDO.- ¿Que outra cousa poderían consentir os meus sentimentos, pai? (Abrázanse. Sofía e Xoana tamén se abrazan, uníndose os catro en prolongado abrazo. O Oficial, cando ve ista escea, colle os papés e fai mutis lixeiramente; Patricio tamén se vai detrás do Oficial).
PANO LENTO
F I N
Buenos Aires, 14 de Abril de 1931

Taberna sin dono
Peza cómico-sentimental en tres lances, o pirmeiro i o derradeiro divididos en dous cadros.
Ista peza estrenouse na República Arxentina, pola compañía galega MARUJITA VILLANUEVA, no teatro MAYO, de Buenos Aires, no mes de Agosto de 1941. Posteriormente, no mes de Outono do mesmo ano, foi posta en Montevideo, no teatro SOLIS, sempre co seguinte
REPARTO
AURORA..................................... Maruja Villanueva
PARRASCANA............................Eva Carreras
GOLETA.......................................Maruja Iniesta
SILVESTRA..................................Pepita Duarte
MANOEL..................................... .Fernando Iglesias (Tacholas)
FERMIN........................................Antón Cubela
DON POMAR...............................Vicente Fernández
ESPRITISTA.................................Luís Lugo
COEGO.........................................Alfonso Costela
CARCELEIRO..............................Vicente Fernández
GAITEIRO....................................Manoel Dopazo
VAQUEIRO 1º..............................Luís Lugo
VAQUEIRO 2º.............................Luís Iniesta
VAQUEIRO 3º.............................José Varela
VAQUEIRO 4º.............................Alfonso Costela
Xente do pobo, mulleres e homes.
O acontecemento desenrólase nunha aldea de Galiza.- Época aitual.
Direita e izquerda, a dos traballadores da escea.
PIRMEIRO LANCE
(Cadro pirmeiro)
Ista pirmeira escea, a modo de prólogo, desenrólase na casa de D. POMAR, nun pequeno cuarto que il adica ás leituras, no que non hai máis que unha mesa, dúas cadeiras de estilo antergo, dous retratos de gran formato pendurados da parede -que corresponden aos pais de don POMAR- i un pequeno armario con libros. Tamén fegura o retrato da finada dona de don POMAR, que estará sobor da mesa, nun pequeno cadro. Se os persoaxes poideran ser alumados unicamente por un potente foco, moito millor.
ESCEA I
DON POMAR e FERMÍN
D. POMAR.- (Home de caráiter, un virdadeiro fidalgo, afábel i apromado; viste ben e sempre roupas escuras. Ambos se atopan sentados, en amistosa conversa) - Ademais de felicitarche co peito acugulado de ledicia por haberes arrematado os estudos que che deron o tiduo de avogado, teu pai, considerando que é iste o intre propicio, quer arrincar do máis fondo de súa alma... un conselliño que pra ti ten gardado. Non o fago porque non vexa en ti a honradés e fidalguía que decote caraiterizou á familia dos Pomares senón por preveñir...
FERMÍN.- (Mozo duns vintecinco anos, un señorito aldeán que viste e fala coma tal: mesurado e respetuoso con todos) -Gracias, pai, moitas gracias. I ese consello de que me fala e que pormeto ter presente nos días da vida, recebereino co moor gosto.
D. POMAR.- Tendo en conta que arremataches a carreira, cousa que repersenta ferme chouto na túa vida frolecente, quixera saber qué cras de ideias e proieutos que pra o adiante teñen acougo no teu cerebro.
FERMÍN.- Sendo avogado e vendo a imposibilidade de exercer con desafogo e porveito nesta aldea, gostaríame ir...
D. POMAR.- ¿Pra onde?
FERMÍN.- Pra Madrid, por exempro.
D. POMAR.- (Solemne) -Non estou conforme, non; non che aconsello que tal cousa fagas.
FERMÍN.- Vostede dirá, pai, vostede dirá.
D. POMAR.- Nesta nosa aldeíña onde nasciche e fuche criado, onde nasceron e se criaron teus pais e avós, decote serás máis ben mirado e respetado que en ningún outro recanto da terra; i anque non exerzas a profesión... A Madrid, onde presume de avogado até o mesmo enterrador, pouco máis farías que eiquí.
FERMÍN. - Pois quedareime eiquí, pai, quedareime...
D. POMAR.- Iso che pido que fagas, polo menos... até que teu pai peche os ollos, que xa non será moito agardar.
FERMÍN.- Non fale dise xeito, pai; aínda queda moito que disfroitar, afortuadamente.
D. POMAR.- En agradecemento aos nosos veciños polo cariño con que decote trataron a tódolos nados nesta nosa casa, se os vires algún día enmarañados nalgún preito, prégoche o moor respeto pra as partes: se puderes arranxalas denantes de chimpalas nas mans da xustiza, farás laboura humán e honrosa, ademais de amigos. (Sentencioso). Non esquenzas nunca que me darás a morte o mesmo día que me queitel-o cariño dos nosos veciños.
FERMÍN.- (Homildoso) -Non terán queixas de min, pai.
D. POMAR.- (Dempois de pequena pausa) -Fálase por aí... de que lle andas faguendo a rosca á filla de Manoel da taberna...
FERMÍN.- (Un tanto acorado e solprendido) -Cousa... cousa de pasar o tempo...
D. POMAR.- (Súpeto) -Si, si..., xa comprendo; pero namentres que ti pasas o tempo, a rapaza perde o seu cretiño. Non coido que sexa diño de un fidalgo... e, se por prexuízos de liñase deixares de querela, ten en conta que iste noso pobo é diño do moor respeto pola homildade e honradés con que arrastra o peso da súa probeza, eisí como pola inxenuidade santa con que desenrola as súas peculiares inquedanzas.
FERMÍN.- Conforme, pai. Percurarei non ir tan a miúdo pola taberna, inda que non hai moito onde matar as horas de aburrimiento.
D. POMAR.- (Érguese e vai sinalando os retratos, ao tempo que vai falando) -Por túa nai, túa avoa e teu avó, pídoche que nada fagas nesta aldeíña, en que todos fomos criados e tratados con respeto de fidalgos, que ascenda descontento antre os veciños.
FERMÍN.- (Que tamén se ergueu) -Terei en conta o seu pedido, pai.
D. POMAR.- ¿Entendido?
FERMÍN.- Entendido.
D. POMAR.- (Dándose a man) -Que Deus sexa con nosco.
Escurécese a escea para dar paso supetamente ao cadro siguinte.
PIRMEIRO LANCE
(Cadro derradeiro)
Unha típica taberna galega. Ampria fenestra no centro do foro, que deixará ver algús arbres e xentes que transiten polo camiño; unha porta na direita, pirmeiro térmiño, i outra na izquerda, segundo térmiño. A porta da izquerda é dunha soia folla, pero a da direita é de dúas follas superpostas. O mostrador forma diagonal, dende o ángulo da direita ao do de izquerda do proscéneo. Pipas acuguladas; caldeiros e xamós pendurados dos cangos do teito; unha mesa no centro da escea; algunhas cadeiras espalladas, etc. O teito é dunha soia auga e pinga pra fóra. Sobor do mostrador haberá algo de todo, ademais dunha balanza de pratos.
ESCEA I
MANOEL i AURORA
MANOEL.- (Dono da taberna, de alcume Fungueiro; simprote, sosegado, de xestos vagarosos; non coñece de pruma, pero é habilidoso e ten boa mamoria; corre pra os setenta anos. A falla de caráiter i o corazón brando, fan que semelle ser máis nulo do que é. Viste chaleque de vaieta e pantalón de pana. Aparez valdeirando un caixón de xabrón, na banda de fóra do mostrador) -Os sabios..., os que len libros de moitismas follas ¿sabes Auroriña? falan dunha tal lei de gravitación que, pra entendela, hai que levar un feixe de sabencia nos miolos. (A rapaza asinte coa cabeza). Eu vexo que a nosa taberna vénse ao chan e non acho a maneira de impedir o seu derrube. ¿Non será a condanada lei de gravitación, que se meteu na nosa casa pra faguernos ferver o caletre?
AURORA.- (Mociña duns vinte anos, moi natural i afábel; está detrás do mostrador disposta pra tomar notas, cousa que nunca fai sin denantes mollar o lápiz na língoa) -Mal será que non vaiamos saíndo, papai. Inda habemos de ser ricos, xa verá.
MANOEL.- Miña pequena..., xa vai sendo moito o que nós debemos... (Transición). Apunta, anda, apunta aí... (Prosigue, coma falando consigo mesmo). Un caixón de xabrón...
AURORA.- (Escrebendo e falando) -Un caixón de xabrón...
MANOEL.- ¿Que fas?
AURORA.- Apunto.
MANOEL.- ¿E que necesidades tes de poñer aí o caixón? ¿Quen che insina a faguer isa cras de contas?
AURORA.- Entón... ¿como quer que faga?
MANOEL.- Que poñas aí doce tiras de xabrón, que son xustamente as que contén o caixón.
AURORA.- (Escrebendo) -Doce barras, papai, doce baaarras...
MANOEL.- (Algo asañado) -Que doce barras nin... ¡Doce anacos! (Pausa). Non perciso adeprender isa cras de verbas frolidas que usan os señoritos pra enzarapallar a quen lles fai caso.
AURORA.- Adeprendinas na escola...
MANOEL.- Bah, tamén eu as podo adeprender nos recibos da contribución, únicos tratados literarios con que o noso goberno se propuxo ilustrarnos.
AURORA.- (Falando consigo mesma, ao tempo que fai númaros) -Doce barras de xabrón...
MANOEL.- (Pousando as barras sobor do mostrador, a medida que as vai sacando do caixón) -A seis reás cada unha..., ¿cantos reás son? (Dempois dun tempo prudencial). Eu xa botei a conta; ¿e ti, nena?
AURORA.- Estou faguendo númaros...
MANOEL.- Non gastes máis lápiz, muller, non...: son satenta e dous reás xustiños.
AURORA.- (Algo contrariada) -Se estou eu botando a conta, ¿por que o fai vostede?
MANOEL.- Pra demostrarche que, faguendo uso dos antergos procedementos, son máis lixeiro que ti no tocante a contas, gastando moito menos.
AURORA.- ¿I eu que gasto?
MANOEL.- Papel, lápiz, cuspe... (Transición). Gañando tres perriñas en cada anaco, ¿canto nos queda, nena?
AURORA.- (Escrebendo) -Seis perras... doce veces...
MANOEL.- ¡Son satenta e dúas!
AURORA.- (Asañada) -¡Outra vez, papai!...
MANOEL.- Si, filla, si... Mira: encarta o lápiz e pon ese xabrón no seu sitio, anda. (Aurora obedece; dempois de pequena pausa, Manoel prosegue). Vaille axudar a túa tía, anda; xa están as tripas do porco cubertas de musgo i os chouriciños sin arrematar de faguer. (Aurora iñiza o mutis). Ah, escoita, escoita unha cousa: ¿é certo que o señorito Fermín arrematou os estudos?
AURORA.- Non o sei de certo, máis a min eisí mo contaron.
MANOEL.- E..., ¿como andades cos vosos namoramentos? ¿como?
AURORA.- (Un pouco avergoñada) -E... coma decote...
MANOEL.- (Supricante) -¡Mira ben o que fas, filliña, mira! Non sexa que...
AURORA.- Se Deus quer... non ha de haber perigro.
MANOEL.- Sendo don Pomar o que nos dá os cartiños pra ir pagando a quen se debe, de por forza hai que lle poñer boa cara ao fillo. Pero... sin perder tino do que se fai, filliña, sin perder tino...
AURORA.- Isas son as contas que eu boto, papai...
MANOEL.- Que se esconda de seu pai pra vir a xunto de ti (fungando co fuciño pechado), non che me dá boa aquela; ¡hummm!..., non me cheira a prato de festas.
AURORA.- Namentres sexa serio como vén sendo...
MANOEL.- (Taxante) -¡Denantes honra que cousa ningunha! Se ves que se quer propasar...¡zas! zafañazo limpo sin roparar en señiritismos nin noutros pelos. Polas dúbidas, non te encariñes moito con el ¿sabes? vai indo ó xeito, a paso de boi. Se é certo que che quer, ¿por que se esconde de seu pai pra falar contigo? En canto a fermosa, coido que non hai muller no mundo que che poida gañar, e non o digo porque sexas filla miña; en canto a bondade, ben o sabe Deus: herdaches a de túa nai, que se outra queda en Galiza coma ela... xa poden aturuxar os probes.
AURORA.- Tamén terei algo de vostede, papai.
MANOEL.- De min... escusas cobizar nada, miña pequena: eu son moi burro; e ti, por sorte, nada deso tes. (Aurora pendúraselle do pescozo pra bicalo e desaparez por izquerda pegando choutos; Manoel, dempois de limpar unha bágoa, prántase no medio da escea pra botar unha ollada ás mercancías e decir, abaneando a cabeza). As mulleres por unha banda i a miña foca cachola pola outra... estanme deixando sin taberna. (Pequena pausa). Pois de hoxe en diante... ¡nin mulleres nin raio que as parta! Nin ben chegue a Parrascana, que é unha das lerchas que máis sangue me leva zugado, collereina polos pelos e... ¡fóra! Que o fago é tan certo como me chamo Manoel; ai, fago, fago...
ESCEA II
MANOEL e FERMÍN
FERMÍN.- (Entrando resoltamente, con escopeta e roupas de cazador) -¡Saudiña, sinor Manoel!
MANOEL.- (Simulando ledicia e bon humor) -Igoalmente, señorito Fermín... Xa, xa sei que arrematou a carreira...
FERMÍN.- (Arrimando a escopeta ao mostrador) -Que xa ía sendo tempo ¿non si?
MANOEL.- Boh, nunca é tarde... ¿E que estudaba vostede, hom?
FERMÍN.- Direito, sinor Manoel, direito.
MANOEL.- ¡Direito sete anos!
FERMÍN.- Sete anos direito.
MANOEL.- Pois xa é resistir, ¿eh? (Transición). Vou botar unha cunca de viño pra vostede...
FERMÍN.- De ningunha maneira, sinor Manoel; non bebo, vostede ben o sabe.
MANOEL.- Pero unha cunquiña...
FERMÍN.- Nada, nada...
MANOEL.- Entón pase pra dentro, que aló lle están as mulleres na cociña...
FERMÍN.- Pois, coa súa licencia, irei a quentarme un pouco... (Desaparez por izquerda).
