Manuel Cabada Castro
[“Faro de Vigo”, 25 de abril de 2021]
|
Manuel Cabada Castro Alba, que así se chama, disque naceu, alén das Cíes, da crista áxil e branca dunha onda oceánica que un bo día veu romper con maxestosa sonoridade mesmo á beira dun dos seus mellores areais. Filla dun soño virxe, oriúnda do mar e do vento, roulou a súa onda durante un tempo sobre o bambeante lombo do mar ata que, ó final, optou ela por ser ave no canto de escuma perecedoira de praia impoluta. Dende aquela é ela un pouco de todo. Criatura terráquea e mariña, celeste e acuática. Non se vale de técnicas ou artefactos humanos pra continuar a soñar, vivir ou ¿morrer?. Non! As gaivotas non morren, amiguiñas. Somos só nós os que morremos, aínda que en realidade tampouco a cousa é así, pois os que morren son á fin de contas sempre os “outros”. Mais deixémonos de filosofías... Unha cousa que, si, me intriga é o que elas pensarán de nós. Pois o que nós pensamos sobre elas, moi claro está. Ou convertémolas en esporón de proa dun partido político ou decretamos un bo día que é un bicho malo que hai que manter á raia ou escorrentalo expeditivamente con medidas eficaces, é dicir ó noso proveito. E digo eu: que pensan elas de nós? Porque algo si que pensarán. Alba así semella facelo. Ou somos eu, nós, só uns seres arteiramente manexados por elas? Alba óllame desde arriba, randeándose no ar como unha aperta iniciada, comezando logo a se mover en círculo para pousar pouco despois brandamente ben preto de min. Ólloa e dígolle cousas. Por exemplo, que hoxe non levo nada no peto que lle ofrecer. Ela semella comprender. Incluso cando lle comentei días atrás que anda por aí un señor serio e de orde, que fuma en pipa e que parece todo un entendido e que xa algunha vez me rifou (ou algo así) dicindo que estes animais son moi daniños para nós, é dicir, pra a sacra especie humana! Hai que ver! E eu, a verdade, pásoo mellor con Alba ca con este señor da pipa, gran defensor da especie humana... E incluso cando ó final me teño que despedir de Alba, abríndolle as mans diante dela pra que vexa que efectivamente non teño hoxe nada que lle ofrecer, ela caladiña continúa a esperar, non botándose con xenreira enriba de min, tal como fariamos os fillos ilustres da sacrosanta especie humana. Un día veu Alba onda min, mais esta vez non viña soa. Voaba ó seu lado e pousou xunto dela unha súa cría, un chisco inexperta aínda. Coido que quixo presentarma sen máis. E iso non deixa de ser cousa fina da súa parte. Díxenlle á nai que a súa filla era tamén moi feitiña, moi riquiña, vamos! E gustoulle. A verdade é que nos entendemos ben. Outro detalle. Adoito saudar Alba e compañeiras na alborada cando están a esperar o inminente novo día, ben colocadas en liña no beirado dun alto tellado próximo. A verdade é que máscara non levan, mais si que gardan perfectamente a mutua distancia recomendada ós humanos. Non sei que dirá respecto disto o señor da pipa, mais as cousas sonvos así. Ata logo, Alba!
[“Faro de Vigo”, 25 de abril de 2021]
0 Comments
David Otero O venres vinte e tres celébrase o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor fixado pola UNESCO desde 1995.Antes esta celebración facíase o sete de outubro motivado polo nacemento de Miguel de Cervantes como Festa do Libro Español e logo pasouse a nivel mundial, festa universal, arredor das mortes do mesmo Cervantes e a de Shakespeare, á data que arestora se celebra. Velaí pois un día especial, en acentos de intensidades populares, na defensa dos libros como elementos imprescindibles, soportes importantes de beleza, para mediación das lecturas , nos saberes creativos das Linguas, a sabor e xares (de tantos gustos) das boas Literaturas nas Culturas dos distintos Pobos e Estados.Tamén así un día solidario e cheo de sentementos irmandados para que tamén polos libros recoñezamos as marabillosas diversidades que suman e aportan contidos tan cualitativos ao todo universal. Todos os anos noméase unha cidade como Capital Mundial do Libro. Este ano (o vinteún) correspóndelle tal distingo a Tiflis (Tibilisi) de Xeorxia, país soberano na costa do mar Negro, Europa Oriental.O seu idioma oficial é o xeorxiano, no setenta e un por cento, xunto co ruso, armenio, azerí e algún máis.
E así desde nós, desde quen somos, postos nas maiores ilusións, no compás dos libros, nas lecturas de ganchete e no exercicio dos pensamentos, libremente, velaí como nos volvemos a mellores e poñemos as nosas palabras a camiñar, sentindo emocións de altas gradacións. Cos libros facémonos parte viva do universal. Axudamos construír unha sólida realidade de país. Por iso, conectando, sabéndonos Nós, sen dicir non a ninguén, así iremos. Iso é abrazar..Iso é poñer as horas a toda luz. |
Colaboracións
Todos
Un proxecto de:Estamos en:Histórico
Septiembre 2024
Tabeiros Montes (Portal cultural de Tabeirós-Terra de Montes) de Asociación Cultural "Vagalumes" e Asociación Cultural e Ecoloxista "Verbo Xido" ten unha licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial 4.0 Internacional. Con base nunha obra dispoñíbel en http://www.tabeirosmontes.com/. Os permisos alén do foco desta licenza pódense atopar en http://www.tabeirosmontes.com/colabora.html. |