O acto terá lugar o no Museo da Madeira e Móbel (Mome) ás 20:30 horas e xunto coa autora estarán a profesora Susana Aríns e a profesora e xornalista Chus Nogueira, ambas as dúas tamén poetas e escritoras.
Sobre este libro recollemos a análise de Fran P. Lorenzo: “Este libro nace da tensión entre o doméstico e o salvaxe. O tempo detense na formalina dos recordos e fai ecoar, nas celas da memoria, o misticismo indomábel de Emily Dickinson: «A morte –escribiu ela nunha carta– é inofensiva, coma unha abella, agás para aquelas que corren.» "O cuarto das abellas" é unha abellariza de palabras, unha estrutura pechada e inquietante na que Antía Otero esmelga o froito dunha poesía que é, no entanto, agre, sen almibres. Porque amarga é a verdade, o amor e todo aquilo que aquí doe pola súa certeza. A autora, entre un enxame de obreiras, adéntrase cautelosa na linguaxe e comparte connosco o seu fermoso acto de risco, o perigo-mel duns versos que, coma o veleno das abellas, proen e sandan á vez”.