O colectivo Capitán Gosende prosegue o seu catálogo de reloxos de sol percorrendo as aldeas da parroquia de Pedre
Calros Solla
A peaña baleira localizámola na aldea de Vichocuntín. Na aldea de Pedre consignamos tres reloxos de sol: un na igrexa parroquial, outro nunha vivenda do Salgueiro, no lugar de arriba, e un terceiro, nunha vivenda do Fondo da Aldea. No Serrapio, mesmo antes do proceso expropiatorio, causante da desaparición por derruba de moitos bens inmóbeis, non existía reloxo de sol ningún. Esta afirmación apóiase no testemuño de veciños nonaxenarios.
Antes de proceder co rexistro dos reloxos de sol da parroquia de Pedre, prácenos indicar que, ao pouco de se publicar a primeira entrega (reloxos de sol da parroquia de Cerdedo), a asociación Relojes de sol en Galicia púxose en contacto con nós para loar a nosa iniciativa e, asemade, facernos chegar unha fotografía do que quizais fose o reloxo de sol da casa da Gueiteira, sita no barrio dos Carballos, no núcleo de Cerdedo (hoxe, desaparecido). A fotografía, en color, é da autoría de Moncho Sabín e tomouse en 1992.
Así mesmo, o xornalista Fernando Salgado enviounos unha fotografía b/n do reloxo do San Pedro que, obtida no ano 1978, representa a escultura na súa primitiva disposición (sobre peaña). Por considerármolos documentos de grande interese e coa arela de completar a primeira entrega (Faro de Vigo, 16-1-2022), engadimos na presente ambas as dúas fotografías. Agradecementos.
Vichocuntín:
Na aldea de Vichocuntín de Baixo, á beira da antiga estrada de Ourense, nun extremo da casa situada fronte ao cruceiro e peto de ánimas, advertimos a existencia dunha peaña enfornelada baleira. A súa orientación é sueste. Consonte algúns testemuños, o pedestal puido soster, en tempos, un reloxo de sol. De ser así, hoxe estaría en paradoiro descoñecido. Outras testemuñas indicaron que o soporte estaba ocupado por unha imaxe relixiosa (extraviada ou trasladada a unha vivenda de Pedre). De calquera xeito, a visita non foi en van, pois, permitiunos admirar de novo o cruceiro e peto de ánimas (1905) e, así mesmo, os reberetes de madeira (na actualidade, moi deteriorados) que, nas vivendas, adobían o beirado das solainas.
Pedre:
- Un reloxo de sol na igrexa parroquial do Santo Estevo.
- Un reloxo de sol nunha vivenda do lugar do Salgueiro (Pedre de Arriba).
- Un reloxo de sol nunha vivenda do Fondo da Aldea (Pedre de Abaixo).
O reloxo de sol do Salgueiro, na parte alta da aldea, é unha peza antropomorfa tallada en pedra de gran. Unha figura masculina terma dos extremos dunha fita ou corda unida a un tondo, sosténdoo entre o peito e os xeonllos. O reloxo de sol tallouse na face do tondo, adscribíndose, pois, aos reloxos de tipoloxía circular. O tenante, ao que non se lle ven os pés, tomouse con cemento ao cumio do telladiño que bordea unha terraza. O gnomon, mal orientado, apunta cara ao nordés. Conforme a descrición facilitada polo noso contacto na asociación Relojes de sol en Galicia, a feitura deste reloxo de sol é moi semellante ao feitío dun cuadrante inventariado na aldea de Barro de Arén, parroquia de Cerdedo. O reloxo de sol do Salgueiro fai xogo cun canastro próximo, cuxos pinches se adobían coas figuras en pedra dun escopeteiro, en actitude disposta (pinche leste), e dun león sedente e resignado que suxeita un bolón irregular (pinche oeste).
O reloxo de sol do Fondo da Aldea é un cuadrante metálico (broncíneo) que orienta o gnomon cara ao leste. Clasíficase como reloxo de sol de tipoloxía circular, coa escala horaria en numeración romana. Enfeite do pinche da vivenda, o reloxo foi colocado no sitio hai uns dez anos.
O Serrapio:
Non achamos reloxos de sol no Serrapio, porén, un informante nonaxenario fíxonos saber que, antes dos derrubamentos que subseguiron ás expropiacións determinadas polo proxecto de construción do macroencoro de Dorna (anos 80), existía na chamada casa vella de Umia unha labra heráldica. O escudo, traballado en pedra de gran fino e profusamente decorado, seica abandonou a aldea con destino Madrid.
Non abandonamos o Serrapio sen arrequecermos o fardel lendario da súa ponte medieval con outro gorentoso relato. A Pontapedre, que dende a Baixa Idade Media e cando menos até o século XVIII, foi paso escolleito por peregrinos tudenses e portugueses cara á Compostela (testemuñouno o Padre Sarmiento en 1745), sumiuse, a seguir, no abandono e no esquecemento. Segundo a crenza popular, en época non precisada, uns cazadores intuíron, agochada na mesta fraguiza, a impoñente arquitectura, ao se decatar de que os seus cans cruzaban o río Lérez sen se mollar. Vaia achádego!!
Tras o escrutinio na parroquia de Pedre, engadimos 3 reloxos de sol á nosa listaxe. Daquela, os casaríos de Pedre e Cerdedo ofrecen aos afeccionados á arquitectura e á escultura tradicional un total de 7 reloxos de sol.
Continuará...