MANOEL.- (Dempois de abanear a cabeza i apertar o fuciño, ergue as mans ao ceo, decindo) -¡Ai, San Antón bendito, cóidame a filliña! ¡Non deixes que iste rapaz rache a honra da miña casiña! Como ma gardes ben gardadiña, hei de darche o fuciño do porco e máis un cesto acugulado de patacas. (Escomenza a traballar).
ESCEA III
MANOEL e DON POMAR
D. POMAR.- ¿Que tal, Manoel, que tal?
MANOEL.- (Sempre con moito respeto) -Xa ve, don Pomar: coma sapo no chuzo.
D. POMAR.- Boeno, home, boeno... ¿Non viches ao meu rapaz por eiquí?
MANOEL.- (Perplexo) -Non, non o vin... Ah, pero vou ver se o viron as mulleres...; agarde, agarde unha miga... (Desaparez correndo por izquerda).
D. POMAR.- (Eisaminando a escopeta) -Non hai dúbida: é a do meu fillo. (Pousando a escopeta no mesmo sitio). Acaba de licenciarse e semella ter menos xuízo que denantes de escomenzar a carreira. Pois... como lle faga perder o creto á rapaza e non queira casar... vaime coñocer. Pomar nunca aos veciños fixo mal nin consentirá que se lles faga...
ESCEA IV
DON POMAR e MANOEL
MANOEL.- (Pondo cara de circunstancias) -Ai, don Pomar querido..., as mulleres tampouco albiscaron ao seu fillo por ningures.
D. POMAR.- ¿Non?
MANOEL.- ¡Por ningures, don Pomar!... (Atordado). Se… se quer cachear... Eu xórolle que non está...
D. POMAR.- ¿Pra que hei de cachear?... Que dis a verdade, ben cho coñezo na cara. (Transición). Deica outra hora, Manoel, deica outra hora... (Iñiza o mutis).
MANOEL.- (Acompañando a don Pomar até a porta) -Escoite, don Pomar: xa que lle cadrou de vir por eiquí, vou aporveitar pra decirlle que iste mes..., se é que vostede puder...
D. POMAR.- (Decote afábel) -¿Cómprenche cartos?
MANOEL.- (Homildemente) -Pra pagar unhas deudiñas...
D. POMAR.- (Con certa pena) -¡A conta vai indo xa moi outa, Manoeliño!
MANOEL.- Xa sei, sinor, xa; pero...
D. POMAR.- Non coides que cho digo por...
MANOEL.- Non coido, sinor, non...
D. POMAR.- Vai pola casa e traguerás o que percises.
MANOEL.- ¡Deus llo pague, don Pomar!... (D. Pomar desaparez; Manoel, cando se dá volta e lle dan os ollos na escopeta, bota as mans á cabeza). ¡Ai, unha centella me nunca parta!... A pirmeira mintira que lle contei a iste home, saíume esforricada. (Vai correndo á porta de izquerda, pra chamar). ¡Señorito! ¡Ai, señorito!...
ESCEA V
MANOEL, AURORA e FERMÍN
FERMÍN.- (Aparez correndo, seguido de Aurora) -¿Que quere, sinor Manoel?
AURORA.- ¿Que pasou, papaíño, que?...
MANOEL.- (Sinalando pra a escopeta) -Eí ten por onde se desfai a maraña... ¡Sinto máis isto!...
FERMÍN.- (Un tanto desconcertado) -Boeno, isto non é nada: chegarei á casa moito denantes que el o faga. (Colle a escopeta e saie correndo).
MANOEL.- ¿Ves, filla, ves? Un mozo que se esconde de seu pai pra falar coa moza... (Funga co fuciño pechado).
AURORA.- Que Deus dispoña... (Desaparez por izquerda).
MANOEL.- Que Deus dispoña e que San Antón non durma, que se non...
ESCEA VI
MANOEL e PARRASCANA
PARRASCANA.- (Muller de caráiter tempestivo, pero de bon corazón e nobres sentementos, moi enérxica e chea de vitalidade, pese aos seus sasenta anos, morena, de moitas arrugas na cara, viste modestamente, pero con moita variación de coores vivos que resaltan a súa primitiva mentalidade. Pola fogosidade do seu caráiter aparenta ruín intrana, semellando non sentirse cómoda se a non fan rabiar ou se non fai rabiar a alguén. Entra resoltamente, fiando na roca, con atroadora voz) -¡Saudiña, Fungueiro, saudiña!...
MANOEL.- (Con cara de poucos amigos, desposto a faguerse respetar) -Cun fungueiro vouche medir o espiñazo, si. ¿Quen che manda poñer alcumes á xente?
PARRASCANA.- (Mostrándose solprendida) -Decote che chamei eisí e nunca deches mostras de asañamento. ¿Estás enfurruñado? Eu non che teño culpa.
MANOEL.- (Dempois de pornunciar algo que non se lle entende) -¿Que vés buscar?
PARRASCANA.- (Quitando a roca da cintura pra pousala sobor do mostrador) -Xa non fío máis...
MANOEL.- ¡Tampouco eu!
PARRASCANA.- Xa se sabe, home: iste é traballo de mulleres.
MANOEL.- Non cho descuto; pero tamén é precaución de taberneiros.
PARRASCANA.- Bota, bótame eí dous reás de chatolas pra ferrar os zocos.
MANOEL.- (Pousando o paquetiño sobor do mostrador) -Eí as tes.
PARRASCANA.- Pois apunta, anda, apunta...
MANOEL.- (Arrebatando as chatolas) -Apuntar vouche apuntar un zafañazo que che desarme o esquelete, centella.
PARRASCANA.- (Un tanto alporizada) -¿Ti a min?
MANOEL.- Eu a ti, si. ¿Non che dixen que non fío máis?
PARRASCANA.- (Dempois de rir bulrescamente) -Boh, boh, boh... Ise conto non é pra min...
MANOEL.- Iste conto non é conto i é pra todos igoal. Non es máis de Deus que tódolos demais.
PARRASCANA.- (Collendo a cousa máis en serio) -¿E dismo eisí tan cruamente, sen demudares de coor siquera? (Erguendo a voz). ¡Espantallo! ¡Tornapaxaros das figueiras!...
MANOEL.- ¿E por que raios hei de cambear de coor?
PARRASCANA.- ¿Inda perguntas, montón de ósos? Esquénceste de quen ocupa o sitio da túa muller dende que ela morreu?
MANOEL.- ¡Canto favor me farías, se estiveras no sitio dela!
PARRASCANA.- ¡Eu ben me entendo!
MANOEL.- Xa, xa... Ti queres que eu che siga fiando, ¿non si? ¡Pois non fío máis, chacha, non fío máis e conto arrematado! Nas túas condiciós, hai moitas outras.
PARRASCANA.- Pois hastra o de eiquí sempre me dixeches que era eu a única que vivía no teu corazón. (Cada vegada máis enfurecida). ¡Sarillo! ¡Tratante de brancas!
MANOEL.- Non te alporices e razoa, muller. Se foras algo xusta, abondaría pra que comprenderas que un home ten necesidade das carizas dunha muller pra faguer máis levadeiros os anos que queden de vida. Pero ti, que non entendes de cariño, confundes o meu corazón coas costas dun burro e queres andar decote acabalo de min. (Taxante). ¡Ti non es unha muller!
PARRASCANA.- ¿E logo que raio son?
MANOEL.- Unha morea de sebo pra untar zocos, iso é o que ti es.
PARRASCANA.- (Mostrándose cada vegada máis furiosa) -Dálle, dálle...
MANOEL.- Sabes que por culpa túa descoidei as miñas obrigas; sabes que estou a ponto de coller un saco e botarme a pedir esmola polas portas do mundo... Boh, ¡es unha zugadora de ósos!
PARRASCANA.- Teño a concencia moi tranquiliña, e máis limpa que leite de burra. Se algo me deche, foi pola túa voluntade. Por outra banda, se algo me deche..., moito máis che merezo.
MANOEL.- Non vexo por que.
PARRASCANA.- ¿I a miña honra, galupín, i a miña honra?...
MANOEL.- Boeno, muller, boeno... Es viúda dúas veces e semellas non aturar hastra chegar ás tres. Acouga, muller, acouga...
PARRASCANA.- (Ameñazante) -As túas bulras están faguendo chegar ao meu espiñazo unhas moi adoecidas ganas de botarche as mans i afogarte coma quen afoga un pito...
MANOEL.- (En tono de súprica) -¡Sen boa, Parrascaniña, sen boa!... Non esquenzas que teño unha filla, que estou deixando por portas do mundo. A ti tamén che quero, pero...
PARRASCANA.- Xa se ve o moito que me queres, xa... (Dempois de limpar unha bágoa). Tódolos homes sodes o mesmo: dempois de que lle quitades a honra a unha muller, faguedes dela un varredoiro... (Novamente enfurecida). ¡Palanquín! ¡Esgazador de honras!
MANOEL.- Falas de honra coma se foras filla de María, chacha.
PARRASCANA.- Hai fillas de María.... que non me poden mirar á cara siquera.
MANOEL.- (Burlón) -Xa se sabe: pra iso... cómpre estámago.
PARRASCANA.- A ti sobrouche.
MANOEL.- Si, porque tiña os lixos do amor nos ollos.
PARRASCANA.- (Enfática) -Estouche vendo furado dun cachetazo.
MANOEL.- (Aloumiñando) -Boeno, Parrascaniña, boeno; deixemos a parola pra millor ocasión e vaite, anda, vaite denantes que saia miña irmá Silvestra: ben sabes que cras de xenio Deus lle dou e...
PARRASCANA.- O xenio, daríallo pra ti, que es como as canivelas dos fogos: furado por dentro; pero a min... non trates de poñerme medo coa túa irmá, porque... (Fan crisis os seus nervios e pasa pra dentro do mostrador pra tirar ao chan tudo canto atopa no camiño: pratos da balanza, caldeiros, cadeiras, etc., etc. Manoel, despavorido, contempra a escea sin pornunciar verba; Parrascana, despois que fixo rodar tudo polo chan con grante estremonía, resoprando, colle a roca i as chatolas i alanca até a porta pra darse volta e decirlle). Entretente en poñer tudo no seu sitio, anda. (Desaparez).
MANOEL.- (Cheo de indiñación, e cando está seguro de que Parrascana se foi, corre á porta pra berrarlle, con voz apagada e tremerosa) -¡Lo... loba! (Volta correndo pra esconderse detrás do mostrador).
ESCEA VII
MANOEL e SILVESTRA
SILVESTRA.- (Irmá de Manoel, máis vella que el, de faciana enfermiza, de poucas e vagarosas falas; viste modestas roupas e leva un escapulario pendurado do pescozo. Solprende a Manoel anicadiño detrás do mostrador) -¿E que estás faguendo eí tan amoricadiño? (Cando ve o desorde en que tudo está, pergunta). ¿Que ocurreu eiquí?
MANOEL.- (Con cara de circunstancias) -Pois..., pois... tiña as portas abertas i entrou... entrou un aire tan forte que... mesmamente semellaba un furacán.
SILVESTRA.- ¿E non serían bufadas da Parrascana?
MANOEL.- (Sacando peito, faguéndose valente) -¡Pero, irmá querida!... ¿Como podes supoñer que eu non sería capaz pra pegarlle dous couces á Parrascana e poñela de lancaños fóra da porta se isto intentare faguer na miña casa? Ti esquences que o teu irmán viste pantalós, Silvestra...
SILVESTRA.- Si, home si... Que Deus nos dea pacencia...
MANOEL.- (Dispóndose a poñer tudo en orde) -Vai, vaite á cociña, anda. Dende que che dixeron que me entendo coa Parrascana, ves Parrascanas por túdolos recantos. Se collo a quen ergueu semellante caloña, cos nervios que eu teño...; millor que non o seipa nunca.
SILVESTRA.- Cando eu a pille de xeito, vai ouvir as que nunca lle dixeron. Boeno, en canto a vergoña... tanta tes ti coma ela. (Desaparez por izquerda, faguendo a sinal da cruz). ¡Xesús, María e Xosé!...
MANOEL.- (Suspira) -¡Que cruz teño enriba, centella! (Erguendo as mans ao ceo). ¿Onde, onde estará isa maldecida morte que me ha de levar dunha vez, hom?
ESCEA VIII
MANOEL i AURORA
AURORA.- Vaia comer, papai, vaia comer. (Ponse a traballar).
MANOEL.- ¡Non fíes a ninguén, Auroriña! Nin que che pidan en nome do sinor abade, ¿eh? ¡Moito tino, filliña, moito tino!...
AURORA.- Vaia tranquilo. (Manoel desaparez por izquerda). Aporveitándose do brando corazón de meu pai, tódolos veciños veñen mercar sen cartos. Nista semán de Deus non entrou cadela no caixón, e co caixón baldeiro... non se paga ás casas mooristas. Non, pois..., quen veña buscar cousas sen cartos... vai levar que rañar. (Bótase a cantaruxar).
ESCEA IX
AURORA e GOLETA
GOLETA.- (Unha mociña mal traxeada que, inda que nobre, sabe finxir inxenuidade pra conquerir os seus propósitos. Entra con un cestiño da praza, cantaruxando) -¡Bons días, Auroriña!
AURORA.- Pra min xa son tarde. Goleta.
GOLETA.- ¡Quen diso poidera gabarse, amiguiña!
AURORA.- Parezme que comedes moi tarde na vosa casa.
GOLETA.- Nunca é tarde cando se come. O pior do conto é cando hai que dar os "bons días" aos que polo feito de haber comido agardan as "boas tardes".
AURORA.- (Tenra e con certa pena) -Boeno, muller, boeno... (Transición). ¿Que vés buscar?
GOLETA.- (Pousando o cesto sobor do mostrador) -Vai metendo dentro do cesto tudo aquelo que eu che nomee, anda.
AURORA.- Pois dálle xa.
GOLETA.- Tres patacós de franela.
AURORA.- Franela non che temos.
GOLETA.- ¡Hui, que raio!
AURORA.- Non será franela, muller; pensa ben...
GOLETA.- Isa fariña vermella que lle dá coor i arrescendemento á comida, muller...
AURORA.- ¡Canela, muller, canela!
GOLETA.- ¡Iso, iso mesmo!... Que burricana son eu, malo raxo.
AURORA.- (Dempois de meter algo no cesto) -¿Que máis?
GOLETA.- Dúas libras de pantrigo.
AURORA.- (Namentras pesa) -¿Que máis?
GOLETA.- Dúas libras de bacalao.
AURORA.- (Dempois que lle meteu tudo no cesto) -¿Que máis?
GOLETA.- Nada máis. (Dispóndose a coller o cesto) -¡Apunta, Auroriña, apunta!
