O acto terá lugar no MOME, ás 20:30 h.
A Asociación Cultural “Vagalumes” presenta o vindeiro venres 29 de abril o libro “Cando os bosques sintan frío” de Charo Valcarcel. Intevirá a autora, Montserrat Sanmartin Rey, David Otero e Xoán Carlos Garrido. Co acompañamento musical de Xiana Lastra e Andrea Porto.
O acto terá lugar no MOME, ás 20:30 h.
0 Comments
David Otero Velaquí hoxe un vivir presente de liberdade colectiva en tempos de censuras e de covardes silenciamentos en tempos que non pensabamos e que velos aí rebulindo ben tóxicos, indo e levando parte do noso ser de nós. Velaquí , e máis ca nunca, ben presente un anaco de liberdade colectiva, militante en quen somos e na memoria, tal nun aprender de contino, que nos define e determina Si… un anaco de liberdade colectiva lexitimamente en defensa propia no querer de pobo irmandade resistente a mal cabidos con ocupas e traidores da historia e vida e mal cabidos con asasinos de tantos soños medrados Son pois dez anos deste comando CAPITÁN GOSENDE a pé de obra na indignación fronte a resignación collendo aire sosténdose no arrecender a nós mesmos e no brado expresivo de NÓS SOMOS POBO. Velaí en vós a exemplariedade dos que resisten, o tempo e a obra, materia inmorrente, que a cada día poñedes na sinxela verdade popular. A vós pois…ratificámosvos co dicir desta nosa confesión de irmandade na máis pura e certa lealdade: VÓS SODES NECESARIOS CON VÓS SENTIMOS OS SONS DE COMO ROMPEN AS CADEAS. * Texto lido na conmemoración en Pedre/Cerdedo o 2 de abril de 2022 na conmemoración do X aniversario de Capitán Gosende
O colectivo Capitán Gosende conclúe o inventario dos reloxos de sol de Cerdedo sumando tres cuadrantes na parroquia de Folgoso Calros Solla O 10 de abril puxémoslle o ramo á catalogación dos reloxos de sol cerdedeses percorrendo as aldeas da parroquia de Parada e mais as aldeas da parroquia de Folgoso.
O paseo pola parroquia de Parada (lugares de Parada, A Mouteira, Milladoiro, Insua e Framil) non deparou resultados positivos. Da nosa visita á parroquia de Folgoso (lugares de Covas, Cachofés, O Casal, Outeiro, Quinta, A Esbarrela e Vilariño) obtivemos noticia doutros tres cuadrantes. Parroquia de Folgoso Cachofés: –A Santa Bárbara. Á beira da estrada nacional, encol da clave dun portal arcado, pousa unha imaxe en pedra da santa Bárbara, padroeira de canteiros, mineiros, artilleiros ou aqueloutros profesionais manexadores de explosivos. Efeméride: 4 de decembro. Bárbara de Nicomedia foi unha mártir cristiá (sécs. III-IV). Filla do sátrapa Dióscoro, que a pechou nun alxube casteleiro para forzar un casamento de comenencia e para evitar a súa conversión ao cristianismo. A súa reclusión foi en van; daquela, o pai ordenou o seu tormento, que tamén foi inútil. O propio Dióscoro acabaría cortándolle a cabeza á filla. Iconografia da santa Bárbara de Folgoso: moza sen coroa, acaroada a unha torre na que se abren tres ventás (os vans simbolizan a Santísima Trindade). Á escultura fáltalle a man dereita, coa que podería termar dunha palma, símbolo do martirio. A imaxe asenta sobre pedestal cuadrangular. Na cara frontal e mais nas laterais do pedestal lese, enmarcada, a inscrición “S-BARBARA”. No reverso da torre (orientación sueste), tallouse o reloxo de sol. Cuadrangular e antropomorfo. O limbo é circular. Gnomon metálico triangular. O reloxo de sol da santa Bárbara foi consignado no libro Relojes de piedra en Galicia (1986, páx. 55, fotografías 7 e 8) de Xosé Luís Basanta. O Casal: –O reloxo de