Intervención en Pontevedra
David Otero
Ben e fondamente se falou ou falará aquí de Virxinia Pereira, muller plena en total lealdade galeguista,
e nós agora desde os argumentos non poucos, que nos proporcionan as súas cartas, a súa entrevista no xornal o Progreso, a súa biografía, humildemente permítanme que lles dea a clarexar as miñas conclusións das lecturas ( e digo lecturas porque non soamente se le nas follas) feitas sobre Virxinia
e moi especialmente tamén desde as conversas mantidas con membros da AC Vagalumes, moi a destaque con Clara Iglesias, Tino e con Xoán Carlos Garrido.
Desa maneira vaia ( e así enténdase) a miña breve visión de Virxinia Pereira.
No ciclo vital , visto por riba como un anual estacional ,
Virxinia de primeiras e desde si, compañeira de Daniel, en Compostela e A Estrada,
podemos percibila como nun verán cheo de froito e mornura, melura e arrecendente a frescura.
para logo pasar xa a un outono de asombramento a solpores de arrefríos e vivencias raiantes nos incertos tempos… asemade perigosos.
Refírome ao ser nai e perder a Chuchiño,
e así tempos de tempos no facérense por vida e consolidarse en proxectos de tanta valía e importancia,
fundamentalmente en Pontevedra.
Logo virá o inverno nas tebras, nos medos, friaxes e desencantos, indo con Daniel de ganchete a polo mundo adiante.
Transterrados.
Gustando pouco da esperanza agredoce de volver os dous á terra.
Non foi posible.
E máis invernía…
a morte de Daniel.
A soidade.
Pero a muller total.
Virxinia.
Resiste e abrázase á súa vida e condición.
Virxinia Pereira, tando en si mesma, muller, como compañeira de Daniel non buscou,
nin procurou,
adxectivos exuberantes que coloreasen o seu sustantivo,
feito de por si nome propio,
nin tampouco o fixo para o de Daniel.
A súa dimensión, a cercanía e lealdade ao compañeiro, o amor, a memoria de contino,
acompañado do ir conformando responsablemente unha actitude firme na loita galeguista e desde o 36 na loita antifranquista,
esa dimensión,
edifica a contido de valer,
a súa identidade propia de muller galega que non se deixa embaucar por calquera de mala intencionalidade
ou mantedor da “ bicha “ con bandeira de sangue e pus
( “ …como se precisa ter vontade de ferro para non caer nunha mala tentación… pero vaia todo pola Causa” e supérase con enérxica decisión… baixo o amparo dos bos e xenerosos que me queren e respectan, eu non fago máis que seguilos con afervoada lealdade” ( afirma Virxinia).
Coa súa presenza, na palabra e na conciencia que sedimentaba na afirmación de ser,
marcou o seu campo de batalla.
Na súa influencia e posibilidades, véxase nos contidos das cartas que dispomos,
levou adiante unha importante dinámica política activa,
ben desde o tratar de achegar vontades e militancias,
ben desde o aconsellar e chamar a atención dos casos e aconteceres ,
feitos,
que se desviaban da liña coherente que se debía levar,
na referencia sobre todo do pensamento do seu entrañable Daniel,
“ o home das cruces” como lle daba a chamo Don Ramón Otero Pedrayo.
No que podía tratou de non porlle límites á resistencia
que mantiñan desde a Galiza exterior.
Mediou na conservación do sentido colectivo de pobo con Lingua de seu e proxecto político.
A vida non podía baleirar a vida.
Polo mesmo interviu sen interferir.
“ Ensinándolles enerxicamente cal é a forma en que se debe respectar a pureza dos ideais que repousan nesta sepultura, tan sagrada para min como para a inmensa maioría dos galegos” ( dixo ela).
Os primeiros consellos que quería dar foron para ela de primeiras.
E tivo atencións para coa mocidade intelixente de poetas e pensadores, xentes da creación e da militancia en Galiza,
manifestábase dicindo que eran un milagro marabilloso,
que eran a reserva moral que pesará no futuro da nosa PATRIA
( digo ben…da nosa PATRIA).
Vai para eses bravos rapaces o meu saúdo e a miña admiración”.
Virxinia tiña perfectamente interiorizado que o pobo galego ten unha lingua de seu.
”…Según o decire e pensare de certos descastados “ intelixentes” ( que son os de pior calaña) EL CASTELLANO ES MEJOR PARA ESCRIBIRLO Y ENTENDERLO, sin decatarse os probes que coa “ súa sentencia” aínda lle dan máis xerarquía ao noso idioma”.
Velaí a nación concreta á que se entra coa chave da Lingua.
Galiza non era, nin será, a voz de quen se cría seu amo.
”…é Galiza isa NAZÓN GALEGA sempre asoballada, que dende todos os tempos foi pródiga en figuras esgrevias e dende todos os tempos ben recramando sen desmaios os dereitos que tan inxustamente lle son negados…”
Seguía teimosamente no seu facer incansable e moi en especial con todo o relacionado coa vida, pensamento e obra de Castelao,
consciente de que a nosa Lingua e a nosa Cultura,
en todas as súas expresións,
segue e seguirá sendo un ben necesario que sobrevivirá a todas as adversidades e agresións.
Lingua e Cultura deben formar parte da vida de diario da nosa cidadanía.
Non perdeu nunca a idea e a loita na posibilidade dunha vida mellor.
Logo do proceso que xa expliquei para ir poñendo á vista as miñas conclusións brevísimas das lecturas e saberes de Virxinia podo dicir acorde con ela que desde a súa memoria…
nace a parte inmedible que falta do seu ciclo vital,
a primavera.
Son e serán tempos de irmos andando no noso destino.
Toca construír mellor á sombra do azul e do branco ao acoller da nosa estrela de liberdade e da agora bautismada Rosalía.
Virxinia nos seus plantexamentos que nos mostrou ,
nós podémoslle dicir:
ISA É A FORMA,
porque ela, Virxinia Pereira,
no noso exercicio do pensamento,
na memoria como un libro que foi escrito por moitas mans e contada por múltiples bocas,
memoria nos feitos e nas causas,
verdadeira sementadora de esperanzas, coa mirada posta no mañá,
mirando ao futuro,
recordando a contando ,
Virxinia…
ha ser para nós máis que unha simple biografía,
non ha perderse nos tempos infelizmente morta.
Ela danos horas boas,
mesmo as que axudan a que cantemos os soños que tanto amamos.
Ela, como tantas e tantos nosos,
hoxe recollendo un algo máis os seus pensamentos,
está nacendo sempre.
Vai seguir estando con nós.
As súas memorias, neste caso en especial a de Virxinia, respíranse.
Velaquí hoxe en Pontevedra ela felizmente viva.
Tócanos seguir na tarefa de pechar adecuadamente a porta do pasado de non hai moito.
Oitenta e tres anos desde aquela.
Son moitas as feridas que temos que curar.
Farémolo sen nos olvidar de facer historia e memoria para que non haxa posibilidade de que as novas xeracións non teñan que repetir os mesmo camiños dolorosos.
Non podemos deixarnos vencer.
Vivamos as menos ausencias.
Fagámolo posible.
Fagámolo certo.
Como escribiu o poeta Jorge Riechmann:
“…
A terra treme,
cuartéanse as paredes,
pero no noso país
está prohibido falar
de terremotos”
Pois son horas e moitas de que falemos.
Temos que poñer a memoria na súa función
de detonante.
Moitas grazas.
* Pontevedra. 20 de decembro de 2010