AURORA.- (Retén o cesto) -Ai, iso si que non: resolvemos non fiar a máis ninguén e non podo apuntar.
GOLETA.- (Apesadumada) -Díxome o papai que vos pidira polas anemiñas do purgadoiro...
AURORA.- Dille a teu pai que non se pode pagar ás casas mooristas con ises contiños, filliña...
GOLETA.- (Ao tempo que vai quitando as cousas do cesto pra poñerlas sobor do mostrador, con finxida pena) -¡Probe miña naiciña!... (Churimisga).
AURORA.- ¿Que ten túa nai?
GOLETA.- ¿E non sabes... Como Deus bota menicoques do outro mundo pra iste, sen roparar se caien en casa probe ou rica, acaba de darlle un a miña nai: un meniño coma un anxo, iso si... (Finxe o choriqueo).
AURORA.- (Abrandando) -I a túa nai síntese mal, craro...
GOLETA.- ¡Coitadiña!... Tivemos que ir correndo polo médico... (Aparte). Que Deus me perdoe, se peco.
AURORA.- ¿E que lle dixo o médico?
GOLETA.- Pois... dixo que... dado o estado afebrado da enferma... non conviña meterlle na barriga moitas cuncas de caldo. E... se ben é certo que somos probes, a saúde da nai... cómpre atendela.
AURORA.- Si, muller, si; Deus goberne...
GOLETA.- Miña nai non é nada larpeira ¿sabes?, pero como se alcontra tan enfermiña, o meu pai resolveo darlle a comer unha libra de bacalao gobernada con patacas novas.
AURORA.- ¿E non lle fará mal isa comida tan forte?
GOLETA.- Se lla pide o corpo... ¡adiante con ela! Cando se come con gosto, non hai cousa que faga mal. (Compunxida). Pero..., se ti non fías, a probe da miña nai terá que xuntar as paredes do estámago coas da soá.
AURORA.- (Conmovida, meténdolle tudo no cesto) -Leva, leva tudo; xa pagaredes, se Deus quer.
GOLETA.- (Dando choutos de contenta) -¡Deus cho pague, Auroriña! Que Deus che dea un home cariñoso e duro coma eso, pra que nunca poidas acabar con el... Adeus, amiguiña, adeus... (Desaparez por direita, rindo a gargalladas).
AURORA.- ¡Quen non faría outro tanto pola nai!... (Colle a libreta e ponse a tomar nota do fiado).
ESCEA X
AURORA e MANOEL
MANOEL.- (Que aparez por izquerda, limpándose co pano; achégase a Aurora e, dempois de alongar o pescozo por riba dela pra ver o que fai, solemne i apromadamente? -¿Que apuntas, pequena?
AURORA.- (Con certo temor) -Unhas cantas cousiñas que levou Goleta, a filla do sinor Andrade...
MANOEL.- ¡Ai, centella! ¿E non che dixen que non fiaras máis? (Con dureza). ¿Eh? (Pequena pausa). Ti vas acabar conmigo, criatura, ¡vas acabar conmigo! Mira que fiar dempois de decirlle eu que non fiara... ¡Iso non se fai! ¡Que maneira de guiarse por min!...
AURORA.- (Resentida) -A nai de Goleta alcóntrase moi maliña: tivo un neniño e trouxéronlle o médico...
MANOEL.- (Con marcada curiosidade) -¿Que tivo un menicoque a...? (Reaicionando). ¡Non importa! Pra carrexalo pra iste mundo... non percisou de min...
AURORA.- (Limpando os ollos) -Cando me falou daquel xeito... lembreime de miña naiciña e...
MANOEL.- (Tenro) -Tes razón, miña pequena: a túa... morreu aos catro días de ti nasceres. (Aloumiñándoa). Cala, filliña, cala... (Dempois de limpar unha bágoa, colle un molete de pan pra entregarlle a Aurora, decíndolle). Corre aló lixeiriña, anda; lévalle ise molete. (Aurora saie co pan por direita, correndo e moi contenta; Manoel, dempois de limpar os ollos, prosegue). Se deu a luz e se atopa enferma... hai que axudala, malpocada: hoxe por ela... e mañán por min (Ponse a traballar).
ESCEA XI
MANOEL i o ESPRITISTA
ESPRITISTA.- (Home duns trinta anos, descoñecido no pobo, que viste correitamente e porta unha maletiña, fala o castelán e semella ser amábel) -Buenas tardes. (Séntase acarón da mesa).
MANOEL.- Que Deus veña con vostede. (Aparte). ¡Que señorito afidalgado!... (Indo ao recén chegado, con moito respeto). E logo... ¿que lle poño ao señorito?
ESPRITISTA.- Pues..., medio litro de vino tinto, señor tabernero.
MANOEL.- (Dilixente) -Correndo, señorito, correndo... (Aparte). Debe de ser deputado... polo menos. (Poñéndolle xarro e cunca diante). ¿Algo máis?
ESPRITISTA.- Por ahora... nada más.
ESCEA XII
DITOS e DON POMAR
D. POMAR.- (Xuntándose con Manoel a pé do mostrador) -Veño a traguerche isas pesetas... (O espritista non perde detalle).
MANOEL.- Deus llo pague, don Pomar. Que os santos non se cansen de acugular fartura na casa de vostede.
D. POMAR.- Amén, amén. (Entregándolle os cartos). Eí che van dúas mil oitocentas pesetas, que sumadas ás doce mil oitocentas que xa tes aló, fan xustamente quince mil seiscentas.
MANOEL.- (Metendo os cartos nunha carteira, que logo gardará na faixa ou nun peto de fóra da chaqueta, detalle que non se lle rispa ao espritista). Boeno, sinor, boeno... Bote o recibo pra firmarlle, ande. (D. Pomar entrega o recibo; Manoel, namentres firma, pergunta con certa sorna). I o seu fillo... ¿aparesceu ou inda non?
D. POMAR.- (Tamén con sorna) -¡Siii!... Xa estaba na casa cando eu cheguei. ¡É moi lixeiro!
MANOEL.- (Entregándolle o recibo) -O seu fillo é unha luz, don Pomar, ¡unha luz! I en canto a sabencia... coido que non hai outro. (Transición). ¿Quere botar unha copiña?
D. POMAR.- Non, non quero nada; teño que escreber unha carta denantes que pase o Castromil e... o tempo non agarda. (Collendo o recibo). Deica outra hora, Manoel...
MANOEL.- Hastra decote, don Pomar; hasta cando goste... (Pomar desaparez; Manoel, sin percatarse de gardar millor os cartos, emprende parola co espritista). E logo... ¿o sinor vai pra lonxe?
ESPRITISTA.- Voy para Monterroso. ¿No conoce usted algún atajo que me haga ganar un par de horas?
MANOEL.- Non lle vexo moito... Ah, unicamente que colla vostede a Vilar de Morrazos pra saltar a Raña e ir caír ao Mexadoiro. Pero é moi mal camiño; millor que colla vostede o Castromil.
ESPRITISTA.- Si, pero Castromil tardará mucho.
MANOEL.- Denantes das sete non pasa.
ESPRITISTA.- Métame en esta maleta medio kilo de pan, un buen queso y una botella de vino.
MANOEL.- Correndo, si. (Aparte, namentres colle as cousas). ¡Que maneira de gastar!...
ESPRITISTA.- Ah, antes que me olvide: póngame también una lata de sardinas de la mejor clase ¿sabe, señor tabernero?
MANOEL.- Correndiño, correndiño... (Namentres mete as cousas na maleta). O sinor será tratante de mulas ¿non si?
ESPRITISTA.- No, señor: yo paso la vida haciendo bien a la humanidad, trabajando para los demás.
MANOEL.- ¿Médico?
ESPRITISTA.- En parte sí y en parte no; acaso médico de almas, sí: soy Espiritista.
MANOEL.- (Aparvado) -Espritisss... Ah, xa sei: vostede é dos que contan chistes pra xuntar xente denredor dun sacamoas ¿non si?
ESPRITISTA.- No, señor, no: nosotros tenemos la virtud de poner al habla los vivos con los muertos.
MANOEL.- (Faguendo a sinal da cruz) -¡Alabado sexa!... (Estremece). ¿Vostede fai falar os vivos cos mortos?
ESPRITISTA.- Y tan clarito como si nunca murieran. ¿Tiene usted algún miembro de su familia en el otro mundo?
MANOEL.- (Con sentimento) -¡A miña mulleriña, por disgracia!
ESPRITISTA.- ¿Y no le agradaría a usted mucho poder sostener una conversación con ella?
MANOEL.- E logo... ¿canto me vai cobrar por poñerme á fala con ela, anque namais sexan tres menutos?
ESPRITISTA.- ¿Quién habla aquí de cobrar, señor tabernero? ya le dije que andamos en el mundo para hacer bien a la humanidad.
MANOEL.- (Con desconfianza) -¿E quen lles dá de comer?
ESPRITISTA.- Si trabajamos para la nación, justo será que ella nos mantenga.
MANOEL.- ¿Entón vostede é empregado do goberno, craro?
ESPRITISTA.- Justamente: empleado del gobierno.
MANOEL.- Pois xa ía sendo tempo de que o goberno se fixera ver, hom. (Transición). O que vostede acaba de beber, engadido ás cousas que van gardadas na maletiña, compoñen nove reás xustos. (Dempois de chiscar un ollo ao púbrico). Non é por desconfianza, ¿sabe?; é por gañar tempo.
ESPRITISTA.- Tiene usted razón, señor tabernero: cobre lo que sea (Paga).
MANOEL.- (Aparte, namentras garda os cartos no caixón) -Eu ben digo: trátase dun sinor moi correito. (Indo ao Espritista). Pois..., cando vostede goste, póñame á fala cos habitantes do outro mundo.
ESPRITISTA.- Sí, señor; ahora mismo. (Érguese moi lixeiro e quita do peto un tubiño de metal ou de canivela; maniobra e fala moi lixeiramente, pra millor enzarapallar a Manoel e risparlle os cartos que gardou na faixa ou no peto). Este misterioso tubito es indispensable para que usted pueda fijar la vista allí donde yo le indique. (Dándolle instruciós). Así: firme y sin moverse. Tendrá que tapar el ojo izquierdo con la mano; y el ojo derecho, bien abierto, lo aplicará usted al tubo para fijarse bien aquí... (Sinalando un sitio determiñado na parede, de xeito que Manoel quede de costas á porta de direita), y esperar que aparezca la imagen de la persona con la cual desea usted conversar.
MANOEL.- Si, sinor, si...
ESPRITISTA.- (Namentres o acomoda, o achega á parede e o fai mirar alí onde millor conveña) -Usted mire fijamente para este puntito. Tardará un poco en aparecer su mujer, pero no le preocupe a usted. Hay que tener en cuenta que viene de muy lejos: de aquí al cielo hay siete mil millones de leguas, cuatro kilómetros, tres cuartas y seis pulgadas; hasta el infierno no se sabe exactamente, pero se supone que está mucho más lejos aún.
MANOEL.- E se coñecemos a distancia ao ceo: ¿por que non ao inferno?
ESPRITISTA.- Porque es tantísimo el calor que allí existe, que no hay cinta métrica que lo resista; muchos han sido los peritos que se acercaron, pero sin poder lograr sus propósitos. (Co gallo de poñelo ben, vaino apalpando e quitándolle os cartos). Póngase así, así... Tenga usted paciencia y no se intranquilice. El cuento que le estoy haciendo es igualito a muchos otros que ya hice; entonces, la gran práctica que tengo, autorízame para sostener que tampoco fallaré en esta oportunidad...
MANOEL.- (Tapando o ollo izquerdo coa man e desenrolando a escea do tubo con moita atenzón) -¿E non sintirei ruidiño, sinor Espritista?
ESPRITISTA.- (Pechando a maleta e dispóndose a fuxir) -¡No, señor tabernero!... Tengo muy buena mano y todo lo hago de manera que menos moleste al candidato.
MANOEL.- ¡Que listo é vostede, nai que me pariu!...
ESPRITISTA.- Ni una palabra más ni el más pequeño de los movimientos, señor tabernero. ¡Quietito! Voy a pronunciar silenciosamente las misteriosas palabras que harán que su mujer aparezca ahí mismo donde le indiqué. Pero... ¡mucho ojo! No olvide que un pequeño ruído o el más insignificante de los movimientos, podrían echar a perder todos nuestros propósitos. (Colle a maleta). ¡Silencio! Preciso tiempo para dar los primeros pasos. (Vai retrocedendo de espaldas á porta). Así..., así... (Desaparez correndo. Manoel, dempois dun tempo prudencial na postura en que o deixou o Espritista, intuíndo o ocurrido, deixa caer o tubo pra botar as dúas mans ao peto onde gardaba os cartiños; bota unha pausada mirada denredor de si e, repentiñamente, corre á porta de direita, na que se alcontra con Aurora, que niste intre fai a súa entrada, tamén defraudada).
ESCEA XIII
MANOEL i AURORA
AURORA.- (Que entra chorando, co molete na man; Manoel tamén chora) -Goleta minteume pra que eu lle fiara; non é certo que a nai tivo un neniño; están faguendo unha festa, porque é día do seu Santo...
MANOEL.- (Alanca até Aurora paseniñamente e, namentres lle dá carizas) -Corazós tan brandos... xa non deberan nascer máis niste ruín mundo, filliña. Tódolos que no peito non carrexamos maldade, somos dispreciados e motivo das máis despiadadas bulras. Xa naide ten en conta a nosa sensibilidade, a nosa bondade i a nosa sinxeleza: todos coidan que somos burros... e nada máis que burros... (Limpa os ollos co seu paniño marelo).
AURORA.- (Con certa solpresa) -¿Por que chora, papaíño, por que chora vostede?
MANOEL.- (Acorado) -Por..., por..., por nada, filliña, por nada... (Abrázanse).
PANO SÚPETO
SEGUNDO LANCE
A mesma esceografía do lance anterior.
ESCEA I
AURORA e FERMÍN
AURORA.- (Da banda de dentro do mostrador e Fermín na banda de fóra... Fermín viste correitamente e ten un mangado de papés debaixo do brazo. Están moi achegadiños) -Meu pai é un home sen caráiter pra o comercio; miña tía é vella... (Compunxida). ¡Deus querido! Nascín pra sofrer, sosmentes pra sofrer...
FERMÍN.- Acouga, Auroriña, acouga... Perto está o día en que as cousas han de cambiar, muller.
AURORA.- Nin deso hai trazas nin vexo como.
FERMÍN. - Pero, miña prenda, ¿non ves o sagrefizo que eu estou faguendo?
