Fraguas na Estrada
Neste sentido cómpre sinalar que na Estrada en particular debemos ao protagonista da homenaxe deste ano a chamada a sensibilizarnos polo noso patrimonio. Durante o seu período de vida no noso Concello o profesor Antonio Fraguas tratou de ensinar o aprecio cara os nosos bens materiais, inmateriais e naturais que nos legaron os nosos devanceiros.
Por isto queremos dar comezo cun acto de posta a debate da actividade de defensa de divulgación da nosa riqueza patrimonial que se está a facer na nosa comarca. Para isto contamos coa presenza nunha mesa redonda de activistas que teñen desenvolto o seu labor en territorios da nosa bisbarra: Calros Solla (Cerdedo e Terra de Montes), Heitor Picallo (Cuntis) e Carmela Sánchez Arines (A Estrada).
O acto terá lugar o vindeiro sábado 4 de maio ás 20:30 h. no salón de actos do MOME.