Nos seus oito anos de existencia, o colectivo Capitán Gosende documentou un cento de sitios arqueolóxicos inéditos na comarca de Montes
Calros Solla
O mato pugarento e o terreo irregular delongaron os labores de exploración e devolveron as nosas pernas á crúa realidade. A media tarde, cunha boa soba no corpo, acadamos a valgada aberta entre o Outeiro Crisco (ao leste; 621 m) e os Outeiros Altos (ao oeste; 651 e 656 m), de face ao Chan da Anduriña.
Axiña, os ollos repararon nun penedo sobranceiro, de feitura singular, que, xa de lonxe, nos convidaba a aplicar unha das nosas máximas procedimentais: “O penedo que hoxe nos chama a atención tamén atraeu os nosos devanceiros”. Fideis ao ditado da experiencia, o 75% das veces a viaxe non é en balde. O santo Antonio “das cousas e causas perdidas” é moito da nosa corda. Desta, a derrota aberta por entre a toxeira tamén tería recompensa. “Se buscas milagres mira...”.
O colectivo Capitán Gosende ten o gozo de informalos da descuberta dun inédito santuario rupestre na Corredoira. Baseándonos na información toponímica recadada na zona, decidimos denominar o achado: “petróglifo do Outeiro da Urce I”.
O petróglifo do Outeiro da Urce I (coordenadas.- X: 546.965; Y: 4.705.756) tallouse na parte superior dun penedo granítico cabaleirado. A formación rochosa érguese a uns 620 m de altitude, ao sur da chá da Anduriña. O fragueiro, desafiando a lei da gravidade, asenta nun pequeno punto de apoio e forma unha cavidade que, dende tempo inmemorial, serviu de refuxio ou abrigadoiro. As dimensións do abeiro acadan os 350 cm de fondo e os 120 cm de alto.
A parte superior do penedo ten unha superficie aproximada de 42 m2 con pendente cara ao nordés. Coma queixo aburatado, presenta 8 pías naturais, comunicadas por unha canle-desaugadoiro. Resultado da erosión, as dimensións aproximadas das pías son as seguintes: nº 1 (70x70 cm), nº 2 (40x34 cm), nº 3 (80x59 cm), nº 4 (35x33 cm), nº 5 (95x80 cm), nº 6 (51x50 cm), nº 7 (110x70 cm) e nº 8 (80x45 cm). As pías 1 (superior), 2, 3, 4 e 5 (inferior) están comunicadas pola mesma canle-desaugadoiro. A pía 6 verte na 5. A pía 7 verte na 3 (neste caso, a canliña non semella obra da natureza). A pía nº 8 está illada. As bacías meirandes presentan fondo plano.
O artista prehistórico (home, muller ou ambos), abraiado pola prodixiosa fontanaría, quixo honrar o traballo dos deuses engadindo a carón das pías 7 e 3 un punteado de coviñas. Na actualidade, son visíbeis unhas 25, pero, con certeza, o gravado rupestre orixinal compúñase de moitos máis elementos. No bordo da pía nº 1 tamén rexistramos 1 coviña. As dimensións das 26 coviñas van dos 7 cm aos 4 cm de diámetro. Un suco en arco pon en comunicación dúas coviñas tanxenciais (nivel superior) cunha terceira (nivel inferior). Outro suco en arco, de pequenas dimensións, riscouse por entre o agrupamento de fossettes.
Tanto o lugar escollido para a o gravado (penedo granítico senlleiro adobiado con gnammas de grandes dimensións) coma os motivos representados (cúmulos de coviñas) permítennos establecer analoxías con outros sitios arqueolóxicos descubertos por Capitán Gosende en Cerdedo, verbi gratia, o gravado rupestre do Outeiro Rachado (ou do Outeiro dos Píos), achado o 19 de xuño de 2016 na estrema entre as parroquias de Parada e Figueiroa; e o gravado rupestre do Pousadoiro II, en Cuíña (Quireza), achado o 28 de setembro de 2019. Léase: O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo, Morgante, 2017.
Atrevémonos a afirmar que, cando menos nestes tres gravados rupestres, os motivos representados están vencellados con ritos onde a auga (ou outras substancias líquidas) xogan un papel esencial. Vestixios de inveterados rituais, na mañanciña de San Xoán, a tradición de lavar a face coa auga contida nestas pías séguese mantendo viva na comarca. Léase: “A flor da auga” (O código da vincha. Retrincos I, Morgante, 2012).