AURORA.- Si, un sagrefizo consistente unicamente en ocultarlle a teu pai que es o meu mozo. ¿Parezche xusto que eu che queira tanto e que ti non sexas home pra decirlle a teu pai que es o meu noivo? ¿Dáche vergoña ou que?
FERMÍN.- ¿E dubidas que che quero, meu anxo? (Cada vegada máis meloso). ¿Como faguerche creer que durante os meus estudos non pasou día sen que eu che adicase o millorciño das miñas lembrazas? Non lin libro sen que ti aparesceras en tódalas follas, vistidiña de branco, (Aurora mesmamente se deleita coma se lle fixeran cóxegas no lombo), sorriente, melosiña, suave coma escuma do mar, e tan fermosiña que xa non dubido que Deus che fixo pra modelo das mulleres máis fermosas do mundo...
AURORA.- (Saíndo repentiñamente do seu ensimesmamento) -Verbas, e nada máis que verbas fermosas que adeprenden os señoritos pra enzarapallar a quen lles fai caso.
FERMÍN.- (Con solpresa) -¡Oféndesme, Auroriña!
AURORA.- Pois logo..., perdoa, que non o fixen por mal.
FERMÍN.- Está perdoado.
AURORA.- Sendo como ti dis..., ¿que agardas pra decirlle a teu pai que nos queremos?
FERMÍN.- Agarda, Aurora, agarda que eu poida gañar a vida polos meus propios medios...
AURORA.- Si, si...
FERMÍN.- Non creo que meu pai se opoña ao noso sasamento, pero se intentare opoñerse...
AURORA.- ¿Que… que faremos?
FERMÍN. - Non está nas mans de meu pai o impedilo, Auroriña: está unicamente nas da morte. (Fai ademán de marchar).
AURORA.- ¿Xa te vas?
FERMÍN. - Si, vou até o Xusgado pra presentar unha denuncia...
AURORA.- ¿A quen vas acusar?
FERMÍN.- Boh, por mor dunha cousa de nada: os porcos de María Pepa fozáronlle as patacas a Xohán de Cotelo, i o Cotelo quer preitar...
AURORA.- ¿E ti vas defender?...
FERMÍN - A María Pepa.
AURORA.- ¿Como, como? Sendo os porcos dela os que fixeron o mal, non me parez de xustiza que ti defendas a...
FERMÍN.- Cousas de porcos non teñen nada que ver coa virdadeira xustiza...
AURORA.- Pois por tan pouca cousa...
FERMÍN.- Eisí son polo estilo os preitos na nosa bisbarra: un, porque os porcos do outro lle fozaron as patacas; o outro, porque aquil de máis aló lle pasou co carro por antre os nabos; o desta banda, porque as vacas do de máis arriba lle foron ao millo. En remate: hai que faguerse con fama á conta de carros, vacas e porcos. Máis adiante pode que vaian aparescendo preitos de moor categoría. (Manoel asexa de cando en cando).
AURORA.- Polo que vexo, os avogados non decote defenden a razón: agora vas defender os porcos de María Pepa, sendo iles os que fixeron o mal. Por outra banda, se ti defendes a xustiza, ¿que defende o avogado que acusa ao teu defendido?
FERMÍN.- (Un tanto perplexo e sorrinte) -¿Que defende?
AURORA.- Si, ¿que defende?
FERMÍN. - Pois defende... (Con sorna). ¡O segredo profesional! (Dálle un bico e vaise).
ESCEA II
AURORA e GOLETA
GOLETA.- (Entrando resoltamente, con cara de poucos amigos) -Pra que outra vegada non desconfíes, veño a pagarche a lambretada que onte me fiache.
AURORA.- Con mentiras... non se vai a ningures.
GOLETA.- Pois con verdades non teriamos bacalao pra festexar o santo da nai.
AURORA.- Pra a alma, seríache máis saudabre pasar sin bacalao que decir que túa nai tiña un menicreque sin telo. Inda che pode coller unha soberbia.
GOLETA.- Por isa banda non temo: miña nai... xa está moi mirrada, i as prantas murchas non afillan... (Entra Parrascana moi paseniñamente, sin ser vista por Goleta).
ESCEA III
DITOS e PARRASCANA
AURORA.- Con persoas de teu caletre, non che quero feiras. Págame os cinco reás que me debes i arrematamos o conto.
GOLETA.- (En tono de bulra) -¡Ao xeito coa rapaza lanzal!... ¡Nin que foras filla do cacique, chacha! Pois non cuspas tan outo, que che pode caír no fuciño. ¡Nin que foras rica!
AURORA.- A probeza... non quita que sexamos formales e honrados...
GOLETA.- (Decote bulrona) -Ai, iso si: ti... es moi honrada. (Ceiba unha gargallada). Coma se todos nós non souperamos que o señorito Fermín dorme máis noites na túa casa que na del. (Ríe descaradamente).
AURORA.- (Contrita, coma pra romper a chorar) -¡Ruín língoa! ¡Caloñadora!...
GOLETA.- Ti co señorito, e teu pai coa Parrascana...
PARRASCANA.- (Sen pornunciar verba, érguese furiosa do asento en que estaba pra pendurarse en Goleta; dempois de quitarlle os cartos que Goleta terá na man, ponse a bourear nela coma nun pelexo. Dempois dunha boa amasadela a bota pra fóra da porta. Goleta chámalle tola, borracha, etc., e desaparez. Parrascana, dempois de sentarse e quedarse tan fresca, ordénalle a Aurora) -Pon eiquí un neto, cativa, pon.
AURORA.- (Que se quedou coma aterrada detrás do mostrador, pregunta, tímeda e cautelosa) -¿Fiado?
PARRASCANA.- (Con severidade) -¡Acabo de pedirche un neto!
AURORA.- Se non me mostra cartos... non llo podo poñer.
PARRASCANA.- (Ameazante, abaneando a cabeza) -¡Ai, que chapas vas levar, San Roquiño querido!
AURORA.- Non a tentará o diaño a semellante cousa...
PARRASCANA.- ¡Ai, naiciña! (Érguese como unha tromba mariña e bota a correr de cara pra Aurora, quen saile de escea pola porta de izquerda coa velocidade dun lóstrego. Parrascana, dempois de coller xarro e cunca, quita viño dun pipote e séntase novamente pra poñerse a beber con marcada ostentación).
ESCEA IV
PARRASCANA e SILVESTRA
SILVESTRA.- ¡Que che sirva de solimán!
PARRASCANA.- (Dempois de sarcástica sonrisa) -¡Vaia desexos dunha filla de María!...
SILVESTRA.- ¡Engruñada!...
PARRASCANA.- Pode ser. Ah, pero... ¡estarrícome a tempo, chacha! Polas dúbidas... non te achegues moito.
SILVESTRA.- ¿Que queres desta nosa casa?
PARRASCANA.- Ista casa marcha torcida e cómpre indireitala. (Pequena pausa). Sei moi ben que Manoel se alcontra algo aballoado por certas causas que lle ocurren, e veño a quitalo dise sofremento.
SILVESTRA.- Nada de máis farías, xa que a causa da súa disgracia es.
PARRASCANA.- Que o veña quitar do sofremento, non quer decir que sexa eu a causa das súas mágoas.
SILVESTRA.- (En tono familiar) -Entón..., ¿que lle vés faguer?
PARRASCANA.- (Taxante) -Pouca cousa: meterlle un promo na testa e levalo conmigo pra o outro mundo.
SILVESTRA.- (Con algo de iroñía) -Xa sabemos que ti es moi valente, si...
PARRASCANA.- O preciso, nada máis que o preciso. (Transición). Trai, trai unha cunca i axúdame a beber iste viño.
SILVESTRA.- Bébeo ti, a ver si estalas con il.
PARRASCANA.- (Moi fóra de si e descargando forte cachetazo na mesa) -¡Trai unha cunca! (Silvestra despavorida, colle unha cunca detrás do mostrador e séntase acarón de Parrascana, que lle enche a cunca ao tempo que lle di). ¡Bebe, condanada, bebe até que afogues o sapo que tes dentro!... (Transición). Nista casa percísase unha muller que seipa vistir pantalós.
ESCEA V
DITAS e COEGO
COEGO.- (Trátase dun homiño vello, repousado; usa bigote e viste modestamente; trai unha botella na man. As mulleres, entregadas á conversa que antre ilas teñen, non se percatan da presenza de Coego) -¿Quen despacha? (As mulleres non oucen nin ven).
SILVESTRA.- Se te alcontraras no meu canto... non sei qué farías ti...
PARRASCANA.- Calisquera cousa faría, menos ir escontra da Parrascana (Sentimental), muller diña de mágoa porque se alcontra namorada dun home... que xa non é home nin farrapos de gaita: o teu irmán. (Sigue simulando parola, namentres Coego fala).
COEGO.- (Aparte) -Dúas vellas de ósos quentes, craro... (Transición). ¿Despachades ou non despachades? (Pequena pausa). ¡Centella vos apadume! (Coma falando consigo mesmo). Esta taberna... non ten dono... (Dempois de encher unha botella, de coller un pernil, etc., saie rosmando pola porta pra fóra).
PARRASCANA.- O derrube da taberna non se debe ao pouco cariño que teu irmán me poida ter, senón á falla de caráiter: fía a tudos, merca a outros prezos, non se fai respetar... En remate: Manoel non é home de negocios.
SILVESTRA.- E ti es a pirmeira en aporveitarte das súas fraguezas.
PARRASCANA.- Máis se aporveitou el das miñas, e non foi nada manco: ¡cantas cuncas de leite, penlos de manteiga e tarteiras de torrixas meteo ao fol debaixo do meu teito! Nada lle choro, pero...
SILVESTRA.- ¡Que burranzona fuches! ¿Pra que encherlle a andorga dise xeito?
PARRASCANA.- Se non fora polo cariño que lle teño...
SILVESTRA.- ¡Son contos, nada máis que contos!
PARRASCANA.- Prás fillas de María, que morredes mirradas e sen coñecer os praceres do amor, xa se sabe que son contos.
SILVESTRA.- Boh, tamén pode haber fillas de María co corazón cheo daquelas mágoas que resultan dos tratos amorosos con certos homes. (Sospira).
PARRASCANA.- (Con sorna e certa eistraneza) -Xa che me parescía que ti non estás de mamotes, xaaa... Daquela, ¿por que che solprende tanto que eu teña amistás con teu irmán?
SILVESTRA.– Muller, tratándose de dous vellos que xa non tendes máis que pelexos...
PARRASCANA.– Iso de “vellos”... aló teu irmán e máis ti; a min... (Dando palmetazos na barriga). ¡Inda me sobra unto! (Pequena pausa). Por outra banda, o cariño non bota canas na cachola; vai por debaixo dos terrós tan xoven coma cando nasce, se de verdade é cariño. (Pequena pausa). I agora de vella... é cando máis perciso dunha morea de ósos para que me quente os meus. (Compunxida, dempois de pequena pausa). Dille a teu irmán que veña, anda.
SILVESTRA.- (Maina e piadosamente) -¿Tes frío?
PARRASCANA.- ¿I a ti que raio che importa?
SILVESTRA.- ¿Quérelo matar?
PARRASCANA.– Non, non penso morrer antre ferros por tan cativa cousa: quero falar con el, iso si. (Silvestra saie de escea para voltar acompañada de Manoel; Parrascana bota viño na cunca e bebe).
ESCEA VIPARRASCANA, MANOEL e SILVESTRA
MANOEL.- (Entra cauteloso, seguido de Silvestra) -¿Que queres?
PARRASCANA.– Achégate, achégate e non tremes. (Ofercéndolle a cunca). Bebe.
MANOEL.– Non me apetece.
PARRASCANA.– Se non queres beber, séntate. (Manoel obedece). Quero que decrares eiquí na presenza de túa irmá...
MANOEL.- (Ruborizado, con solpresa) -¿Que raios queres que decrare?
PARRASCANA.– Quero que digas que estás disposto e formalmente resolto a rachar pra sempre as amistás que nos unen dende fai once anos.
SILVESTRA .- (Botando as mans á cabeza) -¡Once anos!...
PARRASCANA.– Once anos, si, once anos moi ben contados i apuntados no meu carazón. E se che parez cousa fácil e xusta retorcerlle o gañote eisí de súpeto a un tenro amor de once anos...
MANOEL.– Pois hai que retorcerllo, non queda máis remedio. Certo é que che quixen moito, e non sería de home honrado o negalo; pero certo é tamén que de ti me quero afastar. Eu ben sei que nos costará algún traballiño esquencer nunha noite o que ao longo de once anos dixemos... e fixemos. Pero..., poñéndonos de xenio..., ti a tirar por unha punta i eu pola outra, asegúroche que en menos de quince menutos esnaquizaremos pra sempre o maldizoado tenro amor que nos está roendo os ósos. (Pequena pausa). Non queda outro remedio, Parrascana, non; ¡Convéncete! (Os tres están sentados. Manoel bebe).
ESCEA VIIDITOS e UN MOZO
UN MOZO.- (Entra resoltamente i arrímase ao mostrador) -¿Quen despacha? (Dempois de tempo prudencial, colle unha folla de bacalao e saie da escea).
MANOEL.- (Decote afábel) –Non queda outro remedio, Parrascanochiña, non...
PARRASCANA.- (Enxugando unha bágoa) -¿Por que tan ferme e crúa determiñación?
SILVESTRA.- (Tenra) -Pensa ben as cousas, Manoel, pensa...
MANOEL.- Xa están pensadas e remoídas. Alcóntrome perdido e quero empregar os meus sentidos unicamente naquelo que me axude a erguer a vida.
PARRASCANA.- (Algo encoraxinada) -¡Naide che paga, porque non che respetan! I o meu corazón, que nada che debe e moito che leva emprestado, ten que pagar o que non comeu nin bebeu. (Pequena pausa). Non negarás que quixen vender a miña casa pra axudarche a erguer a deuda. (Silvestra fai xesto de ademiración).
MANOEL.- É certo, muller, é certo.
PARRASCANA.- ¿Por que non consentiches que o fixera?
MANOEL.- Porque non me chegaban ises cartos. Ademais... non sería xusto que esfurricaras a túa casiña por valerlle á miña.
PARRASCANA.- (Erguéndose) -Boeno; millor que vaia parar tudo ás mans de don Pomar.
MANOEL.- Don Pomar... bon home é.
SILVESTRA.- ¡É un anxo!
PARRASCANA.- Decir que é malo... sería fallar á razón. Pero don Pomar sabe moi ben onde emprega os seus cartiños...
MANOEL.- ¿Que queres que faga eu?
