Manuel Fortes
Paramos na Chaira a tomarlle un café no único bar da aldea. Ao pouco, comezaron a caer unhas pingas, non obstante, o taberneiro, que é primo meu, afirmou que non ía chover e, confiados pola súa predición, quedamos aliviados. Palabra de caroiano!! Entre grolo e grolo debatemos que rumbo tomar: as opcións eran os penedos por riba do lugar de Medelo, as Penizas de Baixo (outeiro do Monte do Seixo asociado á lenda da Cova dos Mouros) ou unha penedía no lugar da Redonda (A Corredoira) pero, influídos pola vaga de proxectos de parques eólicos que están asolagando o país e tamén a comarca, e na liña trazada recentemente en “Porto Bidros”, decidimos encamiñarnos cara ao monte Caveiro, onde está proxectado o Parque Eólico “Coto do Carballal”, con 4 aeroxeradores.
Xa que logo, o “coche presidencial” saíu da Chaira, pasou Tras do Prado, O Porto, as Leiras de Marín, cos lugares da Casola e da Cimadevila ao nacente, As Bouzas, A Costa e Fraguas, collendo no rueiro das Tabernas o desvío cara á Coutada, onde aparcamos o vehículo. Polas Tabernas pasaba o camiño real de Pontevedra a Ribadavia, o que vén a explicar o topónimo actual. Outro chamadeiro no monte Caveiro (do latín calvariu “lugar desposuído de vexetación”), relacionado con esta antiga vía de comunicación, é o Pousa o Viño, polo viño que se levaba dende o Ribeiro ata Pontevedra.
Comezamos a camiñar de vagar por unha pista forestal. O chan estaba enchoupado e mol por mor das chuvias. A ambos lados, unha repoboación forestal de piñeiros completaba a escena. De súpeto, á esquerda da pista, un montículo que sobreanceba na chaira chamou a nosa atención: “unha mámoa!!”, berramos case ao unísono. De primeiras, dubidei se estabamos no túmulo catalogado por Patrimonio nesa zona e do que xa tiña constancia, polo que o achado quedou pendente de comprobación. Tiramos unhas fotos para ter testemuña gráfica do elemento. Un cuco festexou o achado.
Logo, continuamos o camiño, parando en cada laxa e outeiro, por ver se agochaban algún petróglifo. Pasamos pola Porteliña a Loureiro e ao pé do Coto Lagaceirame. Cara o nacente, érguese poderoso o Castro Toraxe (ou Adorado): a tradición oral di que, antigamente, na contorna, non había máis igrexas que a de Caroi, entón, o coto da penedía era un dos puntos dende o que as xentes de lonxe oían misa. Antonio Fraguas recolleuna no seu libro Romarías e santuarios (1988) e no artigo de prensa “Os camiños vellos na nosa aldea”, este último, publicado en 1996, citando o topónimo como Castrodrago e Costa Drago. O polifacético “catedrático” de Loureiro explica o sistema para seguir os actos relixiosos: A hora da misa transmitíase por medio dunha bandeira os días que non había néboas de ningunha clase, pois podíase ver a igrexa; e cando non se vía a igrexa, por medio dun corno ou unha buguina. Tamén menciona o Cuchicorno, chamadeiro revelador, no monte da Corredoira, desde onde tamén se oía a misa, cerca do foxo do lobo da Volta das Sebes e da chancela megalítica do Campo da Anta.
Na valgada do Castro Toraxe, unha nova plantación de piñeiros e carballos, na que a maquinaria empregada para abrir os sucos e demais tarefas escachizou canta laxa había a rente do chan. Finalmente, despois de pasar os Currás, chegamos ás Pozas de Carracedo, o destino que tiñamos planeado. No outeiro onde chantaron a torre anemométrica do proxecto eólico, outra desfeita. Un paxaro da chuvia riu da situación traxicómica. Somos masoquistas e non aprendemos.
Ben, voltemos agora á nosa descuberta. Pasados uns días e feitas as comprobacións pertinentes na casa, podemos afirmar que a mámoa atopada de cadradela este domingo non se encontra catalogada pola Dirección Xeral de Patrimonio, nin figura no planeamento urbanístico de Cotobade. Na “Catalogación dos xacementos arqueolóxicos de Cotobade”, realizada por Manuel Santos Estévez en 1996 e promovida por Patrimonio, tampouco figura. Sí que aparece inventariada a que deu motivo á miña dúbida, chamada “Mámoa da Chan do Caveiro” (36012055), e rexistrada coas seguintes coordenadas: X: 547.441; Y: 4.702.754. Segundo o Visor de Información Xeográfica da Xunta de Galicia, debemos dicir que as coordenadas apropiadas serían: X: 547.300; Y: 4.702.527.
Denominaremos o noso achado “Mámoa 2 da Chan do Caveiro”. As coordenadas son: X: 547.356; Y: 4.702.269. Localízase nunha chaira baixo piñeiros, cerca dunha pista forestal, como xa dixemos. Sobre o túmulo crecen piñeiros da repoboación forestal e mesmo un acivro. Presenta foca de violación. A rente do chan afloran algúns cachotes da coiraza. O xacemento está situado a uns 267 metros ao sueste da mámoa 1. A Chan do Caveiro: necrópole neolítica por riba dos 600 metros de altitude. O regueiro da Chan do Caveiro, afluente do río Almofrei, que atravesa este espazo de sur a norte, reafirma a conexión das correntes de auga cos cultos prehistóricos á morte.
Cómpre tallar as árbores, xa de bo porte, que medran na coiraza e foca de espoliación do túmulo denominado “Mámoa 2 da Chan do Caveiro”. Cómpre así mesmo a súa pronta catalogación, sinalización e protección.
É digno de salientar a importancia do conxunto de mámoas do monte Caveiro. Repasemos: catro mámoas nas Zacoteiras, dúas na Chan do Caveiro e o topónimo Chan das Mámoas (xa percorremos este espazo en maio de 2020 sen dar con ningunha evidencia, o que non significa que non haxan).
Con este achado, Capitán Gosende leva dúas mámoas e tres gravados rupestres atopados na parroquia de Caroi. Suma e segue!!