Lembra as súas carballeiras sombrizas, o sabor das súas augas, as romarías e feiras, mais sobre todo as súas amizades e as loitas que con eles compartira. Andanzas amorosas e políticas que o levaron a percorrer estas terras.
Xoán Carlos Garrido Coa Estrada non só ten unha relación afectiva pola súa parella de vida. Tamén terá unha forte implicación na súa actividade política. Na súa obra teórica us do seu exemplo para poñer en evidencia o absurdo do réxime municipal español na nosa Terra pois a principios do século XX era o concello de maior número de habitantes da provincia, polo cal calquera empresa tiña que pagar taxas moito máis elevadas que noutros máis industriais, coma Vilagarcía, para implantarse. Hoxe está en noveno posto. Este concello rural en decadencia económica e despoboamento tivo un pasado rebelde e cheo de iniciativas de desenvolvemento económico e cultural que tiveron o seu violento freo no 1936. Castelao presenciou e participou nese ambiente esperanzador de xermolar de proxectos industriais e de creatividade artística. Mais ademais esa Estrada serviu de marco para moitas das súas obras que hoxe nos permite camiñar sobre os seus pasos na lembranza daquilo que puido ser e non deixaron que fose. |
Os roteiros que veñen de facerse seguindo os seus pasos por esta bisbarra puxeron en evidencia o potencial de denuncia do desleixo e a necesaria posta en valor do espazo que no seu tempo amou e recreou o autor do “Sempre en Galiza”. Roteiros que da man de Vía Galega primeiro e logo en colaboración co Centro de Formación do Profesorado, foron guiados pola Asociación Cultural “Vagalumes” e que no último, nun día de cruento vendaval, contou con máis de cen docentes.
Comezamos a rastrexar o rastro de Castelao no Pico Sacro, que preside a paisaxe do val do Ulla, terras nas que ten as súas orixes o seu apelido máis senlleiro, que foi levado polo seu avó Xosé Ramón até a desembocadura do río, na busca de traballo para o seu oficio de carpinteiro, e onde casou en Rianxo coa nai da súa nai.
O Pico Sacro é un referente físico pero tamén metafísico para o nacionalismo galego. A orografía peculiar do terreo moldea unha conexión material coa propia situación insólita. Sobre ela deitase unha secular tradición de lendas e vivencias que sedimentan unha grande carga significativa para unha concepción de busca orixinaria do noso arraigo. Até o seu cumio subiu en peregrinaxe tamén Castelao, no 1924, de vacacións políticas forzadas por mor da ditadura. E alí, tal como recollen as páxinas do relato do seu compañeiro de viaxe, o escritor Ken Keirades, e as fotografías de Pedro Brey, sentiu a súa comuñón cunha natureza que o reforzou na fe na pervivencia dun país prohibido e negado máis unha vez pola forza do centralismo. E cando xa esa negación se fixo cunha extrema violencia, volveu sobre este montaña sagrada, na súa “Alba de Gloria”, coa que desde o exilio retomaba o fío dun pasado que confiaba que non ía ser interrompido polo fascismo, como non podía ser achandado o seixo e granito desa montaña para uniformalo coa estepa castelán.
No pé da saia do Pico atópase o Pazo de Oca, unha xoia do século XVIII que dá conta do poder dos Condes e Duques que o posuíron, para a súa regalía e lecer, e que hoxe ofrecen un atractivo aos visitantes especial polos seus fermosos xardíns. No seu día Castelao tamén percorreu eses corredores vexetais pero prestou atención ao que acochaba a beleza deses monumentos que tras do seu brillo ocultaban a miseria e pobreza de quen autenticamente soportou os custes da realización desas obras. As clases populares que son retratadas no seu relato de “Cousas”, a Marquesiña, xunto coa hipocrisía dunha casta que recibiu de nacemento os seus privilexios e non se responsabilizaba do froito dos seus abusos. Para ilustrar este conto escolleu a fonte deste pazo á que ia por auga a meniña, tal como difundiu o investigador e veciño do Pazo, Paulo Porta.