PARRASCANA.- Mostrarte máis home do que te mostras. Que non se mofen de ti todos cantos veñen á taberna. (Pousando unha pistola sobor da mesa). Aí vos queda iso. E se algún día percisades da Parrascana, ben coñecedes a casa pra irlle petar á porta... (Pesadamente e cabizbaixa, desaparez da escea).
MANOEL.- (Abaneando a cabeza i eisaminando a pistola) -Tróuxocheme un bon chisme... ¿Que raio será isto?
SILVESTRA (Apoderándose da pistola). - ¿E non ves que é unha pistola?
MANOEL.- (Arrebatándolle a pistola) -¡Quieta! Non se pode musar con pistolas; e menos ti, que es filla de María e non debes tocar armas de fogo. (Dempois de meter a pistola no cinto: ¡Probe Parrascana!
SILVESTRA.- Si, si; moita parola, pero o viño quedou sin pagar.
MANOEL.- ¿E non bebemos todos? ¿Non deixou a pistola, que val moito máis?
SILVESTRA.- (Entenrecida) -¡Probiña! Con soio pensar que dorme soíña antre aquilas catro paredes, mesmo se me fende o corazón.
MANOEL.- (Tenro) -Boh, tamén se me fende a min, malpocado.
SILVESTRA.- Manoel, ¿que che parez se a foras buscar pra xunto de nós?
MANOEL.- (Docemente) -Eisí que agora... ¿E onde a vas deitar?
SILVESTRA.- Anque sexa conmigo...
MANOEL.- (Coma reaicionando) -¡Contigo!... (Funga e dá algunhas voltas pola escea, coma se fora iñizar traballo). ¡Contigo!...
SILVESTRA.- Conmigo, si; ¿por que non?
MANOEL.- ¿E ti sabes as caloñas que nos erguerían? ¿Quen couta as língoas todas? Nise caso, e querendo faguer obra san e humán, resultaría máis atinado que eu fora dormir á casa dela, aporveitando a escuridade da noite.
SILVESTRA.- (Faguendo a sinal da cruz) -¡Que cousas dis, irmán ¡Alabado sexa Deus!...
MANOEL.- Dixen "dormir á casa dela", que é moi difrente a dormir con ela. Amodo, eh, que todos somos cristiáns e sabemos onde pecamos. Ise amor de que ela fala, ise repoludo cariño de once anos, ó moi sinxelo e santo: ela no cuarto i eu na lareira, detrás dos tizós. Non coides que hai nada malo, de mal gosto e pior sabor antre nós.
SILVESTRA.- (Inocente) -Nunca sospeitei que antre vós haxa cousas tan malas que poidan lixar e poñer en perigro as vosas almas.
MANOEL.- Iso xa é razoar. E pensas como corresponde que pense unha boa filla de María. (Transición). Vaille axudar á rapaza, anda. (Silvestra desaparez por izquerda; Manoel recolle cunca e xarro. Está anoitecendo).
ESCEA VIII
MANOEL e DON POMAR
D. POMAR.- Boas, Manoel, boas...
MANUEL.- Que Deus veña na súa compaña, don Pomar.
D. POMAR.- Amén, home, amén...
MANOEL.- O raio do Espritista... deixome amolado, don Pomar.
D. POMAR.- Percura esquencerte, home; non caviles máis niso. Deus ha de dar remedio pra sandar as túas fridas...
ESCEA IX
DITOS e GOLETA
GOLETA.- (Entra resoltamente, con unha botella na man) -Saudiña, don Pomar...
D. POMAR.- Igoalmente, rapaza... (Manoel acende un candil).
GOLETA.- Métame, sinor Manoeliño, métame de contadiño un cuartillo de gas nista botella...
MANOEL.- (Detrás do mostrador, medindo o gas) -Pois si, don Pomar, si... Deus goberne, que se non... (Entregándolle a botella a Goleta). Ten, rapaza, ten...
GOLETA.- Apunte, sinor Manoel, apunte...
MANOEL.- (Arrebatándolle a botella) -Trai a botella, cativa, trai a botella... "Apunte, apunte"... Xa estou canso de apuntar sin dar nunca no branco. Se non tes gas, alúmate con pallas.
GOLETA.- (Compunxida) -¡Vállame Deus, que disgracia!... Xa onte nos deitamos ás escuras e...
MANOEL.- Da cociña ao cuarto, ben coñecedes o carreiro.
D. POMAR.- Iso creo eu tamén.
GOLETA.- Vostedes falan ben, si. Pero onte, por non ter gas e deitarnos ás escuras, metinlle un dedo nun ollo a meu pai e xa leva botando un caldeiro de bágoas por el. (Churimisga).
D. POMAR.- Non deixa de ser unha disgracia, muller...
MANOEL.- (Entenrecido) -Toma, toma; vaite co gas. Es moi capaz de furarlle o outro ollo a teu pai e vir correndo e pedirme cartos pra mercarlle un violín.
GOLETA.- (Collendo a botella, chea de contento) -¡Deus llo pague, sinor Manoeliño! ¡Deus lle leve a almiña pra o ceo canto denantes!... (Desaparez por foro).
MANOEL.- I eisí uns detrás dos outros, don Pomar. ¿Como desempeñarme diste xeito?
D. POMAR.- Xa vexo, home, xa vexo... Ao meu parecer, soio un camiño che queda. E sempre que queiras coller o meu consello, conta coa miña axuda.
MANOEL.- Vostede é un santo, D. Pomar; aínda máis: ¡é un santazo! (Pequena pausa). Entón..., ¿cal é o camiño que vostede me aconsella?
D. POMAR.- Pois... botar a filla polo mundo adiante. (Pequena pausa). En poucos anos, se a rapaza ten sorte, non deberás unha cadela. (Pausa). Se te decides..., eu poñereille os cartos pra o pasaxe. (Pausa). Pra ti é un dos meirandes i amargos tragos, ben o sei; pero non vexo outro remedio, meu amigo.
MANOEL.- (Que se quedou caviloso) -(¡A miña filla polo mundo!) (pequena pausa). Se vostede me autoriza, eu faríalle unha pergunta.
D. POMAR.- As que sexan, Manoel, as que sexan.
MANOEL.- O pran que vostede acaba de propoñerme..., ¿non será pra arredar o seu fillo da miña filla?
D. POMAR.- Non me ofende a túa pergunta, home; doime, iso si, que penses tan mal de min, cando non tiven pra ti máis que bons consellos, nunca malos feitos e decote boas intenciós. Por outra banda, nas cousas do meu fillo nunca me metín nin penso faguelo: antre fidalgos decote se respeta aquelo que é privativo de cada un. Eu non sei se vén pra xunto dela ou non vén, se fala con ela ou non fala.
MANOEL.- Vén... e non vén, fala... e non fala. Boh, cousas de rapaces ¿sabe? Xúrolle que non sei o que antre iles hai ou deixa de haber, pero o rou-rou das xentes... Vostede perdoe, don Pomar; eu non lle dixe isto por mal...
D. POMAR.- Xa está perdoado. A miña intenzón non ía máis aló dun consello por verche ben. Collelo ou non collelo... é cousa túa.
MONOEL.- Pensareino, don Pomar, pensareino na seguranza de que vostede non mo fai por mal.
D. POMAR.- Deso... podes estar seguro. (Transición). Bótame pra acó un macillo de pitillos, anda. (Manoel faille entrega do macillo). Cobra, anda, cobra.
MANOEL.- (Rechazando os cartos) -Está pagado.
D. POMAR.- Os intreses a unha banda i as amistades a outra: cobra, cobra.
MANOEL.- (Cobrando) -Se tudos foran coma vostede... non sería disgracia ser taberneiro...
D. POMAR.- Boh, a xente non é mala; o que ocurre é que non hai cartos e van saíndo da situación... como poden. (Transición). Deica mañán, Manoel. (Mutis).
MANOEL.- Que descanse, don Pomar. (Pausa). ¿E terei que deixar ir a miña pequena polo mundo adiante? (Pequena pausa). ¡Maldecida deuda, que me vas botar ao cimiterio!... (Acódase no mostrador coa cara antre as mans, caviloso).
ESCEA X
MANOEL e VAQUEIROS
VAQUEIRO 1º.- (Os catro VAQUEIROS cantan lonxe e veñen acaroando, até que se ollan a través dos ferros da fenestra. Barullan antre iles) -Oh, vaca, ooh... (Transición). Si, home, si: prende as vacas a ise poste, que imos botar un neto. (Siguen falando coas vacas e barullando antre iles).
MANOEL.- (Saíndo do seu profundo cavilar, ponse a porparar a mesa, etc.) -Aí, aí están os vaqueiros... (Móstrase ledo i ábrelles a porta). ¡Adiante, sinores, adiante!... (Entran catro chalás cos seus crásicos chaleques de baieta vermella, longas e folgadas blusas, sombreiros de azas caídas e polainas ou botas; e se houber algunha coroza de xuntas e polainas da mesma industria, moito mellor. Os catro toman asento denredor da mesa, dispostos a comer e beber; Manoel, dando mostras de satisfaición, anda denredor diles).
VAQUEIRO 2º.- A ver, taberneiro; pouse catro netos enriba da mesa e darémoslle o tíduo de "Don Tabernario".
MANOEL.- (Amábel) -Decontadiño serán pousados, sinor. (Esforzándose por aparentar algún caráiter). Pero... non comencemos xa cos alcumes, eh ¡non comencemos! (Pequena pausa). Eu son Manoel da Taberna e non consintirei que naide me rispe o nome que meus pais e padriños, por acordo de ambas parellas, me puñeron na pía bautismal. ¡Nada de "Tabernario"... nin cousas semellantes! (Os vaqueiros sorrín; Manoel di aparte). Eisí se comenza a poñer respeto...
VAQUEIRO 1º.- Boeno, boeno; carrexe o viño, e chámese como quiera.
MANOEL.- Como quiera, non; como me puñeron.
VAQUEIRO 3º.- ¡Abonda de filosofía!...
MANOEL.- ¿O que, chacho? Iste taberneiro non fía a máis ninguén. (Os vaqueiros rin).
VAQUEIRO 4º.- ¡Que home listo!
MANOEL.- Listos faguédesvos vós, si; pero na miña casa non hai máis listura que a miña.
VAQUEIRO 1º.- (Con certa severidade) -¿Trai ou non trai o viño, meu home?
VAQUEIRO 4º.- ¿Ou agarda que lle midan as costas?
MANOEL.- ¿Canto viño queren?
VAQUEIRO 1º.- Catro netos, xa llo dixemos.
MANOEL.- Vou lixeiriño, si... (Pon unha xarra con viño e catro cuncas). ¿E non meten algo antre dentes?
VAQUEIRO 4º.- Si, algo de pan i uns anacos de xamón; por riba... botarémoslle queixo.
MANOEL.- Pois traguereilles unicamente queixo, que xamón non teño... (Corre a detrás do mostrador).
VAQUEIRO 4º.- Pois si non hai xamón... traia queixo abundante, a fartar.
VAQUEIRO 3º.- (Namentres Manoel despacha) -Pra o que vai a cobrar...
VAQUEIRO 1º.- ¿Quen fala de pagar nista taberna? É soada, polo barato que nela se come. Xa, xa veredes...
MANOEL.- (Pousando queixo e pan na mesa) -Pois xa poden ir comendo do que lles sexa bon e san. (Volta pra detrás do mostrador).
VAQUEIRO 1º.- (Polo baixo, ao tempo que bota viño nas cuncas) -Cando arrematemos de comer e de beber, semellaremos unha desputa: namentres que un lle sopra ao candil, os outros ceibarán algúns tiros, poñerémola mesa co de baixo pra riba e, tranquiliñamente, gañarémo-la porta, quedando a conta feita como é de costume nista casa.
VAQUEIRO 2º.- ¿Eisí se paga?
VAQUEIRO 1º.- Nista taberna decote se pagou con ise diñeiro. (Transición). Bebede, rapaces, bebede e comede. (Falan e rin antre iles; Manoel semella traballar detrás do mostrador).
VAQUEIRO 4º.- (Dempois de beber) -Vaia, iste viñiño sabe a groria.
VAQUEIRO 3º.- Por donde pasa... non deixa sapo con vida.
VAQUEIRO 2º.- O viño... arde nun candil.
VAQUEIRO 1º.- (Despeitivo) -Boh, cando hai sede... non hai viño ruín.
MANOEL.- (Intervindo na conversa) -¿O que, sinor, o que?... O viño é das millores uvas que se esmagaron no Ribeiro, meus amigos. (Os vaqueiros botánse a cantar):
Se andamos muito camiño
en Galiza os Vaqueiros,
damos gracias ao bon viño
i os seus nobres taberneiros... (Aturuxan).
MANOEL.- (Vaciando un pequeno xarro na xarra dos Vaqueiros) -Iste vai por conta miña. (Visibelmente emocionado). Non se decatan vostedes do moito que me gosta ver xentes ledas na miña casa. (Volta pra detrás do mostrador).
VAQUEIRO 1º.- ¿Góstalle ouvir cantar, eh?
MANOEL.- ¡Moito! Un corazón ledo val máis que o mundo inteiro.
VAQUEIRO 2º.- Bebede, bebede...
VAQUEIRO 3º.- ¡Pois bebamos á saúde do taberneiro!... (Bebe).
VAQUEIRO 4º.- (Coa cunca en outo) -¡Deus nos dea muitos taberneiros como iste e muita ganancia nas vacas!... (Todos beben e cantan novamente).
Bebe, compañeiro, bebe
e non te me fagas rogar,
pois quen non come nin bebe
non sirve pra camiñar... (Aturuxan, etc.).
VAQUEIRO 2º.- (Ao Vaqueiro 4º) -Se foras tan honrado como es bon cantor... aínda valías algo.
VAQUEIRO 4º.- (Escomenzando a desputa) -¿E que motivos tes pra falares dise xeito?
VAQUEIRO 2º.- ¿E logo xa esquenciches a feira aquela en que lle arrincaches o rabo a unha vaca que eu tiña mercada?
VAQUEIRO 4º.- (Alporizado) -Non sexas lambón, home, non sexas desleigado...
VAQUEIRO 2º.- (Aceso) -Máis desleigado es ti...
MANOEL.- (Indo aos Vaqueiros, reconciliador) -Pero non pelexedes polo rabo dunha vaca, hom. Inda é unha vergoña que antre compañeiros...
VAQUEIRO 1º.- (A Manoel) -¿Canto se lle debe? (Co gallo de pagarlle, alanca até o mostrador pra achegarse ao candil e soprarlle. Xa a escea escurecida, os Vaqueiros farán algún disparo, poñerán a mesa de patas pra riba, etcétera; canto maís ruidosa sexa a cousa, tanto millor. Cando xa tudo quedou en silenzo).