sol da casa de Cota. Sitúase nunha das paredes da vivenda que dá cara a un patio ou curral interior. O testemuño dunha veciña serviunos para anotar que o cuadrante é de tipoloxía cuadrangular. O gnomon, de ferro, é triangular. Vilariño: –O reloxo de sol da casa de Carme Barros. Desapareceu do seu postoiro hai sesenta ou setenta anos. Pousaba nas sobrepenas dunha casa do rueiro denominado O Medio do Lughar. Orientación sur. Tallado en pedra de gran. Tipoloxía cuadrangular. A peza tiña a parte superior arredondada e asentaba nunha pequena plataforma. O gnomon era unha variña metálica. Tras o escrutinio das parroquias de Parada e Folgoso, engadimos 3 reloxos de sol á nosa listaxe, xa definitiva. Polo tanto, tras semanas de traballo, nas parroquias de Cerdedo, Pedre, Castro, Quireza, Figueiroa, Tomonde, Parada e Folgoso documentáronse un total de 41 reloxos de sol, dos cales, que saibamos, só se conservan 19. É dicir, en cincuenta anos (aprox.), Cerdedo viu diminuír o seu patrimonio etnográfico en 22 reloxos de sol. A parroquia máis damnificada foi a de Cerdedo. Desagregando os reloxos de sol por parroquias: Na de Cerdedo conservaríanse 4 cuadrantes de 13; na de Pedre, 3 de 4; na de Castro, 3 de 6; na de Quireza, 4 de 9; na de Figueiroa, 0 de 2; na de Tomonde, 3 de 4; e na de Folgoso, 2 de 3. Na parroquia de Parada non nos deron razón da existencia presente ou pasada deste mobiliario. Ordenando os datos recadados nesta investigación: Os 41 cuadrantes cerdedeses son (ou eran) verticais e ortomeridianos. Os reloxos están (ou estaban) tallados en pedra (xeralmente, granito). Apenas 1 (de recente colocación) é de metal. Dos 19 cuadrantes existentes, uns 11 cumpren a súa función. Os máis, ou carecen de gnomon ou están mal orientados. Dos reloxos documentados, 3 adobían igrexas, 3 enfeitan (ou enfeitaban) canastros e, os máis (35), son (ou eran) aderezo das vivendas. Segundo a información obtida, 6 cuadrantes están (ou estaban) embutidos nas paredes das construcións; 5, penduran (ou penduraban) das paredes; 6 asentan (ou asentaban) sobre peañas saíntes; 5, álzanse (ou alzábanse) encol do pinche de casas ou canastros; 9 pousan (ou pousaban) nas sopenas das vivendas; e 4 sobre as lumieiras ou arcos de portais. Ignórase a disposición de 6. Segundo a información obtida dos reloxos documentados, 15 ou 16 teñen (ou tiñan) o limbo rectangular, mentres que 12 ou 13 teñen (ou tiñan) o limbo circular. En 13 casos (todos eles desaparecidos), ignórase a fasquía do limbo. Segundo a información obtida dos reloxos documentados, 7 ou 8 son (ou eran) antropomorfos. Segundo a información obtida dos reloxos documentados, 8 presentan numeración horaria: 4 en romanos e 4 en arábigos. Segundo a información obtida dos reloxos documentados, 17 teñen (ou tiñan) gnomon triangular e 6 teñen (ou tiñan) gnomon de variña. En 18 casos (vulnerados ou desaparecidos), ignórase a fasquía do gnomon. No tocante á autoría dos reloxos, só demos recadado o nome de 3 dos canteiros artífices. E até aquí, da man do colectivo Capitán Gosende, o capítulo dedicado aos cuadrantes cerdedeses. Os farois, os reloxos e os amores, en por alto. Traballo feito non corre présa. Vulnerant omnes, ultima necat. Manuel Fortes Boa noite, compañeiras e compañeiros:
