Arrinca a II mostra de teatro escolar Olimpio Arca coas representacións das obras dos colexios de primaria. Aquí deixamos algunhas imaxes das súas interpretacións. Mañá xoves serán os centros de secundaria quen amosarán as súas obras ao público que se queira achegar ao Teatro Principal a partires das 18:30 h. O Concello de Cuntis entrega o I Premio de Investigación Olimpio Arca, coa dupla intención de conmemorar e de homenaxear a figura de quen foi unha personalidade sobranceira da cultura galega polas súas contribucións aos ámbitos da escola, a etnografía, a literatura, así como pola recuperación do Patrimonio; motivo polo que cómpre ser recordado como un exemplo polo seu compromiso coas causas da instrución e da cultura. Como cada cabodano do seu pasamento, a Asociación cultural “Vagalumes” quer lembrar o exemplo do prolífico investigador, escritor e dinamizador cultural Olimpio Arca Caldas nas súas múltiples facetas, amosando este ano especial atención ao seu labor de recuperador e difusor do entroido. II Mostra de Teatro Escolar Olimpio Arca CaldasQueremos tamén este ano dar continuidade á mostra de teatro escolar comezada o pasado ano, con representacións dos centros de ensino do noso concello. Será no Teatro Principal e con entrada libre e gratuíta. PRIMARIA : Mércores 22 de novembro ás 18:30h. • CEIP Cabada Vázquez de Codeseda : “O burro de Xan” • CEIP P. Viondi : “O galo e o raposo” • CEIP de Figueiroa : “Contemplando unha estrela” • CEIP O Foxo : “O libro dos porcos” SECUNDARIA : Xoves 23 de novembro ás 18:30h. • IES M. García Barros: “A min o que me gusta é o teatro” • IES nº I : “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas” • C.P.R. Nosa Sra. De Lourdes : “O mercador de Venecia” • IES Losada Diéguez : “As avelaíñas chamadas....” Olimpio Arca e o Entroido da UllaMesa redonda no auditorio do MOME sobre o entroido da Ulla e a participación de Olimpio Arca na súa difusión. Nesta mesa redonda que terá lugar o venres 24 ás 20:30h., proxectarase o video dunha entrevista inédita sobre este tema, feita a Olimpio pola ANPA do CEIP Manuel Villar Paramá de Vea. Sobre a presenza de Olimpio en Vea e o entroido nestas parroquias intervirá un dos principais dinamizadores desta actividade en Couso : Manuel Reices, e sobre o seu papel como mestre na recuperación do entroido no ensino intervirá o mestre Constantino Regueira, quen compartíu esta actividade con Olimpio Arca no colexio de Figueiroa. Ofrenda floral no terceiro cabodano do seu pasamentoE finalmente o sábado, 25 de novembro ás 12 da mañá no cemiterio da vila, farase unha ofrenda floral na súa lembranza.
