Lola Varela / Dionisio Pereira
no 80 aniversario do seu asasinato na Ponte do Barco (Pedre)
o 13 de agosto de 1936.
En razón do anterior, non debera de nos sorprender que os asasinatos ou fusilamentos de veciños e naturais de Cerdedo non provocaran vítimas entre as mulleres. Porén, é pouco coñecido o feito de que, como mínimo, case que o 10% das represalias sen resultado de morte no Concello tiveran como alvo ás mulleres, o que evidencia a relevancia dunha represión, a de xénero, definida por unhas características específicas que dificultan aínda hoxe o seu coñecemento e denuncia. Porque, compre dicilo ás claras, as represalias que as mulleres deberon padecer se produciron maiormente no ámbito extraxudicial e privado (eis, por exemplo, a violencia de xénero que decote acompañaba aos asaltos domiciliarios) sen que ficara constancia documental; só contados testemuños orais foron quen de transcender esta magoada realidade, superando a humillación e a vergoña coa que os vitimarios desexaban marcar de por vida ás mulleres que tiveron a desgraza de ser obxecto destas noxentas agresións. Desvelamos aquí, pois, tan só a punta do "iceberg" dunha represión dobremente silenciada, mais que por veces reflicte así mesmo actitudes de teimuda resistencia aos facciosos.
Velaí, sen ir máis lonxe, á veciña de Cuíña (Quireza) Manuela García Castro, mallada e rapada na tristemente célebre taberna-cheka de Outeiro na parroquia de Quireza, por se negar a revelar o paradoiro do seu home, Gervasio Penela, fuxido no monte. Non foi a única muller aldraxada naquel sitio, pois Otilia Fernández Obelleiro, aveciñada en Fondós (Quireza) e irmá do mestre do Serrapio, primeiro foi intimidada a rentes do seu pai polos falanxistas da parroquia no transcurso dun ameazante paseo nocturno en camioneta, para logo rematar cun bárbaro corte de pelo levado a cabo na taberna en cuestión. Un local que, por certo, conservou ata hoxe unha moura lembranza, pois alí tamén tiveron lugar numerosas extorsións e incautacións de diñeiro mediante ameazas e malos tratos, como as que deberon sufrir a dona da taberna de Fondós Elvira Quibén Reigosa, ou a súa conveciña de Quireza Manuela González Monteagudo. Outras veces, os abusos dos fascistas se facían con nocturnidade nos propios negocios ou residencias das vítimas, caso das propietarias dunha taberna de Castro Docabo (Castro), María e Dorinda Garrido, da irmá do derradeiro secretario de "Izquierda Republicana" de Cerdedo Elena Bugallo Camiña, multada e presa durante algún tempo, ou da labrega de Figueroa Carmen Monteagudo Troitiño. Esta muller, de ideas republicanas, aturou unha aleivosa tentativa de asalto nocturno do seu domicilio, así como reiterados rexistros nos que lle confiscaron efectos persoais; por se fora pouco, Carmen foi vítima de ameazas explícitas de “paseo” por parte dos falanxistas cerdedenses, e non lle quedou outra que abandonar a casa e deixar ás súas tres fillas a cargo dalgúns veciños solidarios.
Canto ás mestras, compre lembrar que no Concello de Cerdedo catorce delas serían depuradas e suspendidas dos seus cargos durante varios meses; mesmo unha, Carolina Camiña Losada que puña escola en Barro (Cerdedo), foi afastada durante cinco anos da provincia de Pontevedra. Outra, a mestra retirada de Vilalén (Tomonde) Teresa Garrido Paz, residente en Castro, foi extorsionada polos escopeteiros falanxistas que lle requisaron a importante (naquel entón) suma de 500 pts.; ademais, Teresa será obxecto de vixilancia xunto coa súa filla Clotilde tras ser delatadas polo crego da parroquia.
Daquela, as resistencias ás requisas dos falanxistas por parte das mulleres achegadas aos antifranquistas entobados nos seus domicilios, foron habituais en Quireza; nesta parroquia houbo exemplos como o de Divina Ferreiro Álvarez, que tivo ao seu irmán Martín agachado durante varios meses na casa familiar de Outeiro, ou o das donas de Manuel Garrido "O Negro" e de Francisco Obelleiro, residentes en Fondós e Os Castros (Quireza), respectivamente, malladas unha e outra vez polos milicianos sen que delatasen aos seus homes. Unha resistencia solidaria, en suma, prolongada durante todo o período da Guerra Civil, pois nese tempo as mulleres da parroquia de Quireza baixaban andando a Pontevedra, collían a liña ata Cesantes e dende alí pasaban en barco á Illa de San Simón, teimando en deixarlles roupa, comida e algunhas palabras de ánimo aos seus familiares presos naquela Colonia Penal.
Vaia para todas elas, mentres as autoridades locais non atendan ao que debera ser un imperativo ético e político inescusable, a nosa homenaxe.
* Publicado no Faro de Vigo o venres 12 de agosto de 2016