Reunímonos un ano máis para celebrar, como de costume, a cea de Nadal. Desta vez tocou papar unha gorentosa galiña ó sal e, de sobremesa, leite fritido, que Manolo, Sara e Lorena nos prepararon. Paso a relatarvos os acontecementos desta xeira. Comezamos o ano co noso “comandante” e guía recollendo, nun Teatro Principal ateigado, o premio Cidade de Pontevedra o 20 de xaneiro, día de San Sebastián, santo padroeiro de Pontevedra. Cómpre dicir que foi a proposta de Vaipolorío, asociación irmá, firme e incansable gardiá e valedora do río dos Gafos, coa que Carlos ten colaborado: véxase Andar primeiro de río (2009) e O río da memoria (2014), as súas obras literarias de achega á causa. Facendo honra ao noso lema “Chova, neve ou vente, Capitán Gosende”, o domingo 15 de febreiro, día de neve e invernía, parte da tropa puxemos rumbo ó monte do Seixo e, destemidos, desfrutamos da neve, do vento e da néboa no entorno máxico de Portalén. Días despois, o xacemento arqueolóxico dos Castelos tivo a visita de Galovart, quen, acompañado do “comando Limeres”, admirou a grandiosidade dos gravados. Mais non todo foron boas noticias, como xa estamos acostumados. Un 23-F, coincidindo coa data do golpe de Estado de Tejero, Cubela, Balseiros e Feijoo anunciaron por sorpresa a fusión dos concellos de Cotobade e Cerdedo. Permitídeme a licenza, pero a min a foto lembroume ó trío das Azores. Comezou entón o proceso de delirante fusión, ou confusión, ou infusión: a verdade que non sei moi ben que carallo é. Só unhas poucas persoas valentes e dignas se levantaron e protestaron ante esta aldraxe sen pés nin cabeza, premeditada nas poltronas. O 1 de abril o colectivo Capitán Gosende cumpriu o seu cuarto ano de existencia. Quero resaltar a cantidade de actividades e feitos que se realizaron neste tempo. Voltemos ás aventuras e ós descubrimentos. O 24 de abril atopamos no Outeiro da Cruz, monte da Penancha, Caroi, o gravado rupestre número 24 da nosa tropa, o primeiro no concello de Cotobade. En maio andamos á procura do agocho do Outeiro das Aveas polas ribeiras do regueiro do Porto a Cadoiro, onde acabamos gozando do fermosísimo salto de auga que lle da nome, e dunha saramaganta que se deixou ver. Que se saiba, o Outeiro das Aveas foi acubillo tras o golpe de Estado de 1936 dos irmáns Bugallo Valiñas e de Francisco Varela Garrido, “Pancho Varela”, avó do noso Fernando Salgado. Despedimos ó “Comando Limeres” nunha cea memorable con chourizos fritidos en cociña económica (parodia do programa de televisión “Pesadilla en la cocina” incluída), outros manxares e licor café “Do Paisano”. Unha pena que se visen obrigados a marchar dun lugar ó que achegaron aire fresco e vida, pero xa se sabe que Silvestre e compañía só queren xente que lles siga a corda. “El que se mueva, no sale en la foto”. O 21 de maio tivo lugar un dos acontecementos máis destacados para min desde que comezamos a andaina de Capitán Gosende. Estou a falar da descuberta no Lagharto do arcón de Antonio Sueiro Cadavide, cheo de documentos, cartas, fotos e mesmo un ronco de gaita. Antonio Sueiro, ou Antonio do Lagharto, home polifacético, foi alcalde republicano de Cerdedo, canteiro, e gaiteiro. Emigrou ós Estados Unidos de América nos anos 20 do século pasado, concretamente a Crockett, no estado de California. Non me fago idea do duro que debeu ser chegar a un país estraño coa dificuldade engadida da barreira idiomática. Ao ver todo aquilo, automaticamente veume á mente a miña tía Teresa e o meu tío Arturo, o señor Nieto, o señor Benigno, Manuel de Olaia, Marcelino Campos e outros caroianos que tamén emigraron aos Estados Unidos, principalmente para traballar nas acerías de Gary, Indiana. O verán foi propicio para a descuberta de gravados rupestres. Figueiroa, O