O gravado rupestre abrangue dúas parroquias, dous concellos e dúas provincias
Calros Solla
O titular ben merece estimarse anzol dunha fake news, porén ten moito de certo. Se non è vero, è ben trovato, e prácenos contextualizalo á data do 1 de abril, considerado na Galiza o día dos enganos ou das petas. Di a nosa tradición que “no primeiro de abril van os burros onde non deben ir”. Moita broma facemos os de Capitán Gosende coa efeméride, pois o 1 de abril de 2012, hai xa sete anos, botou a andar este noso proxecto de descuberta, valorización e difusión do acervo terramontés, e por aquí seguimos, chova que vente e nunca máis mal.
O petróglifo (coordenadas.- X: 553.274; Y: 4.702.463; alt. 720 m) sitúase, a pouco máis, no concello de Beariz (Ourense), a uns 450 m, ao sur, da aldea de Ricovanca (A Barcia do Seixo/Xirazga-Beariz), polo que, tendo en consideración o achado do domingo 17, nova inscultura foi bautizada co nome de “petróglifo de Ricovanca II”. Xaora, é un gravado rupestre estremeiro. Consonte o deslinde trazado na web Información Xeográfica da Galiza (mapas.xunta.es), a inscultura afástase apenas 15 m da fronteira entre parroquias, concellos e provincias (téñanse en conta as imprecisións do recurso). Ao nordés da estrema, esténdese a parroquia de Xirazga, pertencente ao concello de Beariz e, este, á provincia de Ourense. Ao sudoeste da marca, esténdese a parroquia da Barcia do Seixo que pertence ao concello da Lama e, este, á provincia de Pontevedra.
No deslindar xurisdicións e potestades, non todo ía ser tan sinxelo. Pola súa localización, adscribimos o sitio arqueolóxico ao lugar de Ricovanca, porén, aínda que a dita aldea se sitúa fisicamente na parroquia de Xirazga, vincúlase eclesiasticamente á parroquia da Barcia do Seixo. Cando toca, os veciños de Ricovanca temerosos de Deus empregan o lecer dominical para oír misa en Pontevedra e depositar o voto en Ourense (ou viceversa). Na mesma situación se atopan os veciños do lugar de Adrián (mellor, Hadrián). Aínda máis rocambolesco é o caso de Ratel (a piques de ficar deserto): a metade norte da aldea cae do lado de Forcarei (PO) e parroquia de Presqueiras (Santa Mariña); a metade sur, do lado de Beariz (OU) e parroquia de Xirazga, aínda que enterren os seus mortos na parroquia da Barcia, pertencente ao concello pontevedrés da Lama. Di o trabalinguas: As táboas do meu balcón moi mal entrambincutiladas son. Vou chamar o entrambincuntilador que as desentrambincuntile e as volva entrambincutilar mellor.
O petróglifo de Ricovanca II tallouse hai uns 4.500 anos na parte superior dun bolo granítico peado cara ao poñente e aflorado nunha lomba montesa orientada tamén ao solpor. O penedo sobrancea a uns 100 m, ao sudoeste, da estrada que cruza dende Ricovanca até o aeródromo de Cernedo; a uns 150 m, cara ao nordés, do río Verdugo; e a uns 700 m, cara ao nordés, do núcleo da Barcia. A superficie visíbel do penedo é duns 140 m2. A vexetación circundante é monte baixo: toxo (rechorido, nesta altura do ano), xesta, carrasco, silveiras...
Con certeza, só se conserva a metade oeste do petróglifo, xa que o mamilón que lle serve de soporte foi rachado, xacando, pola metade. A liña de fractura coincide, na orientación, coa liña de demarcación interparroquial. Nas inmediacións do afloramento as marcas de extracción de pedra son evidentes.
Os riscos que deron chegado ao presente compoñen un agrupamento de 19 coviñas que ocupan unha superficie duns 60 cm2. A concavidade máis pequena posúe un diámetro de 3 cm; a meirande, un diámetro de 7 cm. As coviñas situadas na parte central da constelación foron unidas con canles, dándolle xeito a unha figura antropomorfa. Cremos que algunhas das canalizacións son de feitura moderna.
Xa ven que non esaxerabamos tanto. Cando as aldeas de Detrás do Seixo fervían de vida, o petróglifo de Ricovanca II empregábase, cando menos, como tripla marca de deslinde. Hogano, apenas establece o límite entre o ermo e o baldío.