AURORA.- (Moi asustada) -¿Que pasou, papaíño, que?
MANOEL.- (Con muito sentimento) -Nada, filliña, nada... Agarda que acenda o candil i axudarasme a recoller os mortos que eiquí houber... (Acende o candil, e cauteloso i asustado, vaise achegando á mesa. Dempois de contemprar silenzoso aquil desorden, con voz tremorosa e verbas antrecortadas, dirá): Bah, ¡tudo por non pagar!... (Aurora bótase a chorar xusto cando do interior saie un "¡Ai!" arrepiante que ceiba Silvestra. Aurora acude a Silvestra correndo, Manoel quédase coma aparvado acarón da mesa e co candiliño na man; os Vaqueiros, que están exexando a través dos ferros da fenestra, bótanse a rir a boca rachada, cousa que indiña a Manoel e faille perder o control). ¡Non aturo máis mofas, centella!... (Pousa o candil enriba do mostrador, quita a pistola e, botando o brazo fóra da fenestra, fai un disparo. Faguer Manoel o disparo i ouvirse queixumoso berro fóra, tudo foi un).
UN VAQUEIRO.- ¡Ai ladrón, que me matache! (Siguen os queixumes).
MANOEL.- (Atolondrado) -¡Que disgracia!...
AURORA.- (Dentro) -¡Tía, tía querida!...
O VAQUEIRO.- ¡Ai!... ¡Ai!...
AURORA.- (Dende dentro) -Veña, papaíño, veña; morreu a tía...
UN VAQUEIRO.- Veña, taberneiro, que iste home morre...
AURORA.- ¡Veña, papaíño!... (Manoel sin domiño i automaticamente, alanca en direición á porta de izquerda).
UN VAQUEIRO.- (Sempre dende fóra) -¡Veña, taberneiro! (Manoel alanca en direición á porta de fóra).
AURORA.- ¡Veña axiña!... (Manoel volta rumbo á porta de izquerda, i eisí dunha porta a outra até que se queda cravado no medio da escea, obedecendo ás chamadas dunha e doutra banda con pequenos movementos de cabeza, coa boca aberta e sin iñizativa algunha; deixa caer a pistola pra pasar a man repetidas veces por diante dos ollos coma pra descorrer un velo que lle estorbara; namentres que Manoel executa istes inconscintes movimentos, o pano vai baixando paseniño até a mitade do seu recorrido, pra baixar súpetamente dalí pra baixo).
LENZO LENTO
FINOU O SEGUNDO LANCE
TERCEIRO LANCE
(Cadro pirmeiro)
Iste cadro desenrólase nun calabós. Unha porta con reixado de ferros no centro do foro i un tragalús aló perto do cume. Hai un catre e dous talliños na escea.
ESCEA I
MANOEL.- (Aparez sentado no catre, meditando longo tempo) -¡Son o farrapo máis desditado da tela humán!... Xa levo dazaoito días enterrado antre istas mouras paredes, que fan arrefecer os ósos máis miúdos do corpo... E tudo por haberlle furado o fol a un desvergoñado que, ademais de non pagarme o que me comeu, fireu a miña diñidade con bulrescas gargalladas impropias de xentes civilizadas. Por iso, por defender a miña diñidade, metéronme niste cortello que foi feito pra gardar asesiños. Il, o ferido e non eu, é o que debera estar eiquí por ser a causa da morte de miña irmá. Pero... o señorito Fermín, avogado meu, non sei qué raios agarda pra convencer ao Xués da noxenta inxustiza que se está faguendo coa miña persoa. (Erguéndose). ¿Que será de ti, miña taberniña, que será de ti?... (Conformándose). Boeno, aló está a miña filla e máis a Parrascana e... mal será que... A Parrascana responde moi ben en tódolos terreos i é de confianza: chegado o caso... tanto lle ten faguer de home coma de muller.
ESCEA II
MANOEL e CARCELEIRO
CARCELEIRO.- (A través dos ferros da porta) -¡Decote latricando soio! ¿Semellas non estar ben do caletre, eh?
MANOEL.- (Serio) -¿E que raios che importa do que eu fago na miña casa?
CARCELEIRO.- ¡Túa casa!... (Ceiba unha gargallada). Nefeito, ti non estás ben da cachola...
MANOEL.- Pois se túa é, chímpame fóra dela; maldito se che agradezo a hospitalidade.
CARCELEIRO.- Non fagas barullo, non...
MANOEL.- Parezme que non estorbo a ninguén...
CARCELEIRO.- Estórbasme a min...
MANOEL.- ¿E quen es ti, chacho?
CARCELEIRO.- Son o carceleiro.
MANOEL.- ¿E quen che ten a culpa de que o sexas? Vai traballar, palanquín, vai traballar...; vai sachar patacas... (Alanca até a porta pra decirlle, en tono amistoso). Escoita, irmán: ¿non hai algunhas mulleres nista casa?
CARCELEIRO.- ¡E non poucas, meu amigo!
MANOEL.- Pois a ver se me fas o favor de meter algunha niste cortello, hom; e que traia unha xesta.
CARCELEIRO.- Bah, bah, bah... Ti non estás ben dos miolos.
MANOEL.- ¿E non sabes que gañarías o ceo dando de comer ao famento?
CARCELEIRO.- Home..., se tes fame...
MANOEL.- Si; quero satisfacer a miña espritoalidade con algo de conversa...
CARCELEIRO.- Pois daquela..., traguereiche a uña dun porco pra que rasques un pouquiño...
MANOEL.- (Coma deceucionado) -Vaite daí, anda... O esprito non se satisface rascando uñas de porcos nin escoitando burradas de carceleiros. (Séntase nun dos tallos).
CARCELEIRO.- Déitate e durme, home durme... (Desaparez da porta).
MANOEL.- Se o Xués non é máis listo, non me solprende que me teña eiquí por tan cativa cousa...
CARCELEIRO.- (Voltando á porta) -Veñen a verche tantas persoas que... ¡nin que foras deputado!
MANOEL.- Has de saber que hai deputados que non teñen a concencia tan limpa coma min. (Transición). ¿Quen, quen dixo ser?
CARCELEIRO.- Hastra que se cachean as persoas, nunca se lles pergunta o nome; mais..., a simpre vista..., parezme unha muller...
MANOEL.- (Súpeto e mostrándose ledo) -¡Adiante, adiante con ela!... Iso de a cachear... ¡non che se ocurra faguelo!; diso... xa eu me encargarei.
ESCEA III
DITOS e PARRASCANA
PARRASCANA.- (Berrando co Carceleiro na porta) -¡Que non me deixo cachear, vaia! Onte, co gallo da cacheadura, rompícheme unha baraza do xustillo e non estou pra que repetas a escea... (Entra con grande estrépeto). ¿Como estás, Manoeliño, como estás?... (Colléndose das mans. O Carceleiro fíxase en tudo). Manoeliiiño... (Solerma). ¡Canto che quero!...
MANOEL.- Parrascaniiiña... (Transición). ¿Como… como anda tudo por aló?
PARRASCANA.- Tudo camiña ben. Quero que esteñas tranquiliño, sin cavilaciós que che escorrenten o sono. Hoxe foi por aló un sinvergoña e, por riba dunhas boas pandulladas que lle arrimei, mandeino prender.
MANOEL.- ¿Si, chacha?
PARRASCANA.- ¡Como cho conto!... E tamén lle dou muito tempo á túa filla pra que arranxe as súas cousiñas: Don Pomar di que pasado mañán xa ten barco. (Transición). Toma, toma; vai comendo. (Dálle torradas).
MANOEL.- Deus cho pague, muller. (Ponse a comer e, ao pouco, prosegue). A marcha da miña filliña... siñifica a miña morte.
PARRASCANA.- Come, come; non caviles neso. (Pequena pausa). Ista mañán, cando o señorito Fermín se laiaba da marcha de Auroriña, peguei as miñas mans nas solapas da súa chaqueta... e falamos coma de home a home.
MANOEL.- ¿Que lle dixeches e que che respondeu?
PARRASCANA.- Aseguroume que a túa filla non se irá.
MANOEL.- ¿E cando pensa deter a súa marcha?
PARRASCANA.- Iso... saberá il como e cando. (Pequena pausa). Póndose branco como unha folerpa, díxome: "A marcha de Aurora... síntoa eu tanto como pode sentila o pai dela. Pero... xúrolle que non se vai, sinora Parrascana. E se non for certo canto lle digo, queda vostede autorizada pra furarme o folecho anque sexa cun fungueiro". Como il sabe moi ben que non me falta coraxe pra iso e pra muito máis, teño a seguranza de que non fallará a canto prometeu.
MANOEL.- Non vexo de que medios se poida il valer...
PARRASCANA.- Os medios... xa il os inventará; pra iso é avogado. (Vai a darlle un bico a Manoel, pero dáse conta de que o Carceleiro está axexando; vai á porta e pendura nela un manto que traguía. Xa segura de que o Carceleiro non poderá velos, alanca até Manoel para abrazalo e bicalo).
MANOEL.- (Deténdoa) -Non, non; ben sabes que nunca me gostou mesturar os bicos cas apertas: as dúas cousiñas, si, pero... saboreadas por soparado. (Ambos cruzan as mans detrás das costas e, alongándose un de cara pra o outro, danse un bico prolongado).
CARCELEIRO.- (Cando ve que iles están no millor do bico) -¡Outro!
MANOEL.- (Soparándose supetamente) -¿Outro que?
CARCELEIRO.- Acaba de entrar o teu avogado e coido que virá a verche.
MANOEL.- (Apuradamente) -Vaite, Parrascaniña, que xa chegou o señorito Fermín. Dille á miña filla que non veña hoxe a verme, anda. (Parrascana, dempois de recoller as cousiñas e dar unhas reviravoltas, desaparez correndo).
CARCELEIRO.- (Que debe abrir e cerrar a porta a cada un que entra o saie, dille bulrescamente a Manoel, dempois que Parrascana se foi) -¿Onde te fixeches con iste verme antidiluvián, chacho?
MANOEL.- ¿O que? ¡Quen cha dera!
CARCELEIRO.- Non tes vergoña, se dis que iste barrusco ten trazas de muller.
MANOEL.- ¡Quixera ver a túa!...
ESCEA IV
DITOS e FERMÍN
FERMÍN.- (Entra resoltamente, con un mangado de papés debaixo do brazo) -¿Como anda a súa saúde, sinor Manoel?
MANOEL.- Da saúde... non teño queixas; pero cando penso que os meus nervios resisten engaiolados deste xeito...
FERMÍN.- Fago conta de levalo conmigo hoxe mesmo.
MANOEL.- Eisí Deus o queira. ¿Hai espranzas de algo?
FERMÍN.- En canto chegue o Xués... (Transición). ¡Carceleiro!
CARCELEIRO.- (Dende a porta) -¿Que manda vostede?
FERMÍN.- En canto chegue o sinor Xués, faga o favor de me avisar.
CARCELEIRO.- Será vostede compracido. (Desaparez).
FERMÍN.- En canto chegue, non lle quedará máis remedio que poñer a vostede en libertade...
MANOEL.- (Mostrándose moi ledo) -¡Que Deus o ouza, señorito Fermín!...
ESCEA V
DITOS e GAITEIRO
CARCELEIRO.- Entre, entre. (O gaiteiro, sin pornunciar verba, sentarase nun dos talles e poñerase a armar a gaita, moi de vagar).
FERMÍN.- O ferido xa está san de tudo. E tendo en conta que vostede lle pegou o tiro na súa propia defensa...
MANOEL.- ¿E non fora na barriga?
FERMÍN.- Foi, home, foi; pero hai que decir que vostede o fixo pra defenderse e non pra atacalo. Por consiguinte, penso sacalo ausolto de culpa e cárrego, sin que isto lixe pra nada a seu bon nome i honor. Tamén acusei ao ferido como único responsabre da morte de súa irmá de vostede, ocurrida a causa dos tiros que os vaqueiros ceibaron dentro da súa taberna.
MANOEL.- Niso... non contou vostede mentira.
FERMÍN.- Craro que non.
MANOEL.- E..., trocando de conversa..., ¿cal é a súa opinión respeito da marcha da miña filla?
FERMÍN.- Opino que a súa filla non se irá.
MANOEL.- O seu pai de vostede xa lle ten tudo arranxado e...
FERMÍN.- (Trocándolle a conversa) -Eu non me vou, sinor Manoel; quédome eiquí até que veña o sinor Xués ¿sabe?; penso levar a vostede canda min... Deica, deica logo. (Vaise).
MANOEL.- Deica logo. (Pausa). Fálolle da filla... e non me crarexa cousa ningunha... Deus goberne... (Vaise achegando ao Gaiteiro, que está pensativo i armando a gaita; con certo asombro, pergúntalle). ¿Gaiteiro?
GAITEIRO.- (Mozo duns trinta anos) -Dende que nascín.
MANOEL.- (Faguendo a sinal da crus) -¡Alabado sexa!... ¿E que miragre deixalo entrar eiquí coa gaita, hom?
GAITEIRO.- ¿O que, sinor, o que?... Quitarme a gaita siñificaría botarme ao cimiterio... sendo a única ferramenta que teño pra gañar o panciño ¡Quitarme a gaita!...
MANOEL.- ¿Entón escorrentarémolas penas coas aguilloadas das súas notiñas?
GAITEIRO.- Xa, xa verá... (Ponse a tocar unha muiñeira. Manoel chouta de alegría, executa algús pontos, etc.) ¿Góstalle?
MANOEL.- Home... gosta. Xa semella que iste cortello se está trocando en casa honrada i alegre... ¿E por que che prenderon?
GAITEIRO.- ¿Vostede non coñece a taberna de Fungueiro, isa que é soada por TABERNA SIN DONO?
MANOEL.- (Finxindo iñorancia) -Pois teño ouvido dela, si...
GAITEIRO.- Eu ía tocar a Chantada e, como non levaba cartos, metinme na devandita taberna pra comer algo. O raio de Fungueiro non estaba i atendeume alí unha vella que non me deixou escapar sin pagar: botoume as mans e..., se non emprego as miñas forzas...
MANOEL.- ¿Que fixeche?
GAITEIRO.- Pegueille un guripaldo e tirei con ela de patas pra riba. Cadrou que pasaban por alí os guardias, i a condanada mandoulles que me prenderan...