Vieiro, Coto Laceiras, monte de Pedre: suma e segue. Mentres, tamén fomos calcando e fotografando os petróglifos xa atopados con vistas a unha próxima publicación. Participamos na homenaxe que o 13 de agosto se lles rende na Ponte do Barco a Segundino Bugallo Iglesias e a Francisco Arca Valiñas, canteiros cenetistas cerdedeses, asasinados neste lugar o 13 de agosto de 1936. Non esquecemos, é de xustiza. Nun solleiro e caloroso sábado de finais de agosto, visitamos o comando Limeres no seu novo lugar de morada, Sistín do Mato, nas terras da Ribeira Sacra. No mes de setembro andamos a cen. Para comezar, o 10 de setembro, o Seixo, a nosa Montaña Máxica, recibiu neboento a dous milleiros de romeiros, xente boa e xenerosa, que participaron na Romaxe de Irimia, cumprindo neste ano a súa trixésimo novena edición. A contorna da Santa Mariña foi o lugar elixido para a celebración. Lamentamos o pasamento de Constantino González Penas, profesor, etnógrafo e filántropo de Soutelo de Montes, fundador e impulsor do CETMO xunto coa súa familia, sendo o seu primeiro presidente. Para seguir coas desgrazas, contamos coa desfeita da “rotonda” do Vichocuntín Vello. “A rotonda de Vichocuntín” (versión de “Yellow submarine”) A rotonda de Vichocuntín Éche moi ruín, éche moi ruín A rotonda de Vichocuntín Éche moi ruín, éche moi ruín. Os días 24 e 25 de setembro Cerdedo acolleu as Olimpiadas Populares Galegas do 2016. Membros de Capitán Gosende participamos na proba dos 5.000 metros. A verdade que iamos á proba das pistas pero, como é costume nesta tropa, os plans nunca son como se espera. “Hannibal” Smith estaría orgulloso de nós. En outubro Carlos presentou na pontevedresa Casa das Campás o seu último libro, “Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo”. Un exercicio de memoria e reivindicación, en palabras do propio autor, “do Cerdedo digno, xeneroso e rebelde de comezos do século XX, o Cerdedo que puido ser, e que, por desgraza, nos furtaron”. A noite do 31 de outubro celebramos a sexta edición do roteiro da Pantalla, acontecemento memorable no que este ano escenificamos o enterro do defunto concello de Cerdedo. A comitiva fúnebre saíu da Praza da República (ou da Igrexa) e percorreu A Torrente, a ponte e capela de Santo Antonio, a costa do Salgueiral, Lourido, parada na capela de Santa Catarina, congostra ata a Revolta e retorno a Cerdedo polo Santo Antonio e A Torrente, terminando na Praza do Concello. Púxolle o colofón o glorioso: “Vamos, vamos, que aquí no hay nada que ver!”. A seguir, na Florinda, cea e contos de medo ata ben entrada a madrugada. O xoves 1 de decembro acollemos na Casa das Campás a presentación do libro de Santos Cabanas, “Novas do exterior: 63.000 quilómetros de viaxes á cadea”. Contounos a dura experiencia del e da súa compañeira Victoria nas visitas ó seu fillo Antón, detido e encarcerado por pertenza a Resistencia Galega. Resaltar a censura mediática contra os actos de presentación deste libro. O 10 de decembro inaugurouse o “Campo das Laudas” na Fontedorraca, As Raposeiras, Meilide, Cerdedo, Terra de Montes, Galicia, Europa, Planeta Terra. A primeira lauda está dedicada á memoria de Otero Espasandín, intelectual e poeta de Castro, que morrreu exiliado nos Estados Unidos de América. Virán outras laudas para homenaxear a outros cerdedeses esquecidos. Á noitiña, convidados polos compañeiros de Vagalumes, presentouse na Estrada o libro de Carlos. Despedimos o ano este martes cun novo gravado rupestre, o número trinta no