Clara Iglesias Cortizo
É especialmente interesante o coñecemento da orixe e significado da nosa toponimia, porque os nomes dos lugares fálannos directamente da nosa historia, da nosa particular maneira de entender a paisaxe e da nosa relación co territorio. Galiza é un sen dúbida un país rico en moitos aspectos e un deles é a toponimia. Atesouramos case un terzo dos nomes de lugar de todo o Estado porque fomos nomeando ao longo da historia todos e cada un dos recunchos do noso terreo, habitado e non habitado. Non quedou pedra, camiño, devesa ou regueiro sen nomear.
O concello da Estrada é extraordinariamente grande, tanto en superficie como en núcleos de poboación: son 458 entidades que se organizan en 51 parroquias. Por iso, o estudo sobre a toponimia da Estrada, que presentou estes días Cabeza Quiles, sería de enorme interese. E digo “sería” e non digo “é” porque ese traballo xa leva máis dun ano publicado. Efectivamente o 9 de marzo de 2018, quen isto asina presentou publicamente o libro Os nomes da Estrada. Orixe dos topónimos das parroquias e lugares do concello da Estrada.
Dicía no título que non todos somos iguais. E non o somos porque hai círculos pechados onde é moi difícil entrar. Cando xa levaba eu bastante tempo preparando o meu traballo, coñecín a Fernando Cabeza Quiles e, sabendo que el era un experto en toponimia e que xa tiña publicado algúns artigos onde se ocupaba dos nomes de lugar de sete das parroquias do noso concello, comenteille o meu proxecto. Non se mostrou en absoluto interesado; mais ben ao contrario, pois dixo que non tiña intención de volver a traballar sobre toponimia. Poucos meses despois, entrei en contacto con outros dous membros da Asociación Galega de Toponimia, aos que lles expuxen o meu interese en publicar o meu traballo na colección “Terra nomeada” inaugurada polo volume de Luz Méndez dedicado a Agolada. Nesa ocasión dixéronme que Fernando Cabeza estaba traballando nisto mesmo, o cal me sorprendeu, tendo en conta a conversa que eu mantivera con el tan só uns meses atrás. Decidida a abandonar o meu proxecto, manifestei o desexo de continuar traballando na toponimia e de realizar o estudo do concello de Forcarei. Despois de varias conversas por correo, nas que me aseguraron que ían consideralo nas súas reunións, a única resposta foi o silencio. Vendo que nada que eu puidese facer lles interesaba, continuei co meu traballo sobre A Estrada.
A quen si lles interesou foi aos meus compañeiros e compañeiras da AC Vagalumes, que traballa incansabelmente na defensa do noso patrimonio, tanto material como inmaterial. Coa súa axuda, en especial a de Xoán Carlos Garrido, que deseñou a portada e elaborou os mapas que ilustran o libro, conseguín publicalo na editorial Fervenza. Aproveito para agradecer tamén ao seu director, Manuel Núñez, a confianza que depositou en min.
Puiden ler xa o traballo de Fernando Cabeza Quiles. O novo volume de “Terra nomeada” vén corroborar o que eu xa publicara hai máis de un ano. Alegreime de comprobar que os filólogos importantes e as pequenas filólogas, coma min, coincidimos basicamente en todo, como non podería ser doutro xeito cando as cousas están ben feitas. Aínda que Fernando Cabeza non me inclúa na longa lista bibliográfica que acompaña o seu libro. Sorprendentemente, a pesar de levar mais de un ano publicado e de tratar o mesmo tema do que el se ocupaba, parece que non me leu. Eu si o lin a el, este seu traballo actual e os outros que ten publicado sobre toponimia galega en xeral e sobre A Estrada en particular. E, por suposto, como é norma e obrigación, cando utilicei algunha das súas achegas, fixen as oportunas referencias na miña listaxe bibliográfica.
En fin, non somos todos iguais. Estamos as pequenas e están os grandes. Mais os grandes ás veces pecan de altiveza e inmodestia. Eu, pequena e todo, síntome moi satisfeita do meu traballo e da boa acollida que tivo tanto na Estrada como en todas as parroquias onde se presentou.