Calros Solla
Mais, antes de encamiñármonos monte arriba, visitamos de novo o pozo da Moura, goio do Almofrei (ou Bora). Conta a lenda que, tras a freixa, ábrese unha galería subterránea que comunica o pego coa parroquial de Caroi (e á inversa). Rito de iniciación, a mocidade caroiesa probaba a súa intrepidez cruzando a nado (ida e volta) o escuro mansío da Moura. Chimpándose dende o penedo, os afoutos berraban: “Se morro, morrín!!”.
“Se morro, morrín!!”, berramos nós cando nos vimos diante da toxeira e do silveiral que gardaban a cimeira do Coto da Coleta.
Se consultarmos a web mapas.xunta.gal, tiraremos a conclusión que a cimeira do Coto da Coleta establece a estrema entre as parroquias de Caroi (ao leste) e A Corredoira (ao oeste). O petróglifo do Coto da Coleta (coordenadas.- X: 547.158; Y: 4.704.404; alt. 630 m) viría reforzar a condición daquel cume como fito de deslinde interparroquial. Porén, segundo os nosos informantes ben documentados, o cruceiro do Meixoeiro, fincado no camiño de cara á aldea da Bouza do Home (a uns 160 m cara ao leste da Coleta), trazaría a divisoria entre parroquias. Antigamente, o cruceiro tamén derregaba os límites das xurisdicións de Montes e Cotobade.
Os de Capitán Gosende principiamos a ascensión ao Coto da Coleta, abandonando o devandito camiño que, antigamente, percorrían as comitivas mortuorias dende A Bouza do Home até a igrexa parroquial de Caroi, en cuxo cemiterio se lles daba terra aos seus defuntos. Co cadaleito nas andas, as quendas de portadores atravesaban o río Bora (ou Almofrei) pola ponte da Bouza do Home, atinxían a intersección co camiño de cara ao Meixoeiro, presidida polo cruceiro do Meixoeiro (hoxe desposuído da cruz), avanzaban pola Fonte de María Suárez, atravesaban o Val da Ermida (do templo só perdura o topónimo que tamén lle dá nome ao campo de fútbol do Caroi), acadaban o cruceiro de ao pé da estrada (que nomea o lugar), e aínda ao seu esforzo lle restarían uns quiñentos metros até o camposanto.
Na leira denominada Os Feás (abundancial de “feo”, gramínea aromática), albiscamos noutra laxa un conxunto de catro coviñas, moi luídas; a uns 20 m ao sur do cruceiro do Meixoeiro.
O gravado rupestre do Coto da Coleta tallouse na parte máis elevada do afloramento granítico que coroa o outeiro. O penedo escolleito como soporte presenta unha gnamma ou pía natural oval (60x50 cm) de fondo plano con exutorio, ou canle de escoamento, aberto cara ao sur. O escenario, aínda que máis sinxelo, é semellante aos descritos para o petróglifo do Pousadoiro II (Cuíña-Quireza) e para o petróglifo do Outeiro da Urce I (A Corredoira). As pías do Pousadoiro e do Outeiro da Urce e a pía do Coto da Coleta son resultado dun proceso erosivo que se vén desenvolvendo, cando menos, dende hai 200.000 anos.
Hai 4.500 anos, vinculado a unha comunidade da Idade do Bronce asentada na ribeira do Almofrei (ou Bora), o artista ou xamán escolleu o bordo da pía do Coto da Coleta para plasmar a simboloxía máxica da tribo. O petróglifo descuberto o pasado domingo é belísimo na súa simplicidade: seis coviñas aliñadas en arco, arrodeando o bordo da pía oposto á canle de desaugadoiro. Todas as piocas, de pouca fondura, teñen un diámetro de 5 cm.
O topónimo Meixoeiro (do latín mansionariu<mansione(m)) e o seu veciño Cabanelas (diminutivo plural de “cabana”) evocan vestixios habitacionais (parada e fonda), anteriores aos casaríos actuais. O antigo camiño que dende Pontevedra e Carballedo atanguía os predios de Caroi, atravesaba o lugar do Meixoeiro. Os veciños do Meixoeiro e de Cabanelas soterraron os seus mortos no camposanto de Caroi até a fundación da igrexa parroquial (e cemiterio) da Corredoira.
Dende o santuario rupestre do Coto da Coleta contémplase unha amplísima panorámica do monte do Seixo e das aldeas da parroquia de Caroi, a poñente da montaña. De norte a sur: A Laxa, A Eirexe, O Coto, A Cimadevila, A Casola e As Bouzas.
Os exploradores de Capitán Gosende anotamos no noso haber a sétima descuberta na zona A Corredoira-Caroi. Fagamos reconto: petróglifo de Regaseis (Caroi), petróglifo das Zacoteiras, mámoa das Zacoteiras IV (Caroi), petróglifo do Outeiro da Urce I, petróglifo do Outeiro da Urce II (A Corredoira), Laxa do Portabora (Caroi) e petróglifo do Coto da Coleta (A Corredoira). Convén sinalar que dos sete achádegos enumerados, seis tiveron lugar reiniciado o noso labor de busca tras a corentena.
O que non te mata faite máis forte.