As lendas de mouros e mouras adobían a paisaxe natural e arqueolóxica de Cerdedo, erixíndose en mostreiros do patrimonio ameazado
Calros Solla
En Cerdedo, o censo da mourindade supera xa, con moito, o da cristiandade; non se desbota que nalgún comicio os sufraxios dos mouros –antano, minoría étnica– se tivesen contabilizado, como tamén se computaron os votos dos mortos. Neste punto, visto os anódinos resultados electorais, cabería a terceira das incógnitas existenciais: “cara a onde imos?”.
Por fiar con fundamento, o folclore de mouras e mouros vencéllase indefectibelmente en Cerdedo con lugares de interese arqueolóxico e paisaxístico, converténdose este adobio lendario –e outros– en fito mostreiro do espazo que prioritariamente cumpriría protexer. Ben podíamos inferir que mouras e mouros se erixen na nosa primeira liña de defensa contra, por exemplo, os desmandos do capitalismo eólico, taimadamente orquestrado dende as institucións, ou tamén contra as ansias destrutivas dos alcaldes que ponderan a súa xestión en función dos metros cúbicos derramados de piche e formigón.
A mouramia e a súa circunstancia asócianse de xeito inherente con sitios arqueolóxicos –catalogados ou non– (mámoas, petróglifos, castros...) e con formacións naturais de indiscutíbel atractivo (penedas casteleiras, rochas figurativas, frondes e avesedos, mananciais, palafurnas, piagos e mansíos...). Quen son –ou foron– os mouros?. Os mouros autoconfínanse no misterio ou foron vítimas da nosa cautelosa segregación?
Os mouros (por outros nomes ou acepcións: celtas, romanos, mouros (agarenos), franceses, carlistas, grañudos, xitanos, fuxidos...) representaban para o labrego tradicional a alteridade, a anomalía, a ameaza do alleo; tamén, a atracción do portento, malia que, adoito, a mouramia (machos e femias) opte por manifestarse desenvolvendo labores cotiáns. Píntansenos eles como arteiras criaturas do submundo –mormente, explotadores de ouro–, do que emerxen de cadora en cando para aparentar integración e propornos chopes aos seres humanos tomados de un en un. En Montes, oíuselles falar en galego con gheada. Por obra ou mediación das deidades cristiás, moita da poboación moura foi obrigada a fuxir lonxe, anque sen conculcar a súa esperanza de regreso. Sincretismo.
En paralelo, as mouras son temidas e espreitadas pola súa pecadenta desinhibición (espidas ou seminúas; cabelos loiros ou roibos, soltos ao caer do carrelo...); polos seus trazos físicos (belísimas, graúdas, pel branca, ollos claros...); por suxerirnos tratos ludibrios ou pesarosos; por preservaren tesouros, numes aos que lles encomendan a súa propia razón de ser. Normalmente, diríxenselle á paisanaxe en perfecto castelán.
Noutra orde, Pirocha, a Moura do Castro Grande e a Vella da Laxamoura (mitoloxía do monte do Seixo) son as tres naturezas da Moura, a Deusa Nai primixenia; deidade omnipotente: facedora dos megálitos, compostora de penoucas e fragueiros. A Moura presérvase no mutismo.
Froito da angueira esburgadora, identificáronse na parroquia de Cerdedo medio cento de localizacións que en por xunto configuran o que dou en chamar “o hábitat da mourindade”. Velaquí unha pequena mostra, obtida a por de preguntar:
Polo que atinxe á paisaxe arqueolóxica –arqueomítica–, os mouros buligan na estación petroglífica da Laxa do Almanaque (outeiro de Chamadoira), en cuxas bacías ou caldeiros empozados estes aprontan o aseo ou, polo enxoito, poñen o seu ouro a asollar. O costume de pór o ouro a delourar tamén o practican os mouros dos outeiros da Penadrosa (Abelaíndo) e mais as tríades coñecidas polas Vellas de Arxas (Carballás), bebedoras de viño; e as Vellas de Piúz (Meilide): Narcisa, Costancia e Esperanza.
Rebole a mouramia nos arredores do petróglifo da Fonte Mosqueira (Chamadoira), filón volframífero –o ouro negro– explotado noutrora tanto por mouros (hai quen os chama “romanos”) coma pola humana xente. Os nazis farían negocios cos mouros?
A serpe Bichoca –probábel avatar reptiliano da Moura– espreita a valigota do río do Seixo enrodelada na excrecencia do Outeiro da Bichoca (monte Costoa-Chamadoira), laxa profusamente picada de coviñas. No pozo Sangoento, a Bichoca incuba o tesouro (lamias e grade de ouro) que, “no tempo dos mouros”, veu a voltas pola costaneira de Reghaseis abaixo e afundiu no goio.
Así mesmo, a Moura-serpe maniféstase asubiadora no monte de Baixo (Limeres), entre mámoas e petróglifos –un deles, o nomeado Serpentiforme de Limeres–: a Moura atrae os homes, demandándolles un chucho esconxurador que a devolva muller fermosa tras redimila do encantamento.
