Clara Iglesias Cortizo
Un estudo de Olimpio Arca e o seu alumnado sobre os nosos cruceiros
Moitos anos de traballo e numerosos premios confirman a Olimpio Arca como mestre vocacional e investigador destacado, empeñado en poñer en valor a nosa cultura e o noso patrimonio. El comprendeu que, para que os galegos coidemos do noso patrimonio temos que amalo; e que, para amalo, antes hai que coñecelo. Por iso iniciou co seu alumnado a descoberta partindo, como é lóxico, do máis próximo aos rapaces: a zona de Vea, en primeiro lugar; e, a continuación, todo o concello da Estrada. En concreto, no que respecta á investigación sobre os cruceiros, antes do traballo que agora reedita Vagalumes, xa elaborara un estudo sobre as cruces do val de Vea.
A publicación que presenta Vagalumes foi actualizada nas fotografías: son fotos actuais, que mostran, polo tanto, a situación en que están os cruceiros neste momento. E observamos que, por desgraza, nos casos en que houbo cambios entre aquel ano 1981 e 2021, o habitual é que estes cambios non fosen para mellor: o que estaba deteriorado continúa a estalo e, nalgúns casos, o que estaba en boas condicións está hoxe en día, utilizando a palabra que Olimpio utilizou no seu texto, “esmorecido”. O que realmente está esmorecido é o interese das nosas institucións, a comezar polo Concello da Estrada, en poñer en valor, preservar e coidar o noso patrimonio. A conclusión que puidemos sacar no noso percorrido seguindo os pasos de Olimpio e os seus alumnos é que o noso patrimonio está esquecido e abandonado. Temos o triste exemplo no que aconteceu hai poucos días co cruceiro da igrexa de Guimarei, esnaquiza por un camión. Obviamente trátase dun accidente involuntario; mais os accidentes non acontecerían se os bens estivesen convenientemente protexidos. Por iso enmarcamos esta actuación dentro do que chamamos #ProxectOuzamerxe. Este proxecto non só pretende que as institucións cumpran coa súa función de preservar e valorar a herdanza recibida, tanto material como inmaterial, senón que tamén quere ser un chamamento á cidadanía en xeral para que se sensibilice e se encariñe co noso.
Ao conxunto de fotografías engadíronselle algunhas de cruceiros que Olimpio non recolleu no seu traballo. Nestes casos non se lle agregou texto; neste sentido non quixemos alterar o traballo de Olimpio Arca e o seu alumnado. Ademais, en Vagalumes non somos especialistas en cruceiros: gustaríanos selo na posta en valor e na defensa do noso patrimonio.
En canto aos textos, son os orixinais redactados polo mestre e polos seus alumnos, unicamente transformados en canto á adaptación á normativa actual e, en todo caso, corrección dalgúns erros de lingua. Neste aspecto, foi un esforzo meritorio naquel momento en que o galego presentaba moitas dúbidas e vacilacións en canto á norma escrita, pois aínda estaba comezando a ser introducido como materia de estudo no ensino (cousa que aconteceu precisamente no curso 1980/81) e non dispoñía tampouco dunha normativa ortográfica e morfolóxica sistemática e afianzada. Olimpio Arca, para organizar o material de traballo (69 cruceiros, 7 cruces e un peto de ánimas) dividiu o concello da Estrada en tres zonas: zona A (os Veas, Couso, Cora, Baloira, os Barcalas, Frades, Matalobos, Toedo, Santeles e A Estrada); zona B (a máis ampla, dende San Miguel de Castro á Somoza, Loimil, Vinseiro, Cereixo, Orazo, Curantes, Olives...) e a zona C (a que reúne menos cruceiros, malia ser grande en extensión: Tabeirós, Ribela, Codeseda e Arca) O esquema de análise de cada cruceiro é semellante:
- Descrición das súas características : baseamento, pedestal, varal, capitel, anverso e reverso da cruz.
- Lendas asociadas, no caso de existiren ou de seren coñecidas. É curioso como Olimpio se lamenta de que moitos veciños son reticentes a referirllas e declaran non coñecelas. Este feito non deixa de ser curioso, pois os cruceiros son monumentos erixidos en moitos casos para a cristianización de lugares onde se practicaban antigos cultos, polo que acostuma ser habitual que existan lendas asociadas a eles. En todo caso, neste apartado en moitas ocasións Olimpio Arca explica algún dato sobre a historia do cruceiro: quen ordenou construílo, con que finalidade...
- Lectura das inscricións.
- Situación: é relevante como Olimpio Arca, sen contar cos medios de que dispomos na actualidade, explica con grande precisión o lugar en que se encontra o cruceiro. Neste sentido, na nosa publicación introducimos a novidade da xeorreferenciación de cada un dos cruceiros.
Olimpio Arca, como bo mestre, cedeu o protagonismo ao seu alumnado, os debuxantes e escudriñantes, que fixeron con el esta fermosa viaxe de coñecemento. O traballo está asinado como “Alumnos e mestre”. E a última páxina recolle a fotografía e os nomes de todos eles. Estes son:
- Lucía Cerviño Pernas (debuxante)
- Critina Verde Figueiras (escudriñante)
- Olimpio Arca Caldas (escudriñante)
- David Calvelo Otero (debuxante)
- Cimadevila Tarrío (debuxante)
- E o “mestre director”: Olimpio Arca Caldas.
Cruceiros da Estrada |