O petróglifo do Outeiro da Urce I localízase a uns 550 m, cara ao leste, do lugar da Redonda; e a uns 460 m, cara ao nordés, do lugar do Casal (ambas as dúas aldeas, pertencentes á parroquia da Corredoira); a uns 450 m, ao noroeste, do leito do regueiro do Porto das Cubas (chamadeiro do río das Cervas no seu curso alto, afluente do río do Castro e, este á súa vez, do río Lérez); e a uns 670 m, cara ao noroeste, da intersección dos lindes interparroquiais da Corredoira, Cerdedo e Caroi. O sitio arqueolóxico tamén se localiza a uns 70 m, cara ao sur, dunha pista forestal que atravesa o Chan da Anduriña e arrodea polo leste o Outeiro Cesteiro, en cuxo cimo se ergueu, en tempos da República, un monolito en lembranza de Xesús María Fortes Cota, pedáneo de Limeres (Cerdedo), asasinado naquela pedreira a primeiros de decembro de 1935. Léase (cinco entregas): “O asasinato de Xesús María Fortes Cota, alcalde pedáneo de Limeres” (Faro de Vigo, do 19-3-2017 ao 16-4-2017; ou Ao saimento de nós. Retrincos IV, Morgante, 2017).
Abandonamos o penedo non sen antes tonificármonos a cute cunhas ablucións solsticiais. A auga das pías renovárase de véspera e a súa “flor” estaba aínda vizosa. Ao pouco, a fortuna volveunos sorrir. A escasos 60 metros cara ao sur, advertimos unhas 9 coviñas talladas nunha laxa corgueira. 5 das coviñas puntean un arco de circunferencia. A coviña meirande acada os 8 cm de diámetro; a máis pequena, os 5 cm de diámetro. Denominamos o gravado rupestre: “Petróglifo do Outeiro da Urce II” (coordenadas.- X: 546.961; Y: 4.705.695; alt. 616 m). Como adoitamos dicir sobre o terreo, nunha laxe rasteña asoballada pola vexetación, os gravados visíbeis poden ser apenas o bico do iceberg.
Na comarca, os de Capitán Gosende non deixaremos pedra sen esculcar. A día de hoxe, 81 estacións petroglíficas inéditas documentadas polo colectivo; un cento de sitios arqueolóxicos (mámoas, petróglifos, castros...) descubertos en Cerdedo e Montes. A Patrimonio correspóndelle a tarefa de catalogar o tesouro exhumado e aos alcaldes a tarefa de axilizar a súa catalogación e preservación; e xa están tardando.
O colectivo Capitán Gosende non garda nada para si e de nada se vale para obter beneficio. O froito das nosas exploracións e os resultados das nosas investigacións figuran a dispor de calquera na Internet. Esta é a nosa praxe, o noso xeito de actuar. Moito nos aledaría que o noso humilde traballo de divulgación e a nosa teimosa resistencia axudasen a sacudir o lastre da ineptitude caciquil e impulsasen o rexurdimento da comarca. Xa que nós non vivimos disto, senón que vivimos para isto, os membros de Capitán Gosende solicitámoslles a aqueles que fan uso dos nosos pequenos logros (textos, fotos...) que, en troco, non escatimen na cortesía da cita (as entidades “con ánimo de lucro” deberan asumir a cita como obriga).
Estamos moi orgullosos de investir o noso tempo e o noso diñeiro en engrandecer o patrimonio de todos; apenas co recoñecemento da autoría dámonos por ben pagos. Valla o seguinte exemplo: Aínda que o pareza, Portalén e a Montaña Máxica do Seixo non se materializaron por xeración espontánea, ben ao contrario, a súa popularidade é froito dun labor entusiasta, ininterrompido e desinteresado de case vinte anos. Fagamos memoria. Tras percorrer en solitario as aldeas dos arredores na recolla do patrimonio lendario do monte do Seixo, no mes de Nadal de 2002 guiei o primeiro roteiro polas estacións mitolóxicas da montaña. Naquela data dei a coñecer Portalén e a súa ritualidade asociada (léase: Faro de Vigo-Terra de Montes, 12-12-2002). Co pasar dos anos, o número de visitantes guiados pola Montaña Máxica atinxiu a cifra dos 5.000. Un “respetiño”.