A Laxa do Castro –pedra insculturada–, acceso secreto ao subterráneo do castro de Arén, é o Sésamo das galerías auríferas prospectadas polos mouros arencos (hai quen os chama “franceses”). Sóubolles do contrasinal un tal Rabelo, ciprianillo e cacheador do que máis nada se soubo. Os mouros foron expulsados do castro de Arén por mediación do arcanxo san Miguel: “Mouro, polo poder do teu ouro, fai ida de corvo!”. Enfrontando o camiño do desterro, a Moura do castro –arremedando o sultán Boabdil– virou a cabeza á altura das Maroutiñas, e laiándose exclamou: “Aí vos quedades, castriño de Arén, que tres minas ten: unha de ouro, outra de prata e outra de lume de alcatrén, que é a que gharda as outras tamén!”. Os mouros de Arén dedicáronse á minaría, porén, cando menos un deles, de barbas crechas e rubias, vestindo camisa de cadros de flanela, alindaba o gando miúdo nas ladeiras do castrelo. A croa do castro e o fóndón do pozo da Torre (río do Castro) –vaira da serpe Bichoca– comunícanse por túnel.
De cadora en cando, no Outeiro das Coenlleiras, pedreira na que se gravou o petróglifo de Carballás, déixanse ver un fato de mouros angueirosos (pais e fillos): tornan do seu armentío, cantaruxan, fían, tecen no tear, rachan leña, tallan figuriñas de pau coa navalla... (hai quen os chama “ghrañudos”). Ao parecer, un dos mouros prometeulle moita riqueza a un paisano se o curaba do flato. Posúen animais de estimación: “os cans dos mouros” –coñécense por ter os ollos goros.
Respecto ao desaparecido ou aínda ilocalizado gravado rupestre da Torre dos Mouros (“multitud de caracteres o signos que manos celtas sin duda deben haber gravado allí”; De la Riega, L.: El río Lérez, 1892), o petroglifo aquilataría a lenda da raíña moura dona Ghurina, señora da Torre dos Mouros: antano, relocente palacio de seixo; hogano, penas e laxotes arrichados en ambas marxes do Lérez, entre Cerdedo e Figueiroa. Os mouros da Torre dos Mouros foron expulsados a couces polo cabalo de san Santiago, que nas rochas amolegou as pisadas; mais, antes da héxira e por garantir o retorno, os vasalos de Ghurina arrombaron naqueles fraguizais –tamén no pozo do Pegho– os haberes en ouro arrincados do subsolo. Da mera de Ghurina desfrutou o xigante Testadunto, até que, esconxurado polos paisanos, marchou polo río abaixo, sumíndose na abra de Marín: “Xighante, polo poder do ouro mouresco, vai río abaixo cara ao mar xuntarte cos teus parentes e déixame feliz!”.
Polo que atangue á paisaxe natural, no alto Seixo, na peneda do Castro Grande, estrema de Cerdedo e Presqueiras (Santa Mariña), a Moura casadeira de louros guechos agarda polo namorado fidel que, amais de dar o talle e profesarlle amor, desestime o tesouro (peite, pulseiras e colares) que a dama garda no rocho pedroso. De o coitado elixir o vil metal, a Moura desenganada derrubará os callimbros abovedados sobre o falso pretendente, afectando o cataclismo a cinco leguas á redonda. Ao pé da rasteña do Castro Grande, un paisano de Presqueiras desenterrou un cofre acugulado de ouro. En Portugal trocouno por cartos, cos que fixo casa: “a casa construída co ouro dos mouros” (no lugar de Afonsín).
Na ladeira oeste do monte do Seixo péase o pedregal da Laxamoura, a pedra da fin do mundo. A Moura vella que nela habita tamén vela un tesouro. Para espulicarllo, debe esperarse a que o arco da vella cambe no ceo, pois lucir o contrasol e arroubar a Vella é dito feito. No pozo Fumeghas (río do Seixo) –a onde vai saciar a sede o arco do ceo–, boquea unha troita cumprida coñecida pola Vella.
Por riba das Veighas Vellas, no monte de Abelaíndo, ao pé do cadoiro da Fontiña Caidalto, faise tanxíbel o encanto das mozas trixemelgas: Ana, Mariana e Laureana; o mesmiño ca na fonte das Donas de Biduído. Disque xogas a vida se, de facerlles as beiras, aloumiñas máis a unha ca as outras.
No monte de Cavenca localízase o outeiriño nomeado O Cuarto de Aseo que, atravesado por un regacho de augas menciñeiras, relaciónase coa hixiene íntima dos mouros: “Coa augha do cu lavemos a cara para que Deus nos libre dunha mala fada”.
No camiño da Revolta a Cavenca ou viceversa, nas Lameiras, á umbría do carballón, deuse o caso da moura que, tras luxar os zapatiños novos no lodo dunha fochanca, rompeu a chorar sen consolo. Solícito, un mozo humildoso de Cavenca limpoulle o calzado coa pucha. A moura beiceuno cun destino farturento: “Noso Señor che dea moitos anos de vida, casiña onde pasala e millo pra mantela; vólvanseche as tellas ouro, as pedras, prata fina e de cada ghrau, faghas un real ao día”. Quen sabe se a moura das Lameiras non sería a mesmiña Rosalía de Castro.