O asasinato do Carracedo, un dos fuxidos máis buscados da Estrada, provocou a detención en cadea dunha ducia de mulleres, entre elas a súa compañeira
Montse Fajardo
Conta o historiador Xosé Carlos Garrido Couceiro no blog Tabeirós Montes que, a pesar da clandestinidade obrigada polo rápido triunfo dos golpistas na Galiza, os fuxidos levaban un libro de actas no que anotaron o seu nomeamento como responsábel do comité organizador da resistencia, converténdoo así na peza máis cobizada polos fascistas.
Para darlle caza, organizaron unha batida con 26 falanxistas e 5 gardas civís inmediatamente despois de descubrir que o seu pai, Antonio Carracedo, tiña agochados no cortello o deputado Manuel Coto Chan e o tamén fuxido José Silva, fillo do cego de Guimarei. Leváronos os dous detidos e déronlles tal malleira que confesaron que Hixinio estaba oculto na súa propia casa mais nin eles sabían onde tiña aquel tobo que o mantiña a salvo.
Foron 31 homes e tampouco o atoparon, así que, segundo transmitiu a memoria oral dos máis vellos, decidiron prenderlle lume á casa, obrigándoo a saír do forno que o ocultaba para salvar, xa non a súa vida, se non a da súa familia. Ao que non estaba disposto era a morrer sen loitar. Con unha escopeta que lle ía recargando a súa muller, Isaura Pazos, conseguiu fuxir da casa tras ferir a dous dos falanxistas, entre eles o xefe local, Felipe Castro.
Alcanzárono moi preto, xunto a un regato, e alí mesmo o mataron. Oito décadas despois, o seu fillo Hixinio aínda se ve, con sete anos, diante do corpo do pai morto.
Aquel día quedou só. Levaron presas a súa nai, as súas avoas, Josefa Campos e Manuela Ruzo, ás fillas desta, Celia e Berta Carracedo, que tiñan vinte e dezaseis anos, e ata as veciñas coas que tiñan máis trato: Filomena Coto, Francisca Domínguez e as irmás Benedicta e Mercedes Castro Torrado, acusadas de terlle prestado auxilio a Isaura no tempo do agocho do home.
A filla pequena, Margarita, tiña daquela catro anos e ata o seguinte aniversario deixárona estar coa nai no cárcere de Pontevedra. Logo levoulla para casa Adela Velasco, unha muller de Poio que acabara na mesma cela por unha liorta de marisqueo. A Hixinio non. Hixinio estivo nun orfanato anos, ata que Isaura recuperou a liberdade e foi buscalos.
Loitara co seu home pola esperanza, ante o medo a que llos arrebatara a miseria, como lle pasara co seu fillo Alberto, morto aos sete meses. E cando chegou o tempo das vidas metidas no forno, Isaura buscou o xeito de que nin Hixinio nin Margot, como lle chamaba á pequena, pasaran fame. Ata pediu cartos. Desde a súa casa da Somoza mandou recado a Laura Porto, veciña súa cando o home era garda na Estrada. Non os tiña, pero para axudala, a súa irmá fíxolle chegar dez pesetas por unha criada. Logo falaron coa súa amiga María Silva para que llos levase a Isaura á Somoza, e mandoullos por un sobriño que ía ao instituto. Non era moito delito, pero tamén el acabou detido.
Aquel 28 de novembro en que nin os cantos das mulleres da Somoza nin os berros de Vaca to! que usaban para avisar da chegada dos gardas, evitaran a caída do Carracedo, calquera persoa que mantivera contacto con Isaura converteuse en inimigo. Como pasara coa familia e a veciñanza de máis preto, os fascistas arrestaron a Laura, Rosario e María, e cando levaron ao cuartel o sobriño, déronlle unha bota tunda.
Delatáraas a criada: “mandaron cartos para uns rojos”. Tivéronas presas corenta días e cando saíron, de tan inxusta que vían a súa detención, volveron metelas por “montar unha manifestación” na mesma porta do calabozo.
Tampouco a Isaura lle durou moito a liberdade. Logo do cárcere decidiu non regresar á Estrada. Tras un tempo no acubillo protector de Adela en Poio, marchou vivir a Pontevedra e para alimentar a Margot e Hixinio meteuse no extraperlo. En xuño de 1948 collérona en posesión de unha cesta con seis quilos de arroz, catro de azucre, un de garavanzos e unha libra de chocolate, e detivérona xunto a Rosario Goris, Matilde Casalderrey e a irmá desta, Carme, a Lanuda, á que os fascistas tamén deixaran viúva, o mesmo día da súa voda con Albino Sánchez, o Perrita. Casáranse en capela, minutos antes de ser fusilado na avenida pontevedresa de Bos Aires.
Isaura estivo presa outros sete meses pero por un momento, aquel 7 de xuño de 1948, cando con motivo da feira na Estrada, a Garda Civil montou un control no quilómetro 115 do camiño a Santiago e baixou de dous autobuses catro mulleres, 33 quilos de café, 109 de azucre, 70 de garavanzos, 6 de arroz, 8 de sopa, 4 de xabón e máis de dous libras de chocolate, naquel mesmo instante, dentro da Isaura sometida polo terror do tempo imposto, resucitou a outra, a dos días de loita, a que cargaba a escopeta do home acurralado para loitar contra os represores e a fame das criaturas que aínda non morreran, e apoiada polas irmás Casalderrey e Rosalía Goris enfrontáronse aos gardas e montaron unha boa liorta.
Porque xa lles quitaran demasiado.
* Publicado no Semos Galiza num. 342. 11 de abril de 2019