MANOEL.- (Bótalle as mans ás solapas e faino poñer de xionllos; con voz enérxica, meténdolle o puño pechado na cara, dille) -¡Sinvergoña! Eiquí tes o dono da taberna, que está preso por haberlle furado o fol cun tiro a un larpeiro coma ti. E non me chamo Fungueiro, eh: son Manoel da taberna. ¿Entendiches? (Segue coas mans apegadas ás solapas do Gaiteiro).
GAITEIRO.- (Con certo sentimento e medo, decote de xionllos) -Perdoe, sinor Manoeliño... Eu non sabía que era vostede ¿sabe?... Xúrolle que tiña intenzón de pagarlle cando voltara da festa e fixera cartiños. (Cada vegada máis sentimental). Se non xunto algo coa gaita, non teño de donde quitar unha cadela: nascín moi probe e fun criado sin pais... (Limpa unha bágoa).
MANOEL.- (Poñendo ao gaiteiro de pé) -¡Abonda! (Tenro). Tiña pensado faguerche comer a gaita ¿eh? pero se te criaches sin pais... xa me fendiches o corazón...
CARCELEIRO.- (Berrando dende a porta, cun papel na man) -Manoel Domingo Carrasco Chouzas Sabugueiro.
MANOEL.- ¡Presente!
CARCELEIRO.- ¡Fóra!
MANOEL.- ¿O que?
CARCELEIRO.- O sinor Xués Fonseca acaba de firmar a túa liberdade. Conque... ¡fóra!
MANOEL.- (Contento) -Si, home, si..., decontadiño, centella... (Dempois de xuntar as súas cousiñas correndo, alanca até a porta; coma recordando algo, volta a xunto do Gaiteiro pra decirlle, moi tenramente). Irmán: sinto muito ter que deixarche antre istas tristeiras e frías paredes, onde terás que pasar fame. Se non tes familia... ¿quen che ha de carrexar unha cunquiña de caldo, home?
GAITEIRO.- (Chorando) -Naide se lembrará de min, porque naide teño no mundo...
MANOEL.- (Entenrecido, tamén limpa unha bágoa) -Non chores, irmán, non chores; mal será que... (Berrando). ¡Carceleiro!
CARCELEIRO.- ¿Que queres?
MANOEL.- (Taxante) -Quero que poñas en liberdade a iste home.
CARCELEIRO.- Tolea, tolea...
MANOEL.- Sendo na miña casa onde fixo o mal, son eu moi quen pra perdoalo e chimpalo fóra diste mal entrado cortello. ¡Nada recramo!
CARCELEIRO.- Se non tiveras a cabeza foca, ben podías comprender que sin orden do Xués non podo dar liberdade a ninguén.
MANOEL.- Se teño a cabeza foca, tamén teño un corazón acugulado que non me consinte marchar tranquilo sabendo que no meu canto queda un home sofrendo.
CARCELEIRO.- (Bulrón) -¡Cómo queiras!
MANOEL.- (Recalcando) -Pois xa está dito: ¡non me vou! (Pousa a mochila enriba do catre i alanca até o Gaiteiro pra decirlle). Toca, rapaz, toca... (O Gaiteiro bótase a tocar; Manoel séntase no tallo i enxuga unha bágoa).
FERMÍN.- (Que aparez na porta berrando) -Vamos, sinor Manoel, vamos!... (Manoel empérrase en non saír dalí sin o Gaiteiro e fai sinales de que "non". O Gaiteiro segue tocando, sin enterarse da escea que detrás dil se desenrola. Fermín i o Carceleiro, dempois de aparentaren cambiar impresiós con movimentos de brazos e cabeza, alancan resoltamente até Manoel, e semellan conversar con il pra disuadilo; pero Manoel, polos xestos que fai, semella non querer saír sin o compañeiro. O Carceleiro por unha banda e Fermín pola outra, arrastran a Manoel até quitalo do calabós, quen saie patalexando e berrando. O Gaiteiro non se entera do que ocurre e segue tocando até que o lenzo baixa lentamente).
LENZO LENTO
SEGUNDO CADRO
Na taberna de Manoel
ESCEA I
AURORA e PARRASCANA
PARRASCANA.- (As dúas aparecen faguendo contas enriba do mostrador) -Quer decir que sin fiar unha cadela, temos corenta duriños no seio.
AURORA.- (Aparez enloitada) -Xustiños...
PARRASCANA.- Boh, insinándolle os puños pechados aos crientes... a taberna deixa ben o seu. (Transición). Boeno, pois xa témolas contas craras pra cando chegue teu pai.
AURORA.- ¡Probe papaíño!... Fai dazanove días que se quedou sin irmá, que tanto queriamos el e máis eu; agora, dentro de tres días..., quedará sin a filla e... (Churimisca).
PARRASCANA.- (Dándolle azos) -Boeno, boeno; aínda faltan tres días e... non sabemos as voltas que o mundo dará. Non chores, muller, non...
ESCEA II
DITAS, MANOEL e FERMÍN
AURORA.- (Abrazándose a seu pai) -¡Meu papaíño!... (Parrascana aponta un desexo de abrazarse, pero contense. Manoel tamén chora).
FERMÍN.- Boeno, boeno; abonda de chorar. Percuremos espallar ledicia por tódolos rincós da casa pra escorrentar as malas lembranzas.
MANOEL.- (Desemulando a súa pena) -Ten razón o señorito Fermín. Non, non choredes. (Parrascana tamén chora). Non vedes que o señorito Fermín sacoume... ¿Como foi que me sacou, señorito?
FERMÍN.- Ausolto de culpa e cárrego.
MANOEL.- Resolto de todo, iso é... (Aurora quer falar, pero non pode faguelo debido á emoción). Señorito, prégolle que leve a rapaza pra a cociña e a vaia conformando como millor poida, ande...
FERMÍN.- (Colle a Aurora con moita amabilidade e vaina levando) -Ven, Auroriña, ven... (Desaparecen).
MANOEL.- (A Parrascana) -Non chores máis, muller, que te podes quedar sin regadío...
PARRASCANA.- (Dempois de abrazárense e bicárense, quita do seio unha faltriqueira pra entregarlle a Manoel) -Eiquí tes corenta duriños, que son os que fixemos namentres ti estiveches preso.
MANOEL.- (Collendo os cartos) -Deus cho pague, muller, Deus cho pague... (Pequena pausa). Algún día fixen forza pra desapegarme de ti, coidando que eras a causa de que o meu caletre non rexira como cómpre que rixa estando ao frente dunha taberna; hoxe, non sosmentes recoñezo a burrada, senón que teño o convencemento de que es o meu braciño direito.
PARRASCANA.- (Con sentemento) -Nunca outra ambizón tiven máis que a de faguerche comprender que decote che quixen e quero de corazón; agora que eisí o comprendes... morrerei máis satisfeita que se comera unha ola de leite mazado. (Enxuga unha bágoa coa ponta do mandil).
MANOEL.- Si, muller, si... Es a única que me axudas a cangar co peso das miñas disgracias...
PARRASCANA.- Boeno, Manoeliño; agora que xa ti viñeches, vou acender o lume antre as paredes da miña casa...
MANOEL.- ¿O que? (Pequena pausa). Iraste da miña casa... cando te queiras ir, mais non polo meu gosto.
PARRASCANA.- (Solermeira) -E logo... ¿queres que me quede na túa ou que?...
MANOEL.- Iso mesmo quero. (Pequena pausa). Diga a xente o que queira... serás a miña muller.
PARRASCANA.- ¡Eisí Deus o queira! (Abrázanse).
MANOEL.- (Mirando detidamente pra unha maleta que estará en calisquera sitio da escea) -¿I esa maleta?
PARRASCANA.- Chegou hoxe no Castromil, por orde de Don Pomar; é a que levará Aurora pra Bos Aires, se é que marcha.
MANOEL.- Don Pomar non pode agardar que se lle pague de apouco e... (Transición). Vaite á cociña, anda; vai faguer compaña aos rapaces e, de camiño, percurade faguer de comer pra todos, incruso pra o señorito Fermín.
PARRASCANA.- (Dempois que iñizou o mutis por izquerda, dáse volta pra perguntar) -Dime unha cousa, Manoel, di: ¿onde durmirei ista noite?
MANOEL.- Muller, istes días durmiches...
PARRASCANA.- Na cama da túa filla.
MANOEL.- Pois ista noite dormirás...
PARRASCANA.- ¿Tamén con ela?
MANOEL.- Boh, isas contas... pode que saian millor a candil apagado. Xa, falaremos diso. (Parrascana desaparez por izquerda; Manoel achégase á maleta pra debruzarse sobor dela i acarizala coas súas mans tremorosas; ergue a cabeza e, faguendo esforzos pra conter as bágoas; con verbas antrecortadas, di). Non es unha maleta, non: es a caixa que me levará ao cimiterio... (Volta a debruzarse sobor da maleta pra quedarse dise xeito até que Aurora chega).
ESCEA III
MANOEL e AURORA
AURORA.- (Vendo a seu pai daquela maneira, corre a el pra darlle azos) -¿Que lle ocurre, papaíño?... Non se poña eisí...
MANOEL.- Auroriña; se non te vas de propia volundade, non te vaias, filliña... Entregaremos a taberna a don Pomar e nada lle deberemos.
AURORA.- ¿O que, papai, o que?... Vou moi contenta pra terras de fóra pra gañar os cartos que se deben e voltar decontado pra xunto de vostede. Xa verá, xa verá...
MANOEL.- Co corazón desfeito... concedereiche a licencia pra que poidas coller o barco que de min e da Terra che ha de alonxar. Mais, iso si, quero que me pormetas...
AURORA.- ¿Que quer que lle pormeta?
MANOEL.- Que se aló non te acostumares, quero sabelo correndo pra poder remesarche os cartos que percises e voltes pra ista nosa casiña. Se don Pomar pon os cartos pra que te me vaias da casa, a Deus corresponde poñelos pra que voltes a ela, anque haxa que quitalos... da caixa das ánemas.
AURORA.- Se aló non me acostumara ou me sentir mal, pidireille os cartos correndo.
MANOEL.- Sendo eisí... xa parez que quedo un pouco máis acougado. (Transición). ¿E que di o señorito Fermín a tudo isto?
AURORA.- Cando algunha vegada falamos da miña marcha, decote me di o mesmo: "Son un namorado da nosa Galiza e non quixera abandoala nunca; se ti dela te fores, tamén eu dela me iría. Por consiguinte, farase tudo canto sexa perciso faguer pra que ti non te vaias".
MANOEL.- Boh; a ise avogado... parezme que non o entende... nin o mesmo Xués. Ben pudo decirlle a seu pai que es a moza preferida, pra ver se de outro xeito se arranxaban as cousas... (Transición). Boeno; cando a comida esteña porparada, tráesme recado, anda. (Aurora desaparez por izquerda, deixando antrever a pena que sinte por seu pai; Manoel ponse a traballar detrás do mostrador).
ESCEA IV
MANOEL e COEGO
COEGO.- (Arrímase ao mostrador) -Bota un neto, Manoel.
MANOEL.- Correndo, Coego, correndo... (Pon xarro e cunca enriba do mostrador e prosegue a súa laboura).
COEGO.- (Tranquilo i apromadamente, dempois de botar viño na cunca e beber) -Non tes cara de ledo, hom.
MANOEL.- Non terei moito, home, non.
COEGO.- Pois eu coido que cando se saie da cadea...
MANOEL.- Tes razón, home, tes; pero a marcha da miña filla...
COEGO.- Boh; a túa filla non se vai, Manoel, ¡non se vai! (bebe).
MANOEL.- ¡Abonda de mofas, Coego, abonda de mofas!... (Limpa unha bágoa).
COEGO.- (Dempois de mirar fixamente á cara de Manoel, móstralle un papel que quitou do peto) -¿Ves iste papeluxo?
MANOEL.- Por aí... un recibo da contribución...
COEGO.- Non; iste papeliño, que pra ti val muitos cartos, arrinqueino da porta de igrexa, dempois que todos os veciños se enteraron do seu contido. (bebe).
MANOEL.- (Sempre detrás do mostrador, escomenza a sentir curiosidade) -¿E que di o papel?
COEGO.- (Coma se estivera ceibando un descurso. Manoel escoita con relixosa atenzón) -Pois di eisí: "Aos veciños desta aldea". (A Manoel). Ista é a cabezalla, o comenzo ¿entendes?
MANOEL.- Alanquemos ao childeiro, Coego.
COEGO.- (Apromado e sentencioso) -"Na vosa aldea, de donde correstes a pedradas ao recaudador cando a ela chegou con inxustas rubas no consumo; de donde fixestes saír a fungueirazos a todos cantos a ela chegaron pra faguer algunha inxustiza en nome da xustiza; de donde saíu correndo o mesmo Xués"...
MANOEL.- (Que está como aparvado, pergunta. -¿Tudo iso ocurreu na nosa aldea, ou é que che ferve o viño na caletre?
COEGO.- (Seco) -¡Cala!
MANOEL.- (Resiñado) -Sigue.
COEGO.- (Dempois de beber, prosegue) -"A vosoutros, veciños, que decote destes cen estacazos por cada un que vos oferceron, me dirixo e digo":
MANOEL.- ¿Que dis?
COEGO.- ¡Cala!
MANOEL.- Sigue.
COEGO.- (Cada vegada, máis ampuloso) -"Está a ponto de cometerse inxustiza tal cun veciño noso, que será o meirande aldraxe pra a nosa aldea, faguéndonos indiños dos pantalós que vistimos"...
MANOEL.- Pero... ¿cando pensas dar remate a isa partida de nascemento, chacho?
COEGO.- ¡Cala!
MANOEL.- Sigue.
COEGO.- (Bebe e prosegue) -"O autor destas letriñas, que está ao tanto e sabe, coñece e recoñece o orixen do atropelo i a finalidade que se percura, ceiba polo ar o toque de alerta"...
MANOEL.- Home, vaite deitar...
COEGO.- ¡Cala!
MANOEL.- Sigue.
COEGO.- (Bebe e prosegue) -"A disgracia que está pendente dun fio, siñificará a morte dun veciño noso, morte que nos ha de roer a concencia a tudos por igoal, xa que será o froito dos nosos muitos abusos. (Berrando máis). ¡Alerta, veciños!".
MANOEL.-¿ E por que non vas berrar fóra, hom?
COEGO.- ¡Cala!
MANOEL.- Sigue.
COEGO.- (Máis eufórico) -"Todos á taberna de Manoel; todos á taberna de quen nos deu o sangue das veas cando llo pedimos, e que lle queren arrincar o corazón enfiándolle a única filla que ten polos camiños da emigranción... (Comenza a verse xentes que cruzan por diante da fenestra).
