Clara Iglesias Cortizo
“Fixérame, por exemplo, sufrir no fondo da alma a ruptura que en min supuxo ter que abandonar, cando só tiña dez anos, a lingua (con todo o que esta leva consigo) da miña aldea natal pontevedresa de Sabucedo para substituíla por outra (o castelán) que nunca eu utilizara ao falar. Por que a miña lingua ficaba alá na aldea e alí, no novo colexio, situado na aba do monte de Santa Trega da Guarda, a só uns cen quilómetros de Sabucedo, non me era permitida? Para iso nin tiña eu resposta nin estaba en situación de que alguén mo explicase”.
Transcorreron máis de 70 anos desde aquel momento, o rexime político mudou desde unha ditadura a unha suposta democracia, Galiza atinxiu o chamado Estatuto de Autonomía, ao abeiro do que se promulgaron leis que supostamente deberían protexer a lingua galega; mais, na práctica, non aconteceu así. A situación da nosa lingua é hoxe máis preocupante que nunca. Este problema é precisamente un dos temas recorrentes na obra ensaística de Manuel Cabada.
Despois do Colexio dos xesuítas de Camposancos, onde estivo durante dous cursos, marchou do país, e estivo fóra del durante moitos anos. Primeiro, en terras castelás: en Carrión de los Condes (Palencia) e, máis tarde, en Salamanca. Despois estivo na Universidade Pontificia de Comillas (Cantabria), onde se licenciou en Filosofía. Tras catro anos alí saíu por primeira vez fóra das fronteiras do Estado Español. Primeiro en Innsbruck (Austria), onde se licenciou en Teoloxía e a continuación en Múnic (Alemaña), onde se doutorou en Filosofía. Despois de pasar 8 anos en Alemaña, regresou a España no ano 1969 e comezou a súa traxectoria como docente: foi profesor de Antropoloxía Filosófica na Universidade Complutense de Madrid, onde obtivo tamén o doutorado en Filosofía e Letras e, ao mesmo tempo, exerceu como profesor de Metafísica na Universidade Pontificia de Comillas, na súa sé en Madrid.
Despois de máis de 40 anos en Madrid, regresou ao país no ano 2010, co encargo de ocuparse do Arquivo dos xesuítas no colexio Apóstolo Santiago de Vigo. Aínda que sempre levara Galiza moi presente no seu pensamento, o reencontro físico co país vai aguilloar a preocupación pola súa situación política e cultural, e este tema vai ser o centro da súa reflexión en artigos, colaboracións na prensa e libros.
En canto á obra de Manuel Cabada, sería moi longo citar aquí todas as súas publicacións. É autor de diversos libros sobre filosofía, escritos en español e en alemán, onde reflexiona sobre conceptos como a relación entre a relixión e a antropoloxía, o impulso vital do ser humano, o amor.
Manuel Cabada nunha entrevista realizada no ano 2014 para o Noticieirogalego.com explica o seguinte, en relación coa vinculación entre o pensamento abstracto metafísico e a realidade concreta:
“A dimensión histórica do pensamento foi para min sempre importante. De modo que unha pura sistemática filosófica non me interesaba [...]. O que non quere dicir en modo algún que os problemas chamados “metafísicos” non me interesasen. Todo o contrario. Foi, pois, seguramente iso xunto coa miña fortuíta dedicación docente [...] a temas antropolóxicos, é dicir, máis concretos e históricos ca estritamente metafísicos, o que me foi paulatinamente levando cara a redacción de diversos artigos e estudos en forma de libro relacionados sobre todo con temática galega. Á fin e ao cabo, é Galicia o país e a cultura en que nacín e me criei, aínda que por razóns moi diversas, tivese que vivir durante moitos anos fóra dos seus límites xeográficos. É así como xurdiron concretos traballos relacionados con temas antropolóxicos e lingüísticos de Galicia [...]”.
Dese interese pola realidade galega xorden varios libros:
- A rapa das bestas de Sabucedo: historia e antropoloxía dunha tradición, 1992.
- Xosé Manuel Cabada Vázquez. Obra Completa. Poemas e outros escritos, 2001. É unha edición da obra do poeta e político Xosé Manuel Cabada Vázquez, con introdución e notas de Manuel Cabada Castro, sobriño do poeta. Sobre o seu tío publica tamén no ano 2001 un estudo biográfico, Paixón poética e militancia galeguista. Estudio biográfico sobre Xosé Manuel Cabada Vázquez (1901-1936). Manuel Cabada laméntase da falta de información e do descoñecemento xeral sobre a vida e a obra deste persoeiro que, como tantos outros galegos e galegas que defenderon a súa lingua e o seu país permanecen no esquecemento.
- O padre Seixas desde dentro. Unha aposta progresista, galeguista e universalista, 2014. Aquí Manuel Cabada analiza esta figura e o papel dese sector da Igrexa católica que non renega do seu país, senón que, como o padre Seixas, loita pola promoción da cultura e da lingua galega, tanto dentro da liturxia como fóra dela.
- Galicia. Raíces e compromiso, 2016. Trátase dun estudo de conxunto, xeral, sobre o problema de Galiza: un país colonizado, cunha cultura minorada e unha lingua en posición subalterna.
O libro Scripta Minora que hoxe se presenta é o último de sete tomos publicados desde 2016. O volume I recolle textos da súa etapa xuvenil; o volume II (tres tomos) textos filosóficos; o volume III (dous tomos) corresponde con escritos histórico-antropolóxicos en relación con Galiza e, finalmente, este último volume está dedicado aos escritos xornalísticos e intervencións en actos e conferencias.
* Intervención na presentación do libro o 19 de outubro de 2018