Calros Solla
Encamiñamos os nosos pasos, non sen dificultade, pola antiga verea que pon (ou puña) en comunicación a aldea de Portugal (Figueiroa) coa do Milladoiro (Parada). Mentres ascendiamos o contraforte sur do Coto Laceiras (716 m), a uns 500 m de altitude, chamounos a atención un relanzo solleiro, orientado cara á valiña de Figueiroa. A carón dunha das revoltas do camiño, un calveiro rochoso abríase na confluencia dun mesto cerquido ventureiro e un piñeiral de repoboación.
Achegarnos ao laxedo e advertir as coviñas talladas na pedra foi todo un. A laxeira, de pedra de gran, ben pode abranguer os 100 m2, porén a superficie visíbel da rocha, a non cuberta polo manto vexetal, apenas acada os 6 m2.
A primeira vista, o gravado rupestre detectado componse de cinco coviñas, cuxo diámetro vai dos 3 aos 6 cm. As concavidades, de boa profundidade, talláronse nunha laxa peada. As coviñas están intercomunicadas por unha decena de riscos estreitos e pouco profundos (leito en “U”), a xeito de desaugadoiros.
A sección do laxeiro orientado cara ao nordés desapareceu xacando por extracción. Non se aprecian, no bordo da cortada, marcas de cuñas ou guillos, mais si unha esgazadura irregular. Con certeza, a superficie insculturada era moito maior.
Se observamos a rocha polo seu lado leste, concluiremos que o labor de corta e extracción deixou unha entalla duns 80 cm de altura e 50 cm de profundidade. De considerarmos a entalla a sección dun hexaedro, a cara frontal acadaría os 110 cm de longo e a sección 170 cm. Chamounos a atención que, partindo do fondo da entalla, emulando un corredor, aliñáronse dúas fileiras de pequenos cachotes fincados en paralelo (uns 15 elementos). O largo deste “corredor” vai dos 50 cm (no fondo da entalla) até os 60 cm (na parte máis afastada), estendéndose uns 2 m de longo. Descoñecemos a data na que se dispuxo a devandita estrutura, ben seguro moderna. Cachotes de tamaños diversos, provenientes da pedreira, esparéxense polas ladeiras do outarelo.
De volta en Portugal, rueiro de Figueiroa, demandamos dos veciños información sobre o chamadeiro do laxaredo na que atoparamos o gravado rupestre. Respondéusenos que, segundo as nosas indicacións, o pedregal había estar no predio coñecido como Chaira do Coto. Eis pois o nome co que inventariamos a nosa descuberta: “Petróglifo da Chaira do Coto” (coordenadas.- X: 550.279; Y: 4.710.749; alt. 474 m). O petro localízase a uns 500 m, en liña recta e cara ao nordés, da aldea de Portugal, da outra banda do regueiro do Portaloureiro.
Co da Chaira do Coto, a parroquia de Figueiroa rexistra o seu oitavo petróglifo; o territorio de Cerdedo acada os 61 gravados rupestres inventariados e, no eido das insculturas, o colectivo Capitán Gosende deixa, na comarca de Montes, a súa cifra de descubertas en 88.