MANOEL.- (Emocioado, limpando unha bágoa) -Para, home, para; non che oucen...
COEGO.-¡Cala, home, cala!...
MANOEL.- Sigue, home, sigue...
COEGO.- (Lendo Novamente) -"Por unhas pesetas que debe, por unhas cadelas que a uns i a outros nos fiou, vai camiño do cimiterio, se non lle valemos a tempo".
MANOEL.- (Emocioado) -Escoita...
COEGO.-¡Non escoito! (Garda o papel no peto).
MANOEL.- Pois sigue...
COEGO.- (Berrando a pulmón cheo) -¿Onde están ises homes con peitos coma chideiros e pés coma palanganas que nunca se fixeron agardar pra botar man de sachas, fouciños e ligóns pra enfrontarse coas inxustizas? (Berrando máis). ¿Onde estades, veciños, onde estades?...
ESCEA V
TODOS.- (Namentres que algús se quedan da banda de fóra da fenestra pra dende alí falar a seu debido tempo, outros entran con grande estremonía, armados de estacas, sachas i outras ferramentas. Tudos se amurican denredor de Coego, mostrándose belicosos) -¡Eiquí estamos!... ¿Que ocurre eiquí? (Namentres que uns falan, os outros aparentan faguelo, etc.).
COEGO.- (Decote domeñando a escea) - Ben sabedes o que eiquí ocurre. A Manoel váiselle a filla por causa de unhas pesetas que debe. Entón nós, dando unha mostra de irmandade, debemos pagar isas pesetas apuntándonos cada un co que máis poida.
UN VECIÑO.- ¿A quen se lle deben ises cartos?
MANOEL.- A... a don Pomar...
VECIÑO 2º.- ¡Que veña don Pomar, que o degrumo dun sachoazo! (Moito barullo).
COEGO.- ¡Silenzo! (Pausa). Se de outros medios máis honrosos podemos valernos, non botaremos man da forza; ¡nada de sachoazos! (Apuntando nun papel) . Eu fágome cárrego de... seis mi reás.
VECIÑO 1º.- Eu... de catro mil.
VECIÑO 2º.- De cinco mil...
VECIÑO 3º.- (A través dos ferros da fenestra) - De seis mil, eu...
VECIÑO 4º.-De oito mil douscentos, eu...
VECIÑO 5º.- (Dende a fenestra) - Apúntame catro mil...
GOLETA.- Quero que se me apunte con dazaseis reás que gañei na seitura...
MANOEL.- (Berrando) -Xa sobran, veciño, xa sobran!... Rachade as pipas e bebede até fartarvos... (Tudos corren a sacar viño, pero Coego imponse a tempo).
COEGO.- ¿Que, que é iso? (Pequena pausa). Viñemos eiquí pra arranxar a vida de Manoel ou pra encher a andorga á súa conta? (Transición). Os cartos que sobren, tamén se lle darán a don Pomar, pra que se farte. (Tudos barullan).
ESCEA VI
DITOS e DON POMAR
D. POMAR.- (Entra cohibido, coma se certamente se alcontrara arrepentido de algo. Os veciños o miran con marcado desprezo) -Boas tardes pra todos. (Naide responde ao saúdo, pola contra: tudos se mostran hostíes, falan antre iles, fan xestos de repulsa, etc.).
COEGO.- (Con circunspeición e domiñando a escea, diríxese a D. Pomar) -Eiquí ten a forza dos seus veciños, Don Pomar; a forza dos que nunca con vostede falamos sin denantes quitar a pucha da cabeza, e que viñemos a impedir que vostede poña á vista aquel "nonseiqué" que sopara aos ricos dos probes. (Parrascana, Aurora e Fermín axexan na porta izquerda).
D. POMAR.- (Apesadumado, pero decote sobrio) -Entendo, home, entendo; e xa me folgaría de que eisí me entenderades vós a min. (Os veciños dan mostras de indiñación, barullan, etc.).
COEGO.- (Impóndose) -¡Silenzo! (Pausa e silenzo). ¿Estamos na feira dos porcos, ou que? (Pausa). Pra falar... abonda un, i ese "un"... son eu. ¿Estamos? (Dempois de pausa, volta a falar pra Don Pomar). Escoite, Don Pomar: nós non queremos nin consentiremos que a filla de Manoel se vaia pra terras de fóra, porque a queremos, porque é nosa, porque sabemos que seu pai a percisa a carón de si.
D. POMAR.- Se o voso sentemento chega a onde chega o voso corazón, non me será difícil desenvolver a maraña en que tudos nos alcontramos. Mais... ¿como faguer pra convencervos de que comparto as vosas intenciós, de que me gosta que eisí sexades, de que quero a Manoel, á filla i a tudos vós?
VECIÑO 1º.- Das verbas... non hai queixa, pero queremos feitos e non parola.
TUDOS.- (Con estremonía) -Iso, iso mesmo...
COEGO.- ¡Silenzo! (Silenzo).
ESCEA VII
Entran os catro Vaqueiros e máis o Gaiteiro
GAITEIRO.- Eiquí estou, sinor Manoel: veño a pagarlle o que lle debo, a pedirlle que me perdoe i a poñer a miña gaita á súa disposición, por si algún día lle cómpre.
VAQUEIRO 1º.- E nós, os Vaqueiros que fomos causa da morte da súa irmá e de que vostede estivese na cadea uns días, atraguidos polos sans sentimentos de irmandade, estamos eiquí pra pagar tudo canto haxa que pagar e pra pedirlle que nos perdoe o feito, debido ao alcohol e non á nosa maneira de ser.
MANOEL.- (Emocioado, con verbas tremorosas) -Anque non viñerades, xa vos tiña perdoado a todos, irmáns; o meu corazón non val pra outra cousa.
VAQUEIRO 2º.- Pois abra os pichos das pipas pra que deiten viño pra tudos. (Manoel escomenza a poñer sobor do mostrador xarras de viño, que tudos beberán).
VAQUEIRO 1º.- (Convidando) -Rogamos a tudos compartan a nosa ledicia, pois semella que os ánemos de vostedes están un pouco depremedos.
D. POMAR.- Canto eiquí está ocurrindo débese a un malentendido. Eu ben sei que foi o meu fillo o autor das letras que vistes na porta da igrexa, i o meu fillo sabe ben que non tiven nunca ruís intenciós pra Manoel nin pra ningún veciño... (Entran a escea por izquerda Aurora, Parrascana e Fermín).
COEGO.- Pois se foi o seu fillo... que o diga.
D. POMAR.- (Dirixíndose a Fermín, que se mostra un tanto doorido) -Dime, fillo: ¿que che dixen cando arremataches a carreira de avogado?
FERMÍN.- Que lle daría a morte a vostede o mesmo día que lle quitara o cariño dos veciños.
D. POMAR.- Pois iso acabas de faguer: quitarme o cariño dos veciños... por razós que descoñezo.
FERMÍN.- (Tudos escoitan con marcada atención) -Acraremos: vostede ten outo e subrime conceuto dos nosos veciños, mais estivo a ponto de cambiar de opinión ante os moitos abusos que iles cometeron eiquí co sinor Manoel; eu, pra reivindicalos, pra que vostede os queira aínda máis, propúxenme atraguelos á taberna pra que reparasen o mal que fixeron e que demostrasen que antre iles pode haber xoldas máis ou menos pesadas, pero nunca a ruín intención de faguer irreparábel mal. Eiquí os ten a tudos, dispostos a defender ao que onte era motivo de bulras.
VAQUEIRO 1º.- ¡Que ben falou o señorito! Isa é a realidade do caso de tudos nós. (Tudos mormulan e dan mostras de satisfaición).
D. POMAR.- Respeito de Aurora, da filla de Manoel ¿que che dixen?
FERMÍN.- Perguntoume se a quería.
D. POMAR. - ¿Que respondiche á pergunta?
FERMÍN.- Que non a quería; que era cousa de pasar o tempo con ela... Por iso vostede, como mal menor, trataba de botar a Aurora pra terras de fóra.
D. POMAR.- Xustamente... (Aos veciños). ¿Teño culpa de tudo isto? (Pequena pausa). Pois se a teño... faguede de min o que queirades. (Tudos están conmovidos, atóñitos).
COEGO.- (Grave, circunspeito) -Decote dixen que don Pomar... é unha rosa antre silvas. (Pequena pausa e volta a falar, sempre pra os veciños). Vamos a ver: dempois de istas acraraciós antre dous fidalgos, ¿hai algún burro antre nós que non caera na conta? (Tudos gardan silenzo).
VAQUEIRO 1º.- Cómpre acrarar se Aurora se vai ou se queda... (Hai algo de barullo).
COEGO.- ¡Silenzo! (Pausa). Fale vostede, don Pomar.
D. POMAR.- O resto... que o diga o meu fillo.
FERMÍN.- Perdoe, pai, por haberlle mentido no intre aquel en que a pergunta me fixo: decote quixen e quero a Aurora. (Abrázanse Aurora e Fermín e tudos se mostran agradabelmente solprendidos. Manoel tamén se abraza á filla e a Fermín).
COEGO.- (Dempois de beber, dirá pra os veciños) -A cousa está crara.
D. POMAR.- Cando un home i unha muller pubricamente se abrazan, unha de dúas: ou están casados ou en vísporas de o faguer. Por consiguinte, cómpre que fixedes data pra o voso casamento, ao que asistirán tódolos persentes como invitados de honor.
TODOS.- ¡Moi ben, moi ben!... (Beben, parolan antre iles, etc., etc.).
COEGO.- ¿Como te alcontras, Manoel? ¿Tes algo que engadir ao que Don Pomar dixo?
MANOEL.- (Moi emocioado) -Boh; é tanta a ledicia que se acugula no meu peito que semella non deixarme folguexar pra poder falar. Estou ledo e satisfeito polo casamento da miña filliña co señorito Fermín; estou agradecido pra tudos vós...
TODOS.- ¡Moi ben, moi ben falado!...
MANOEL.- E ti, Parrascana, que defendeche a miña filla con cariño de virdadeira nai, que defendeche a miña casa coma se túa mesmamente fora, tamén cómpre que che dea as miñas sentidas gracias...
PARRASCANA.- Decote vos quixen de corazón, aos desta casa i a túdolos veciños... (Chora).
MANOEL.- Non chores, muller, non chores... (Pequena pausa). Craro..., eu..., coa marcha da miña filla..., mirándome soio e sin amparo no curuto dos meus anos, prometín algo que quixera cumprir, xa se sabe... De non faguelo, desentoaría co clima de honradez que se respira nista nosa aldea... (Continúa con rodeos). Se vergoña me dá acrarar a situación, máis avergoñado me sentirei se non cumpro o que como home honrado prometín...
D. POMAR.- Fala, Manoel, fala...
AURORA.- Diga, papai, diga...
MANOEL.- (A Parrascana) -Dillo ti, muller, di... (Parrascana, avergoñada, baixa a cabeza e non responde). Tampouco ti te estreves... Don Pomar dixo que cando un home i unha muller se abrazan, unha de dúas: ou están casados ou en vísporas de o faguer...
D. POMAR.- Eisí mesmo é, sin dúbida.
MANOEL.- De resultas que nós... Boh, deixemos que o amor, no seu mudo lingoaxe, diga eiquí pra todos o que nós non somos capaces de decir... (Abrázanse Manoel e Parrascana).
PANO SÚPETO
Bos Aires, Abril do 1941

BIBLIOGRAFÍA SELECTA
- GÓMEZ, X., “Conversa con Varela Buxán. O Patriarca do Teatro Galego” in La Voz de Galicia, 25-03-1982.
- LOURENZO, M. e PILLADO MAIOR, F., “A compañía galega Maruxa Villanueva” Cadernos da escola dramática galega, nº 4, A Coruña, 1979.
- LOURENZO, M. e PILLADO MAIOR, F., O Teatro Galego. Ediciós do Castro. A Coruña, 1979.
- LOURENZO M. – PILLADO F. Antoloxía do Teatro Galego, Ediciós do Castro, Sada, A Coruña, 1982.
- LOURENZO, M. e PILLADO MAIOR, F., “Varela Buxán, Manuel Daniel”, en Dicionario do teatro galego, Sotelo Blanco Edicións, Barcelona, 1987, p.156.
- LUNA SANMARTÍN, X., Manuel Daniel Varela Buxán. O patriarca do teatro galego. Ed. Seminario de Estudios de Deza. Lalín 2000.
- LUNA SANMARTÍN, X., Manuel Daniel Varela Buxán. Toda unha vida adicada ao teatro in Descubrindo, anuario de Estudios e Investigación. Deza, nº 2. Ed. Seminario de Estudios de Deza. Lalín 2000.
- OTERO PEDRAYO, RAMÓN, “Prólogo” in O Ferreiro de Santán. Taberna sin dono, de Varela Buxán. Ed. Celta. Lugo, 1975.
- PÉREZ RODRÍGUEZ, L., Fernando Iglesias “Tacholas”, un actor auriense na Galicia Ideal. Ediciós do Castro. Sada, 1996.
- PILLADO MAIOR, F., “Conversa con Manuel Daniel Varela Buxán” Sociedad Recreativa, Cultural y Deportiva. Sada. Boletín informativo. Nº 12. 1977.
- PILLADO MAIOR, F., “Prólogo” in O cego de Fornelos e outras comedias curtas, diálogos e monólogos de Varela Buxán. Ed. Varela Buxán. Imprime Gráfica Paredes, Pontevedra, 1981.
- POCIÑA A.-AURORA L., Conversas con Maruxa Villanueva na Casa de Rosalía. Ed. Hércules de Ediciones S.A. A Coruña, 1995.
- TARRIO VARELA, A., Literatura galega. Aportacións a unha historia crítica, Ed. Xerais. Vigo. 1994, p.302.
- VARELA BUXÁN, M. D., O Ferreiro de Santán. Taberna sin dono. Ed. Celta. Lugo, 1975. (1981. 2ª edición).
- VARELA BUXÁN, M.D., A xustiza dun muiñeiro. Se o sei non volvo á casa. Ed. Varela Buxán. Imprime Artes gráficas Portela, Pontevedra, 1977.
- VARELA BUXÁN, M. D. O cego de Fornelos e outras comedias curtas, diálogos e monólogos. Ed. Varela Buxán. Imprime Paredes, Pontevedra 1981.
- VARELA BUXÁN, M.D., Gracias Padre Ramón. Tradución e adaptación de Xosé Luna Sanmartín. Ed. Seminario de Estudios de Deza. Lalín 2003.
- VILAVEDRA, D., Historia da Literatura Galega. Ed. Galaxia, Vigo, 1999, pp. 217-218.