Calros Solla
Internet espallou nas agras de perto e de lonxe a semente do Proxecto Montaña Máxica que, principiou a súa andaina, no verán do ano 2002, cando dei xuntado no alto Seixo un grupo selecto de “sabios da tribo” (entre eles, Xosé Cortizo), co obxectivo de identificar Portalén, o penedo no que, dende tempo inmemorial e durante o magosto, se ritualizaba a consulta co oráculo do Máis Alá (recollida con anterioridade por min en diversas aldeas da contorna). Xosé Cortizo non só axudou a corroborar in situ a existencia de Portalén, senón que, pasados os anos, narrou primorosamente a lenda para o documental Monte do Seixo. A Montaña Máxica (de 2009).
Unha década despois, o 10 de xaneiro de 2020, no programa “Milenio” da Televisión da Galiza, o querido Xosé Cortizo, atendendo de novo a miña petición, volvía aparecer diante das cámaras para reforzar co seu testemuño a cadea de transmisión da sabedoría popular, da que el foi un elo fundamental. Xamais daremos pagado tal mostra de adhesión e compromiso, sendo agora sabedores do seu delicado estado de saúde.
Por respecto á tradición e por respecto aos seus transmisores, cómpre teimarmos nesta tarefa de recolla e dignificación da tradición oral e, asemade, disuadir o discurso interesado de magufos e antropologetas. Xosé Cortizo foi paradigma do cerdedés liberal e aperturista, rara avis nunha comunidade rural prostrada moral e fisicamente perante os intereses da cacicaxe. Moitas grazas, Xosé, polo teu exemplo. Cos testemuños (entre moitos outros) de Xosé Cortizo, Manuela Cortizo, Manuel Vidal, Arxentina de Carballás, Venicio da Cavadosa... fomos quen de revitalizar o santuario pagán de Portalén, fomos quen de converter o monte do Seixo nunha meca libertaria, onde lle rendemos culto á Terra e honroso tributo á nosa cultura popular. Ao falar de Portalén e da mitoloxía do monte do Seixo xamais se deberan esquecer os nomes destes veciños de Cerdedo e Montes, pois nin Portalén nin o Seixo estarían hoxe en boca de todos, engrandecendo o territorio ao que pertencen, se estas persoas non nos agasallasen daquela co seu esclarecedor legado.
A seguir, a xeito de humilde homenaxe, reproduzo unha breve nota biográfica de Xosé Cortizo, publicada, canda unha escolma da súa produción poética, no libro O código da vincha. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo, 2012 (páxs. 142-151):
Xosé Cortizo Martínez, Xosé da Fonte, naceu en Barro de Arén (Cerdedo) o 2 de marzo de 1926. Asistiu dende os seis anos á escola de don Xosé Outeiro, ensinante de Pardesoa, de onde saíu sabendo resolver a raíz cadrada e mesmo a cúbica. Aos dezasete anos, o seu tío, un irmán da súa nai, levouno a traballar para a cidade de Ourense, desempeñando labores administrativos vencellados coa construción da estación nova do ferrocarril A Coruña-Zamora.
Na cidade das Burgas fixo un curso de mecanografía que, segundo o noso personaxe, “valeu pra que non peghase gholpe na mili”, e así mesmo, formou parte, durante uns anos, da Coral de Ruada que, naquel tempo, guiaba con mestría o célebre gaiteiro e zanfonista Faustino Santalices. Xosé Cortizo, home modesto, escúsase dicindo: “Daquela, aínda tiña a voz algho boa. Cando me operaron da gharghanta, escaralláronma toda”.
Tras o servizo militar, casou coa súa moza, Alsira López, e retomou as tarefas administrativas en diversas obras desenvolvidas no concello da Gudiña (Ourense). Con posterioridade, o matrimonio viviu uns anos en Torrelaguna (Madrid), mentres se executaban as obras da Canle de Isabel II. Rematado alí o labor, desprazáronse a Barcelona, fixando a súa residencia en Arenys de Mar –curiosamente, o seu periplo vital conduciríao dun Arén a outro−, onde exerceu de encargado xeral de obras. En Cataluña residiron até a súa xubilación.
Home de mundo, adobía decote a súa conversa coa experiencia dos moitos anos vividos lonxe da Terra: “O que fun observando por aí adiante é que o ghalegho sempre foi moi apreciado. Os ghaleghos fóra de aquí somos máis que aquí... Dos cataláns, con todo o que dicimos deles, eu digho sempre: non faledes mal dos cataláns, porque eu nunca vin un catalán que falase mal de Ghalicia, e estiven en Cataluña corenta anos... Cando ías a Pontevedra e falabas ghalegho, eras un aldeán, un analfabeto, e non creas que che mudaron moito as cousas, aínda queda moito repunante na Boa Vila... Na escola peghábannos cando falabamos en ghalegho e, malia o castigho, seghimos sendo os que máis falamos a lingua propia... Foi unha época moi neghra que marcou moito, moito... Hoxe en día, hai moita máis variedade nas maneias de divertirse, pero con tanta televisión e tanta discoteca, ás veces semella que a xente perdeu un pouco o sentido común e foi esquecendo as raíces da súa cultura. As relacións humanas fóronse perdendo”.
Xosé Cortizo, poeta popular, cantador e acordeonista é, xunta á súa veciña e parente Manuela Cortizo, un dos artífices do rexurdir cultural da terra de Cerdedo...
Sit tibi terra levis. De Portalén ao Máis Alá.