Seguindo na mesma obra literaria atopamos moi preto unha curiosa homenaxe ao relato “Onde hai un cruceiro” cunha laxa labrada coa ilustración desa “Cousa” e a cita dos primeiros parágrafos. A veciñanza de Ancorados quixo ver na súa virxe das Angustias a inspiración deste texto de Castelao.
E continuando o camiño un pouco máis e as follas deste libro toparemos con outra das súas breves narracións: “A ponte vella xa non rexe”. Estamos atravesando o río Liñares desde un carreiro abandonado por riba da ponte medieval. Actualmente está a medio caer polo empuxe da árbores que naceron nela e da enxurrada de auga, pero sobre todo polo desprezo das institucións que deberan coidala. Esta ponte foi no seu momento protagonista dalgúns dos seus debuxos coloreados e viñetas para os xornais, coa súa vexetación cubrindo a pedra e o derrube de parte dunha das súas varandas que lle é identificábel.
Entramos a través deste paso na parroquia de Lagartóns. Pisamos unha terra rebelde que no 1915 foi testemuña dunha revolta agraria que sería o orgullo de todo o campesiñado estradense ao vencer por un tempo ao temido Marqués de Riestra. Como resto desa páxina gloriosa queda en pé un monumento ao labrego que o seu tributo non resistiría a decepción pola claudicación de parte deste movemento agrarista diante do grande cacique da Caeira. Claudicación fronte a cal se erixiu por primeira vez na nosa Terra unha candidatura ás cortes cun signo ideolóxico claramente nacionalista: Antón Losada Diéguez en nome das Irmandades da Fala da Estrada. Mais o que deixou pegada deste lugar en Castelao foi o cruceiro de Ouzamerxe. Seguramente o máis antigo da bisbarra e que na súa altura só conservaba a virxe con Xesucristo no colo. Compre dicir que, como acontece con moitos outros, este cruceiro estaba caído até hai ben pouco. De feito atopábase nos despachos do concello. A A. C. Vagalumes fixo unha intensa campaña a prol da súa restauración que finalmente tivo lugar coa axuda da Deputación de Pontevedra. Chamouse a atención da situacións dos centos de cruceiros deste concello que estaban en perigo a pesares do seu grande valor artístico e patrimonial. De feito, outro cruceiro, que tamén debuxara Castelao, non tardou moito en ser destruído por unha grúa, referímonos ao da seguinte parroquia coa que nos imos topar: Guimarei.
Ademais das súas cruces e da curiosa escaleira do adro da igrexa, Castelao recolleu en moitas das súas estampas diferentes detalles do seu pazo e da súa torre medieval, que dan conta dun vello pasado luminoso pero que hoxe esmorecen en ruínas, cunhas administracións, comezando polo Concello, de costas completamente a preocupación polo seu estado e adquisición como ben público.
Entramos na vila por xunto o seu Museo que contén pezas persoais de Castelao e Virxinia pero que se atopa pechado polo goberno municipal desde hai 15 anos. Periodicamente anuncian a súa apertura para atenuar o escándalo tendo en conta os cartos que recibe e o seu nulo beneficio social. Habería que lembrar que durante esta etapa o presidente da corporación é o mesmo que hoxe ostenta a Consellería de Cultura. Agardemos que con máis sensibilidade cara este tipo de bens.
Mais antes de adentrarnos no casco urbano, xiramos cara unha das parroquias máis lembradas por Castelao nos seus deseños e nas súas evocacións: Ouzande.
Pinturas e debuxos recollen a ábsida da súa igrexa e os seus cruceiros, pero sobre todo alí foi o recanto vixiado ao que lle era permitido pasear coa súa namorada. Desde a casa de Virxinia podían verificar os seus “protectores” a pudorosa relación que cumpría os estándares da época. Logo tamén sería unha eira de xogos para o seu fanado fillo e lugar de paseo no que mesmo chegou a bater cunha estela galaico-romana que servía de apoio para unha cancela. Estela que recolleu e hoxe se atopa no Museo de Pontevedra.
