Dionisio Pereira
Porén, hoxe pretendemos albiscar outra vítima mortal daquela “ira azul escuro” ate de agora prácticamente esquecida, que acabou masacrada na mesma estrada polos fascistas de O Carballiño días despois, o 9 de setembro de 1936, a poucos metros da pontela que atravesa o Regueiro dos Cabaleiros xa en plena Abelera, un sitio singular sempre en liza entre Pedre e Dorna, no que aínda se conservan as cortellas que acreditan un pasado non moi lonxano vinculado á gandeiría extensiva. Estamos a falar dun rapaz de vinte pico de anos chamado José González Valeiras, natural de Señorín-O Carballiño e alcumado “O Pintor”, de seguro por exercer esa profesión no acreditado “Gran Taller Mecánico de Carrocerías Avelino Piñeiro”, localizado na antiga rúa Conde de Vallellano da vila do Arenteiro, un obradoiro moi coñecido no mundo do transporte pola habelencia do seu medio cento de operiarios no carrozado de ómnibus e daquelas furgonetas denominadas “rubias”, pola cor da madeira de acacia e sobreira da súa estrutura.
Na súa obra canónica sobre o alzamento, guerra e represión franquista na provincia de Ourense, o historiador Julio Prada recolleu o testemuño dunha veciña de Moldes que afirmaba:
“O José González Valeiras era de Señorín, que traballaba co meu home. A este fórono buscar á casa…a el e a outro mozo…e leváronos ata pasar O Paraño. E o mozo que era forte, luchou cos que o ían matar, que se chamaban Narizán, Colón, Valentín Romero... Eran tres,...e como tanto luchou agarrouse ás portas do coche e arrancoullas, que o tiveron que matar dentro do coche...E mentres tanto luchou, o outro escapou e pasou o río que había polo Paraño e marchouse a Portugal...Despois apareceu nunha gabia ó pasar O Paraño...”.
Daquela, a localización do lugar exacto da morte de “O Pintor” ao pasar O Paraño semellaba complicada, posto que, ademais, polo Alto non pasa río ningún a non ser O Lérez, a uns vinte quilómetros dalí. Así as cousas, na base de datos do Proxecto “Nomes e Voces” a defunción adxudicouse a un lugar inconcreto do Concello de Forcarei, pero sen maiores certezas.
Porén, hai pouco puiden revisar o Rexistro de Defuncións do concello en cuestión e comprobei que alí non fora inscrita a morte airada de José González Valeiras; aínda así, poderíase alegar que non todas as mortes violentas daquel tempo figuran nos rexistros civís, tal e como acontece coas de Francisco e Secundino que tampouco foron recollidas no de Cerdedo, se acaso para non deixar rastro documental destes noxentos crimes. Non obstante decidín seguir o fío e, remexendo transcricións de vellas conversas con xente de Pedre levadas a cabo hai case trinta anos, atopei un testemuño que estimo definitivo: o veciño Miguel Pose Fortes, que daquela contaba con 94 anos, deu por certo que na Abelera os falanxistas de O Carballiño mataran un pintor de coches que traballaba nunha empresa de carrocerías, mentres que outro home zafara dos tiros botándose monte abaixo...O señor Miguel insistiu así mesmo en que mataban na Abelera, porque era un lugar solitario situado na fronteira entre as xurisdicións dos postos da Guardia Civil de Cerdedo e San Xurxo de Sacos, unha “terra de ninguén” propicia para a impunidade. E, ao cabo, outros conveciños tamén afirmaron que o sitio decote era utilizado polo sinistro Víctor Lis Quibén (cuxa casa familiar de San Xurxo de Sacos está situada a pouca distancia) e os seus “cívicos”, para aquelas arrepiantes súas represalias...
Coda
Anos andados, outro obreiro de “Carrocerías Piñeiro” tería mala morte: correndo maio de 1949, dous gardas municipais dispararon contra un grupo de operarios que, tras cear nunha taberna para pórlle o ramo ao carrozado duns autobuses, pretendían facer unha cencerrada no rueiro. E alí morreu un aprendiz de 16 anos veciño da aldea de Bertamil chamado Alfredo Domínguez Palao, vítima daquel gatillo fácil que imperou na noite de pedra do franquismo até as súas últimas boquexadas....
Feed RSS
