Proxecto Maxcarun de coñecer e amar o noso medio natural
Yolanda Paz Carlos Marcos Caruncho Núñez (Ferrol 8/12/1967 – A Estrada 10/07/2015). “Nacín nun pobo onde a xente fai barcos” era a frase coa que se autodefinía. Esta afirmación é moito máis do que unha realidade obxectiva: facer un barco entre moita xente implica seriedade, tesón, e traballo cóbado con cóbado. Esas eran as liñas mestras do noso amigo Marcos.
As súas paixóns, todas entrelazadas co fío da vida, mantíñao sempre en continua procura de información. Amaba o cosmos, os seus marabillosos planetas e estrelas a nosa Terra de fantástica flora fauna... Foi traballador incansable do audiovisual, cazador de imaxes e recolledor de sons. O seu grande defecto, ou virtude quen sabe, era non ter a mentalidade de “vendedor” a conta da cal sacar beneficio económico da súa inxente base de datos. Quen lle sobrevivimos, temos agora por diante unha tarefa colosal, que nos desborda polo feito de non poder facer a boa montaxe que tería realizado el. Marcos Caruncho era unha apaixonado da divulgación científica e un namorado da vida en todas as súas expresións. A súa temperá morte deixounos sen a súa enerxía e activismo constante, mais quixéramos manter a chama das súas inquedanzas a través da nosa web na que iremos progresivamente subindo o seu arquivo gráfico para poñer a dispor público e que poida servir para mellor coñecer e valorar o noso medio natural. As súas fotografía e vídeos van ir colocándose para que poidan ser vistas e usadas para mellor valorar a diversidade da vida da nosa Terra. Estas imaxes poden ser baixadas para uso non comercial sen máis requisito que indicar a súa autoría. O arquivo de Marcos Caruncho quedounos sen que el tivese ocasión de organizalo e etiquetalo. Tamén de filtralo, editalo e depuralo daquelas imaxes que puidesen ser descartadas. En calquera caso, será o usuario quen decida escollelas ou desbotalas ao seu criterio. O que imos topar aquí é milleiros de vídeos e fotografías que nos achegan a súa mirada ao noso medio natural, as especies animais e vexetais que comparten con nós o noso planeta, concretamente na Galiza e especificamente na comarca de Tabeirós-Terra de Montes, nos seus rios e nos seus montes. As aves serán quen ocupa o espazo máis relevante, como así preocupou tamén especialmente a Marcos. |
Maxcarun
Carlos Marcos Caruncho Núñez (Ferrol 8/12/1967 – A Estrada 10/07/2015). Fotógrafo e realizador de documentais de divulgación científica.