Luis Alberto Silva Casas e Sara Troitiño Ovelleiro A torre-fortaleza do Castro de Terra de Montes foi mandada construír por Xelmírez, que viña a ser o primeiro señor da comarca. Esta foi levantada sobre unha antiga construción castrexa. Como sabemos, os castros en Galicia están situados en lugares altos e seguros. No caso que estamos a tratar, a torre, estaba situado nun alto, pero rodeada por dous ríos, o río Castro por un lado e o río de Presqueiras, o que creaba así unha forte protección en caso de asedio ou ataque. Sabemos que naquela época, Terra de Montes estaba rexido polo arcebispado de Santiago de Compostela, o cal, necesitaba contar con elementos para defender e manter o dominio sobre estas terras. Nesta fortaleza vivía o Xuíz-Meriño, que se encargaba da administración do patrimonio e solución de conflitos dentro dos seus dominios. Esta torre sufriu un incendio, despois do cal foi reconstruída, pero máis adiante os irmandiños, na súa loita dos campesiños contra o poder, destrúen esta, e moitas outras dende a súa saída de Pontevedra. Despois disto e ante as penosas condicións da fortaleza os xuíces meriños van vivir a Soutelo de Montes. Na actualidade conservamos un montón de pedras totalmente invadido pola maleza, á parte de que dentro da muralla se edifica a capela da Nosa Señora do Castro (ou tamén coñecida como capela da Virxe dos Remedios). Tamén sabemos que as pedras desta foron seguramente utilizadas para facer casas ou muros nesta zona. Neste lugar os veciños teñen o alcume de churruschaos, debido a que esta foi unha das familias que viviu nesta fortaleza. Unha veciña cóntanos que sempre se oíu que había uns pasadizos subterráneos, os cales daban acceso ao río. Tamén nos dixo que estes podían ser utilizados polos animais para beber, posto que para chegar ao río habería, doutra maneira, que baixar polo gran desnivel que presenta a montaña. A muller cóntanos ademais unha lenda: debaixo do cruceiro foi gardado ouro, aínda que este cruceiro foi movido ante a chegada de cabalerías á zona. Anos máis tarde búscase este ouro e o único que foron capaces de topar foi unha estraña borralla, a cal utilizaron para fertilizar as leiras, sen saber que este era o ouro que os mouros moeran. A Torre do Castro de Montes foi destruída, pero isto non quere dicir que non quede nada dela. Parte das súas funcións foron desempeñadas, trala súa destrución, pola Torre da Alarma (de Barciela). Seguro que logo de ver esta torre moitas veces ninguén se deu conta de que esta non sempre estivo colocada no mesmo sitio no que se atopa agora. A 5 quilómetros de Presqueiras topámonos coa igrexa de Castrelo, que está situada na Barciela. Ao lado disto álzase unha torre de 10 metros de alto, a cal esta dividida en tres corpos. No primeiro, subindo pola escalinata que bordea a torre chegamos a un arco cego. Dende aquí outra escalinata sobe ata o segundo corpo onde vemos un lugar utilizado para facer lume. E xa chegados ao último corpo vemos o lugar onde probablemente estivese colocada unha campá. Esta torre pasou para esta nova ubicación, logo de que os Irmandiños destruísen a fortaleza, e de que os xuíces-meriños se trasladaran a vivir a Soutelo de Montes. Esta tiña unha función moi simple pero á vez moi útil. Empregouse para avisar aos veciños dos invasores franceses, cando Napoleón entrou en Galicia, e tamén de actos destrutivos cometidos na zona durante as guerras Carlistas. Antes disto todo, a torre tiña unha función distinta, é era a de avisar aos veciños dos actos de culto e as xuntas de montes que se levaban a cabo na zona. Isto todo ocorreu antes da construción do templo parroquial de Castrelo. Na actualidade dita torre segue en pé, aínda que o estado de conservación non sexa moi bo. Este monumento estase descoidando e está a crecer unha capa de matogueiras bastante grandes ao seu redor. E son cousas como estas as que fan que nos demos conta do estado no que se atopa o patrimonio da nosa terra. Este tan só é un exemplo máis doutro monumento cunha gran importancia para a historia deste concello, o cal está a quedar no completo abandono. Dende aquí facemos unha chamada a que todas as persoas se empecen a preocupar por conservar os bens culturais que forman a nosa memoria histórica. *Este artigo, está baixo os dereitos de autor da páxina ©Ventoxo Imaxes, para a súa modificación ou uso, é necesario o permiso explicito dos seus autores. Para máis información sobre o artigo contacte con nós en: [email protected]
|
Colaboracións
Todos
Un proxecto de:Estamos en:Histórico
Agosto 2024
Tabeiros Montes (Portal cultural de Tabeirós-Terra de Montes) de Asociación Cultural "Vagalumes" e Asociación Cultural e Ecoloxista "Verbo Xido" ten unha licenza Creative Commons Recoñecemento-Non comercial 4.0 Internacional. Con base nunha obra dispoñíbel en http://www.tabeirosmontes.com/. Os permisos alén do foco desta licenza pódense atopar en http://www.tabeirosmontes.com/colabora.html. |