Luis Alberto Silva Casas e Sara Troitiño Ovelleiro
No caso que estamos a tratar, a torre, estaba situado nun alto, pero rodeada por dous ríos, o río Castro por un lado e o río de Presqueiras, o que creaba así unha forte protección en caso de asedio ou ataque. Sabemos que naquela época, Terra de Montes estaba rexido polo arcebispado de Santiago de Compostela, o cal, necesitaba contar con elementos para defender e manter o dominio sobre estas terras. Nesta fortaleza vivía o Xuíz-Meriño, que se encargaba da administración do patrimonio e solución de conflitos dentro dos seus dominios. Esta torre sufriu un incendio, despois do cal foi reconstruída, pero máis adiante os irmandiños, na súa loita dos campesiños contra o poder, destrúen esta, e moitas outras dende a súa saída de Pontevedra. Despois disto e ante as penosas condicións da fortaleza os xuíces meriños van vivir a Soutelo de Montes.
Na actualidade conservamos un montón de pedras totalmente invadido pola maleza, á parte de que dentro da muralla se edifica a capela da Nosa Señora do Castro (ou tamén coñecida como capela da Virxe dos Remedios).
Tamén sabemos que as pedras desta foron seguramente utilizadas para facer casas ou muros nesta zona.
Neste lugar os veciños teñen o alcume de churruschaos, debido a que esta foi unha das familias que viviu nesta fortaleza.
Unha veciña cóntanos que sempre se oíu que había uns pasadizos subterráneos, os cales daban acceso ao río.
Tamén nos dixo que estes podían ser utilizados polos animais para beber, posto que para chegar ao río habería, doutra maneira, que baixar polo gran desnivel que presenta a montaña. A muller cóntanos ademais unha lenda: debaixo do cruceiro foi gardado ouro, aínda que este cruceiro foi movido ante a chegada de cabalerías á zona. Anos máis tarde búscase este ouro e o único que foron capaces de topar foi unha estraña borralla, a cal utilizaron para fertilizar as leiras, sen saber que este era o ouro que os mouros moeran.
A Torre do Castro de Montes foi destruída, pero isto non quere dicir que non quede nada dela. Parte das súas funcións foron desempeñadas, trala súa destrución, pola Torre da Alarma (de Barciela). Seguro que logo de ver esta torre moitas veces ninguén se deu conta de que esta non sempre estivo colocada no mesmo sitio no que se atopa agora. A 5 quilómetros de Presqueiras topámonos coa igrexa de Castrelo, que está situada na Barciela. Ao lado disto álzase unha torre de 10 metros de alto, a cal esta dividida en tres corpos.
No primeiro, subindo pola escalinata que bordea a torre chegamos a un arco cego. Dende aquí outra escalinata sobe ata o segundo corpo onde vemos un lugar utilizado para facer lume.
E xa chegados ao último corpo vemos o lugar onde probablemente estivese colocada unha campá.
Esta torre pasou para esta nova ubicación, logo de que os Irmandiños destruísen a fortaleza, e de que os xuíces-meriños se trasladaran a vivir a Soutelo de Montes.
Esta tiña unha función moi simple pero á vez moi útil. Empregouse para avisar aos veciños dos invasores franceses, cando Napoleón entrou en Galicia, e tamén de actos destrutivos cometidos na zona durante as guerras Carlistas. Antes disto todo, a torre tiña unha función distinta, é era a de avisar aos veciños dos actos de culto e as xuntas de montes que se levaban a cabo na zona.
Isto todo ocorreu antes da construción do templo parroquial de Castrelo. Na actualidade dita torre segue en pé, aínda que o estado de conservación non sexa moi bo.
Este monumento estase descoidando e está a crecer unha capa de matogueiras bastante grandes ao seu redor.
E son cousas como estas as que fan que nos demos conta do estado no que se atopa o patrimonio da nosa terra. Este tan só é un exemplo máis doutro monumento cunha gran importancia para a historia deste concello, o cal está a quedar no completo abandono. Dende aquí facemos unha chamada a que todas as persoas se empecen a preocupar por conservar os bens culturais que forman a nosa memoria histórica.