A muller na Terra de Montes
Unha ollada de conxunto pola Terra de Montes, pon de manifesto a presenza maioritaria das mulleres en escearios tan diferentes como a vida familiar, o traballo da terra, o coidado do gando e os labores da casa e da facenda, así como nas festas, casamentos ou actos que teñen que ver coa relixiosidade popular. A explicación posiblemente estea nun feito que caracteriza fondamente á bisbarra: a emigración, que levou a boa parte dos homes a traballar como canteiros e albaneis quer pola outra banda do Atlántico, quer, a partir dos anos 60 do século XX, por diversos países europeos. Tamén percorreron os “arghinas” da Terra de Montes a xeografía hispana, ocupados en todo tipo de obras públicas ou restauracións monumentais, nunha migración temporeira e peculiar que comezaba tan pronto finalizaba o inverno, para voltar aos seus lugares de orixe polo Nadal.
Deste xeito, a muller tivo un papel sobranceiro nos traballos e nos días dos tempos idos e isto vaise reflectir nas fotografías que temos entre mans: retratos familiares exclusivamente de mulleres ou delas cos seus fillos, elaborados a xeito de postal, se cadra para enviar aos membros masculinos da “casa” que estaban fora; grupos femininos nos traballos do campo; mozas levando airosamente a imaxe da Virxe na procesión do lugar,....
Mais as instantáneas dan testemuño, igualmente, de tránsitos diversos onde a sociedade tradicional vaise aos poucos esfarelando e dando paso a unha modernidade, onde a muller ten acceso a determinadas facetas ou comportamentos que, noutrora, foron de exclusividade masculina, eis a liberdade para fumar nun convite, usar mini saia ou pantalóns ou adoptar posturas desinhibidas nas festas. Descubrir o devandito nestas humildes fotografías familiares gardadas con devoción ao longo dos anos, é tamén descubrir a intrahistoria, a historia pequena, destas terras e das nosas xentes.