Subindo desde esta parroquia pola rúa que leva o nome do seu cuñado, Pérez Viondi, topamos á dereita unha casa que no seu día erroneamente foi sinalada como de Virxinia cunha placa que lembraba a residencia nela do se home, pero que afectivamente ten moito que ver con el. Realmente é a dos primos da súa muller cos que el tivo grande afinidade, concretamente con Camilo (concelleiro do PG na Estrada) e María (dirixente tamén do PG neste concello). Esta última mesmo prolongaría a súa relación no exilio bonaerense cando alí se volveron topar logo de que lle asasinara o fascismo ao seu marido, Manuel Vázquez Cruz, fusilado o 2 de decembro do 36.
Deixando a casa familiar de Virxinia á esquerda entramos na praza da Farola, lugar sobre o que Castelao regresa nas súas acordanzas. Aínda que hoxe xa non ten a fonte cantareira que menciona no “Sempre en Galiza” pero si o edificio indiano que albergaba o casino no que tanto tempo pasou e ao que mesmo agasallou con dous cadros que hoxe se poden visitar na súa nova localización na saída cara Compostela. De fronte estaría a igrexa vella na que casou. Pero hoxe foi substituída por un edificio sen personalidade nin valor. Se tiramos cara a esquerda entraremos na praza do Mercado onde seguramente se produciu esa imaxe que lle quedou gravada do seu derradeiro mitin na Galiza. Tiñan anunciado que un avión ía acompañalos coa propaganda estatutista. O famoso avidador ferrolán Francisco Iglesias Brage comprometérase a deixar caer folletos desde a súa aeronave. A tardanza puxo nerviosos aos galeguistas que congregaran a milleiros de asistentes que comezaban a dubidar desta promesa. Cando finalmente sucou os ceos aproveitaron os galeguistas para berrar desde os altofalantes que era a proba de que os do PG sempre cumprían a súa palabra.
Esta anécdota tamén era moi lembrada por Antonio Fraguas, quen milagrosamente salvou a súa vida naqueles funestos días de xullo do 36.
Se baixamos cara o cemiterio de Figueiroa, no que se atopan os restos da súa muller e o seu fillo, a esquerda atopamos a pensión na que se aloxaba cando lle facía as beiras a Virxinia, trasladándose en autobús desde Santiago.
Se continuamos a aloxarnos por esa estrada cara o val de Vea atoparemos tamén como esas terras forneceron elementos da súa obra como a lenda do cruceiro da Gándara, erixido por unha familia como agradecemento por atopar a súa filla san, logo de que se perdera nun monte moi ateigado de lobos.
En dirección contraria, cara Terra de Montes, Castelao tamén fixo as súas incursións como testemuñan algúns dos seus deseños do mosteiro de Aciveiro e pola súa amizade co pintor Virxilio Branco de Presequeiras. E tamén, sobre todo, polas campañas políticas que o levaban a percorrer todos os arredores. Lembremos a crónica que dun dos seus mitins estradenses deu outro escritor galeguista desta comarca en A Nosa Terra: “A quen non lle está rexendo nos ouvidos aquela longa ovación que arrancou o popular Castelao, cando (direino nas mesmas verbas que el, por que non?) dixo que Galiza é unha vaca que tiña aquí o pesebre e os tetos en Madrid. De volta do mitin, en compañía dos veciños aldeáns, dicían estes, Iso si é falar, facía falta que deran un mitin cada oito días, en cada parroquia., para despertarnos dunha vez. Se non o fan así logo nos esqueceremos das verdades que dixeron”. Será por iso que se lle impediu definitivamente a Castelao recorrer estas terras para que non despertase a ninguén e mesmo se esqueceran del.