noso fardel, que demos en chamar Alto do Monte III, no monte de Deán, preto do Outeiro do Mestre e de Castrodiz. En total, levamos atopados 24 petróglifos en Cerdedo, 4 na Estrada, 1 en Forcarei e 1 en Cotobade. Pero o mellor de todo desta andaina de Capitán Gosende son as risas entre compañeiros, os domingos no monte, os mércores na “oficina”, a amizade, as descubertas de gravados rupestres, as expedicións e mil cousas máis que fan que me sinta orgulloso de pertencer a este colectivo. “O Embigo do Becho” (versión de “La Puerta de Alcalá”) Hai que ir alá, hai que ir alá Hai que ir alá, hai que ir alá Hai que ir alá, Ti viches cómo está? Hai que ir alá, hai que ir alá Hai que ir alá, hai que ir alá Hai que ir alá, Ti viches cómo está? Aí está, aí está, vendo pasar o tempo O Embigo do Becho Mírao, mírao, mírao, mírao, mírao, O Embigo do Becho Mírao, mírao, mírao, mírao, mírao, O Embigo do Becho E aí está, aí está, vendo pasar o tempo O Embigo do Becho *Versión revisada do texto lido na sobremesa da cea celebrada o xoves día 29 de Decembro de 2016 no Restaurante “O Meu Lar”, Cerdedo. . David Otero, Marcos Borrageros Ofrenda floral da Asociación Cultural Vagalumes Velaí como este 11 de abril recollemos unha mandiña de cincuenta flores nosas e de memoria para Don Manuel García Barros («Ken Keremos», dicimos nós e el «Ken Keirades»). Hai cincuenta anos da súa morte, o 11 de abril de 1.972, en Pousada de Callobre, el natural da Parroquia de San Vicenzo de Berres. Mestre, xornalista (moi en especial entre outros no Estradense e en El Emigrado que dirixía Otero Abelleira), agrarista e sindicalista, animador cultural, por ex. nos Pereiriños, no Coro Airños da Ulla e en grupos de teatro, escritor, poeta, laureado en varios certames literarios, membro da Asociación de Escritores de Galicia e da Real Academia Galega, tamén un bo colaborador veciñal, si, xustamente dos de botar unha man (ou as dúas) no que se puidese. Pola súa militancia en Galiza, na igualdade e na xustiza, por expresarse libremente, polo seu limpo espíritu crítico, foi usuario do cuartelillo (no «chiquero» como se lle dicía en especial ao calabozo) en varias ocasións e asemade do cárcere en Pontevedra coincidindo con don Francisco del Riego. Co triunfo dos golpistas, encabezados polo «funeralísimo», perdeu a súa condición de funcionario mestre e asemade, o seu facer en liberdade, veuse acoutado, así como o saberse pendente de irse (paseado, «vendimado») ou librar.
De todas as maneiras, el permañeceu nas súas e non comungou cos vencedores. Nunca o restauraron oficialmente na súa condición de mestre. Viviu nun exílio interior cheo de carencias. Don Manuel, autor entre outras obras de Contiños da Terra, Sonata de San Xoán, Enredos e As aventuras de Alberte Quiñoi, será unha obrigada referencia de nós, así como tamén a mornura que dea forzas e enerxías aos afectos e recordos, memoria sempre, para a súa persoa. Todas e todos postos no abrazo irreductible, xunto con el, de lealdade a este pobo A Estrada e así a Galiza sempre. |
Colaboracións
Todos
Un proxecto de:Estamos en:Histórico
Agosto 2024
Tabeiros Montes (Portal cultural de Tabeirós-Terra de Montes) de Asociación Cultural "Vagalumes" e Asociación Cultural e Ecoloxista "Verbo Xido" ten unha licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial 4.0 Internacional. Con base nunha obra dispoñíbel en http://www.tabeirosmontes.com/. Os permisos alén do foco desta licenza pódense atopar en http://www.tabeirosmontes.com/colabora.html. |